Category Archives: Crítica

Zeralda e o dragón, Agustín Fernández Paz e Fran Jaraba

Agustín Fernández Paz

Zeralda e o dragón (ilustracións de Fran Jaraba)

Galaxia, Vigo, 2012, 52 páxinas, 7,90 €

 

Descoñecía ata onte este Zeralda e o dragón,  acaído para un lectorado a partir dos oito anos, pero ben solvente para calquera idade. Nel, Fernández Paz, man a man co traballo plástico de Fran Jaraba, constrúe unha proposta que se inspira no universo dos relatos de xinea clásica, abeirado á temática do marabilloso (velaquí un  dragón que arrepía ás xentes dun territorio, diante do que Zeralda, a princesa de Moebia, actúa con afouteza para restituír a xustiza e a paz, mentres que o dragón, mercé á axuda dun bruxo chamado Ogomei, vai converterse nun mozo que pretende enganala)  e sempre fiel ao modelo arriba amentado como se espella na estrutura e nas fórmulas narrativas adoptadas.

            A carón de trazos moi comúns e sempre gorentosos da narrativa de Fernández Paz -axilidade narrativa,  creación dun universo no que a complicidade se gaña desde a primeira páxina, referencias a libros ou obxectos máxicos, como o denominado «Anel de luz»-, o anovador, talvez, xire neste caso arredor do tratamento que recibe a figura da heroína, caracterizada como «valente e de recursos inesgotables»: unha muller enxeñosa, en absoluto pasiva e que asume os retos de liberar á comunidade da que se sente parte sendo quen, ademais, de recompoñer a súa vida logo de ser traizoada, algo pouco común nos relatos marabillosos de xinea tradicional. Un texto, pois, pouco ortodoxo, subversivo en canto a asignación de roles e valioso polas innovacións e a dedicida ruptura con estereotipos que proxecta. Parabéns!

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica, Literatura infantil | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

As que rubimos montañas, VV.AA.

VV.AA.

As que rubimos montañas

Meubook-Implicadas, Vigo, 62 páxinas, 12 €

 

Unha acepción do termo rubir, aplicado ás persoas, defíneo como subir até un  lugar, valéndose das mans e das pernas. E, ao meu ver, a este As que rubimos montañas. Poetas etíopes e galegas acáelle esa dimensión semántica pois fai pensar nese exercicio esforzado para acadar un obxectivo, se cadra un cume que vai alén do xeográfico ou do tanxible para abordar outros propósitos, nesta ocasión fiados por unha evidente intención solidaria que conxuga visibilización, información e literatura, no ronsel doutro volume titulado Vanakkam. Benvidas aparecido hai algún tempo.

    Información e visibilización pois o volume prelúdiase brevemente cun feixe de reflexións que desvelan a súa intención e que, en parte, se alicerza na vontade de falar dun país como é Etiopía, afondando en realidades que se poden considerar, nun principio, tan distantes mais nalgúns aspectos tan parellas. Informativo e visibilización pois tamén Yemodish Bekele, presidenta da Asociación de Escritoras Etíope,  revela e sintetiza aquí as claves da longa historia da literatura etíope escrita até a actualidade.

      E logo engádese esoutra dimensión, a da palabra escrita, a da poesía, que irmanda a voz de poetas galegas de contrastada valía e ben coñecidas todas elas -como A. Otero, M. do Cebreiro, M. Lado, L. Aldao, E. Espinosa ou M. Reimóndez- a carón doutras das que, eu particularmente, nada sabía como M. Tefere, Y. Bekele ou Abebech Diriba- que sorprenden e conmoven polo seu discurso directo, contemporáneo, en ocasións estarrecedor e que se proxecta, mercé á excelente tradución dos seus textos -do ahmárico ao inglés por Y. Tesema, M. Kebede e R. Regssa  e do inglés ao galego por M. Reimóndez-, a quen lles queira abrir a porta. Bo sería non deixar pasar desapercibida a ocasión que se nos brinda para dar un paso adiante de inequívoca implicación solidaria, nestas mesmas datas e sempre.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica, Ensaio, Poesía | Coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , , | Leave a comment

Bicos de música, de Mamá Cabra

Mamá Cabra

Bicos de música (libro, cd, dvd)

Galaxia, Vigo, 2012, 28 páxinas, 22 €

 

Tras o éxito de ola, ola, la  e desoutra entrega titulada Xa me tardan estes Magos   Mamá Cabra, ese grupo musical centrado en ofrecer música para a xente máis nova e que vén desenvolvendo un exemplar labor para difundir e asentar a música na nosa lingua para esta franxa de idades e non só, ofrece, ao meu ver aínda superando propostas anteriores, un novo traballo baixo o título de Bicos de música, ilustrado por Kristina Sabaite.

     Cómpre saudar con satisfacción tanto esas dez cancións que se ofrecen, coas súas respectivas letras reproducidas no álbum ilustrado, coma o DVD que se engade nesta entrega no que participaron tanto a Televisión de Galicia como Pórtico Audiovisuales, onde se espellan os aconteceres do grupo ao longo dunha xornada enteira: un percorrido non exento de comicidade até que morre o día cando xa cómpre ir á procura dos  «bicos de música» para conciliar o sono. Será unha obriga, visto o visto, seguir o fío das actuacións en vivo do grupo de hoxe en diante.

       Recomendo, moi vivamente, este agasallo musical, visual e literario que é  Bicos de música, básico para este Nadal vindeiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Álbum ilustrado, Crítica, Música | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

María Fumaça

María Fumaça

Galaxia, Vigo, 24 páxinas,  22 €

 

Hai proxectos, neste casos editoriais, concretamente literarios e musicais, dos que cómpre sentirse orgullosos, engadiría que individual e mesmo colectivamente. Ao meu ver, esta é unha das ocasións acaídas para manifestalo pois este libro-disco-dvd é xa unha realidade que, non teño dúbida, deita ás mancheas enormes doses de optimismo, entusiasmo, orixinalidade e, mesmo, deposita na súa formulación un excepcional coidado estético que é de xustiza salientar.

      Mais, que é María Fumaça para quen non o coñeza? Un libro que, ilustrado por P. Pastor, consegue estenderse cara aos eidos da música e o audiovisual  mercé á colaboración  de artistas como Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina, Carlos Blanco, Ruí, a familia Domínguez Senlle e outras moitas persoas. Un libro-disco, abofé, mais talvez algo máis que iso pois ao obxectivo inicial de evidenciar que tamén a música reivindica a diferenza e contribúe a convivir e coñecer persoas con discapacidades ou con capacidades diferentes, xúntaselle moita paixón, moito agarimo e moito talento. Que a música, e a literatura tamén, une é unha verdade de pé banco: salta valados de idades e fronteiras e iso testemúñase ás claras en cada unha destas cancións. Ben merece que se fale deste María Fumaça  pois eu só lle vexo acertos. Parabéns polo proxecto.

PD. Grazas a Iolanda Veloso polas súas atinadas, e xustas, reflexións privadas ao fío desta anotación.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica, Divulgación, Libro lecer, Música | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

L[eopolda] F[erreiro]

VV.AA.

LF.

Fundación Celso Emilio Ferreiro, Lugo, 38 páxinas, edición facsímile non venal.

 

Hai algúns anos que a Fundación Celso Emilio Ferreiro decidiu optar por outras estratexias de actuación que non resultasen vinculadas exclusivamente con propostas de carácter editorial, ámbito polo que transitou ao comezo das súas actividades.  Con todo, este ano do centenario do nacemento do autor que lle dá nome á institución, ofrece unha primorosa edición facsímile, non venal: un empurrón máis a esta bóla de neve que foi, e está a ser,  o devandito centenario.

     Editado con sinxeleza, a xeito de cartafol, cun sinxelo “LF.” cruzado na súa cuberta, a publicación deixa en mans de quen lle interese un documento que non dubido en valorar como conmovedor e que esixe unha necesaria contextualización.

      Ben coñecido é o feito da transformación do mosteiro de San Salvador de Celanova nun cárcere para presos políticos desde o ano 1936, converténdose así nun espazo máis que acolleu as funestas consecuencias da guerra civil en Galicia. Un capítulo menos divulgado deste feito histórico, mais perfectamente testemuñable aínda hoxe entre as persoas de certa idade de Celanova, xira arredor  dun xesto que evidenciaba, no fondo, o desacordo con aquela realidade que impuxo o novo tempo. Naquelas duras circunstancias  un grupo de mulleres emprestaron axuda e colaboración, ao longo de moitos anos, aos presos do mosteiro. Axuda material en tempos de miseria (papel, roupa, alimentos…), no que calquera aceno solidario era considerado un acto de amor; axuda probablemente anímica, tan precisa para resistir como o propio respirar.

       É neste contexto onde se perfila unha muller, Leopolda Ferreiro que pon por diante o valor da solidariedade e interpreta a axuda persoal aos presos como unha necesidade vital, algo que lle agradeceu sempre o seu irmán Celso Emilio, naqueles anos en Asturias e subordinado dun tenente a quen o une tanto a amizade como a literatura. Un tenente do exército franquista que, precisamente, ten un irmán republicano ingresado no mosteiro como preso político: José Benito G. Buylla. A este último, mais tamén aos outros compañeiros, Leopolda dispensará durante anos unha continua atención, sendo fácil de conxecturar que se consideraba un tanto molesta para as autoridades do momento. Este esforzo cotián verase recompensado cun documento que entendo como único ou, cando menos, ben raro: os presos agasallan a Leopolda cun volume de carácter artesanal, feito por eles mesmos,  con ilustracións de Juan Nin e textos manuscritos de Acacio Bericua. O libro é sinxelo como é natural comprender mais revela na primeira páxina o sentimento de gratitude cara a Lepolda Ferreiro cunha cita bíblica que cómpre entender á luz daquela situación. A continuación engádese un soneto de Juan Manuel Vega Pico e o cartafol conclúe con outro poema de José Benito G. Buylla…, polo medio as sinaturas de 554 presos políticos e que falan por si mesmas, Aí céntrase tamén a carga emotiva deste material: persoas privadas de liberdade por acreditar nun ideal, algúns deles sen identificar aínda como se recolle nun apéndice da publicación. Nesas sinaturas gravita tamén a carga emotiva. O limiar anónimo da edición afirma que o obxectivo dela foi “rescatar os nomes e apelidos non identificados” coa confianza de tiralos do limbo do esquezo. Este “fardel aventureiro”, que se descubriu hai pouco nos fondos da Fundación, ha contribuír a isto, pero é tamén un conmovedor testemuño dos exercicios da solidariedade e da gratitude, algo do que hoxe estamos tan precisados.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 17 de novembro de 2012, baixo o título de «O agasallo dos presos».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Crítica, Historia | Coas etiquetas , , , , , , , , | Leave a comment