-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Category Archives: Día das Letras
Paz Andrade en La Voz en Espiral
Este pasado martes, 15 de maio, os amigos Suso Díaz e Maripaz Paz, desde Radio Fórum de Mérida e no seo do programa dedicado á poesía «La Voz en Espiral» centraron a última metade do programa, como era de regra, en Valentín Paz Andrade. Aí dialogamos, nesta ocasión en galego, sobre o seu perfil biográfico, leuse algún poema e mais falamos sobre ese libro acabado de aparecer, Poesía completa, da man de Xerais e do profesor Gregorio Ferreiro Fente, que redimensiona a faceta creativa do escritor do Lérez. Deixo aquí o programa para quen lle interese. Feliz, e reivindicativo, Día das Letras.
O país como tarefa literaria
Alén dos traballos de corte máis puramente biográfico, que os houbo, extraordinariamente documentados e moi precisos para divulgar a traxectoria vital de Paz Andrade, apareceron outras publicacións guiadas pola vontade de rescatar e pór ao día algúns títulos ou obras do escritor pontevedrés.
Entre os máis salientables cómpre se referir á reedición facsímile de Galicia como tarea que levou a cabo Edicións Xerais de Galicia: un volume hoxe inatopable na súa versión orixinal e que se publicara inicialmente polas Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires e que, nesta ocasión, chega acompañado dun completo estudo introdutorio do que se responsabiliza Ramón Villares. Galicia como tarea resultou, e resulta, operativo para cifrar con fortuna o obxectivo perseguido polo seu autor ao longo da súa vida pero, ademais disto, é considerado como un libro auroral do estudos socio-económicos galegos, un libro vixente para ollar o futuro con intelixencia, con dinamismo e esperanza.
POESÍA COMPLETA
A mesma casa editorial acolleu tamén outro volume que reformula ou redimensiona de vez a faceta poética de Paz Andrade coñecida ata agora. Refírome ao volume Poesía completa que, da man do profesor Gregorio Ferreiro Fente, é quen de ofrecer non só os tres libros poéticos que figuran na súa bibliografía senón unha inxente e realmente sorprendente obra lírica inédita e dispersa, entre a que se integran varios poemarios completos aos que se lle deu forma no período da Guerra Civil española como os titulados A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937) ou Cantos da aguia e do lobo (1937), alén de recuperar outros posteriores.
DIVULGACIÓN
Para concluír coas reedicións, neste caso de pezas creativas máis ou menos breves, e desde unha perspectiva que contempla unha finalidade divulgativa, cómpre non esquecer tanto a Biografía. Antoloxía (Xerais) que subscribe Charo Portela e na que incluíu, na súa parte conclusiva, un variado repertorio de textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de especial utilidade para que o lectorado máis novo tome contacto coa obra do escritor de Lérez. Neste mesmo sentido é preciso acrecentar a Antoloxía (Galaxia) da que se responsabilizou o xornalista Xan Carballa na que, alén dun sintético percorrido biográfico previo, engade unha extensa escolma que vai rescatando textos de diversos xéneros e que recalan nos asuntos que ocuparon a atención de Paz Andrade con máis intensidade, incorporando ademais algúns textos practicamente descoñecidos e outros de difícil acceso hoxe en día, articulados orixinariamente como discursos e ou colaboracións xornalísticas.
MEMORIA DE CASTELAO
A comezos dos anos oitenta do pasado século, Valentín Paz Andrade repara que para coñecer a traxectoria vital de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao só se podía acceder a algúns achegamentos de carácter parcial. Decatábase da existencia dunha eiva, a dos ensaios de carácter biográfico, aínda ben evidente hoxe agás algunhas excepcións. Deste xeito, beneficiándose do trato que mantivo con Castelao, mais tamén recadando datos e información, documentos e testemuños aquí e acolá, nun período sorprendentemente limitado que revela a súa intensa capacidade de traballo sendo xa octoxenario, logra dar cabo e publicar, en 1982, Castelao na luz e na sombra naquela exemplar colección que Isaac Díaz Pardo dirixía baixo o título de “Documentos para a historia contemporánea de Galicia”. Aquel libro reedítao agora a editorial Galaxia estreando a colección “Grandes biografías” cun limiar de Miguel Anxo Seixas Seoane. Unha obra monumental, case inaugural no eido das biografías de grandes personaxes galegos, na que o seu autor exhibe, por outro lado, unha inequívoca vontade estilística que harmoniza coa pulsión do biógrafo, do historiador e a do erudito, conseguindo un resultado admirable. Unha lectura, ou relectura, absolutamente imprescindible.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 12 de maio de 2012, baixo o título de «O país como tarefa literaria».
Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela
Valentín Paz Andrade. Vida e obra
Xerais, Vigo, 2012, 136 páxinas, 12 €
Miguel Anxo Fernán Vello, nunhas reflexións que precedían uns apuntamentos biográficos sobre Xosé Manuel Beiras e que subscribía nun libro-homenaxe publicado hai pouco tempo por Galaxia, subliñaba a validez dunhas palabras da escritora arxentina Graciela Scheines, que me parecen moi acaídas para este traballo que hoxe me ocupa e que definían a biografía como “un mapa que serve para orientar os pasos, para saber de onde vimos e cara a onde imos, para vermos simultaneamente o presente, o pasado e talvez o futuro [...], e todo isto de par das liñas de forza da historia, os obstáculos e as encrucilladas”. Reflexións todas elas, ao meu ver, pefectamente aplicables a esta rigorosa cartografía biográfica e literaria titulada Valentín Paz Andrade. Vida e obra, que Charo Portela acaba de publicar en Edicións Xerais de Galicia.
Nunha mesa redonda celebrada na cidade de Vigo en que participaron os máis dos biógrafos de Paz Andrade, a autora deste ensaio referíase á relevancia que lle outorgaba á consulta, entre outra moita documentación, do epistolario conservado de Valentín Paz-Andrade e o que esa “revelación” supuxo para a redacción deste traballo. Comparto con ela esta visión que lle concede unha importancia esencial a esta fonte singular de datos pois aí repousan boa parte das liñas principais de actuación e de pensamento de toda unha vida, sexa de quen for; aí se conservan, estantías e tan significativas, as palabras e as vivencias que rescatan un tempo e que, por suposto, en alguén como Portela que consultou e ordenou no seu día boa parte do epistolario do autor pontevedrés é un elemento distintivo que se advirte moi ás claras ao pouco de se internar por estas páxinas.
Portela opta, así pois, por seguir un esquema a través do que afonda, en primeiro lugar, nos socalcos máis estritamente biográficos que van das orixes pontevedresas até os derradeiros días, revisando con vagar, exhumando moitos datos e vivencias, interpretando e valorando a súa andaina persoal nos ámbitos vital, cultural, político e empresarial. A continuación pásase a analizar, con detemento, a obra literaria galega que vai desde o Pranto Matricial ou a Sementeira do vento até o seu célebre Castelao na luz e na sombra, sen esquecer prestarlle a atención precisa a outros estudos histórico-literarios menos coñecidos ou divulgados. Unha completa visión analítica sobre o seu relevante labor xornalístico, verbo do ensaio económico e daquel que se detivo nas posibilidades do sector pesqueiro desembocan nunhas atinadas reflexións arredor do epistolario conservado, engadindo finalmente unha ampla e útil bibliografía arredor do autor.
Na conclusión desta entrega ensaística Portela afirmaba que pretendeu explicar e amosar os fíos e as cordas dun trasmallo que era o dun home “que tentou sen acougo acadar o desenvolvemento da súa terra, tirar a Galicia da súa marxinación e que, tamén dende a utopía, traballou arreo tendo sempre a Galiza como tarefa”. Engadiría eu que, afortunadamente, misión cumprida e con creces.
Esta recensión publicouse baixo o título de «Memoria e actualidade de Paz Andrade» nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 28 de abril de 2012.
Biografía de Valentín Paz-Andrade e Antoloxía, por Xan Carballa
Biografía de Valentín Paz-Andrade
Galaxia, Vigo, 2012, 192 páxinas, 12 €
Valentín Paz-Andrade
Antoloxía (edición e limiar de Xan Carballa)
Galaxia, Vigo, 2012, 168 páxinas, 12 €
Devagar van chegando aos andeis das librarías os agardados e precisos libros que afondan nos diversos perfís biográficos e literarios que amosa unha personalidade como a de Valentín Paz-Andrade. Aos que, polo de agora, xa viron a luz da man de Tucho Calvo e mais Charo Portela, engádense arestora dous volumes editados por Galaxia, no seo da colección «Letras Galegas», dos que se responsabiliza o xornalista Xan Carballa.
O primeiro deles afonda na vertente biográfica de Paz-Andrade ofrecendo un resultado, ao meu ver, moi satisfactorio. Aplicando un criterio de carácter cronolóxico, o seu autor - que xa entrevistara no seu día ao propio Paz-Andrade- vai afondando con rigor nos momentos e actividades máis relevantes que constitúen a súa vida e que van desde as súas orixes e contorno familiar ata o protagonismo que gozou no desenvolvemento da política, da literatura ou do mundo empresarial e xornalístico do seu tempo, pois todos estes ámbitos magmatizarán o seu quefacer desde novo até os seus últimos días.
O traballo de Xan Carballa, exposto nun estilo fluído e sintético, non cae na haxiografía e sitúa sempre con efectividade o contexto en que Paz-Andrade se move. Ao meu ver, a solidez da entrega derívase do filtrado que realiza da gran cantidade de documentación coa que traballou e do axustado diálogo con outras achegas previas. Globalmente, talvez esta contribución se abeire, teño para min que á mantenta, a salientar o papel que o pontevedrés realizou nos ámbitos do xornalismo e da política, sen abandonar a relevancia do seu labor noutros ámbitos como o literario ou o empresarial. Penso que son especialmente atinadas as páxinas centradas en significar o labor que desenvolveu no xornal Galicia, como tamén resultan de elevado interese aquelas páxinas que recuperan cartas e artigos publicados por Paz-Andrade, en diversas épocas e de difícil acceso, pois transmiten de primeira man a opinión persoal deste sobre moitos asuntos, mesmo algúns espiñentos, como quen se achegue a estas páxinas poderá reparar. Algo semellante ocorre na análise da súa traxectoria política, incorporando moita información que provén de diversos epistolarios ou de conversas persoais de inestimable interese.
Finalmente, Xan Carballa responsabilízase doutro volume titulado Antoloxía, no que opera cun criterio máis sintético no que se refire ao achegamento biográfico contido nunhas páxinas preliminares nas que concentra o que entendo como o máis preciso para entrar no universo Paz-Andrade. A este estudo previo séguelle unha extensa escolma que recolle unha mostra daqueles asuntos máis significativos que foron ocupando a atención de Paz-Andrade e que van desde composicións poéticas dos seus tres libros publicados a poemas soltos e, no que á prosa se refire, incorpora textos publicados en diferentes soportes e circunstancias como son revistas, xornais ou mesmo discursos. Entre estes últimos permítome subliñar a intervención titulada «Os libros, columna vertebral dunha cultura», que se corresponde ao pregón lido por VPA na inauguración da Feira do Libro de Vigo, o 13 de xuño de 1983; del collo emprestadas catro liñas tan recomendables: «Falemos do que o libro representa como froito onde se combinan o pensamento, a sabedoría, a imaxinación, a información, a arte. Para min os libros considerados en conxunto, non son máis nin menos que a columna vertebral dunha cultura. Unha columna articulada e modelada pola lingua».



