-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- A noite branca
- A sega
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Centenario Francisco Fernández del Riego
- Blog de Agustín Fernández Paz
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro "Culturas" Agustín Fernández Paz Baldo Ramos Biblos Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Entrevista Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia IES Valadares Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz de Galicia La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Luís Ferreiro Manuel Bragado Manuel Rivas Manuscrito manuscritos María Reimóndez Marcos Calveiro Miro Villar Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro Poesía Qué leer Roberto Vidal Bolaño Rosalía de Castro Toxosoutos Trifolium TVG Valentín Paz Andrade video Vigo Xerais Adianto editorial (2)
Adianto reseña (1)
Álbum ilustrado (47)
Antoloxía (1)
Apuntamento (1)
Arte (3)
Artigo (6)
Banda deseñada (4)
Biografía (16)
Blogue (9)
Booktrailer (1)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (164)
Cine (6)
Club de Lectura (3)
Convocatoria (31)
Crítica (23)
Crítica literaria (288)
Crónica (79)
crowdfunding (1)
Curso (3)
Día das Letras (40)
Divulgación (182)
Docencia (2)
Documental (4)
Editorial (5)
Efeméride (23)
Ensaio (99)
Entrevistas (51)
Exposición (2)
Faladoiro (4)
Fotografía (7)
Gastronomía (2)
guión (1)
Historia (2)
Homenaxe (13)
Ilustración (2)
Inédito (1)
internet (4)
Lectura (5)
Libro ilustrado (5)
Libro lecer (3)
Lingua galega (1)
Literatura (20)
Literatura galega (23)
Literatura infantil (27)
Literatura xuvenil (16)
Manuscrito (104)
Música (14)
Narrativa (127)
Necrolóxica (1)
Noticia (24)
Noticia literaria (13)
Novela (13)
Novela gráfica (5)
Novidades editoriais (14)
Obituario (1)
Opinión (67)
Poesía (145)
Premio (43)
Presentación (23)
Programa radiofónico (13)
Promoción da lectura (4)
Recomendacións (1)
Recursos didácticos (8)
Reedición (2)
Relatos (7)
Reportaxe (1)
Revista (18)
Roberto Vidal Bolaño (2)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (6)
Teatro (10)
Televisión (6)
Textos (3)
Tradución (42)
Unidade didáctica dixital (1)
Valentín Paz Andrade (12)
Varios (30)
Vendas (1)
Video (73)
Video promocional (3)
Xornalismo (9)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Category Archives: Ensaio
«E quen foi Roberto Vidal Bolaño?» (en Qué leer, nº 187, Letras galegas)
DE PRIMEIRAS, TRÁTASE DO DRAMATURGO (SANTIAGO, 1950-2002) A QUEN A REAL ACADEMIA GALEGA DECIDIU DEDICAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS DESTE MES DE MAIO
Roberto Vidal Bolaño, aínda que poida soar tópico, entregou a súa vida ao teatro galego. Esta foi a súa vocación e viviuna con tal intensidade que o seu legado constitúe un patrimonio colectivo que harmoniza a rica tradición teatral galega do século XIX coas diferentes sensibilidades da segunda parte do século XX ás que, dalgún modo, representa.
Desde os seus comezos, cando se lle encadrou na chamada «Xeración Abrente», ata os seus últimos días, durante os que nunca deixou de escribir nin de traballar, a súa produción teatral constitúe o corpus máis completo da historia da dramaturxia galega contemporánea. Salienta non soamente pola cantidade de obras publicadas e representadas senón polo seu indiscutible talento, pola calidade que atesouran esas achegas. Con todo, a súa vinculación co teatro non se limitou á creación de propostas textuais pois os estudos sobre a súa obra e traxectoria coinciden en sinalar o seu papel pioneiro no ámbito da produción audiovisual galega, ademais de recordar o seu labor como actor, director de escena ou guionista.
A decisión da Real Academia Galega é acertada, penso, por xusta e porque Vidal Bolaño merece ser lembrado e homenaxeado pola súa inestimable contribución á cultura galega e, específicamente, ao teatro galego. Esta declaración autobiográfica condensa, ao meu xuízo, a súa personalidade e os seus obxectivos creativos: «Son un home…, un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida manía de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e, non obstante, por iso máis grandiosas».
ESTUDOS E REEDICIÓNS
Máis ben escasa foi a contribución editorial neste «Ano Vidal Bolaño». Así e todo, hai que deixar constancia dunha madrugadora monografía a cargo do crítico teatral e xornalista Camilo Franco: Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño (Biblos), ademais dun completo estudo a cargo da profesora Laura Tato baixo o título de Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro (Toxosoutos) e da edición das Obras Completas do autor, no seo dun ambicioso proxecto do que se responsabiliza Edicións Positivas, no que viu xa a luz
o primeiro volume desta serie*. Non quero esquecer a posta en marcha da «Asociación RVB»: un colectivo que nace co obxectivo de promover a figura do autor compostelán e conformado, entre outras persoas, por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, X.M. Fernández Castro e Camilo Franco que xa puxeron un marcha unha interesante web (http://robertovidalbolano.org//).
Este artigo publicouse nas páxinas da revista Qué leer, nº 187 e na sección Letras Galegas. Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.
* Ao redactar esta colaboración non accedera aínda a outras achegas como as que se reflicten nun anterior apuntamento deste blogue.
Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, de Roberto Pascual
Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro
Xerais, Vigo, 136 páxinas, 10 €
A tres días da celebración do Día das Letras, como é ben sabido centrado na obra de Vidal Bolaño e mais na súa dimensión intelectual, o certo é que a habitual presenza de publicacións centradas na celebración viuse limitada, fóra da edición das Obras Completas a cargo de Edicións Positivas, ás achegas biográfico-literarias que subscribiron Camilo Franco, Laura Tato, Montse Pena e Gonzalo Veloso, Afonso Becerra (que aínda non tiven a oportunidade de ler mais respecto da que oín comentarios eloxiosos), alén de algún rescate textual e o presente Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, que chega da man de Roberto Pascual. O certo é que todas estas publicacións, que conflúen na exhibición dun espírito divulgativo, sempre resultan operativas para descubrir voces talentosas como, neste caso, a do responsable deste volume que xa der a coñecer hai algún tempo libros como Palabra e acción. A obra de Manuel Lourenzo no sistema teatral galego (2006), 25 anos. Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (2009) ou Alén. Xaime Quintanilla (2010).
Ao meu ver, cómpre destacar este estudo pois o autor amosa un discurso narrativo crítico e informativo, de carácter fluído e intelixible, ao que lle dá forma a través da análise concienciuda e documentada do percorrido de Vidal Bolaño tanto no que se refire aos aspectos biográficos como aos
estritamente literarios. Se brevemente tivese que salientar algunhas páxinas deste volume non esquecería as que se centran na presenza e actividades do autor de Rastros no seo da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; a análise cumprida e solvente tanto dos espectáculos dramatúrxicos nos que Vidal Bolaño participou como autor ou director, alén doutros aspectos como os que denomina «monólogos e o oficio de bufón», o labor que levou a cabo como escenógrafo ou mesmo o rol que desempeñou como crítico literario, nun diálogo, constante, con achegas que sobre o labor teatral ou outros asuntos deixaron por escrito algunhas voces especializadas ou, por escrito, o propio dramaturgo este ano homenaxeado. Ao tempo incorpórase, na parte final do libro e como interesante complemento, unha breve escolma textual e unha presentación diacrónica das obras teatrais de Roberto Vidal Bolaño.
Unha achega sintética, documentada e máis que satisfactoria verbo do universo Vidal Bolaño, imprescindible para saber máis sobre o dramaturgo e, por extensión, arredor das xustas razóns que levaron á RAG á decisión que adoptou para este maio das letras.
Taboleiro do libro galego (IX) (do 29 de abril ao 10 de maio)
Nesta última quincena advírtense algúns, pero talvez significativos, cambios. No que se refire á narrativa entra con forza a novela de Manuel Portas, Faneca Brava, e establécese un empate no segundo posto, entre a novela Infiltrados, de A. Eyré e mais a recuperación de prosas cunqueirianas contida en Ese mundo que teño de meu. Reactívanse Os fillos do mar de Pedro Feijoo e mais multipremiada Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, manténdose aínda na listaxe En vías de extinción, de María Reimóndez.
En poesía retornan X. Daniel Costas Currás e mais Miro Villar aos primeiros postos, xunto co Cantares rosaliano en edición de A. Angueira. Nas demais seccións, alén de se manter o foco de interese en Tastarabás, de Cortizas, e mais no universo vinculado a Roberto Vidal Bolaño, remito ao resultados que se incorporan abaixo.
NARRATIVA
1º-. Faneca Brava, de Manuel Portas. Edicións Xerais.
2º-. Infiltrados, de Alfonso Eyré, Biblos e Ese mundo que teño de meu, de Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia.
3º-. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
4º-. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
5º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
POESÍA
1º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, Pen Club.
2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
3º-. Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).
ENSAIO-TEATRO
1º-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
2º-. Tastarabás, de Antón Cortizas, Edicións Xerais.
3º-. Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena e Gonzalo Enríquez, Galaxia.
4º-. Do estigma á estima, de Valentina Formoso, Edicións Xerais.
5º-. Cantares gallegos hoxe, de Pilar García Negro, Alvarellos Editora.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Xogos musicais, de Luís Prego, Edicións do Cumio.
2º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Editorial Galaxia.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
2º-. A galiña roxa, Pilar Martínez e Marco Somà , Kalandraka.
3º-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Palestina, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.
3º- Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.
Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez
Feminismos
Xerais, Vigo, 2013, 296 páxinas, 22 €
Ao ler este volume ensaístico, que vén da man de Olga Castro e María Reimóndez, lembraba aquela célebre e desafortunada aseveración que un político fixera hai algúns anos arredor do ensimismamento da nosa cultura. Matinaba nisto pois Feminismos, que atesoura un dos ensaios máis luminosos aos que accedín nos últimos tempos, esfarela con convicción aquela irreflexiva sentenza ao ofrecer un percorrido innovador, pioneiro, globalizador e aberto ao mundo, isto é, unha cartografía, como ben define a prologuista do libro, Belén Martín Lucas, “dos feminismos na xeografía e na historia”.
Non é pouco ambicioso, como se ve, o obxectivo desta proposta que, malia os tópicos que se abaten arredor do xénero, posibilita unha lectura fluída e áxil pois as autoras adoptan unha perspectiva que harmoniza a amenidade, o espírito didáctico e o divulgativo
na pretensión de establecer un marco amplo que posibilite outras propostas posteriores. Para este fin articúlanse os seus contidos, alén dunha introducción xeral, mercé tres grandes bloques como son as voces múltiples dos feminismos, os denominados “temas planetarios” e a relación entre aqueles e diversas disciplinas como a ciencia, economía, arte, relixión, educación ou comunicación entre outros.
É este un libro no que cómpre salientar, ao meu ver, o espírito totalizador que o domina, marcado polo manexo tanto dunha abundantísima documentación como dun case oceánico traballo de investigación, sintetizado aquí útil e acaidamente. E goza, Feminismos, doutra vantaxe pois posibilita transitar polas súas páxinas coma se se realizase unha viaxe, realizando un percorrido itinerante por moitos espazos do mundo mais non para falar dos “problemas das mulleres”, que adoito pensamos que é o que ocupa a este movemento, senón dos problemas da humanidade.
Os feminismos, como ben demostra este volume, traballan desde a pluralidade, falan do mundo e tamén das persoas, loxicamente dos seus problemas, das exclusións, dos fundamentalismos e do patriarcado, materializado en moi desemellantes maneiras, sempre desde unha atalaia que nunca cae no vitimismo. Antes ben, esta proposta fai pensar en que aquí se encerran un feixe ferramentas do coñecemento que resultan de inequívoca utilidade para avanzar en camiños igualitarios, para transformar o mundo e que abren a porta a prácticas que son un garante para que todas as persoas poidamos ter acceso a unha vida digna.
Velaquí, en fin, unha achega precisa para escorrentar preconceptos tan arraizados en ocasións –como ben poñen de manifesto as autoras- como que a día de hoxe esta corrente de pensamento siga a ser estigmatizada e, nalgunha medida, ignorada. Resulta unha fortuna, pois, a aparición deste volume que nos axuda a facer xustiza ás mulleres que, malia esa estigmatización, traballaron e traballan por todas e todos nós.
Particularmente recomendo este libro: para ler devagar, para reflexionar, para avanzar en tantos camiños que quedan por percorrer.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 4 de maio de 2013, baixo o título de «Un ensaio luminoso».
Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso
Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso
Un chapeu negro e un nariz de pallaso
Editorial Galaxia, Vigo, 76 páxinas, 2013, 15 €
Pódese acceder xa a outra novidade que, como era de esperar, afonda no universo Vidal Bolaño, case a piques de estrear o mes de maio cando boa parte da atención cultural deberá centrarse no dramaturgo compostelán.
A editorial Galaxia, neste caso e a través desta achega titulada Un chapeu negro e un nariz de pallaso, propón realizar un percorrido polas claves vivenciais e literarias de Vidal Bolaño cun formato peculiar, ao meu ver extraordinariamente manexable e atractivo, que ademais inclúe un DVD que entendo como un óptimo recurso didáctico e informativo para avanzar no coñecemento do autor, tanto a nivel da súa traxectoria estritamente biográfica como no plano persoal, construíndo unha impecable homenaxe a través desas imaxes e voces recollidas e dispostas por Gonzalo Veloso, responsable de presentarnos unha galería de persoas que expresan, con substantividade, opinións que van revelando e configurando o que había baixo esa acertada imaxe que lle dá título ao proxecto: un chapeu negro e un nariz de pallaso.
Algunhas das claves que explican o que había e hai baixo eses dous elementos teatrais deposítanse no documental mais, por outro lado, tamén repousan na moi solvente e acaída achega ensaística que vén da man da profesora Montse Pena, sempre atenta a
manexar un rexistro que conxuga didactismo e ludismo ofrecendo unhas páxinas expostas coa claridade e a rigorosidade que se agarda dun traballo deste tipo. Adóptase así pois, e con naturalidade, unha perspectiva que converte este percorrido nunha lectura amena, talvez polo intenso traballo de filiación literaria que, sen dúbida, o singulariza con fortuna e que permite achegarse, con fluidez e efectividade, aos principais socalcos tanto da práctica de dirección como dos traballos vinculados á produción que desenvolveu Vidal Bolaño.
Sen dúbida, tanto o traballo de Montse Pena, do que tamén saliento o acaído da súa estrutura, como o aquel que se incorpora no DVD, enténdoos unha invitación formulada para ler as pezas do dramaturgo, para facilitar a comprensión global dunha produción dramatúrxica fundamental para a historia do teatro galego e, por extensión, para a nosa propia cultura. Parabéns pola iniciativa e polo gran traballo acadado.
Velaquí un adianto dese documental incluído na publicación:







