Category Archives: Homenaxe

Máis homenaxes a Celso Emilio Ferreiro (Novas CEF XXXIII)

Sucédense, sen pausa, os recoñecementos que a figura de Celso Emilio Ferreiro vén recibindo desde moi diversos e heteroxéneos espazos. O primeiro procede do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que recupera un poema inédito do ano 1957 que se custodiaba nos seus arquivos. Esta composición, acompañada agora dunha fotografía do poeta de Celanova e o seu célebre pandeiro, serve para que a institución académica celebre o centenario do poeta.  A outra homenaxe que saliento aquí  é a que lle tributa a Cátedra de Estudos de Estudos Galegos da Universidade de Deusto, coa participación de poetas como Andrea Nunes, Mario Regueira e Lorena Souto.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Homenaxe | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Territorio da desaparición, de Fernán Vello e Preludios para M.A. Fernán Vello

Miguel Anxo Fernán Vello

Territorio de la desaparición (edición bilingüe) (tradución de Xulio Valcárcel e Luciano Rodríguez)

Huerga y Fierro,  154 páxinas, 15 €

No ano 2004 publicábase, na editorial Galaxia, o que entendo como un libro fundamental no percorrido poético de Fernán Vello como foi Territorio da desaparición, que acadou senllos galardóns ao ano seguinte da súa posta en distribución como foron o da Crítica Española e mais o da Irmandade do Libro. É agora, nunha edición bilingüe galego-castelá, traducida con solvencia e acerto polo poeta Xulio L. Valcárcel e mais polo profesor Luciano Rodríguez, cando o selo Huerga y Fierro acomete unha nova e elegante edición no que para min é unha feliz iniciativa que debería facilitar o acceso e a aproximación a un dos poemarios mais relevantes da literatura galega da década anterior a lectores interesados doutras latitudes.

     Ao meu ver, este Territorio da desaparición non perdeu, co paso do tempo, o seu fulgor inicial, tal e como ocorre coas propostas verdadeiramente perdurables, antes ben se cadra gañou aínda en fondura e actualidade. O poeta, desde as instancias da tensión creadora, convértese nun ser que transita por espazos marcados a ferro polo abatemento, por seren terra erma, na procura de volver ao principio de todo, ao propio corpo, á casa, tamén á memoria salvífica que vén sendo luz nas tebras. Hai neste libro unha inequívoca lectura que revela unha vontade comprometida coa sorte do ser humano, sobre todo coa sorte que é máis esquiva e fuxidía, construíndo  para iso un discurso sólido e reflexivo, moi traballado simbólica e metaforicamente, que tamén se inquire tamén polo rol do poeta nos tempos presentes e que fai pensar en que talvez sexa este un  dos seus libros máis próximos en intención a unha parte substancial da estética de Celso Emilio Ferreiro, tan de actualidade sempre pero máis neste ano. Unha visión, sen dúbida, que nos fai vivir na palabra “que eleva a lucidez do ser”.

PRELUDIOS PARA MIGUEL  ANXO FERNÁN VELLO

Luciano Rodríguez (coordinador)

Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello

Laiovento,  Santiago, 129 páxinas, 14 €

Por outra parte, coincidindo co vixésimo aniversario da editorial Espiral Maior que dirixe o propio Fernán Vello, un grupo de amigos, maioritariamente ensaístas e poetas, ofrecen agora unha colectánea composta por once textos críticos, iniciados por unha interesante e completa visión de corte xeneralista a cargo de Xavier Rodríguez Baixeras, que logo se debruzan sobre diversos poemarios individuais do autor lucense. O libro,  coordinado polo profesor da Universidade da Coruña Luciano Rodríguez, que tamén participa cunha análise xustamente do Territorio da desaparición, inclúe unha serie de estudos a cargo de  Xulio L. Valcárcel, Teresa Seara, Eva Veiga, Arcadio López-Casanova ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros, que se converte, por dereito propio, nunha achega ineludible para coñecer con propiedade e rigor a ricaz dimensión da totalidade da obra literaria do editor e poeta. Parabéns pola iniciativa. 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 11 de febreiro de 2012 baixo o título de «Espazos poéticos e críticos».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio, Homenaxe, Poesía | Coas etiquetas , , , , , , , | 1 Comentario

Descubrir o iceberg Ferreiro

Participo da idea de que un pobo que non honra a memoria dos seus escritores, que non espalla os valores que a súa achega supuxo leva camiño de perder a memoria de si mesmo. Por iso entendo como acaído que este novo ano que xa case asoma a cultura galega vaia centrarse en dous poetas que son símbolo do noso pasado máis recente: Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro, irmandados os dous por protagonizaren, respectivamente, o Día das Letras o primeiro e o mais o Centenario do nacemento o segundo. Ambos os dous personaxes exhiben un perfil que vai alén do estritamente literario o que posibilita afondar nas vizosas vertentes de actuación cultural, xornalística ou política que representan. Respecto de CEF, ademais, cómpre non perder de vista que tamén se conmemoran, neste 2012, os cincuenta anos da primeira edición de Longa noite de pedra.

UN POETA RECOÑECIDO?
Alén dunha homenaxe que se lle tributou na súa vila natal, por volta dos anos cincuenta, con escasos documentos testemuñais, da que se lle rendeu en Pontevedra cando abandona a cidade para radicarse en Vigo no ano 1949 e a que tivo lugar en maio de 1966 nos baixos do Hotel Roma de Ourense, derivada da decisión de autoexiliarse por mor das duras circunstancias que o rodeaban, entre as que a persecución policial non era a menor (un banquete considerado como a primeira manifestación pública de oposición ao franquismo na posguerra ao acoller as reivindicacións dos labregos polo asolagamento do val de Castrelo de Miño), non sei de ningún outro recoñecemento que CEF recibira en vida, máis ou menos colectivo e á marxe do que lle puideran tributar pequenos círculos de amigos. Resulta rechamante en alguén que levou a cabo un intenso labor por Galicia en moitas e distintas ordes e, aínda máis cando, desde a súa morte para acó, foron e son torrenteira os recoñecementos dedicados á súa memoria. Non se cumpriu a sentenza que se recolle nunha nota final do epitafio de Ben-Cho-Shey e que de certo CEF asumiría: “Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”, mais ese “lume que alampea xamais o veredes morto” que se consigna no seu epitafio semella ser profético.
      Pouco podía facer CEF para impedir o rodopío de gabanzas, tamén de ataques e dalgúns infundios, que se desatou desde aquel 31 de agosto de 1979 no que falece subitamente. Ninguén podería deter o abouxador eco mediático en forma de noticias, obituarios ou artigos de opinión na prensa galega e española, mais tampouco ese cadoiro de recoñecementos, fosen estes institucionais ou, os máis, procedentes doutros ámbitos. Na cidade de Vigo, aos poucos días do seu falecemento, a Escola de Verán artella con urxencia unha mostra hemerográfica e mais un acto presentado por Modesto Hermida no que disertan Xesús Alonso Montero, Antía Cal, Xosé Sesto, os cantautores Benedito e Emilio Gregorio, finalizando cunha representación teatral a cargo do grupo “A Farándula” .
Esta foi só a primeira homenaxe, pois cataloguei máis de dez actos, celebrados en Vigo, Cádiz, Barcelona, Redondela, Madrid ou Pontevedra en apenas dous meses ata o chegar ao día 28 de outubro cando recibe un recoñecemento multitudinario no pavillón compostelán do Polideportivo de Sar, de dimensións semellantes ao que se lle tributou en Madrid o 3 de novembro dese 1979.
Nos oitenta ese lume que alampea non esmoreceu, redimensionándose coa celebración do Día das Letras Galegas no 1989, malia non cumprirse os dez anos de regra que os estatutos da RAG impuñan como necesario. E nesta liña cómpre lembrar o ocorrido no ano 2004 no seu vinte e cinco cabodano. Neste ronsel é no que se debe situar o vindeiro 2012 como Ano Celso Emilio Ferreiro: privilexiar un escritor que, sobre todo, cómpre ler e reler, moito máis nestes tempos.

UNHA HOMENAXE , POR QUE?
    E el sería precisa esta nova vaga –conxecturo- de recoñecementos á obra e á figura de CEF? Sen dúbida. Malia os actos, de filiciacón institucional ou non, que neste espazo de trinta e tres anos se viñeron sucedendo, o certo é que aínda hai tanto o traballo por facer, no que se refire á catalogación dos seus fondos, á divulgación da súa obra ou á investigación dos seus diversos perfís, que teño a firme convicción que será ben difícil que neste ano se esgote todo o que arredor da súa obra ou da súa personalidade se poida dicir.
Sempre acreditei que unha personalidade como a súa, dominada polo vitalismo, mais tamén pola rotundidade nas opinións e a sólida convicción seus posicionamentos ideolóxicos, demandaba un asedio que perseguise clarexar socalcos biográficos que aínda aboian nese espazo do ruxerruxe ou da indeterminación. Fóra dunha biografía, de carácter fundamentalmente literaria, que asinou no seu día quen foi o seu amigo e promotor Xesús Alonso Montero, na editorial Júcar, e de achegamentos máis ou menos puntuais entre os que salienta un libro de conversas suscrito por J.A. Perozo e Mª X. Porteiro, o certo é que carecemos –andazo estendido a tantos autores de noso sistema literario- dun exercicio biográfico que, sen esquecer a faceta creativa non desatenda outros perfís e mais as circunstancias nas que tivo que vivir, as polémicas nas que se viu envolto, o compromiso político que adquiriu, as razóns das rupturas persoais que nalgunhas ocasións sufriu ou como arrostrou as dificultades e situacións delicadas, que non foron poucas, nas que a vida o puxo, antes e despois da guerra.
CEF, é doado deducilo, viviu a vida con intensidade, nunca evitou decantarse e isto provocou que estivese en moitas ocasións no ollo do furacán. Se cadra chegou xa o tempo de internarse con curiosidade polos camiños que percorreu acudindo sempre ás fontes orais cando estas existen, ás fontes documentais cando se conservan. Nese labor particularmente transitei nos últimos anos e desde esa instancia creo que aínda hoxe coñecemos talvez unha parte moi pequena, só ese vértice dun iceberg que foi aflorando aos poucos, e que chamo Celso Emilio Ferreiro.
    Queda por facer aínda moito máis: proxectar internacionalmente a súa poesía, rescatar prosas aínda dispersas en numerosas cabeceiras, a edición dun epistolario que considero un auténtico patrimonio pola súa riqueza e importancia documental -tamén porque é clave para coñecer máis intimamente ao home, quen foron os seus auténticos amigos, a quen recorría cando o precisaba e como foron os “traballos e os días” tal e como dicía o seu amigo X. Mª Álvarez Blázquez-; queda a edición de textos aínda descoñecidos –boa proba diso son os poemas rescatados neste xornal hai poucas datas, os dous de inusitada modernidade- e, sobre todo, hai moito que facer para teimar na popularización e divulgación da súa obra literaria, axudándose desas innumerables versións musicadas dos seus poemas. Iceberg Ferreiro, para este 2012.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 31 de decembro de 2011, véspera do comezo do Ano Celso Emilio Ferreiro. Compleméntase con outro arredor da súa obra literaria, a que é máis accesible hoxe, que incorporarei proximamente á bitácora.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Ensaio, Homenaxe, Opinión | Coas etiquetas , | 4 Comentarios

Xosé Mª Díaz Castro. Nimbos de luz na Insua dos Poetas

VV.AA.

Xosé Mª Díaz Castro. Nimbos de luz na Insua dos Poetas

Insua dos Poetas, O Carballiño, 2011, 41 páxinas.

 

Un amigo agasállame cun cartafol. Incluíse o que for valoro moito o galano pois gusto desta “forma” editorial, tan pouco presente nos últimos tempos, e que aínda arrastra canda si, nalgunha medida, arrecendos dunha coidada manufactura artesanal. Ademais, nesta ocasión, por riba das cuestións estéticas e de preferencias persoais, o que encerra este cartafol está á altura das circunstancias pois recolle un total de corenta e unha láminas, editadas pola Insua dos Poetas na recente celebración da III Festa da Palabra organizada polo poeta Luís G. Tosar, celebración que se centrou nunha homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro por mor do cincuenta aniversario da primeira edición dun dos poemarios claves da poesía galega de posguerra como foi Nimbos.

         Resulta, así pois, unha experiencia ben gratificante, e formativa, deixarse levar polas páxinas desta publicación que se abre cun breve limiar –biográfico e literario- sobre o poeta de Guitiriz, ben necesario por outra parte pois sempre axuda sempre a fixar contornos e a debuxar con pertinencia os seus diferentes perfís creativos e humanos.

         Por outra parte, o material que se ofrece resulta heteroxéneo e moi rico, equilibrando a documentación escrita coa estritamente visual. Velaí como, alén dunha importante carta dirixida a Del Riego, na que se informa sobre a xestación e os contidos de Nimbos, engádense un bo número de textos inéditos, manuscritos, traducións, mostras das correccións ás que sometía a súa produción poética, poemas autógrafos ou abondoso material fotográfico que permite visitar os espazos polos que transitou o poeta e tamén coñecer o mundo familiar e o do seus afectos. Tamén se reserva un lugar tanto para a reprodución das diferentes cubertas que gozaron as reedicións do seu poemario máis coñecido como para as doutras publicacións, xuntándose finalmente cunha breve, pero significativa, escolma de poemas dedicados ao autor da man de Uxío Novoneyra, Manuel María, Fernán-Vello, Darío X. Cabana ou o propio Luís G. Tosar entre outros.

         Cos ollos postos no ano 2014, cando se celebrará o centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro, este cartafol proxecta na actualidade a relevancia da súa figura e da súa obra e gustaríame que supuxese que, por fin, a tea dos soños de Penélope que o autor recreou cobre nova vida. Ao meu ver a isto contribúe este atractivo exercicio de memoria e de xustiza.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 6 de agosto de 2011 baixo o título de «Díaz Castro, no aniversario de Nimbos».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Efeméride, Ensaio, Homenaxe | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Dúas lecturas en homenaxe a Paco Martín

Celébrase o 25 de xuño unha merecida homenaxe a Paco Martín da man da AELG, co obxectivo de recoñecer a súa traxectoria literaria, no seo dos galardóns que instituíu con fortuna esta asociación baixo o nome de «O escritor na súa terra». Súmome, desde aquí, a este xusto recoñecemento á figura dun dos nosos grandes autores da literatura infantil-xuvenil aínda que non só. Explicome: a súa bibliografía testemuña como tripou con teimosía e acerto os camiños da creación literaria para a infancia e mocidade,  sobre todo nun tempo no que esta era ben precaria e na que sobresae por dereito propio ese entrañable personaxe que é Ramón Lamote. Talvez estes éxitos situaron nun segundo plano esas outras incursións que o autor lucense realizou no ámbito da literatura especificamente para adultos e que, modestamente, me gustaría reinvindicar a través do rescate fragmentario  das reflexións que me suscitaron no seu día dous títulos do autor como son Dende a muralla, un magnífico libro que viu a luz en Edicións Xerais en 1990 e A bisneta lerchapublicado na editorial Galaxia en 2006.

  

Paco Martín

Dende a muralla

Edicións Xerais, Vigo, 1990, 120 páxs., 16,43 €

    O verdadeiro protagonista conxunto dos relatos non son os personaxes puntuais de cada narración, coa súa descrición atinada e coa súa peculiar etopea. Estes últimos son, máis ben, os instrumentos que o autor emprega para a dar coñecer o fío unificador dos relatos e o auténtico cerne do libro: Lugo. (…) Esta cidade reaparece maxistralmente na nosa narrativa como espazo vital delimitado, preciso e obxectivo: as rúas, os bares -os de hoxe e os de antano-, as xentes, o espírito que gravita sobre ela, aparecen descritos con axilidade.

   A frustración e sufrimentos dunha muller que relata en analepse toda a súa vida gris; o mundo dos cafés aos que une o universo do traballo e do abuso profesional; a análise do día a día no que non reparamos habitualmente; a diversión; a violencia enxendrada pola envexa, o sexo e o desexo; a ruindade de espíritos mesquiños; o medo ao ridículo; as hipocrisías do mundo adultos ou mesmo a recreación satírica sobre a pseudo-sabedoría baleira de contido que aparece en «Pegada» (…) son algúns dos temas que Paco Martín desenvolve co seu característico ton irónico e co hábil manexo de técnicas de guión cinematográfico. Todo isto nun libro onde a anécdota real, precisa e espontánea, fai agromar o relato e proporciona o engado de poder achegarnos  a unha xanela esperanzadora que convida a debruzarse nela e tentar  esquecer a melancolía e crueza da realidade da muralla, de todas as murallas.

 

Paco Martín

A bisneta lercha

Galaxia, Vigo, 2006, 128 páxs, 11,60 €

     (…) É neste último ámbito, no de relatos para lectores de máis idade, no que situamos A bisneta lercha (…): un monllo de catro coidados relatos onde nos máis deles o autor aplica un intelixente exercicio de reelaboración, ou subversión se se quer, verbo daqueles relatos que pairaban nas tradicións orais europeas e que logo foron reapropiados para a tradición contística infantil. (…)  Velaí como se recoñece con certa facilidade o modelo de “A Carapuchiña Vermella” de Perrault, de “O parrulo feo” de Andersen ou de “O gato con botas” dos irmáns Grimm, en tres dos relatos de Martín, devoltos ao lector actual a través dos títulos: “O parrulo”, “Félix” e “A rapaza que todos querían ben aínda que non a visen senón unha soa vez”, correspondentemente. En todos eles o filtro do politicamente correcto resulta por fin ausente e é substituído por un espírito crítico que dalgún xeito radiografa algunhas eivas da sociedade de arestora, que case son as sempre, axudándose da ironía, dunha imaxinación portentosa ou da axilidade no tratamento da materia narrativa, que resultan moi de agradecer. Mesmo Paco Martín non oculta desvelar as cartas do tratamento case “científico” co que opera ao incluír fragmentos explicativos e ou valorativos sobre o conto no derradeiro dos relatos. Con todo, o libro ábrese cun relato que non é estritamente debedor destas reelaboracións senón que se abeira a un ámbito simbólico: en “Perdición” a protagonista repara no mundo dos libros como abeiro ao decorrer da súa propia vida gris, con abondosas referencias aos motivos do relato de tradición oral, que resulta operativo, iso si, para nos mergullar no mundo que homenaxeará ou reelaborará posteriormente.
     Paco Martín manexa con habilidade e talento as técnicas compositivas e aquí non dubida en amosalas nas súas mellores dimensións exhibindo o peso da oralidade como medio fundamental de expresión, a estrutura milimetricamente calculada e esas características doses de fantasía e imaxinación que sempre o caracterizaron.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Homenaxe | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment