Presentación de Vía secundaria, de An Alfaya

O pasado venres 28 de outubro participei na libraría Librouro, xunto con Manuel Bragado e a autora, na presentación de Vía secundaria, premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia no 2010. Extracto aquí un pequeno fragmento da miña intervención:

 

    A novela sostíñase e sostense, loxicamente, por si mesma, e reafírmome hoxe no meu convencemento de que os personaxes de ficción, cheos de contradiccións, tamén como na propia vida, aos que Alfaya dera alento bulían nunha máis que verosímil atmosfera ofegante e opresiva; loitaban, como na realidade, contra eles mesmos; debatíanse nos mares da soidade, da tristeza, da incomunicación máis feraz e cotiá. Personaxes, talvez cumpra lembralo, enlazados acaidamente por parellas e cuxos destinos estaban destinados a se cruzaren: Nora e Román, Anselmo e Obdulia, Hilario e Rosa.                

     Reafirmeime, na miña relectura, no feito de que An Alfaya soubo como aplicar aquí esa virtude do punto medio aristotélico, ese mesotes  espellado tanto na amentada solvencia para se adaptar a un constrinximento espacial moi determinado como  no outorgamento dun ritmo acaído, que nalgúns treitos beirea o territorio da novela de investigación sen chegar a selo, o que entendo tamén como unha das grandes virtudes da proposta, ámbito no que, talvez estea de máis dicilo, Alfaya se move como peixe na auga.

         Mais por riba diso, tras  a aparencia argumental da previsible resolución dun delito, Alfaya xunta os fíos para artellar unha reflexión sobre outras realidades que, nacendo de ámbitos íntimos e privados, van gañando forza e chegan a se proxectar a dimensións de carácter máis global, porque son os personaxes quen vehiculizan unha enxurrada de preguntas formuladas nun momento clave das súas vidas cando xa non se ven as saídas e cando a covardía e o autoengano xa non se soportan, cando as eivas, mais tamén as  expectativas depositadas no futuro, van quedando ao descuberto e os impulsan a unha fuxida cara adiante que demanda unha reacción. A novela de Alfaya condúcenos a interrogarnos moitas cousas, como xa sinalei nunha ocasión anterior e que aquí reitero: que facer logo de cometer un delito?, cales son os límites das obrigas e os deberes do ser humano?, como enfrontar unha existencia cuberta de sombras?, de que xeito sobrevivir a diversos modelos de opresión?, como romper a cotidianeidade?… É esta, así pois, unha novela chea de preguntas que a autora convida a que nós mesmos respondamos, a que cando menos intentemos reflexionar sobre elas, o que non é pouco.

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Narrativa, Presentación and tagged , , , . Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>