Ninguén
Xerais, Vigo, 2011, 200 páxinas, 16,50 €
Accedín hai ben pouco ao significado do termo inglés “hoax”, aplicado ás redes sociais e a internet, malia que viña sufrindo, como tantas outras persoas, a súa presenza sen saber cal era exactamente o seu nome. Ao cabo vin decatarme de que isto vén ser algo semellante a aquelas cadeas epistolares, que os nacidos nos anos sesenta viviamos nos tempos da nosa adolescencia e que cumpría non quebrar baixo a previsible chegada dunha sorte de ameaza de castigo divino en forma de torrenteira de desgrazas, individuais e familiares, o que advertía da obriga de facer circular aquelas cartas enigmáticas, cunha moeda de peseta no seu interior. Desde aquela ata hoxe, a esencia ou o espírito destes bulos asaltou e magmatizou, como non podía ser doutro xeito, a rede, e as redes sociais e os correos electrónicos en particular, inzando estes espazos de historias, regularmente dramáticas, que agora demandan axuda económica inmediata organizada a través de campañas dirixidas desde diversos intereses, regularmente escuros, e que son pasos previos que nos preparan para a recepción do correo lixo ou para que as lendas urbanas multipliquen exponencialmente a súa recepción.
Valla esta introdución para afirmar que Ninguén, o último libro de Fran Alonso, vertébrase, ou estrutúrase, a través dun mangado de historias de asunto cibernético que, neste caso, se converte tamén en contido substancial e serven para vehiculizar o universo temático que o escritor vigués condensa e que se pode cifrar nunha pregunta semellante a esta: u-los límites, u-las fronteiras, en aparencia visibles e tanxibles, entre o que é ficción e o que é realidade? E isto derívase xa non só deses capítulos “hoax” que martelean e orientan a atención do lector, senón e tamén nesoutro feixe de historias cotiás, imaxinativas e escritas por veces desde unha ollada comprensiva –véxase o para min revelador “Comunidade literaria”- que en ocasións vira cara á dimensión crítica e, case, corrosiva das realidades tanxibles do noso tempo.
Olladas que se abeiran, así pois, con naturalidade a ese ámbito no que Fran Alonso dirixiu a súa atención desde hai xa tempo, como testemuña tanto a novela curta Silencio coma os poemarios Persianas, pedramol e outros nervios e Balada solitaria. Unha e outros recalaban na reflexión sobre a vida e mais as relacións que mantiña o ser humano contemporáneo en comunidade, achegándose deste xeito ás barreiras que encarnaban tanto o individualismo como a soidade, revelando na ficción as palpables modificacións que aquí se viñan operando. O ciclo, seica, péchase con este volume que, por outro lado e convén non esquecelo, redimensiona en parte e confirma noutra os camiños da mestizaxe e contaminación xenérica, de desacralización do papel do propio escritor polos que o autor optou, alén de
asumir as posibilidades que ofrece o fragmentarismo para reparar así, como facelo doutro xeito, nunha realidade igualmente fragmentada.
Fran Alonso cumpriu hai pouco vinte anos de presenza continuada e ricaz no ámbito da creación literaria galega. Este libro testemuña, sen dúbida, que a súa voz non perdeu nin un chisco a frescura e orixinalidade que a caracterizaban hai dúas décadas. Ben ao contrario, gañou talvez en profundidade, reflexión e precisión. E estas son moi boas noticias.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 22 de outubro de 2011, baixo o título de «Anonimia e convivencia».

Pingback: Letras gallegas en Qué leer, nº 170. Entrevista con Fran Alonso: «En literatura no caben las certezas» | Caderno da crítica
Pingback: arquitectura narrativa de Ninguén | ferradura en tránsito
Pingback: Os límites entre ficción e realidade con protagonismo das redes sociais: Crítica de Ramón Nicolás sobre «Ninguén» de Fran Alonso | Xerais
Pingback: Falemos de lectura propón unha lectura fragmentada de «Ninguén», de Fran Alonso | Xerais