Vigo. A explosión dos ´80. Víctor de las Heras

 

Víctor de las Heras

Vigo. A explosión dos ´80 (textos de Fernando Franco)

Xerais, Vigo, 2011, 248 páxinas, 36 €

Malia as obrigas non puiden resistir a tentación de devorcarme nesta amálgama de coidada edición, composta de fotografías e textos, mais tamén, non sei se a partes iguais, de memoria e saudade e que se titulada Vigo. A explosión dos ´80.

As fotografías de Víctor de las Heras,  algunhas tamén do seu irmán Miguel, a carón dos textos de Fernando Franco, posibilitan facermos unha viaxe visual por feitos, acontecementos e sentimentos que unha cidade como Vigo viviu nos anos oitenta. Case é un lugar común afirmar que Vigo foi, neses anos, unha mestura de efervescencia pola súa propia dinámica industrial e social, polas innumerables mobilizacións políticas e sociais que viviu, polo asentamento e mesmo proxección que unha cultura, fundamentalmente de xinea musical, tivo a cidade como eixo irradiador…, mais velaquí a proba pois estas páxinas permiten perfilar con acerto as liñas que deseñan o latexo cívico, industrial, cultural, deportivo  e político dun tempo que xa se foi, mais que proxecta as súas luces, as sombras mellor esquecelas, no noso tempo.

Non é difícil conxecturar que as lecturas que se poden facer deste emotivo e case cinematográfico volume serán diferentes e dependenderán de moitos factores. Se quen se achegue a el viviu nesta cidade nestes anos decátase como esa captación do instante prende na memoria e destapa imaxes e vivencias que, malia semellar esquecidas só estaban adormecidas, trasladándonos a un tempo moi fulgurante e intenso, que en clave optimista sería posible valoralo cun «qué marabilloso é poder contalo», malia o que xa quedou no camiño. Quen non o vivise en primeira persoa, por pura cronoloxía ou porque é doutra parte, sen dúbida atopará o retrato fotográfico doutros ángulos da cidade, outros perfís dos seus habitantes que ben axudan a explicar a idiosincrasia cívica viguesa, que existe coas súas singularidades.

Un libro, con todo, que non é só crónica local da «cidade e os días» dos oitenta, como diría Xosé Mª Álvarez Blázquez, senón que tamén é memoria e parte substancial do inequívoco motor industrial, talvez cultural e doutras tantas ordes, de Galicia. Convido a coñecelo coa seguridade de (re)descubrir unha cidade, de redescubrirse tamén nunha cidade. 

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Crónica, Fotografía and tagged , , , , . Bookmark the permalink.

Unha Resposta a Vigo. A explosión dos ´80. Víctor de las Heras

  1. Pingback: A emotividade da lembranza: Crítica de Ramón Nicolás sobre «Vigo, a explosión dos ’80», de Víctor de las Heras | Xerais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>