Category Archives: Fotografía

Favelas, de Fernando Alan

Nada sei do fotógrafo Fernando Alan, fóra de ser un fotógrafo de Rio de Janeiro. Na rede dei con algunhas fotos realizadas por el e impactoume esta das favelas que aquí comparto. Faime pensar no magnífico Periferia de Iolanda Zúñiga e suscítame tamén moitas preguntas sobre este tempo que vivimos.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Fotografía, Opinión | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña. Iniciativas sobre a obra de Celso Emilio Ferreiro (Novas CEF XXIV)

A través dun amigo chego a unha iniciativa desenvolta pola Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña (Duran Loriga, 10) integrada na rede das Bibliotecas do Concello da Coruña. Nese espazo de lectura e cultura artellouse unha actividade relacionada con Celso Emilio Ferreiro co gallo do seu centenario aproveitando a data do Día Mundial da Poesía. Deixo aquí dúas mostras gráficas deste orixinal e imaxinativo traballo que aproveita fantasticamente o espazo do local cuns versos ferreirianos e un atinado texto de Antonio García Teijeiro. Beizóns.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Fotografía | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Mans, texto de Xabier P. DoCampo; fotografías de Daniel Puente Bello (DNL)

 

Xabier P. DoCampo (texto) / Daniel Puente Bello (DNL) (fotografías)

Mans

Everest-Galicia, A Coruña, 40 páxinas, 2011 

Unhas mans amigas, e nunca mellor dito, dunha persoa que estimo e de quen admiro o seu talento literario e mais tamén a súa perspectiva e xuízo crítico sobre tantas cousas que nos rodean, faime chegar unha proposta que, sendo consciente de que pode  semellar un lugar común, non é un libro calquera. E non o é porque, alén de ser un volume esteticamente luminoso, responde a un proxecto concibido para Everest Galicia conxuntamente entre Xabier P. DoCampo e o fotógrafo Daniel Puente Bello, que deixou por un tempo de cazar auroras boreais para deterse en algo que, quen o diría, pode ser igualmente espectacular. Esta colaboración artística pai-fillo deita un resultado que non me deixa de provocar admiración pois, ademais, ten como orixe unha dinámica que non é moi común: primeiro foron as fotografías e logo os textos, que vehiculizan unha lectura literaria das anteriores.

O texto, ao meu xuízo preciso e medido,  sorprende e engancha polo seu lirismo, pola súa sinxeleza, por un esencialismo suxestivo que nos fai pensar máis nun poema, pola concentración expresiva e semántica de cada palabra ou período, cuxos versos axudan a iluminar o sentido das fotografías, que xa falan de seu. Deste xeito, o texto discorre polas páxinas case como se non quixese estorbar nin agochar a forza que latexa en cada unha das fotografías porque, non o dixen aínda, o libro titúlase Mans e incorpora un mangado de fotografías que puxeron baixo o obxectivo o obxectivo da cámara un feixe mans, novas e vellas, de diferentes tamaños, de homes e mulleres, mans brancas, negras ou coloreadas…, expostas decote sobre un fondo branco que é pano de fondo do realmente substantivo: as mans dotadas de movemento ou detidas en repouso, as mans brancas, negras ou dotadas dunha brillante policromía…, sempre ao servizo dunha intención comunicativa e estética que transmite sensibilidade e emoción a partes iguais.  Por se fose pouco os dereitos de autor desta peza destínanse a un fin benéfico do seo da Fundación Tierra de Hombres. Parabéns polo proxecto, parabéns polo excelente resultado final.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Álbum ilustrado, Crítica literaria, Fotografía | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Vigo. A explosión dos ´80. Víctor de las Heras

 

Víctor de las Heras

Vigo. A explosión dos ´80 (textos de Fernando Franco)

Xerais, Vigo, 2011, 248 páxinas, 36 €

Malia as obrigas non puiden resistir a tentación de devorcarme nesta amálgama de coidada edición, composta de fotografías e textos, mais tamén, non sei se a partes iguais, de memoria e saudade e que se titulada Vigo. A explosión dos ´80.

As fotografías de Víctor de las Heras,  algunhas tamén do seu irmán Miguel, a carón dos textos de Fernando Franco, posibilitan facermos unha viaxe visual por feitos, acontecementos e sentimentos que unha cidade como Vigo viviu nos anos oitenta. Case é un lugar común afirmar que Vigo foi, neses anos, unha mestura de efervescencia pola súa propia dinámica industrial e social, polas innumerables mobilizacións políticas e sociais que viviu, polo asentamento e mesmo proxección que unha cultura, fundamentalmente de xinea musical, tivo a cidade como eixo irradiador…, mais velaquí a proba pois estas páxinas permiten perfilar con acerto as liñas que deseñan o latexo cívico, industrial, cultural, deportivo  e político dun tempo que xa se foi, mais que proxecta as súas luces, as sombras mellor esquecelas, no noso tempo.

Non é difícil conxecturar que as lecturas que se poden facer deste emotivo e case cinematográfico volume serán diferentes e dependenderán de moitos factores. Se quen se achegue a el viviu nesta cidade nestes anos decátase como esa captación do instante prende na memoria e destapa imaxes e vivencias que, malia semellar esquecidas só estaban adormecidas, trasladándonos a un tempo moi fulgurante e intenso, que en clave optimista sería posible valoralo cun «qué marabilloso é poder contalo», malia o que xa quedou no camiño. Quen non o vivise en primeira persoa, por pura cronoloxía ou porque é doutra parte, sen dúbida atopará o retrato fotográfico doutros ángulos da cidade, outros perfís dos seus habitantes que ben axudan a explicar a idiosincrasia cívica viguesa, que existe coas súas singularidades.

Un libro, con todo, que non é só crónica local da «cidade e os días» dos oitenta, como diría Xosé Mª Álvarez Blázquez, senón que tamén é memoria e parte substancial do inequívoco motor industrial, talvez cultural e doutras tantas ordes, de Galicia. Convido a coñecelo coa seguridade de (re)descubrir unha cidade, de redescubrirse tamén nunha cidade. 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Crónica, Fotografía | Coas etiquetas , , , , | 1 Comentario