Category Archives: Literatura xuvenil

Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz

Corazón de pedra (ilustracións Federico Delicado)

Oxford, Á árbore da lectura, nº 15, Madrid, 2011, 87 páxinas, 7,90  €

Internarse polas páxinas dun libro de Agustín Fernández Paz resulta sempre unha regalía, sexa este, por criterios editoriais, especificamente dirixido a unha determinada franxa de idade ou non; no meu caso sempre me achego a eles prescindindo de todo preconcepto e non atopei aínda, no caso do autor de Non hai noite tan longa, ningún que me defraudase.

     Particularmente gocei con este Corazón de pedra, profusa e magnificamente ilustrado por Federico Delicado que ofrece, ao meu ver, unha lectura plástica moi atinada da historia que Fernández Paz propón, harmonizando o fantástico, o onírico e o realista con grande efectividade.  A narración sitúase a cabalo entre  a novela curta e o relato de certa extensión  e nela, o escritor vilalbés, segue a manter a súa característica fluidez e a naturalidade no discurso narrativo para recrear con habilidade o contexto realista, espellando o interese polo mundo dos libros e, nesta ocasión, debruzarnos a unha imaxinativa e suxestiva historia protagonizada pola pequena Brenda, quen nos fai acreditar, outra vez, nos valores da suxestión, do coñecemento, da imaxinación e a fantasía a través da atención prestada ás lendas de carácter popular e en moitos casos de transmisión oral, reactivadas deste xeito con fortuna  a través da recreación que se realiza dunha delas protagonizada por un dragón, que comparte espazo con outras lendas de interese non menor.

   O autor, ademais, sabe dosificar cando cómpre certos enigmas que turran con forza do ánimo do lectora ou da lectora, entre os que se atopa a presenza dun tímido e misterioso escritor,  seica inspirado por fin a través do que fai e simboliza a pequena Brenda e que, se cadra, algo terá que ver co resultado final que aquí se presenta. Celso Emilio xa dicía no seu célebre poema que «Os corazós dos homes / que ao lonxe espreitan, / feitos están
tamén / de pedra.» Este Corazón de pedra aquí recreado non é dun ser humano, pero resulta marabilloso todo o que del se pode aprender.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura xuvenil | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Carabranca, de Iván Sende (no Día das Librarías)

 

Iván Sende

Carabranca

Edición do autor, Coruña, 2011, 112 páxinas, 7 €

Gustoume esta proposta narrativa de Iván Sende, quen tamén se responsabiliza das ilustracións, contida en Carabranca: un volume que, en primeira instancia, cumpriría situar nos ámbitos da narrativa para primeiros lectores pero que reborda as devanditas fronteiras.

O volume, de pequeno tamaño e disposto nunha formato apaisado, concíbese desde un rexistro narrativo sinxelo e esencialista, desposuído de adornos innecesarios, focalizando o substantivo e posto sempre ao servizo dunha historia ou historias que conflúen intelixentemente. Nel relátasenos a historia de Edelmiro, un escritor de historias de amor, contos de medo, novelas de aventuras e fábulas de fantasía que, enlevado pola intensidade do seu traballo, verase inmerso na necesidade de escribir unha marabillosa e imaxinativa historia que, como nos contos marabillosos, pode cobrar vida. Esa introdución do fantástico e do máxico sutúrase con naturalidade no ámbito do cotián e na súa exposición revísanse asuntos tratados nos libros máis coñecidos para lectores novos case a xeito de compendio: a busca constante dun lugar no mundo, o mundo da pirataría e das aventuras, o deseño de antagonistas e heroínas extraordinarias…,  e todo isto cunha forza narrativa que bebe e recrea ese ricaz recurso como que é a ironía, por momentos raiando co humorístico.

Recomendo, sen dubidalo, este  Carabranca pois desde a súa aparente sinxeleza  gaña a complicidade de quen se asome a el, chegando a cativar unha resolución final que, malia talvez resultar previsible, non deixa de ser un fundido perfecto e fascinante  entre realidade e maxia. Unha aposta de autoedición que entendo arriscada, heterodoxa, coherente e moi atractiva, polo que lle desexo longa vida e a mellor das sortes posibles. 

 Dedico este apuntamento,  á Libraría Cartabón, do Calvario vigués, gobernada por Gonzalo e Maribel, dous amigos que a converten na referencia cultural de todo un barrio.  Grazas a eles descubrín, tamén, este libro porque só aquí sería posible.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Literatura infantil, Literatura xuvenil | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Palabras envelenadas, de Maite Carranza

 

Maite Carranza

Palabras envelenadas (tradución de Ricardo Fernández Sabín)

Rodeira, 261 páxinas, 9,60 €

 

Malia o seu amplo currículo literario sabía de Maite Carranza pola tradución, á lingua galega, da famosa triloxía “A guerra das bruxas”, conformada por O clan da loba, A maldición de Odi e mais O deserto de xeo, que constituíu e constitúe unha moi exitosa serie novelesca artellada arredor dos conceptos de iniciación e aprendizaxe, orientada cara ao mundo da muller e a bruxaría, desvelando aí as orixes da existencia das bruxas, as persecucións ás que foron sometidas e o rol social que desempeñaron no seu tempo.

         Sorprendeume relativamente este Palabras envelenadas, que foi premio Edebé de Literatura Xuvenil do ano pasado, e non porque signifique unha mudanza radical de escenario por outro contemporáneo senón porque nel volve confiar na importancia que encerra a articulación duns personaxes sólidos, volve amosar a característica fluidez no rexistro narrativo polo que opta e, ademais, privilexia unha ollada  a asuntos de intenso calado social.

         A autora aborda, así pois, unha temática de xinea realista enfrontándose a un asunto certamente delicado e pouco transitado literariamente como é o referido ao maltratamento e aos abusos sexuais infantís; e  faino abeirándose a unha estrutura que resulta acaída e atractiva para o propósito como é o de artellar  unha sorte de thriller na que salienta o desenvolvemento dunha trama policial e,  se se quer, case psicolóxica. Palabras envelenadas desenvólvese ao longo de un día e alicérzase na sucesión ordenada de diversas perspectivas operativas para soster o suspense, establecendo así un xogo de sospeitas  vertebradas a través de catro voces na que salienta a da protagonista, Bárbara Molina, unha rapaza moi nova secuestrada durante catro anos nunha sorte de adega-zulo e que vai ofrecendo unha sorte de diario verdadeiramente estarrecedor arredor da súa experiencia. A esta visión úneselle a da súa nai, Nuria Solís, unha muller esmagada polas presións ás que a somete o seu propio marido e  que na desesperación chega a dar por morta á súa filla; completan as pezas deste quebracabezas as reflexións fornecidas  por unha amiga de Bárbara e as que facilita un policía  que procura a resolución dun caso no que se implicou máis alá do profesionalmente conveniente.

         O dramático e intenso argumento, así exposto, lembra a casos reais acontecidos entre nós non hai moito tempo e de intenso impacto mediático como foron tanto o de Natasha Kampush,  unha nena austríaca cativa ao longo de máis de oito anos como o de Elisabeth Fritzl, a quen seu pai pechou nunha adega case vinte e cinco anos. Mais o relevante nel é a intención de visibilizar as vítimas destes maltratamentos e fornecer unha reflexión sobre a vulnerabilidade á que pode estar sometida a xente máis nova.

         Conclúo co que, ao meu parecer, é un mérito: o retrato do drama social non está revestido nin de falsa moralidade nin de sensacionalismo, senón dun diáfano devezo de denuncia, sen truculencias de ningún tipo. Estas Palabras envelenadas conforman unha máis que digna achega narrativa, tan atractiva e suxestiva para a mocidade como para outros lectores.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/u9VkpQs0xzQ" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

 

Este texto, baixo o título de «Ficción a rentes da realidade» publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, 0 9 de novembro de 2011. Por esta obra a autora catalá conseguiu, un día antes, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil  2001, do Ministerio de Cultura, no que participei como representante da OEPLI e de Gálix. As miñas grazas a estas dúas institucións.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura xuvenil, Narrativa | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Cama e conto, de Gonzalo Moure

Gonzalo Moure

Cama e conto (tradución de Fran Alonso)

Edicións Xerais, Vigo, 72 páxs., 10 €

Por veces ocorre que un le libros, que lle gustan moito, sobre os que o previsible comentario se vai adiando por milleiros de razóns. Pero os libros teñen vida propia e, malia non descubrir nada con isto,  o certo que  ese pensamento me serve  para explicar o que sucedeu con este Cama e conto, de Gonzalo Moure, que conta con  intelixentes ilustracións de Lucía Serrano. A razón da demora deste apuntamento alude ao extravío dun caderno  que, milagreiramente e para a miña ledicia, acaba de aparecer. Nel, ademais doutras notas, gardaba algunhas reflexións que me suscitou este marabilloso relato, que chega á nosa lingua mercé unha competente tradución de Fran Alonso.

Cama e conto, así pois, sen  privilexiar un único punto de vista narrativo tal e como sería de esperar, fai converxer dúas perspectivas -a dunha nena e mais a da súa nai- arredor dun motivo, en aparencia sinxelo mais cheo de suxestivas connotacións, como é a lectura e, aínda máis, a lectura compartida.

O libro fai repousar un dos seus posibles sentidos nunha máxima que viría sendo «ler é bon, mais partillar a lectura é aínda mellor». Esta sentenza, por outro lado, formúlase de xeito brillante e ofrece diversos niveis de lectura, operativos tanto para lectores de máis de oito anos como para adultos ou, especificamente, para os pais dos primeiros.  Para isto Moure converte en sinxelo o que non o é, quer dicir, expresa con palabras as experiencias que alguén pode sentir ao oír un conto e reflicte esa evocación imaxinativa e tamén sentimental que  descansa no relato oral, inspirado ou non na letra impresa, e  faino con frescura, ironía, plasticidade, mudando os roles protagonistas de xeito intelixente,  guiándose sempre por unha rendible e efectiva contención expresiva.

Moure continúa a transitar polos vieiros dos relatos contados, se xa non arredor do lume ou da lareira como Fole facía, si noutros contextos máis contemporáneos, ou neste caso domésticos como son a cama, coa necesidade de coñecer historias para soñar con elas.  Tanto aquí, como en  Son un cabalo ou n´A noite d´O Risón , os dous últimos libros da súa autoría que lin, aposta polas posibilidades da oralidade e a súa potencialidade para proxectar o que queiramos ou imaxinemos; algo, por outra parte, que atinadamente souberon ver no grupo teatral Babaluva, que transformou este libro nun espectáculo teatral.

Magnífico libro, sen dúbida, este Conto e cama, como non menos interesante é a  páxina web do autor, que desde aquí recomendo visitar pola lucidez de moitos artigos que aí ven a luz.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura xuvenil, Narrativa | Coas etiquetas , , , , , , | 5 Comentarios

Noutra dimensión, de Marica Campo e Centauros do norte, de Marcos Calveiro: Literatura xuvenil de primeira

Marica Campo

Noutra dimensión

Galaxia, col. Árbore, 220 páxinas,

12,50 €

Marcos Calveiro

Centauros do norte

Rodeira, 136 páxinas, 8,85 euros

Convencido, como estou, do bo momento que atravesa a nosa literatura infantil e xuvenil ocúpome hoxe de dúas mostras deste último ámbito pois ambas as dúas testemuñan, como outras que se poderían escoller, as elevadas doses de madurez, pluralidade e talento que carrexa esta modalidade para nós.

CENTAUROS DO NORTE

Aos éxitos obtidos por Marcos Calveiro nestes eidos –lémbrese tan só O pintor do sombreiro de malvas ou O carteiro de Bagdad- xúntase arestora esta peza, galardoada no seu día na oitava edición do Premio Raíña Lupa que organiza anualmente a Deputación da Coruña a través do concurso dun solvente xurado.

Centauros do norte é unha novela que, con habelencia compositiva e articulada nunha acaída estrutura capitular, sitúa a quen ela se achegue no México da revolución de Pancho Villa a través das experiencias, iniciáticas moitas delas, dun mozo de dezasete anos, músico de profesión, cuxos ollos e vivencias serven para reconstruír un mundo que talvez fique arredado para moitos adultos ou sexa descoñecido para outros tantos lectores novos. O acerto de introducir personaxes reais para dotar de verosimilitude ao relato, como o caso do director de cine Raoul Walsh, mais o deseño solvente doutros, como as figuras do vello filósofo Longinos ou do propio Pancho Villa, conducen a establecer un acaído punto medio entre o que de aventureiro poderían ofrecer as vicisitudes do espazo histórico escollido e o que significa a asunción duns ideais de igualdade e xustiza defendidos ata o último alento. Este inequívoco pouso reflexivo abre o volume a diversos niveis de lecturas, ao meu ver todos ben suxestivos e intensos. Convido asomarse a este volume coa convicción de que non se sairá defraudado.

NOUTRA DIMENSIÓN

Non menos interesante resulta Noutra dimensión, de Marica Campo, que ademais conta nesta ocasión con ilustracións a cargo de Noemí López. Transitara xa estes eidos Marica Campo con pezas como Abracadrabas ou con E Xoel aprendeu a voar, mais teño para min que esta achega talvez supere en ambición ás anteriores, tanto pola concepción do proxecto narrativo como polo seu propio desenvolvemento.

Nas páxinas da novela asístese á reconstrución dun pasado, desde unha idade adulta, usando tres esteos básicos como son o pouso da aventura, o vector da fantasía e mais o plano da realidade. Nun esquema, así pois, que abala entre o arrecendo iniciático do protagonista e as ansias da descuberta doutros horizontes, tendo sempre presente o recurso da viaxe como alicerce da narración, a autora sabe aínda conxugalo con outros motivos presentes nos esquemas máis narrativos tradicionais, e tan rendibles aínda, presentes nos relatos  de xorne popular. E, para que non faltase unha refolada contemporánea, non se obvian, para os receptores máis inmediatos da súa obra, con referencias actuais ás novas tecnoloxías que constitúen o día a día de moita mocidade.

Son máis os relanzos temáticos que non se desatenden nesta obra densa e chea, ao tempo, de tantas revoltas: velaí, por exemplo, a relevancia outorgada ao mundo do libro en diferentes dimensións ou esa inveterada sede de xustiza que caracteriza o protagonista. Por outro lado, as recorrentes doses irónicas e humorísticas que pairan aquí e acolá completan un libro compacto e cruzado por abondosos elementos que se proxectan, en moitos casos metaforicamente, nun tempo presente, configurando asemade un lector participativo, o que non é mal obxectivo.

Este texto saíu publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 12 de novembro de 2011, baixo o título de «Literatura xuvenil de primeira».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura xuvenil, Narrativa | Coas etiquetas , , , , , , , | Leave a comment