Cando chove (tradución de G. Tolentino)
Faktoría K de Libros, Pontevedra, 2011, 36 páxinas, 13 €
Agora que chove decidín botarlle unha olladela curiosa a este álbum infantil e teño que dicir que me sorprendeu pola súa frescura -e non unha afirmación retranqueira-, por certa ironía que exhibe e mais e pola capacidade imaxinativa que encerra. Cando chove é, así pois, unha proposta gráfico-literaria de Leire Salaberria (Andoain, Guipúscoa, 1983), licenciada na Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco e na actualidade dedicada profesionalmente á ilustración, que baixo o título de Euria ari duenean foi galardoada nun concurso que bo sería imitar aquí como é a V Bolsa Etxepare ao mellor proxecto para a creación dun álbum ilustrado en éuscaro.
O álbum, ao meu ver, envolve e cativa a quen se achegue a el tanto pola capacidade fabuladora que emerxe dunha realidade máis ou menos cotiá tal é a chuvia como polo contaxio optimista que irradia esa voz feminina, esa nena que realiza un percorrido intelixente e enxeñoso non só polos espazos físicos -domésticos ou naturais, de interiores ou abertos- senón tamén por esoutros espazos emocionais polos que a chuvia pode discorrer provocando desemellantes estados de ánimo. Todo iso, xaora, operando cunha sutil graduación matices que o lectorado adulto non advirte, ou pode xa non advertir, mais que grazas a este traballo recupera. Parabéns polo premio, parabéns por este resultado final.

