Category Archives: Novela gráfica

Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano

 

Jacobo Fernández Serrano

Lois Pereiro. Breve encontro

Edicións Xerais-Xunta de Galicia, Vigo, 2011, 160 páxs., 15 €

 

Esta bóla de neve que foi, e é, a celebración do Día das Letras dedicado a Lois Pereiro non deixa de ofrecer sorpresas. Unha delas é esta novela gráfica que subscribe Jacobo Fernández Serrano, baixo o título de Lois Pereiro. Breve encontro e subtitulada como «un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta».

Teño para min que Fernández Serrano, responsable tanto do texto como da parte gráfica, realiza aquí un traballo a todas luces espléndido, inspirándose no coñecido poema de Lois Pereiro titulado precisamente «Breve encontro», en que o poeta interpreta e retrata a esencia que nel ficou do visionado da película Brief Encounter de David Lean:

«Sobrevoabas un día o meu espacio aéreo
rozándome coas plumas levemente
e desaparecerías cun rumor menguante
como a visión dun soño
fracasado».

    Desde esta referencia de xinea cinematográfica, presente no título e mais na novela como elemento axial e estruturador dos contidos, vaise introducindo o lector nunha atractiva e sólida proposta que reinterpreta persoalmente a vida do autor de Conversa ultramarina. Para cumprir ese obxectivo aplica grandes doses de imaxinación, verismo e, cando cómpre, alicerza unha suxestiva e libérrima visión reservada a algúns capítulos inesperados e fantásticos. Baixo esta concepción poliédrica avanza unha revisión visual e textual que serpea, documentada e intelixente a un tempo, irónica nalgunhas ocasións, polas diversas etapas vitais de Lois Pereiro, mais tamén pola súa obra literaria, revisitando as claves que a dominan sen deixar de manter un diálogo fiel coa memoria da súa presenza e co herdo literario que legou. 

    Todo un acerto esta publicación, por orixinal, intensa e inmensamente atractiva. Moi recomendable sen ningún xénero de dúbidas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Día das Letras, Novela gráfica | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario

Lóbrego Romance, Pálida Pantasma, de Jack Mircala

Jack Mircala (tradución de Isabel Soto)

Lóbrego Romance, Pálida Pantasma

El Patito Editorial, Compostela, 2010, 48 pp., 13 €

 

Aparecida no mercado hai algúns meses chego un tanto tarde a esta publicación, editada con extraordinario coidado pola compostelá El Patito Editorial, e non me resisto a deixar aquí constancia da miña satisfacción tras a súa lectura. Basicamente por tres razóns que expoño decontado.

A primeira ten que ver pola descuberta, serodia,  dun autor como é  Jack Mircala, que se corresponde ao nome ar­tístico-literario de Fernan­do Gómez Díaz, quen xa no ano 2000 gañara o Premio Lazarillo de ilustra­ción. Mircala comunica con convicción, tanto gráfica coma literariamente, un mundo creativo dotado  de grande atractivo e eficiencia.

Jack Mircala

A segunda vincúlase co desenvolvemento das dúas novelas gráficas -Contos do castelo de Maldavia e Verlián e o talismán extraviado- que aquí se ofrecen xuntas e nas que, a carón do expresionismo plástico que domina as ilustracións, agroma un universo espacial moi solvente chamado  Malvadia, operativo para adentrarnos nun mundo que beirea as fronteiras do romántico e o gótico e no que unha voz narradora, con evidentes chiscadelas a Edgar Allan Poe, irá reparando nas singularidades deste territorio de xeito que coexisten, cunha máis que evidente naturalidade, ecos de arrecendo lendario, sombras espectrais golpeadas polo amor, idilios frustrados, unha curiosa lameira apestada e un bico envelenado; depositando nos obxectos, que se envolven con diversas posibilidades máxicas, as claves para o desenvolvemento narrativo ao que contribúe a atención prestada ao recurso da oralidade, que tan bos resultados deita.

A terceira razón, e derradeira, fai referencia ao excelente labor de tradución levado a cabo por Isabel Soto, que consegue unha tonalidade fluída e acaída para o verniz gótico-romántico dos relatos. Tres razóns, ao meu ver, que sosteñen un moi atractivo libro.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Novela gráfica, Tradución | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

O burato do inferno, de José Manuel Trigo e Ramón Trigo

 O burato do inferno

José Manuel Trigo e Ramón Trigo

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 2010, 104 páxinas.

 

Esta novela gráfica levaba catro ou cinco meses agardando a súa quenda nun andel de novidades e estes días de certo vagar permitíronme realizar unha lectura sosegada e atenta. E o certo é que non me defraudou en absoluto. Alén do tratamento visual, onde a escolla realizada, con eses trazos en branco e negro que contaxian o concepto de movemento e de inequívoca filiación cinematográfica, cumpre á perfección o seu cometido; o asunto narrativo encerra un inequívoco atractivo como é o de recuperar a lenda que paria por volta do «burato do inferno» e tratala literariamente, ademais de rescatar tanto a rendible figura dos raqueiros -dalgún xeito tamén presentes accidentalmente na última novela de Manuel Rivas- como as realidades do contrabando e a pirataría no pasado, volvendo a nosa ollada así á importancia que o mar e as súas historias teñen, e deben ter, para o xogo literario.

José M. Trigo e Ramón Trigo

O texto, presentado con pulcritude e claridade, alternando acaidamente varias voces narrativas, reconcílianos ao tempo coa denominada novela de aventuras e mais singularmente coa de piratas, mais tamén afonda nesoutras batallas que teñen lugar nas conciencias dos protagonistas e no seu propio proceder. Francamente un texto recomendable para os que gusten do xénero.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Novela gráfica | Leave a comment