Poetízate. Antoloxía da poesía galega, de Fran Alonso

 

Fran Alonso

Poetízate. Antoloxía da poesía galega

Xerais, Vigo, 2011 (8ª ed.), 224 páxinas, 11 €

«A poesía non morde»  afirmaba Fran Alonso no limiar deste libro que viu a luz, orixinalmente, no ano 2006; e abofé que a aseveración foi ben afortunada porque crebou a sacralidade que semella ou semellaba dominar o xénero  e motivou un interese innegable  como amosan os seus case dez mil exemplares distribuídos, case dez mil libros habitando espazos que de seu nos sitúan nunha tradición singular pero que tamén serven para desvelar  descubertas contemporáneas. E como a poesía non é algo estantío nin inmutable, porque entre nós e día día hai máis voces e máis poetas, esta oitava edición actualiza os seus contidos e mellórase cunhas suxestivas palabras previas de Carlos Negro a carón de novos poetas non incluídos até o de agora como son Xoán Abeleira, Elvira Riveiro, Xerardo Quintiá, Berta Dávila, Dolores Tembrás, Rosalía Fernández Rial e David Rodríguez, alén doutras composicións que veñen de Antón Reixa, Ana Romaní, Carlos Negro ou María Lado.

Poetízate cumpriu un salientable papel nestes anos de percorrido como foi o de descubrir que había un xénero literario que non era cousa doutro tempo nin prato gorentado por xente un tanto estraña; serviu para revitalizar, coas necesarias doses de desenfado e desinhibición, o interese pola nosa poesía entre os lectores máis novos para o que se escolmaron poemas atractivos, reveladores e significativos… Por experiencia sei que, para un apreciable número de estudantes e de lectores en xeral, Fran Alonso converteu a súa proposta no primeiro encontro, en moitos casos fascinante, con Celso Emilio Ferreiro, con Rosalía, con Cabanillas ou Luz Pozo…, con Antón Lopo, Marta Dacosta, Antía Otero ou Xela Arias entre tantas outras voces. Beizón por contarmos cun libro coma este e longa andaina para esta nova edición: que siga a colleitar lectores e lectoras do futuro e mel nas filloas se son de poesía.

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crónica, Poesía, Reedición and tagged , , . Bookmark the permalink.

Unha Resposta a Poetízate. Antoloxía da poesía galega, de Fran Alonso

  1. Pingback: Crítica de Ramón Nicolás sobre «Poetízate», de Fran Alonso | Xerais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>