Palabras envelenadas (tradución de Ricardo Fernández Sabín)
Rodeira, 261 páxinas, 9,60 €
Malia o seu amplo currículo literario sabía de Maite Carranza pola tradución, á lingua galega, da famosa triloxía “A guerra das bruxas”, conformada por O clan da loba, A maldición de Odi e mais O deserto de xeo, que constituíu e constitúe unha moi exitosa serie novelesca artellada arredor dos conceptos de iniciación e aprendizaxe, orientada cara ao mundo da muller e a bruxaría, desvelando aí as orixes da existencia das bruxas, as persecucións ás que foron sometidas e o rol social que desempeñaron no seu tempo.
Sorprendeume relativamente este Palabras envelenadas, que foi premio Edebé de Literatura Xuvenil do ano pasado, e non porque signifique unha mudanza radical de escenario por outro contemporáneo senón porque nel volve confiar na importancia que encerra a articulación duns personaxes sólidos, volve amosar a característica fluidez no rexistro narrativo polo que opta e, ademais, privilexia unha ollada a asuntos de intenso calado social.
A autora aborda, así pois, unha temática de xinea realista enfrontándose a un asunto certamente delicado e pouco transitado literariamente como é o referido ao maltratamento e aos abusos sexuais infantís; e faino abeirándose a unha estrutura que resulta acaída e atractiva para o propósito como é o de artellar unha sorte de thriller na que salienta o desenvolvemento dunha trama policial e, se se quer, case psicolóxica. Palabras envelenadas desenvólvese ao longo de un día e alicérzase na sucesión ordenada de diversas perspectivas operativas para soster o suspense, establecendo así un xogo de sospeitas vertebradas a través de catro voces na que salienta a da protagonista, Bárbara Molina, unha rapaza moi nova secuestrada durante catro anos nunha sorte de adega-zulo e que vai ofrecendo unha sorte de diario verdadeiramente estarrecedor arredor da súa experiencia. A esta visión úneselle a da súa nai, Nuria Solís, unha muller esmagada polas presións ás que a somete o seu propio marido e que na desesperación chega a dar por morta á súa filla; completan as pezas deste quebracabezas as reflexións fornecidas por unha amiga de Bárbara e as que facilita un policía que procura a resolución dun caso no que se implicou máis alá do profesionalmente conveniente.
O dramático e intenso argumento, así exposto, lembra a casos reais acontecidos entre nós non hai moito tempo e de intenso impacto mediático como foron tanto o de Natasha Kampush, unha nena austríaca cativa ao longo de máis de oito anos como o de Elisabeth Fritzl, a quen seu pai pechou nunha adega case vinte e cinco anos. Mais o relevante nel é a intención de visibilizar as vítimas destes maltratamentos e fornecer unha reflexión sobre a vulnerabilidade á que pode estar sometida a xente máis nova.
Conclúo co que, ao meu parecer, é un mérito: o retrato do drama social non está revestido nin de falsa moralidade nin de sensacionalismo, senón dun diáfano devezo de denuncia, sen truculencias de ningún tipo. Estas Palabras envelenadas conforman unha máis que digna achega narrativa, tan atractiva e suxestiva para a mocidade como para outros lectores.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/u9VkpQs0xzQ" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Este texto, baixo o título de «Ficción a rentes da realidade» publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, 0 9 de novembro de 2011. Por esta obra a autora catalá conseguiu, un día antes, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2001, do Ministerio de Cultura, no que participei como representante da OEPLI e de Gálix. As miñas grazas a estas dúas institucións.
