-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Category Archives: Literatura infantil
Propostas para un Día Internacional do Libro Infantil
Hoxe é o Día Internacional do Libro Infantil. Unha data que este ano fica un tanto deslucida por cadrar en período semi-vacacional e que cumpriría promocionar canto se puidese. Nesta liña velaquí o texto que a sección mexicana do Ibby solicitou ao escritor Francisco Hinojosa para festexar a data e que atopo traducido ao galego en trafegando ronseis; o cartel anunciador nesta ocasión vén da man do ilustrador Juan Gedovius.
Son moi numerosas as invitacións de lectura que poderían realizar, afortunadamente, dentro deste xénero de tan celmosa tradición entre nós. Escollo, un tanto aleatoriamente, entre as novidades coas que conto á man agora, algúns destes títulos chegados ás librarías hai pouco tempo.
Ramón Caride Ogando ofreceu, case simultaneamente, dous títulos como son Catro amigos pillabáns, con ilustracións de Manuel Uhía e mais A pomba dona Paz, nesta
ocasión acompañándose das propostas visuais subscritas por Pepe Carreiro, ambos os dous títulos, por certo, en Edicións Xerais de Galicia. Neles parte da común asunción dunha serie de valores que son propios da produción de Caride, entre os que resultan salientables aquí os da tolerancia e o respecto á liberdade; ben que no primeiro articula un relato de xorne aventureiro e imaxinativo, adoptando un esquema de fábula cunha estrutura de carácter itinerante, mentres que no segundo fai fincapé en cuestións máis estreitamente vinculadas coa ecoloxía, as desigualdades sociais ou a propia convivencia nas aulas, nun texto orientado esencialmente para quen van comezando aínda a achegarse á lectura autónoma.
De Kalandraka, que precisamente hoxe está de aniversario, salientaría unha achega titulada O artista que pintou un cabalo azul, de Eric Carle. Trátase dun libro, en formato álbum, que chega en tradución de Chema Heras e que incorpora unhas ilustracións a gran formato creadas coa técnica de colaxe con papel de seda pintado. Na súa orixe articúlase como unha homenaxe visual e narrativa a Franz Marc: un ilustrador alemán absolutamente innovador e pouco recoñecido no seu tempo. Neste sentido Carle, inspirado no devandito traballo de Marc, ofrece unha atractiva e singular achega onde o xogo coa pluralidade cromática, en tantas ocasións inesperada, resulta un dos seus eixes principais e traslada o discurso narrativo ao ámbito do visual. É difícil aquí non sentirse sorprendido por esa aposta que subverte, imaxinativamente, os esquemas pictóricos realistas e que se afasta, así, das visións máis tradicionais que os «artistas», xustamente ao contrario do que protagoniza o libro, levan dentro.
Por último, chamo a atención cara a outro volume constituído por este tándem que responde a Pinto &
Chinto e que tan excelentes froitos veu deixando aquí e acolá desde hai algún tempo. Trátase do título Os xogos olímpicos de Ningures, editado en Galaxia xunto con outros tres títulos máis na colección «Árbore», e que permite achegarse ao mundo do deporte desde as instancias do humor e mais o enxeño, facendo uso de moitas doses de perspicacia, imaxinación e habilidade narrativa, sen esquecer a pegada do absurdo ou do nonsense, entreverado sempre coa aplicación dunha visión sempre respectuosa e case raiana coa tenrura. Un libro que obriga a ler cun sorriso, sexa a idade que for.
Vaia tropa!, de Antón Cortizas
Vaia tropa! (ilustracións de Mª Reyes Guijarro)
Edicións Xerais, Vigo, 120 páxinas, 12,90 €
Había xa certo tempo que quería deixar aquí as miñas impresións sobre Vaia tropa! de Antón Cortizas, un libro que hai que inserir, por dereito propio, nese camiño que pretende vivificar o discurso poético dirixido a primeiros lectores e que o fai optando por un camiño que non é doado, isto é, abeirándose a unha estética raiana cos denominados «nonsenses» e con aquilo considerado rotundamente absurdo.
A súa proposta, desprexuizada e heterodoxa, paréceme traballada desde a intelixencia e o enxeño. Promove ademais, desde un ricaz espírito lúdico, o achegamento á linguaxe poética con suxestións e achados en ocasións moi sorprendentes e efectivos, instalándose tamén nas proximidades dos chamados limericks, deitando un resultado global máis que satisfactorio sobre todo, ao meu xuízo, porque o autor nada ademais entre as augas do humor e a ironía, sen deixar entrever outras preocupacións temáticas que o lector deberá ir descubrindo segundo as súas propias capacidades.
Vaia tropa!, por outro lado e talvez aí resida un dos seus encantos, permite pero desaconsella, unha lectura plana e acougada; moi ao contrario é este un libro que cómpre xiralo, erguelo ao nivel dos ollos ou baixalo para atopar a perspectiva axeitada e poder ler algunhas composicións…, cómpre ler de dereita a esquerda e de esquerda a dereita, cómpre axudarse dun espello que o libro inclúe para ler cabalmente algúns poemas e posibilita, en fin, que cadaquén entenda como queira as metáforas ou descubra o que é un caligrama… Non é pouca cousa, abofé, o que esa proposta vitalista e divertida encerra.
Do revés. Poemas para nenos, de Santiago Freire
Do revés. Poemas para nenos
Edicións Morgante, Cangas do Morrazo, 68 páxinas, 10 €
Santiago Freire (Moaña, 1972), editor de profesión, incorporárase xa ao discurso poético galego, especificamente dirixido ao ámbito da poesía infantil, co título Martingadas, igualmente editado o ano pasado en Edicións Morgante. Arestora volve probar fortuna con Do revés, subtitulado «Poemas para nenos». Á marxe dalgunhas composicións que serían susceptibles, talvez, de certa reformulación (ao meu ver aquelas nas que a rima esixe un molde no que non é doado moverse) o certo é que non me disgustou en absoluto este poemario. Fundamentalmente resultoume atractivo por desprender un arrecendo fresco, desenfadado, espontáneo e sen grandes pretensións mais que apunta, e velaí un dos seus valores, a desacralizar o feito poético, o que se conta nos poemas e mesmo como se conta, nunha clave lúdica e desprexuizada. Nun tempo no que se lle recoñece a Nicanor Parra a práctica do que el chamou antipoesía -por certo, concepto tamén empregado e adoptado por Celso Emilio Ferreiro, feito no que ningún analista reparou- este poemario segue, como un irmán pequeno, ese ronsel e contribúe a que se asente, se se quer, ese camiño transitado por autores como Carlos Negro, Fran Alonso ou outros.
Teño para min que as composicións máis afortunadas deste Do revés, son as que se dirixen nesa liña pois Freire semella ter moi ben asumido que para chegar aos nenos, supoño que para as nenas tamén, cómpre como el mesmo di, construír un discurso que non os minusvalore. Para iso non ten reparo en internarse, en ocasións, no universo de referencias que hoxe en día lle poden resultar á infancia máis próximas, axudándose da ironía, por veces do humorismo, da comicidade e mesmo do escatolóxico, que tampouco está reñido coa imaxinación, a emoción e a fantasía e cun aquel optimista que é de agradecer. De todo iso, en diversas doses, hai neste poemario no que non é difícil conxecturar que o recitado dalgúns dos poemas, axudados cun mínimo apoio de carácter teatral, obterían un resultado probablemente máis que interesante. Parabéns, pois, ao autor por volver tripar por estes camiños non sempre doados da poesía infantil.
Carabranca, de Iván Sende (no Día das Librarías)
Carabranca
Edición do autor, Coruña, 2011, 112 páxinas, 7 €
Gustoume esta proposta narrativa de Iván Sende, quen tamén se responsabiliza das ilustracións, contida en Carabranca: un volume que, en primeira instancia, cumpriría situar nos ámbitos da narrativa para primeiros lectores pero que reborda as devanditas fronteiras.
O volume, de pequeno tamaño e disposto nunha formato apaisado, concíbese desde un rexistro narrativo sinxelo e esencialista, desposuído de adornos innecesarios, focalizando o substantivo e posto sempre ao servizo dunha historia ou historias que conflúen intelixentemente. Nel relátasenos a historia de Edelmiro, un escritor de historias de amor, contos de medo, novelas de aventuras e fábulas de fantasía que, enlevado pola intensidade do seu traballo, verase inmerso na necesidade de escribir unha marabillosa e imaxinativa historia que, como nos contos marabillosos, pode cobrar vida. Esa introdución do fantástico e do máxico sutúrase con naturalidade no ámbito do cotián e na súa exposición revísanse asuntos tratados nos libros máis coñecidos para lectores novos case a xeito de compendio: a busca constante dun lugar no mundo, o mundo da pirataría e das aventuras, o deseño de antagonistas e heroínas extraordinarias…, e todo isto cunha forza narrativa que bebe e recrea ese ricaz recurso como que é a ironía, por momentos raiando co humorístico.
Recomendo, sen dubidalo, este Carabranca pois desde a súa aparente sinxeleza gaña a complicidade de quen se asome a el, chegando a cativar unha resolución final que, malia talvez resultar previsible, non deixa de ser un fundido perfecto e fascinante entre realidade e maxia. Unha aposta de autoedición que entendo arriscada, heterodoxa, coherente e moi atractiva, polo que lle desexo longa vida e a mellor das sortes posibles.
Dedico este apuntamento, á Libraría Cartabón, do Calvario vigués, gobernada por Gonzalo e Maribel, dous amigos que a converten na referencia cultural de todo un barrio. Grazas a eles descubrín, tamén, este libro porque só aquí sería posible.
O meu avó Carmelo, de Dani Torrent
O meu avó Carmelo (tradución de Manuela Rodríguez)
Kalandraka, Pontevedra, 2011, 32 páxinas, 14 €
Compartín un anterior traballo con Dani Torrent e quedei, como lector, moi satisfeito da interpretación artística que realizou sobre un texto moi gorentoso e distinto de Mercedes Neuschäfer, publicado non hai moito tempo. Por iso lin con moito interese esta proposta que nos achega Kalandraka baixo o título d´O meu avó Carmelo. Nesta ocasión Torrent aúna ilustración e texto literario e, ao meu ver, faino con fortuna pois a ilustración amosa unha interesante liña de influencia respecto tanto da cinematografía, como é evidente polo dinamismo que as ilustracións deitan, como pola pegada de certo orientalismo expresivo.
Por outro lado, o texto, conciso e breve, que tanto lembra a espírito do haiku, ponse ao servizo do relato: unha historia sinxela e emotiva que vai máis alá do retrato da relación familiar entre un neto e o seu avó. Torrent incorpora por baixo unha reflexión sobre a ausencia dos seres queridos e arredor do paso do tempo, exposta con moita elegancia e bo facer.




