Category Archives: Crónica

Até sempre, Bs. Aires

Ezeiza agarda nunhas poucas horas. Tantas emocións xuntas nestes catro días son moi difíciles de asimilar, sobre todo as do día de onte -as visitas a unha garimeira Rosa Puente (filla do mecenas Manuel Puente) e ao Centro Galego, alén da presentación da tradución ao castelán da Estúrdiga materia de Luís G. Tosar na Feira do Libro- e irán remoendo en min durante moito tempo nesta longa viaxe de retorno. Levo na memoria momentos e vivencias que fan encoller o corazón e atesouro no fardel moito agarimo e novas amizades…, pouco máis se pode pedir!  Buenos Aires aprendeume moitas cousas, algunhas nunca sospeitadas e as máis delas imperecedoiras.

          Grazas pola acollida e até sempre.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crónica | 1 Comentario

Buenos Aires (onte, 2)

Se houbo algún intenso este foi o de onte: dous impactos fundamentalmente. O primeiro foi a visita ao colexio Santiago Apóstol de Buenos Aires: un centro de ensino no que a lingua galega se contempla e potencia entre a comunidade de descendentes de galegos mais tamén entre a poboación máis nova do barrio de Once, conformada por comerciantes de orixe coreana, que substituíron nun tempo non moi recuado á comunidade xudea. Pola miña parte, máis que difundir algúns aspectos de Celso Emilio Ferreiro entre un alumnado atentísimo emociona o feito de que este se exprese con naturalidade  e cunha perfección deslumbrante na nosa lingua, que pregunte sobre cuestións literarias e culturais nun galego cun fermoso acento porteño. Beizón para Carlos Brandeiro e Xoán Xesús, os dous profesores de lingua do centro por ese inestimable labor que levan a cabo.

     O seguinte impacto, directo á memoria e a tantas cousas, foi a visita ao Centro Galicia onde descubro un cadro restaurado de gran tamaño de Castelao: «A derradeira leición do mestre», situado nun espazo a carón de orixinais dos célebres debuxos de negros e mais algúns obxectos persoais do rianxeiro: a súa máquina de escribir entre eles. O cadro produce unha sensación que conmociona tanto polo seu tamaño coma polo feito de poder advertir, de preto, a intensidade da súa mensaxe. Tardarei en esquecer ese momento.

   Tampouco quero obviar o magnífico concerto dedicado aos poetas galegos no Teatro do Centro Galicia a cargo de María do Ceo e os seus virtuosos músicos -Filipe e Xosé- nin tampouco o encontro na Feira do Libro coa escritora arxentina Claudia Piñeiro, filla de galegos e un dos valores máis en alza desta literatura irmá.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crónica | Coas etiquetas , , , | 5 Comentarios

Buenos Aires, onte

Onte foi día de emocións acumuladas. Celso Emilio Ferreiro empregaba o termo de “ecumene” para se referir ao capital galego que atopaba nas comunidades galegas americanas. E algo de ecumenismo laico foi o que se cristalizou onte por aquí. O certo é que esperta a miña admiración a actividade  levada a cabo por grupos extraordinarios como o chamado Terzo da Fala. Nun encontro con algúns dos seus membros oín historias persoais cargadas de sentimento que van desde as que asentan as súas raíces nos exiliados da guerra civil ata aqueloutras nas que redescobren a dimensión que atesoura a lingua como elemento que avolve o interior dos  persoas e permite recuperar o que se perdeu ou esqueceu. Beizóns para o Terzo e polo labor que, con tan poucos medios, realizan!

       Non  menos intenso foi o acto celebrado nos locais da Federación de Asociaciones Gallegas en la República Argentina, depositario –aínda hoxe- da fe nos valores republicanos e progresistas. Gustoume o acto que presidiu Paco Lores, a quen me une unha compartida devoción por Lueiro Rey, e acompañounos no acto  Anxo Lorenzo como representante institucional e María do Ceo e os seus músicos que lembraron a Celso Emilio nunha actuación memorable.

     Hoxe correspóndeme un encontro con alumnado do colexio Apóstol  Santiago de Buenos Aires, para redescubrir a Celso Emilio, xa nun pouco.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Crónica | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Buenos Aires, máis sobre a Feira

Abondosas iniciativas, e algunhas delas ao meu ver posiblemente moi proveitosas, son as que percorren estes días de feira internacional do libro en Buenos Aires. O acto máis rechamante de onte foi o comezo do VII Festival Internacional de Poesía que conta coa presenza, entre outros, de Fernández Retamar, quen ben coñecemos en Galicia mercé a Pepe Cáccamo.

Outra iniciativa curiosa é a do concurso que premia «a túa foto na feira», a sección destinada ás novas tendencias ou estoutra que se denomina «o premio do lector«. Por outro lado, tanto o blogue da feira como o web son sensacionais pola súa actualización case constante.

Malia o dito, o máis impresionante resultan os centos de persoas visitando os pavillóns diariamente e, non se esqueza, a visita non é gratuíta.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crónica | Coas etiquetas , | 4 Comentarios

Buenos Aires, os libros e outras percepcións

Non cheguei onte a tempo para asistir a unha lectura maratoniana que se desenvolveu en La Rural, onde se acolle a impresionante Feria Internacional del Libro, sobre diversos espazos do mundo reflectidos na literatura e que levaron a cargo diversos personaxes, máis ou menos célebres, en Arxentina. Tamén lamentei non asistir á inauguración da feira a cargo do meu admirado Eduardo Galeano, mais quedan aínda un mundo de actividades nun lugar absolutamente máxico para o libro en xeral, onde tamén o libro galego conta cun recanto moi digno, onde atopei tamén a presenza de Celso Emilio e de Paz Andrade, man a man neste 2012, a carón do espazo de Kalandraka, nun stand compartido con outros selos editoriais como El zorro rojo, Iamiqué, Del eclipse, e Pequeño Editor.

     O certo é que esta é unha cidade absolutamente deslumbrante onde en calquera recanto se activa algún territorio inesperado do  noso adn. A presenza de Galicia é palpábel a cada paso: o banco Galicia, os murais e frescos de Seoane ou Colmeiro a cada paso e nos lugares máis insospeitados coma o das galerías Pacífico da avenida Florida así o testemuñan. Esta é unha cidade «linda» que, como dicía un taxista porteño mais retranqueiro coma nós, sobre todo linda para quen teña «plata y mucho tiempo». É xa tamén un asunto recorrente nas conversas o asunto da nacionalización, que aquí se denomina en xeral, do petróleo e mais do gas; as mensaxes que se atopan na rúa, as máis delas desde as instancias do goberno -moi simples, case infantís como «respecto», «amor», a carón doutras como «pensamento nacional», «soberanía»- contribúen a que este sexa un tema que enchoupa toda a vida política do país arestora, a carón dun culto personalista que chama poderosamente a atención.

     Onte celebrei o Día do Libro con tres achados que atopei nos fondos do Centro Galego  que se venden na propia feira. Descoñecía a publicación que recolle os galardoados nos II Xogos Florais que se celebraron aquí no 1968 e no que CEF foi un dos escollidos; non lembraba así mesmo unha mostra da prosa de Manuel María -O xornaleiro e sete testimuñas máis-, nin unha biografía de Carré sobre Manuel Curros Enríquez, que nunca tivera ocasión de ler.  Sen dúbida un Día do Libro, para min, extraordinario.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crónica | Coas etiquetas , , | Leave a comment