Category Archives: Editorial

Kalandraka: quince anos

No seo dunha recente mesa redonda na que participei unha asistente interesábase pola nosa literatura máis recente e cuestionábanos sobre o que pensabamos  do incuestionable éxito dunha empresa como Kalandraka. Deixo escrito aquí o que me parece que respondín: traballo, traballo e mais traballo do grupo humano que conforma esta editorial, internacionalización do proxecto e aplicación de criterios rigorosos que procuran a excelencia do que, desde a cidade de Pontevedra, se da a coñecer polo mundo adiante. Lembrei isto ao fío de que hoxe Kalandraka está de aniversario. Vaian aquí os meus parabéns e que todas e todos poidamos seguir accedendo, moitos máis anos, a boas lecturas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Editorial | Coas etiquetas , | Leave a comment

Toxosoutos: 25 anos dando que ler

Toxosoutos está de aniversario. A editora noiesa cumpre vinte e cinco anos: unha longa andaina que quixen saudar, a pedimento do editor David G. Souto, con estas reflexións, reproducidas tamén no blog da editora bautizado cun título que tanto me gusta: Fírgoas.

O día 15 celebrouse na cidade de Vigo a Noite da Edición e, na rolda de recoñecementos programados, houbo un centrado nos 25 anos que cumpre o selo noiés Toxosoutos. Non puiden asistir a eses actos, e ben que o sinto pois gustaríame darlle os parabéns a David G. Couso como cabeza visible de Toxosoutos.
      A editora posúe unha traxectoria relevante no panorama da edición en lingua galega e, persoalmente, como lector e crítico literario, só podo agradecer, por unha banda,  a xenerosidade e a comprensión que a editorial amosou co meu traballo interpretativo e, pola outra, a achega que este selo veu realizando, e realiza, cara ao noso sistema literario. Esta advírtese, loxicamente, no catálogo vivo, diversificado e amplo que tras vinte e cinco anos ofrece e que exhibe unha aposta cada día máis xeneralista, pero que afonda na defensa e promoción de xéneros un tanto desatendidos ou de comercialización difícil como son a poesía, o ensaio ou o teatro.
        Toxosoutos, ademais, incorporou títulos que foron indiscutibles éxitos de crítica e lectorado, a carón doutros que non gozaron desa sorte mais que son precisos, sen dúbida, para axudar a soster ese edificio que son as letras galegas do noso tempo e que, entre todos e todas, construímos con ilusión e esforzo. Beizóns para Toxosoutos.
Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Editorial, Literatura galega | Coas etiquetas , | Leave a comment

Xan Arias: Son un editor vocacional

FUNDOU, HAI AGORA DEZ ANOS, UNHA EDITORIAL DE SONORO  NOME, TRIFOLIUM, QUE LOGROU FACERSE UN OCO NO PANORAMA DOS SELOS GALEGOS MÁIS SERIOS, ORIXINAIS E COIDADOS NO ESTÉTICO

Xan Arias naceu en Madrid pero radicouse en Galicia nos anos oitenta. Dedícase profesionalmente ao mundo da comunicación e a prensa, ademais de dirixir Trifolium. Foi tamén autor de diversos libros, entre os que destacan A encadernación (1995), A Coruña nos textos dous viaxeiros (2008) e Viaxeiros por Galicia (2011).

-Que o levou a embarcarse nesta aventura?
-A paixón artesá por esa nobre aventura que é facer dun texto un libro. Son un editor vocacional apaixonado pola súa vertente cultural, pero valorando en igual medida o aspecto artesanal do oficio. Non pretendo buscar nada novo nin orixinal, senón algo auténtico e perdurable. Como apunta Andrés Trapiello, un libro é sempre, como o universo, a harmoniosa conxunción de moitas órbitas.

-Cales son os sinais de identidade de Trifolium?
-A súa propia traxectoria, a consolidación do seu catálogo, a profesionalidade dos seus colaboradores e a boa acollida. Desenvolvemos unha liña coherente e identificable, combinando rigor e proximidade, publicando libros serios pero accesibles sobre temas que interesan a un lector culto non especializado e escritos por autores de primeira fila. Malia os criterios que hoxe caracterizan o mundo editorial, sometido como outros sectores á escorrentada do mercado e á vulgaridade do vulgo, unha editorial debe cimentarse nun proxecto humanístico de gran calado.

-Como lector, no seu catálogo sempre encontro sorpresas fascinantes. Cal é o proceso de busca de orixinais?
-Somos unha editorial de editor, procuramos un tema e encárgase a un autor. Así foi con gran parte do noso fondo, onde o encontro da intuición e a capacidade de execución deu bos resultados. Para outros textos, primamos o desexo que a obra suscita, unido ao interese polo autor. Podemos comprobar que todos os libros publicados están conectados entre si, dun xeito máis ou menos evidente ou secreto, pero indiscutible.

-Antonio Gamoneda publica no seu selo dous libros inéditos, e en galego, para esta celebración…
-Con certa ousadía brindámoslle a posibilidade de publicar en Trifolium, encontrándome cunha disposición pola súa banda inimaxinable. Ofreceu dous ensaios inéditos, coa particularidade de que quería que fosen publicados en galego antes que en calquera outro idioma. Certamente, a súa publicación supuxo a mellor celebración do aniversario.

 -Como editor, como ve o futuro da edición en galego?

-Os avatares da actual conxuntura política, cun apoio practicamente nulo á cultura, recrúanse ao ser unha lingua minoritaria cun mercado concreto. Os libros nunca se levaron ben co Poder; así, estratexicamente, reducíronse os fondos para as bibliotecas, o que compromete unha das infraestruturas de base da edición. Pero continuará a forza da imaxinación creativa, a vontade e a necesidade de crear con palabras modelos útiles para o mundo. En Galicia e fóra de Galicia. Manterei a ilusión sen facerme ilusións. Ou, como diría Borges, un debe seguir plantando o seu propio xardín, no canto de agardar a que alguén lle traia flores.

Esta entrevista viu a luz na revista Qué leer, nº 181. Ofrécese aquí a súa versión en lingua galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Editorial, Entrevistas | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

Arredor do mundo da edición

No blogue anatarambana literatura infantil, que subscribe Ana Garralón (sempre matinei que facía moita falta unha Historia portátil de la Literatura Infantil, Anaya, 2001, orientada a Galicia), atopo unha entrada moi suxestiva sobre o mundo da edición, problemas e perspectivas de futuro.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Editorial | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Fabulatorio, un novo selo editorial galego

Chego dun xeito un tanto casual a un novo selo editorial artellado baixo o nome de  Fabulatorio: un proxecto de desescribir, isto é, un estudo de deseño e arquitectura que se responsabilizou, entre os seus últimos traballos,  de idear e darlle corpo á identidade artística do cartel  <<Celso Emilio Ferreiro. Día das Letras Galegas 1989>>.

      Hai uns meses Fabulatorio púxose a andar cunha interesante filosofía que debería converterse nun dos seus sinais de identidade. Até o de agora as súas propostas aínda se limitan a un único libro publicado pero xa se apunta a necesaria continuidade; particularmente confío que vaian conseguindo abrirse un oco neste universo tan complexo. Sen dubidalo, deséxolles a maior das sortes aos seus responsables.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Editorial, Noticia | Coas etiquetas , , | Leave a comment