Category Archives: Narrativa

O neno can, de Fina Casaldarrey e Francisco Castro

Fina Casalderrey  / Francisco Castro

O neno can (ilustracións de Patricia Castelao)

Galaxia, Vigo, 64 páxinas, 11 €

 

Saúdo co agarimo e vehemencia precisas que merece un proxecto, que vai alén do literario,  como o que chegou estes días ao meu poder. Trátase d´O neno can, unha obra escrita a catro mans, que non son unhas mans calquera pois tanto Fina Casalderrey como Francisco Castro xa demostraron, amplamente, as súas virtudes como destacados creadores.

     Descoñezo o proceso de creación destes cinco relatos mais como lector intúo que a complicidade debeu ser intensa pois o resultado final, que é o que un valora, fai converxer nos textos  o mellor de cada narrador: sensibilidade, coidada estrutura, axilidade e sinxeleza expositiva, todo posto ao servizo, paréceme, dunha prioridade como é a de contaxiar un andazo saudables como debe ser o de promover os valores da igualdade e da xustiza, para o que idearon historias dominadas pola vontade de exhibir situacións, capítulos da vida cotiá, das diversas vidas cotiás, que afectan a nenos e nenas que ven conculcado o seu dereito a levar unha vida digna, quer polas súas discapacidades, polas insalvables dificultades no contexto social no que alentan ou polos abusos a que son sometidos.  É evidente que en cada un dos relatos repousa unha intención de querer ir sempre máis alá, isto é, de construír un artefacto literario que, ademais, resulte operativo para abrir os ollos, para reflexionar arredor do universo da nenez e confirmar que non todos os nenos e nenas participan de circunstancias que serían desexables dentro das contempladas na chamada Convención dos Dereitos da Infancia.

   O libro contribúe, con rotundidade e para todas as idades, a derrubar as barreiras que se conteñen nunhas citas iniciais que actúan como pórtico dos contos, por certo interpretados fantasticamente a través das ilustracións de Patricia Castelao. Por todo o dito deséxolle a mellor das sortes a este libro, que se lea e difunda,  pois literariamente parécenme relatos intachables. Participo da idea que non estaría demáis axudar a unha iniciativa solidaria que agroma da vontade creadora e igualmente solidaria de dous autores de noso e dunha editorial galega  que destinará parte dos seus beneficios a UNICEF. Parabéns por esta proposta e que colleite moitos éxitos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crítica literaria, Narrativa | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Venecias, de Paul Morand

Paul Morand

Venecias (tradución de Alejandro Tobar)

Hugin e Munin, Santiago, 176 páxinas, 15 €

A cidade de Venecia constitúe unha sorte de topos magnético e máxico para moitos escritores que contaxiaron aos lectores a devoción que lles suscitaba a cidade italiana. Asemade, para moitos deles converteuse nun motivo que posibilitaba alimentar magníficas pezas literaria. Entre as propostas máis coñecidas, no seo de escritores de orixe francesa, que presentan reflexións moi por riba do tópico tal e como estudou o profesor Juan Miguel Borda, cómpre situar a carón  das achegas de Michel Mohrt, Claude Michel Cluny ou Jean-Denis Bredin, estas Venecias de Paul Morand que agora podemos ler en acaída tradución de Alejandro Tobar, quen tamén dirixe o selo editorial –Hugin e Munin- que facilita o acceso a libros como este.

            Venecias é un libro un tanto sorprendente. O seu autor, un home indiscutiblemente polémico pola súa colaboración co réxime de Vichy e diplomático de profesión –non deixa de resultarme curioso que o seu periplo vital cadre, exactamente, co de Ramón Otero Pedrayo- exhibe un rexistro expresivo realmente atractivo, formalizado mais ao tempo extraordinariamente tan fluído e vario que convida a deixarse levar polas múltiples suxestións que atesoura e ofrece. Aínda máis cando, talvez contra o que era de agardar pola súa cronoloxía, articula esta sorte de memorias a través dunha estrutura en aparencia caótica onde vai recalando no eco das propias experiencias para erixir así un monólogo que bebe do pozo, nalgunha maneira selectivo, da súa memoria. A confesión do vivido obriga a Morand a realizar unha crónica dun tempo perfilado a través de  textos de diversa orde, por veces cruzados con certa tonalidade distanciadora: fragmentos epistolares, crónicas xornalísticas, dietario persoal, ficcións dialogadas, reflexións sobre a vellez, críticas teatrais ou evocacións máis ou menos líricas e sentimentais dun tempo que xa foi, extinguido de vez, da man de alguén que confesa viu expirar dous imperios. Con todo, hai espazo tamén para as recordacións máis íntimas e familiares e, sobre todo, aquelas de dimensión máis puramente literaria e cultural por onde transitan, con naturalidade, Rodin, Proust, Brancusi e tantos outros.

        Volvo aos fíos invisibles que tecen relacións case máxicas. Otero nunca escribiu, nin talvez escribiría, un libro deste carácter aínda que ben podería pois deixou n´O libro dos amigos e na súa obra literaria o ronsel do seu propio retrato persoal. Morand ofrece aquí un singular testemuño literario dunha vida, fiado a través da ollada penetrante e fascinada de Venecia, metáfora da súa propia biografía, que se proxecta, e talvez aí repouse un dos seus segredos revelados, por riba do seu propio tempo reconstruíndo a súa propia Kamchatka literaria e vital.

Esta recensión, baixo o título de «A Kamchatka literaria de Paul Morand» publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 5 de maio de 2012.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Narrativa, Tradución | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño

Begoña Caamaño

Morgana en Esmelle

Galaxia, Vigo, 2012, 220 páxinas, 16 €

Circe ou o pracer do azul  supuxera, no seu día, unha magnífica carta de presentación de  Begoña Caamaño (Vigo, 1964) como narradora
de longo alento e abeirada con particularidade ás posibilidades que proxecta para o presente a revisión dos mitos clásicos. Arestora ofrece, con Morgana en Esmelle, o que pode parecer unha chiscadela ao modelo narrativo cunqueiriano  que se reapropia dos mitos e que os modifica, que o é, pero tamén moito máis. Velaquí, así pois, un Merlín retirado na fraga de Esmelle, na vizosa terra de Miranda e axudado –non podía ser doutro xeito-  por Felipe de Amancia, que se converte tamén nun magnífico e garimoso narrador cando é preciso.

      O Merlín que Caamaño perfila é un personaxe que quere pasar os seus derradeiros días afastado do mundo, das retesías e das leas que protagonizara, gozando dunha vida certamente plácida, termando de Xenebra, até que Morgana decide visitalo. É aí cando se reactiva a memoria e agroma o que entendo, na miña lectura particular, como o máis substantivo do volume: a tensión producida entre os distintos valores e as ideas e como estas se defenden.

     E non quere isto dicir que a tonalidade escollida para que o coro de voces que se expresan na novela  -Felipe de Amancia, unha voz omnisciente que relata a xeito de crónica o ocorrido en Ávalon, a propia conciencia de Merlín reflexionando en alta voz sobre a súa vida ou a propia Morgana que protagoniza en primeira persoa o derradeiro capítulo- non sexan as acaídas; sono, abofé, acadando desde a primeira páxina ese punto medio xusto que transmite e transparenta un rexistro expresivo doutro tempo que flúe mainamente, cultivado e traballado –non me cabe dúbida- para convencer e converter ao lector en cómplice do que se relata.

       Os mitos humanízanse e, a través deles, chégase a unha encrucillada que se mergulla no que é a condición humana, isto é, os personaxes –Merlín, Morgana, Viviana, Xenebra, Artur…- nunca son planos nin homoxéneos, son diversos, modifícanse ao longo da novela, caracterízanse a través do que fan, das súas contradiccións, das  dorsalxias que levan canda si, por veces ocultas, por veces manifestas, mais sempre aguilloantes e prementes.

     Merlín resiste e quere esquecer amarguras ata que Morgana, detentando un fado escuro mais chea de luz, solicita razóns, demanda explicacións…., o sabio esculcará nos rescaldos da súa propia vida, no que atinxe á verdade dos seus sentimentos traizoados e ao que moldeou, ideou e proxectou para a súa Britania: obraba para o ben xeral dos seus ou para o seu proveito?, todo obedecía  a unha estratexia guiada pola cobiza desmedida, a vaidade, o orgullo e a soberbia? Estas son só algunhas das reflexións que se derivan desta proposta narrativa, magnética e intensa, unha epifanía literaria que entra, amodo mais resolutivamente, neses ámbitos íntimos da dor dunha culpa desenterrada.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 21 de abril de 2012, baixo o título de «A dor dunha culpa desenterrada».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Os fillos do mar, de Pedro Feijoo

Pedro Feijoo

Os fillos do mar

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 432 páxinas,   21 €

Pedro Feijoo (Vigo, 1975), centrado até agora en diversas ocupacións profesionais vinculadas co ámbito musical, publicara un ensaio musical sobre as eivas que detectaba no panorama musical galego (Viva o Fu Remol!, 2005) e mais outro traballo de carácter máis literario arredor da presenza de Castelao no xornal Galicia que dirixira  Valentín Paz Andrade. Na narrativa, alén  dun relato publicado no volume que recollía os textos galardoados na XII convocatoria do Certame Literario Os Viadutos (Xerais, 2012)  e que solventara felizmente cun destacable apoio de base histórica, Os fillos do mar supón a súa primeira e, sen dúbida, afortunada novela.

         Feijoo manexa con tino un bo feixe de recursos que deberían conducir esta novela a converterse nun dos libros de máis amplo espectro entre o lectorado, sen que isto supoña dar as costas á calidade literaria que a calquera novela se lle debe esixir e aínda máis se a proposta se achega, talvez tanxencial pero significativamente, aos eidos do thriller.  Alén dunha palpable habelencia na construción do discurso narrativo, en que cómpre destacar tanto a verosimilitude das situacións expostas –as casualidades existen na vida real, por que non na ficción?- como na doada complicidade que se ofrece, talvez motivada por esa postura enchoupada de ironía que exhibe o propio protagonista, formúlase unha historia
con enigmas na que mestura, en doses acaídas, elementos que proveñen de diversos sub-xéneros narrativos onde é palmaria a tonalidade das novelas de intriga e misterio mais onde o corpo central vai prendido na busca da propia identidade dunha parella de protagonistas: un arquitecto vigués e mais a herdeira dunha familia adiñeirada viguesa.

        É a fortuna, ou o fado, quen os une e é aí onde, por volta deste eixe, se vai construíndo unha historia na que non resulta menor o interese por desvelar enigmas que nos conducen ao suposto tesouro dos galeóns de Rande, á presenza dos nazis en Vigo, ás pegadas dunha empresa viguesa con ramificacións no poder ditatorial da administración franquista ata os rescaldos da guerra do trinta e seis, sen esquecer algunha conexión co mundo do narcotráfico… Todos estes referentes poden semellar, a priori, algo explosivo nun cóctel literario, e de feito así é, mais no aspecto positivo pois aparecen ganduxados con inequívoca soltura. Non se  descoidan tampouco nin as pasaxes cheas de intensidade –antolóxicas ao meu ver as referidas ao Buraco do Inferno de Ons, que tamén ocupa un papel relevante-, nin tampouco ese espazo físico chantado nunha cidade como Vigo que, ao meu ver, adquire categoría protagónica e que permite asomarse  á cidade daquel grande arquitecto que foi Michel Pacewicz ata a mesma actualidade.

      Os fillos do mar, e este reseñista non desvela máis elementos do seu argumento, é unha novela que se debe ler. Flúe con lixeireza, amenidade e, ademais, resulta solvente na súa arquitectura e na súa resolución. Deséxolle a mellor das sortes posibles e recomendo deixarse levar polos perfís de todos os personaxes, polas historias e os espazos que encerra: os que arrecenden a verdade e mais os de ficción. Non defraudará.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, 0 14 de abril de 2012.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crítica literaria, Narrativa | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo

Marcelino Fernández Mallo

Pallarega

Toxosoutos, Noia, 2012, 348 páxinas, 16 €

Non se estrea con esta densa novela Marcelino Fernández Mallo na narrativa en lingua galega pois no seu haber cómpre non esquecer  tres entregas que viron a luz anteriormente como foron Cabilia, A trenza e mais Klásicos.

     Nesta ocasión abéirase o autor a un esquema de xinea clásica que avanza linealmente e que, ademais, adopta unha perspectiva igualmente ortodoxa, unívoca e nunca contrastable con outras voces posibles, coa vontade de deseñar o universo vivencial que espellará a vida do protagonista, Nicolás Traseira, desde que este vén ao mundo aló polos anos trinta do pasado século até, talvez, a súa madureza ou, se se quere, a metade da súa vida, pois a novela morre dun xeito abrupto coma se a presente constituíse a primeira parte dun proxecto ideado para gozar de continuación.

    A relevancia das orixes rurais no perfil do personaxe, que se arraízan no espazo físico da Pallarega, fican remarcadas ao adoptar este topónimo como operativo para bautizar unha novela que posibilita ir percorrendo as vivencias do devandito Nicolás Traseira desde as experiencias sufridas na guerra civil ata os pasos dados en diversos lugares como Madrid, Morgade (Viveiro), A Habana ou A Coruña como referentes fundamentais.

    O discurso memorialístico que aquí se ofrece, emprazado no gume da realidade e dunha suposta ficción, transloce a intención de espellar un tempo moi concreto e mais unhas circunstancias vitais singulares co obxectivo de converter en materia narrativa, e loxicamente é moi lícito que así se pretenda facer, unha enxurrada de evocacións que resultan lamentablemente monocordes pois a adopción dun único punto de vista lastra a precisa dinamización e mais a viveza que un discurso deste tipo debería atesourar. Esta suma de recordacións, que non discuto han ter un valor persoal e que encerran unha innegable riqueza expresiva desde o punto de vista lingüístico, dificilmente logran suscitar o interese pois en moitas ocasións resultan previsibles chegando a converterse as máis das veces nunha sucesión de relatorios, en tantas ocasións de fondo case antropolóxico, por veces adobiados con tintes irónicos.

     Ademais, a inadecuada presenza de fragmentos discursivos en castelán, sexan estes de carácter documental ou dialogal, sospeito que en aras dunha pretendida verosimilitude, é xa un recurso tan superado e pouco acaído que particularmente nunca pensei volver achalo nunha proposta narrativa contemporánea, articulada en definitiva como un conxunto de “sucedidos” expostos a xeito de semblanzas, aos que lles falta a argamasa precisa para se uniren e amalgamarse con solvencia. As expectativas que se incorporan na contraportada do libro, concretamente as que afirman que o protagonista da novela, Nicolás Traseira, “pasará á historia da literatura galega” coido que, fóra de seren lícitas, resultan cando menos hiperbólicas.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 17 de marzo de 2012 baixo o título de «Tránsitos dunha vida».

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa | Coas etiquetas , , | 4 Comentarios