O pasado martes boa parte dos contidos do programa semanal La Voz en Espiral, dirixido por Suso Díaz e MariPaz Paz e emitido desde Radio Fórum de Mérida, centrouse nun achegamento panorámico á obra de Miguel Anxo Fernán Vello ao fío da súa edición bilingüe do Territorio da desaparición. Deixo aquí, para quen lle interese, a ligazón do podcast desta entrega.
O malfadado signo dos tempos. Unha das derradeiras librarías históricas portuguesas, a Livraria Portugal, en pleno Chiado lisboeta, pecha as súas portas o vindeiro vinte e nove deste mes de febreiro. Non só supón a desaparición dun negocio pois é algo máis, como di un dos entrevistados neste vídeo de Público: «é a morte de um bocado da cultura de Portugal». A crise, as grandes superficies comerciais e as dificultades para modernizar a empresa van privar de vez a tantos lisboetas e amantes dos libros en xeral deste lugar de referencia para o libro en Portugal. Para quen se formou durante un pequeno período de tempo, como tantos colegas galegos e doutras partes do mundo, naquela Universidade Nova da Lisboa de finais oitenta, este peche supón outra perda lamentable.
Transición (limiar de María Lado)
Franouren, Ourense, 103 páxinas + cedé, 19 €
Leo os poemas de Fran Alonso, e escoito o cedé no que o escritor vigués e mais María Lado recitan algúns deles e, será unha asociación fortuíta, penso no que ten que ver Transición con aqueles versos que a poeta polaca Szymborska, hai pouco falecida, subscribiu en “As tres palabras máis estrañas”: “Cando pronuncio a palabra Futuro, / a primeira sílaba pertence xa ao pasado.// Cando pronuncio a palabra Silencio, // destrúoo. // Cando pronuncio a palabra Nada, // creo algo que non cabe en ningunha non-existencia”. Talvez non teñan nada que ver pero gústame pensar que, se cadra, a asociación se alicerza no feito de que Transición supón é algo vivo, activo, que incorpora unha dinámica en movemento que vai desde o seu asentamento nos pasos dunha traxectoria –nestas páxinas, que esnaquizan as fronteiras xenéricas, hai moito de Cidades, Ninguén, Males de cabeza, Silencio ou Persianas, pedramol e outros nervios, entre outros- para camiñar cara ao futuro, que xa será outra cousa mais que sospeito manterá a mesma férrea vontade de expresar novas ou vellas cousas con idéntica paixón.
Se callar será porque o poemario de Fran Alonso implica unha crenza cega no poder da palabra para subverter o estado das cousas, artellando unha proposta desde a que a reinventa contra os seus usurpadores e a intransixencia; talvez porque acredita no poder que supón quebrar o silencio e rebelarse diante desa non-existencia, pois nela aínda cómpre facer algo máis, sen obviar nunca o propósito reivindicativo, experimental e mesmo lúdico da poesía.
Transición pode lerse, e oírse, de moitas maneiras; unha delas é seguir o fío das inequívocas secuencias narrativas que pairan en moitos poemas -sobre todo no poemario “Balada solitaria”, incorporado neste libro logo de ver unha edición exenta en Portugal hai algúns anos-. Mais, sexa como for, estes versos son varios, plurais e preséntanse como un traballo heterodoxo que recolle poemas dispersos que van diseccionando, como non podía ser doutro xeito nese macrotexto que Fran Alonso constrúe desde hai máis de vinte anos, grandes asuntos como son a vivencia da soidade na sociedade contemporánea, mais tamén a incomunicación, a violencia de xénero, a memoria ou os espazos, como ese antolóxico “Abismo Vigo”, sen deixar de ollar, nesta colaxe poética, asuntos que son eco de vivencias máis íntimas e persoais.
No limiar a este libro, que incorpora magníficas fotos de Manuel G. Vicente, Renato Roque e Anxo Cabada, sinala María Lado que recomenda lelo “sempre con voz, pronuncialo en alto, porque é un poemario que pide saír pola boca”. Asegundo a aseveración: os versos esixen seren recitados para se transformar “transitivamente”, adoptando a fórmula desde a que, se cadra, se idearon para xerarse desde as instancias da reflexión, o pensamento e a lucidez e, así, proxectarse activamente no noso tempo. Proben.
Esta reseña publicouse baixo o título de <<Palabras: clorofila da vida>>, no suplemento <<Culturas>> de La Voz de Galicia, o 18 de febreiro de 2012.
Presentáronse onte os actos de carácter institucional destinados a conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Lamento a ausencia da AELG, institución que agrupa boa parte das persoas que traballan coa palabra en Galicia e da que formo parte orgullosamente. Velaquí algúns dos ecos que a nova suscitou en diversos medios:
Web Celso Emilio Ferreiro (sección Novas)