Souben de Emili Teixidor ben serodiamente mais lembro unha interesante conferencia que ditou hai non moitos anos, Pilar Sampedro recordarao certeiramente, nuns encontros de Bibliotecas Escolares na cidade de Compostela. O seu discurso, certamente dominado por un ritmo pousón e reflexivo, mais tamén altamente informativo, discorreu por elementos que serpeaban por eidos autobiográficos mais tamén literarios. A súa morte testemuña esa case oceánica distancia que nos afasta da literatura que se fai tanto en Cataluña como en Euskadi, e á que chegamos agás moi contados casos a través de traducións casteláns.
Souben máis tarde que Teixidor lía con certa devoción autores galegos, nomeadamente a Celso Emilio Ferreiro, a quen por volta de mediados os anos setenta lle solicitara permiso para a incorporación do seu célebre poema «Teoría da arbre» ao seu libro Sempre en dic Pere, traducido ao castelán como No me llames Pedro. Deixo abaixo a sinatura e o agradecemento persoal que lle enviou a Celso Emilio. Que bo sería traducir algunha peza do autor ao galego!, fóra da meritoria Pan negro, por suposto.
