Vía secundaria
Xerais, Vigo, 2011, 104 páxinas, 16,15 €
“Hai xente que gusta da invernía, xente de seu escura, que vive agochada en cavorcos de soidade, que se protexe do mundo baixo terra, ou detrás dunha xanela por onde esvaran os regueiros da chuvia e apenas penetra unha físgoa da luz do día”. Este é un dos fragmentos que se atopa na primeira páxina de Vía secundaria, de An Alfaya e que, ao meu ver, substancia boa parte do eixe vertebrador desta entrega, isto é, o duns personaxes que alentan nunha atmosfera ofegante e opresiva, loitando contra si mesmos, debaténdose nos mares da soidade máis fera e cotiá; algo que, por outro lado, constitúe unha liña narrativa moi transitada e característica da autora viguesa.
An Alfaya soubo chegar aquí a un punto medio desexable derivado das esixencias dun xénero como é o da novela por entregas, isto é, adáptase con solvencia a un constrinximento espacial e mais a unha distribución capitular predeterminadas e é quen de imprimirlle un acaído ritmo argumental, que nalgúns treitos beirea o territorio da novela de investigación sen chegar a selo. Teño para min que este exercicio resulta aínda máis meritorio cando, tras a aparencia argumental da resolución dun delito, An Alfaya persegue ofrecer unha reflexión sobre outras realidades que agroman dos ámbitos particulares e privativos e se proxectan aos máis públicos, alicerzándose nun feixe de personaxes constituídos, coa crueza precisa e todas e cada unha das súas propias contradicións, por iso mesmo ben verosímiles.
Estes últimos, curiosamente enlazados por parellas e cuxos destinos están destinados a se cruzaren (Nora e Román, Anselmo e Obdulia, Hilario e Rosa…), singularízanse con solvencia e sométense a unha dinámica chea de preguntas. Todo isto nun momento clave das súas vidas cando xa non se ven as saídas, cando a covardía e o autoengano xa non se soportan, cando as eivas, mais tamén as expectativas depositadas no futuro, van quedando ao descuberto e os impulsan a unha perentoria fuxida cara adiante que persegue a reacción: que facer logo de cometer un delito?, cales son os límites das obrigas e os deberes do ser humano?, como enfrontar unha existencia cuberta de sombras?, de que xeito sobrevivir a diversos modelos de opresión?, como romper a cotidianeidade?… É esta, así pois, unha novela chea de preguntas que se tentan responder, nalgún caso obtendo moitas respostas que convidan, sen dúbida, á reflexión.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 13 de agosto de 2011, baixo o título de «Vítimas da soidade».
Con esta recensión esta bitácora collerá un descanso até a segunda quincena do mes de setembro. Grazas polas vosas visitas e até daquela.

Pingback: Crítica de Ramón Nicolás sobre a novela «Vía secundaria», de An Alfaya | Xerais
Pingback: Presentación en Vigo de “Vía secundaria” de An Alfaya | Xerais
Pingback: «Vía secundaria», de An Alfaya: que facer logo de cometer un delito. Anotación de Ramón Nicolás | Xerais