Category Archives: Libro ilustrado

Nicomedes o pelado, de Chinto & Pinto

Chinto & Pinto

Nicomedes o pelado

Kalandraka, Pontevedra, 48 páxinas, 13 €

 

O tándem creativo constituído por Pinto e Chinto deu, até o de agora, boas e constrastadas mostras da versatilidade, orixinalidade e interese a través das súas propostas artístico-literarias. Nese ronsel vén engadirse arestora Nicomedes o pelado: un libro ao que é imposible achegarse sen esbozar un sorriso na boca. Éo porque esta publicación, acomodada nun gran formato, transita polos eidos da ironía, do enxeño, da comicidade, beireando tamén, nalgunha medida, as estremas do nonsense. Neste ámbito agroman aquí e acolá, para solventar satisfactoriamente  un caso de alopecia que se quere disimular, solucións de corte imaxinativo e fantástico, insólitas e inesperadas que, sen dúbida, saben achegarse coa precisión e contención precisas para encher as expectativas dun público lector adulto ou máis novo, depositando, como tantas veces ocorre, a resolución en alguén que está moi preto  observando todos os intentos de simulación.

    Parabéns, unha vez máis, a Pinto & Chinto por estas luzadas de imaxinación e divertimento, entre as que non se agocha un pouso de reflexión arredor, xustamente, do insólito e o absurdo, sempre co humor por diante.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Álbum ilustrado, Crítica literaria, Libro ilustrado, Literatura infantil | Coas etiquetas , , | Leave a comment

A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso

Miguel Ángel Alonso Diz (textos) e Luz Beloso (ilustracións)

A nena á que non deixaban ser feliz

A Porta Verde do Sétimo Andar, Q de Vian Cadernos, Vigo, 2013, s/p.

Prestoume a lectura desta última proposta de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, quen xa constituíran un equipo autorial con O cullarapo Croque, publicado non hai moito tempo.

      Esta publicación, outra iniciativa nada ao abeiro de verkami e publicada como outro proxecto d´A Porta Verde do Sétimo Andar, faime pensar que constitúe un paso adiante polo tándem Alonso e Beloso, dado con convicción e firmeza, no ámbito do conto ilustrado para primeiros lectores e lectoras, e se cadra non só pois o discurso narrativo aparece enfiado de tal xeito que non é difícil que calquera poida advertir pegadas, aquí e acolá, de Saint-Exupéry, de Michael Ende ou, a que me semella que goza dunha maior relevancia a que se pode derivar dese mundo exposto literaria e simbolicamente no 1984 de George Orwell.

      Deste xeito, o libro nucléase arredor do concepto da (in)felicidade, artellándose un percorrido, unha viaxe protagonizada por Sabela, quen unicamente devece por ser feliz e cuxa culpabilidade é, precisamente, dicilo aos catro ventos. Esta afirmación é o feito que a conducirá a ter que se enfrontar diante de xuízos implacables, ou mesmo superar fortes tentacións, que non conseguirán modificar as súas sinxelas e arraigadas conviccións exhibindo argumentos que, dentro da súa inocencia -pois unha nena é- resultan inapelables. Valores como son a solidariedade e a xenerosidade que Sabela encarna van manterse, mesmo afortalarse,  diante do abuso das tecnoloxías, da cobiza,  da privación da liberdade persoal e colectiva. Tamén por el circulan as pegadas  dun patriarcado  ofegante ou se remarca a existencia dunha xustiza administrada, seica, desde unha sala denominada de «homoxeinización e orde».

        Non quero concluír sen subliñar a espléndida lectura visual que ofrece Luz Beloso, centralizada neses corazóns de diversas cores que centralizan xustamente a clave da historia. Deséxolle a mellor das sortes a este A nena á que non deixaban ser feliz: unha lectura con múltiples posibilidades que simboliza, ademais, un fermoso proxecto agora materializado. Parabéns!

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Libro ilustrado, Literatura infantil | Coas etiquetas , , , , | 1 Comentario

La niña de rojo / A menina de vermelho, de Roberto Innocenti e Aaron Frisch

Roberto Innocenti / Aaron Frisch

La niña de rojo / A menina de vermelho (traducións de Carlos Heras e Gabriela Rocha)

Kalandraka Ediciones Andalucía / Livros para sonhar, 2013, 40 páxinas, 20 €

 

Hai libros que supoñen unha fortuna, refírome ao feito de chegar a eles,  poder lelos, gozalos, emprestalos, mesmo suxerir que persoas próximas ou afastadas os lean. Este é o caso que me ocupa, non o dubido, ao me referir á tradución dun libro de Innocenti e Frisch que, baixo o título The Girl in Red (2012), me chegou por partida dobre: en versión castelá, a cargo de Chema Heras, e portuguesa, que subscribe a tradutora Gabriela Rocha.

       Ilustrado e ideado, en canto ao fío argumental polo gran Roberto Innocenti, respecto de quen xa manifestei hai tempo a miña devoción máis absoluta por un traballo que non deixa de seducirme, e escrito por Aaron Frisch, este libro ilustrado editado en gran formato, aposta por actualizar e, se se quere  pór ao día, o relato tradicional da Carapuchiña vermella. Esta reescritura, visual e narrativa, non é de seu algo novo, abofé, mais si resulta orixinal facelo cunha visión que, ademais, beirea o xénero do cómic no que encaixa tan acaidamente o espírito artístico do ilustrador italiano; un cómic, iso si, moi particular pois se somete a unha intervención narrativa marcada polo esencialismo e pola brevidade, emprazada discretamente a pé de páxina para potenciar o deseño visual de cada unha das imaxes.

       Innocenti, así pois,  con esa técnica virtuosista e que atende ao pormenor como poucos artistas contemporáneos, introdúcenos nunha viaxe da Carapuchiña-Sofía, non exenta de riscos e perigos, sen prescindir, claro é, de protagonistas que subverte ou despraza do seu espazo lendario para colocalos na actualidade -velaí o lobo feroz a devorar quilómetros nunha moto, por exemplo-, e faino nun contexto no que o bosque se transforma nunha gran cidade, marcada pola deshumanización e mesmo pola presenza abouxadora do consumismo, elementos estes, coma outros, nos que é difícil rastrexar unha lectura crítica e en moitas ocasións demoledora. A sorpresa final, con dúas conclusións a elixir, é outra dos achados que atesoura este volume e que nos fai pensar en que nun conto, como na vida, non todo é como parece ou como pode parecer.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Libro ilustrado | Coas etiquetas , , , , , , , , , | Leave a comment

Migrar, de José Manuel Mateo e Javier Martínez Pedro

José Manuel Mateo e Javier Martínez Pedro

Migrar

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 2012, 12 páxinas, 22 €

 

Migrar vén sendo deixar  o lugar de orixe e pasar a se establecer noutro, ás máis das veces por razóns de traballo, léase en ocasións por motivos de supervivencia. Deste asunto é do que fala, xustamente, Migrar: un libro tan especial desde o punto de vista estético como nunca vin ao se dispoñer, mercé unha encadernación especial, ao longo das súas doce páxinas como unha sorte de cartel ilustrado, inspirado na técnica artesanal do papel amate,  que permite admirar integramente o minucioso traballo artístico marcado por un detallismo impresionante e alicerzado na iconografía mexicana, mais disposto -con todo-  de tal xeito que non imposibilita unha lectura secuenciada do texto.

     O libro, que aínda non se dixo, suscríbeno  José Manuel Mateo e o ilustrador Javier Martínez Prado e foi orixinalmente editado pola mexicana Ediciones Tecolote. Chega, asemade, avalado por algúns recoñecementos pois foi merecente de dous galardóns hai poucas datas como foron o «Novos Horizontes», da Feira do Libro Infantil de Bolonia, e mais o «Premio Antonio García Cubas» da Feira do Libro de Antropoloxía e Historia de México. Así e todo, teño para min que isto, malia resultar significativo, é secundario pois, alén de rechamante do seu formato e de se achegar puntualmente a un feito concreto como é o da emigración de México a Estados Unidos o seu mérito, ou un deles, radica no feito de proxectar con efectividade, diacrónica e sincronicamente, unha mensaxe chea de compromiso e solidariedade a través dunha ollada infantil, posuída como é natural pola tenrura e a inocencia mais non exenta de que esta vaia desprendendo de seu unha sucesión de golpes dirixidos á propia conciencia, a calquera conciencia.

 

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Libro ilustrado | Coas etiquetas , , , , | 2 Comentarios

Donde Europa comienza, de Ramón Loureiro

Ramón Loureiro

Donde Europa comienza

Edicións Embora, Ferrol, 2012, 24 €

Que Ramón Loureiro adoptase como subtítulo deste último libro seu o sintagma de «viaxe sentimental» non é gratuíto nin tampouco, na miña opinión, azaroso. O escritor inglés Laurence Sterne xa o dispuxera en 1768 no frontispicio do seu célebre libro e perviviu con fortuna, e lectores, ata hoxe. Eu non sei cantas persoas lerán na actualidade a Sterne, algo sempre recomendable, pero teño a convicción de que son moitas máis as que len diariamente a Loureiro, tanto a súa obra de ficción coma as súas columnas e reportaxes xornalísticas, territorios todos eles caracterizados por ostentar difusas e esvaídas fronteiras.

       O exquisito traballo de Edicións Embora é o que permite que poidamos coñecer, en forma de libro, aquelas crónicas que, durante dous anos, se acolleron nas páxinas dominicais da edición ferrolá de La Voz de Galicia de maneira que agora, este Donde Europa comienza aposta por subverter a tópica e infundada acusación de prosas efémeras, categorización sen dúbida inmerecida, para gozar dun novo e perdurable percorrido.

      Loureiro, así pois, que non  paseou por Francia nin por Inglaterra para compoñer estas crónicas, quixo percorrer un espazo máis próximo como son as terras de Ferrol, Ortegal e O Eume -ese Escandoi ficticio ou imaxinario que cada día me parece máis real e tanxible- e o fixo cos ollos ben abertos, atento aos pequenos detalles que reservou na súa memoria, sostendo unha pequena cámara fotográfica disposta a reter e revelar aqueles ángulos que só o fotógrafo é capaz de ver, ou trasver: verbo que en galego vén sendo, máis ou menos, conxecturar ou presentir, todos os significados creo que valen. Aquel libro de Sterne, é a última ocasión que establezo paralelismos, provocou algunha retesía cun escritor inglés do seu tempo hoxe case esquecido, pero o de Loureiro, que eu saiba, non suscitou disputa ningunha e será difícil que o faga pois quen a estas páxinas se achegue, mesmo enarborando un espírito moi crítico, que de todo hai, non poderá deixar de subliñar as súas excelencias, entre as que encontro esa lección tan ben asimilada como é a de debullar, con enxeño, sutileza, proximidade e dose de ironía cando fai falta, ese pouso de sensacións particulares nacidos ao abeiro dunha viaxe que vai de Aires a Xuvia, de Cabanas a Murgardos, da Malata a Cedeira, de Caaveiro a Teixido, de Neda a Moeche, de Canido a Sillobre…, lugares poboados de xentes de carne e óso pero tamén doutras persoas que o foron. Universos únicos deseñados a través das singulares pegadas que o autor rastrexa na arquitectura e na paisaxe, nas luces e nos misterios que atesouran, nas maxias e nas lendas que aínda perviven, no que non se entende e naquilo que tampouco é preciso explicar.

      É este un libro raro no sentido clásico e positivo do termo: marabillosamente introspectivo e conducido cunha voz que manexa os ritmos narrativos con tanta elegancia e sutileza non é estraño que, en calquera meandro discursivo, un sinta que crecer a necesidade de descubrir ou reencontrarse con algúns dos cantos insospeitados dos que aquí se recorda a súa existencia. Donde Europa comienza parece inspirado en extraordinarias fantasías ou en realidades tanxibles constatadas polo autor e sempre se sitúa no ronsel dese xogo ambiguo e convincente inserido na mellor das tradicións que harmonizan boa literatura con bo periodismo.
      Ler por vez primeira estas prosas, ou relelas talvez, resulta un exercicio saudable que testemuña -o prólogo de Carlos Agulló e o epílogo de Ramón Pernas así o confirman- que este é un libro que nace nos camiños iluminados pola memoria, o corazón e a lucidez. Non é doado sequera internarse neses territorios ás veces abruptos e difíciles de asediar, case inexpugnables, como son os espazos cotiáns e máxicos a un tempo; e aínda menos o é saír deles tan airoso e contaxiar entusiasmo e fascinación polo que o autor viu ou sentiu. Eses mesmos territorios que antes xa cabalgou San Rosendo, iluminados agora cunha intransferible e suxestiva mirada.

Este texto, agora íntegro e en versión galega, publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 6 de outubro de 2012.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Fotografía, Libro ilustrado, Xornalismo | Coas etiquetas , , | 1 Comentario