-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- A noite branca
- A sega
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Centenario Francisco Fernández del Riego
- Blog Costa do Solpor
- Blog de Agustín Fernández Paz
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
"Culturas" Agustín Fernández Paz Baldo Ramos Begoña Caamaño Biblos Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Entrevista Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Galaxia IES Valadares Kalandraka Laiovento La Voz de Galicia La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Luís Ferreiro Manuel Bragado Manuel Rivas Manuscrito manuscritos Marcos Calveiro María Reimóndez Miro Villar Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro Poesía Qué leer Rinoceronte Roberto Vidal Bolaño Rosalía de Castro Toxosoutos Trifolium TVG Valentín Paz Andrade video Xerais Xoán Carlos Domínguez Alberte Álvaro Cunqueiro Adianto editorial (2)
Adianto reseña (1)
Álbum ilustrado (49)
Antoloxía (1)
Apuntamento (1)
Arte (3)
Artigo (7)
Banda deseñada (5)
Biografía (16)
Blogue (9)
Booktrailer (1)
Catálogo expositivo (5)
Celso Emilio Ferreiro (164)
Cine (6)
Club de Lectura (5)
Convocatoria (31)
Crítica (23)
Crítica literaria (298)
Crónica (80)
crowdfunding (1)
Curso (3)
Día das Letras (40)
Divulgación (199)
Docencia (2)
Documental (4)
Edición (1)
Editorial (6)
Efeméride (23)
Ensaio (103)
Entrevistas (55)
Exposición (3)
Faladoiro (4)
Fotografía (7)
Gastronomía (2)
guión (1)
Historia (2)
Homenaxe (14)
Ilustración (2)
Inédito (1)
internet (4)
Lectura (5)
Libro ilustrado (6)
Libro lecer (3)
Lingua galega (1)
Literatura (21)
Literatura galega (36)
Literatura infantil (30)
Literatura xuvenil (17)
Manuscrito (113)
Música (15)
Narrativa (130)
Necrolóxica (1)
Noticia (24)
Noticia literaria (13)
Novela (15)
Novela gráfica (5)
Novidades editoriais (18)
Obituario (1)
Opinión (70)
Poesía (151)
Premio (48)
Presentación (27)
Programa radiofónico (13)
Promoción da lectura (4)
Recomendacións (1)
Recursos didácticos (8)
Reedición (2)
Relatos (7)
Reportaxe (1)
Revista (18)
Roberto Vidal Bolaño (2)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (6)
Teatro (12)
Televisión (6)
Textos (3)
Tradución (44)
Unidade didáctica dixital (1)
Valentín Paz Andrade (12)
Varios (31)
Vendas (2)
Video (76)
Video promocional (3)
Xornalismo (10)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Category Archives: Biografía
Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela
Valentín Paz Andrade. Vida e obra
Xerais, Vigo, 2012, 136 páxinas, 12 €
Miguel Anxo Fernán Vello, nunhas reflexións que precedían uns apuntamentos biográficos sobre Xosé Manuel Beiras e que subscribía nun libro-homenaxe publicado hai pouco tempo por Galaxia, subliñaba a validez dunhas palabras da escritora arxentina Graciela Scheines, que me parecen moi acaídas para este traballo que hoxe me ocupa e que definían a biografía como “un mapa que serve para orientar os pasos, para saber de onde vimos e cara a onde imos, para vermos simultaneamente o presente, o pasado e talvez o futuro [...], e todo isto de par das liñas de forza da historia, os obstáculos e as encrucilladas”. Reflexións todas elas, ao meu ver, pefectamente aplicables a esta rigorosa cartografía biográfica e literaria titulada Valentín Paz Andrade. Vida e obra, que Charo Portela acaba de publicar en Edicións Xerais de Galicia.
Nunha mesa redonda celebrada na cidade de Vigo en que participaron os máis dos biógrafos de Paz Andrade, a autora deste ensaio referíase á relevancia que lle outorgaba á consulta, entre outra moita documentación, do epistolario conservado de Valentín Paz-Andrade e o que esa “revelación” supuxo para a redacción deste traballo. Comparto con ela esta visión que lle concede unha importancia esencial a esta fonte singular de datos pois aí repousan boa parte das liñas principais de actuación e de pensamento de toda unha vida, sexa de quen for; aí se conservan, estantías e tan significativas, as palabras e as vivencias que rescatan un tempo e que, por suposto, en alguén como Portela que consultou e ordenou no seu día boa parte do epistolario do autor pontevedrés é un elemento distintivo que se advirte moi ás claras ao pouco de se internar por estas páxinas.
Portela opta, así pois, por seguir un esquema a través do que afonda, en primeiro lugar, nos socalcos máis estritamente biográficos que van das orixes pontevedresas até os derradeiros días, revisando con vagar, exhumando moitos datos e vivencias, interpretando e valorando a súa andaina persoal nos ámbitos vital, cultural, político e empresarial. A continuación pásase a analizar, con detemento, a obra literaria galega que vai desde o Pranto Matricial ou a Sementeira do vento até o seu célebre Castelao na luz e na sombra, sen esquecer prestarlle a atención precisa a outros estudos histórico-literarios menos coñecidos ou divulgados. Unha completa visión analítica sobre o seu relevante labor xornalístico, verbo do ensaio económico e daquel que se detivo nas posibilidades do sector pesqueiro desembocan nunhas atinadas reflexións arredor do epistolario conservado, engadindo finalmente unha ampla e útil bibliografía arredor do autor.
Na conclusión desta entrega ensaística Portela afirmaba que pretendeu explicar e amosar os fíos e as cordas dun trasmallo que era o dun home “que tentou sen acougo acadar o desenvolvemento da súa terra, tirar a Galicia da súa marxinación e que, tamén dende a utopía, traballou arreo tendo sempre a Galiza como tarefa”. Engadiría eu que, afortunadamente, misión cumprida e con creces.
Esta recensión publicouse baixo o título de «Memoria e actualidade de Paz Andrade» nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 28 de abril de 2012.
Biografía de Valentín Paz-Andrade e Antoloxía, por Xan Carballa
Biografía de Valentín Paz-Andrade
Galaxia, Vigo, 2012, 192 páxinas, 12 €
Valentín Paz-Andrade
Antoloxía (edición e limiar de Xan Carballa)
Galaxia, Vigo, 2012, 168 páxinas, 12 €
Devagar van chegando aos andeis das librarías os agardados e precisos libros que afondan nos diversos perfís biográficos e literarios que amosa unha personalidade como a de Valentín Paz-Andrade. Aos que, polo de agora, xa viron a luz da man de Tucho Calvo e mais Charo Portela, engádense arestora dous volumes editados por Galaxia, no seo da colección «Letras Galegas», dos que se responsabiliza o xornalista Xan Carballa.
O primeiro deles afonda na vertente biográfica de Paz-Andrade ofrecendo un resultado, ao meu ver, moi satisfactorio. Aplicando un criterio de carácter cronolóxico, o seu autor - que xa entrevistara no seu día ao propio Paz-Andrade- vai afondando con rigor nos momentos e actividades máis relevantes que constitúen a súa vida e que van desde as súas orixes e contorno familiar ata o protagonismo que gozou no desenvolvemento da política, da literatura ou do mundo empresarial e xornalístico do seu tempo, pois todos estes ámbitos magmatizarán o seu quefacer desde novo até os seus últimos días.
O traballo de Xan Carballa, exposto nun estilo fluído e sintético, non cae na haxiografía e sitúa sempre con efectividade o contexto en que Paz-Andrade se move. Ao meu ver, a solidez da entrega derívase do filtrado que realiza da gran cantidade de documentación coa que traballou e do axustado diálogo con outras achegas previas. Globalmente, talvez esta contribución se abeire, teño para min que á mantenta, a salientar o papel que o pontevedrés realizou nos ámbitos do xornalismo e da política, sen abandonar a relevancia do seu labor noutros ámbitos como o literario ou o empresarial. Penso que son especialmente atinadas as páxinas centradas en significar o labor que desenvolveu no xornal Galicia, como tamén resultan de elevado interese aquelas páxinas que recuperan cartas e artigos publicados por Paz-Andrade, en diversas épocas e de difícil acceso, pois transmiten de primeira man a opinión persoal deste sobre moitos asuntos, mesmo algúns espiñentos, como quen se achegue a estas páxinas poderá reparar. Algo semellante ocorre na análise da súa traxectoria política, incorporando moita información que provén de diversos epistolarios ou de conversas persoais de inestimable interese.
Finalmente, Xan Carballa responsabilízase doutro volume titulado Antoloxía, no que opera cun criterio máis sintético no que se refire ao achegamento biográfico contido nunhas páxinas preliminares nas que concentra o que entendo como o máis preciso para entrar no universo Paz-Andrade. A este estudo previo séguelle unha extensa escolma que recolle unha mostra daqueles asuntos máis significativos que foron ocupando a atención de Paz-Andrade e que van desde composicións poéticas dos seus tres libros publicados a poemas soltos e, no que á prosa se refire, incorpora textos publicados en diferentes soportes e circunstancias como son revistas, xornais ou mesmo discursos. Entre estes últimos permítome subliñar a intervención titulada «Os libros, columna vertebral dunha cultura», que se corresponde ao pregón lido por VPA na inauguración da Feira do Libro de Vigo, o 13 de xuño de 1983; del collo emprestadas catro liñas tan recomendables: «Falemos do que o libro representa como froito onde se combinan o pensamento, a sabedoría, a imaxinación, a información, a arte. Para min os libros considerados en conxunto, non son máis nin menos que a columna vertebral dunha cultura. Unha columna articulada e modelada pola lingua».
Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela Yáñez
Charo Portela Yáñez
Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía (ilustracións de Jaime Asensi)
Xerais, col. Merlín, Vigo, 2012, 104 páxinas, 9 €
Chegoume onte este ensaio e non puiden evitar a tentación de priorizar a súa lectura tanto polas expectativas depositadas neste traballo que sabía ía realizar Charo Portela como pola revisión biográfica de Paz Andrade, en clave sintética e divulgativa, que agardaba. E o certo é que non me defraudou en absoluto, tal e como sospeitaba dunha investigadora e ensaísta como Portela, que xa posuía unha traxectoria fecunda e solvente no ámbito das investigacións e exhumacións textuais vinculadas coa figura de VPA.
Tendo sempre presente que o este traballo concreto -agárdase outro estudo da súa autoría de maiores dimensións na mesma casa editora- está orientado cara a un lectorado fundamentalmente novo mais tamén cara a aquel que pouco ou nada coñece arredor da figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, coido que a autora chega a un acaído punto medio que redimensiona con xeito os diferentes focos de interese que unha biografía como a de VPA pode ofrecer, porque este libro é, sobre todo, un exercicio biográfico moi documentado e construído cun discurso expresivo efectivo e fluído que permite, ademais, asomarse a algunhas facetas do escritor pontevedrés que até o de agora resultaban pouco difundidas ou coñecidas.
O fío cronolóxico, así pois, que se emprega como criterio desta biografía é o que posibilita viaxar no tempo desde os primeiros anos de VPA ata o seu labor na chamada transición; desde a súa valoración e perspectivas respecto da lingua galega ata o seu traballo político; das vivencias experimentadas na guerra á súa relación con Castelao ou desde o seu traballo a prol da modernización da pesca galega a iniciativas proxectadas en traballos de corte literario ou creativo, avanzando sempre con soltura e apoiándose, cando é preciso, tanto na reprodución dun apreciable corpus fotográfico e documental, incluíndo neste último grupo fragmentos epistolares, poéticos, ensaísticos, xornalísticos ou doutra índole que serven para iluminar socalcos vitais e profesionais que revelan a intensidade dunha vida.
O libro de Charo Portela, acompañado das atractivas ilustracións de Jaime Asensi, deixa ás claras ese perfil integrador de VPA, que desenvolveu tarefas como avogado, político, empresario e literato dominado por un incuestionable compromiso co país como sinala a biógrafa. Ademais, é Portela quen se responsabiliza dunha equilibrada e representativa escolma textual do propio VPA recollendo textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de moita utilidade tanto no ámbito docente como noutros territorios que estean dominados pola curiosidade e o coñecemento.
Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González
Luís Soto. A xeira pola unidade galega
Xerais, Vigo, 2011, 240 páxinas, 18 €
Lin, hai xa algún tempo, e teño que dicir que con moito interese, o que se presentaba como un traballo biográfico arredor da figura de Luís Soto, personaxe que sempre me interesou desde aquel -xa histórico- libro de memorias que publicara Edicións Xerais nos tempos de Luís Mariño, se non estou errado. Por outro lado, nos últimos tempos, a figura de Luís Soto converteuse para min nunha referencia que sempre aparecía, tanto ao achegarme a Manuel Luís Acuña -con quen compartiu labores organizativos no seo da A.T.E.O. ourensá e, en xeral, no ámbito da docencia republicana sindicada- como a Celso Emilio Ferreiro, con quen mantivo lazos de intensa amizade e a quen os vinculou unha mutua colaboración política durante moitos anos. A forte personalidade de Soto e o seu intenso traballo a prol da nosa singularidade identitaria, vertebrado no desenvolvemento dunha intensísima actividade de carácter político, coido que quedan extraordinariamente reflectidos neste libro dun xove investigador que se manexa con solvencia nestes ámbitos da esculca e interpretación dunha figura que até hoxe resultaba dolorosamente desatendida pola investigación.
Velaquí, así pois, contida e case diría que esencializada, a memoria dunha vida de acción alicerzada na idea de compromiso político con Galicia, onde se devorca unha apreciable cantidade de información e documentación inédita que vai desde os primeiros días de Soto, pasando polas innúmeras actividades políticas na II República e na posguerra ata o seu pasamento. Socalcos biográficos entre os que salientan as iniciativas que protagonizou no seo do Consello de Galiza, no Padroado da Cultura Galega en México, na revista Vieiros ou nas fundacións de dúas institucións políticas como foron a UPG e o PGP.
Un anaco da nosa historia política e cultural arestora máis próximo mercé ao rigoroso traballo de Xurxo Martínez. Parabéns.
Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo
Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX
Biblos, Cesuras-A Coruña, 472 páxinas, 21,95 €
No ano 1988, poucos meses despois de que falecera Valentín Paz-Andrade, Tucho Calvo publicou un groso volume resultado de longas sesións de conversa que mantivera co intelectual e político pontevedrés. Era daquela, coma hoxe, un libro necesario pois permitía acceder a unha auténtica autobiografía, neste caso ordenada coas asisadas preguntas que formulaba o xornalista. Daquela, coma hoxe, eramos moitos os que descoñeciamos o papel fulcral que desempeñara en tantos eidos Paz-Andrade. Para quen isto subscribe, como para tantos outros lectores, foi este libro o que permitiu trazar con garantías as liñas esenciais do seu pensamento, as dimensións do seu labor literario, político e empresarial e os principais socalcos biográficos, algúns deles verdadeiros episodios novelescos que el mesmo protagonizou como son o ingreso no cárcere na ditadura de Primo de Rivera, o “pucheirazo” que o deixou sen acta de deputado en 1931, pero que lle salvou a vida, ou como sobreviviu a un atentado en Vigo un ano despois, entre outros moitos capítulos que van conformando a súa personalidade.
Pasados os anos é unha sorte contar agora cunha reedición daquel volume, especialmente escrupulosa e co particular saibo que o galego empregado por Paz-Andrade exhibía na primeira edición e que aquí, expurgado de grallas, aparece de novo transmitindo o sabor e as particularidades do seu propio idiolecto. Ademais, como edición corrixida, elimínanse algunhas grallas e datos erróneos ou imprecisións que apareceran daquela, a carón dun novo e interesante corpus fotográfico.
A redacción deste libro, no seu día, interrompérase na súa parte final debido ao falecemento de Paz-Andrade. Con todo, recupéranse agora, nunhas páxinas finais que constitúen o seu epílogo, unhas significativas declaracións que atinxen á valoración que fai o entrevistado do ocorrido no primeiros anos da democracia, extraordinariamente críticas coa situación daquel momento e con quen permitiron a desaparición do Partido Galeguista.
Estas e outras declaracións amosan o camiño da independencia de pensamento polo que transitou e o inequívoco afastamento, cando non claro rexeitamento, doutros proxectos políticos do post-franquismo.
A enerxía que transmite a fotografía da portada, que plasma visualmente a súa intervención no histórico xantar da Barxa, en xullo de 1930, cun Paz-Andrade en apaixonada actitude oratoria, é tamén fiel reflexo do pulo que depositou en todas e cada unha das tarefas que se propuxo. Este libro ben as transmite e por iso cómpre agradecer a súa renovada presenza: segue a ser insustituíble.
Esta recensión publicouse no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, baixo o título de «Memoria e conversa», o 26 de novembro de 2011.




