Category Archives: Novela

Costa do Solpor, de Xosé María Lema

Xosé María Lema

Costa do Solpor

Xerais, Vigo, 2012, 664 páxinas, 24 €

 

Non podo obviar que non quedase un tanto sorprendido con esta densa novela por varias razóns, e unha delas ten que ver con quen a subscribe pois sabía do labor que viña exercendo desde hai anos o profesor Xosé María Lema, nomeadamente nos ámbitos da lexicografía, da historia da arte, da onomástica ou mesmo da etnografía, nos que salienta por dereito propio como un recoñecido especialista, mais ignoraba as súas habilidades como narrador, e como narrador de longo alento, tal e como testemuña este Costa do Solpor que, ademais, foi finalista do premio Xerais de novela na convocatoria do 2011 competindo, entre outros orixinais, con Os fillos do mar, de Pedro Feijoo ou con Extramunde, de Xavier Queipo, peza esta última que resultaría gañadora.

      Con todo, que Xosé María Lema fose autor inédito nestas lides, cando menos publicamente, pouco relevante resultaría a non ser que a súa formación e dedicación explica, e de maneira moi convincente, o coidado minucioso depositado na ambientación e contextualización da novela que comeza a se distribuír estes días. Mais se todo fose perfección nesta dimensión –tamén palpable nunha escolla léxica vivísima- axiña esmorecería o seu interese se non se idea ao tempo un argumento con forza propia, se non se constrúen con convicción e singularidade uns personaxes e, por suposto, se non se concibe unha estrutura acaída para o efecto…, e todo isto o atesoura Costa do Solpor pois é quen de internar rápida e efectivamente a quen se achegue á súa lectura ao que particularmente vexo como un compendio do mellor das novelas clásicas de aventuras – penso sobre todo nos modelos da literatura inglesa e particularmente no proposto por Stevenson- ao que engade unha intelixente e rendible “galeguización” en canto espazos e personaxes, suturándoo cos motivos presentes na vida cotiá de mediados do século XVIII nos ámbitos costeiros e mariñeiros de noso.

       No fondo da proposta salienta, ao meu ver, a recreación literaria dunha liña recorrente que enchoupa a totalidade do texto e que cifro na loita pola supervivencia nun tempo no que se recrea, con fidelidade, o mundo da pirataría,  pero non só. Para este obxectivo recórrese, inicialmente, ao recurso do manuscrito escrito en inglés que se integra na novela coma se fose unha tradución, xestándose así con naturalidade tanto a precisa sensación de distanciamento respecto do relatado como a necesaria procura de verosimilitude, algo que apoia a multitude de notas explicativas a rodapé.

     Tarefa imposible é a de nin sequera sintetizar un argumento que, en esencia, se nuclea arredor da viaxe de retorno dunha goleta inglesa cargada cun tesouro e que recala nunha ría da chamada Costa do Solpor. Ese fío será o que permita que coñezamos personaxes de pegada indeleble como Squire Trelawney, o Tiopa, o Dr. Livesey ou outra voz narradora, representada en Jim Hawkins, responsables os últimos de que saibamos da existencia da Confraría da Man Morta, de René de Saint-Syr ou de Jim e Mariña, que contribuirán á resolución trepidante dun conflito que, na parte final, adopta ao meu ver certo sesgo de novela xuvenil que completa ou reorienta o espírito inicial da mesma.

            Hai pasaxes salientables  nesta proposta,  cheas de plasticidade e de forza impresionante, como –escollo dúas- un relato posto en boca de John Silver ou a descrición de naufraxios, tempestades ou persecucións onde abrolla con transparencia o xenio creativo dun autor que, se non entendín mal, manifestou que probablemente non volvería transitar estes eidos da prosa. Fago votos para que reformule esta intención pois este Costa do Solpor atesoura méritos dabondo e constata a chegada dun narrador de gran forza.

Esta recensión, con mínimas variantes,  publicouse baixo o título de «Aventura en estado puro (e algo máis)» nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 9 de febreiro de 2013.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Novela | Coas etiquetas , , , , , , | Leave a comment

O gardián invisible, de Dolores Redondo

Dolores Redondo Meira

O gardián invisible (tradución de Héctor Cajaraville)

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 456 páxinas, 21,50 €

 

Inserido nese universo xenérico que se pode denominar novela negra ou thriller policial e impulsado por un lanzamento editorial desde este pasado martes en máis de trece linguas, no que non falta o galego mercé á acaída tradución de Héctor Cajaraville e a Edicións Xerais, O gardián invisible resulta unha proposta literaria que, malia as case cincocentas páxinas que atesoura, flúe axilmente en virtude do acaído ritmo que amosa.

            Mais non é todo ritmo narrativo, por veces vertixinoso, en ocasións amansado nun relanzo preciso: Redondo convida a gorentar, a quen se achegue ás súas páxinas, como se chega á resolución de varios conflitos que, dalgún xeito, se formulan coma se a primeira cereixa que se tira dunha cesta fose enguedellando á que vén despois e así sucesivamente. E esa primeira cereixa é a máis saborosa e sorprendente pois conduce con naturalidade á dinámica e ás estratexias resolutivas dun crime, o chamado do “basajaun” –un homínido enorme propio da mitoloxía vasco-navarra, protector da vida do bosque-, que parte do asasinato dunha adolescente, cuxo cadáver se atopa nunha fraga cos zapatos da vítima ao seu carón e un “txatxingorri”, unha sorte de pastel, enriba da pube, ambos os dous elementos contemplados como sinais enigmáticos da autoría dese crime. Este é o escenario no que cobra especial protagonismo, a carón doutros personaxes sempre singularizados, unha investigadora chamada Amaia Salazar,  pertencente á Policía Foral, quen deste xeito retomará o contacto co seu lugar natal, o val do Baztan, concretamente na vila de Elizondo, un espazo que se proxecta con forza e singularidade en todos os recantos da novela e que  se suca dolorosamente en tantas ocasións no pasado e no presente, mais que sempre se abraza. É aí onde Amaia destinará os seus esforzos profesionais, de mans dadas con esoutra faceta do seu día a día persoal, salferido con problemas cotiáns, algúns consecuencia dese reencontro tanto cos territorios  da infancia, non sempre de rostro amable, como cunha contorna familiar máis problemática e tensa do que se  podería agardar,  provocándose así un suxestivo cara a cara coas pantasmas do pasado.

            Nesta conxuntura, neste camiño é por onde discorre unha narración solvente na que salienta, non teño dúbida, a inexcusable forza que repousa no rexistro descritivo e mais o apreciable traballo de documentación –ás páxinas centradas, por exemplo, na análise forense calíbranse maxistralmente ou o afán desmitificador das series televisivas centradas no “criminal” son ben significativas-, no que ademais destaca unha ollada ás tradicións culturais vasco-navarras dalgún xeito parellas tamén ás galegas e á antropoloxía en xeral, sen dar as costas á presenza que suxire a criminalística ou á propia psicoloxía nunha novela deste xorne. Se algo embaza minimamente o volume talvez serían certos diálogos un tanto renxentes ou certa recorrencia aos planos oníricos que, porén, darían moito xogo nunha versión cinematográfica da mesma, creo que xa en marcha.

            Convido a achegarse a este O gardián invisible, tanto a quen guste do xénero como a quen non: é unha novela, primeira dunha triloxía, con garantías e que non defrauda.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 19 de xaneiro de 2013, baixo o título de «E no principio era o val do Baztan».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Novela | Coas etiquetas , , , , , , , , | 1 Comentario

Manuscritos: Fina Casalderrey

Pasou por aquí Fina Casalderrey non hai moitas datas e aceptou con amabilidade incorporarse a esta sección de «manuscritos». A autora, que se cualifica  como «moi analóxica» e que confesa ter aínda un boa cantidade de manuscritos auténticos, ofrece aquí o da primeira versión  escrita a man de A Pomba e o Degolado, concretamente un fragmento do capítulo dezanove. Agrádezolle a escolla representativa dese título que, particularmente, tanto me axudou, e con garantías, en campañas da promoción da lectura.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Manuscrito, Novela | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

O sorriso de Hitler, de Xosé Alfredo Naz Fernández

Xosé Alfredo Naz Fernández

O sorriso de Hitler

Editorial Toxosoutos, Noia, 92 páxinas, 12 €

Hai por volta de tres meses acompañei aos escritores Antonio Piñeiro e Baldo Ramos nas deliberacións correspondentes ao xurado do premio “Relato de aventuras Avilés de Taramancos”, que organiza anualmente o Concello de Noia baixo o impecable labor de coordinación do profesor Xavier Castro. Daqueles debates xurdiu un orixinal galardoado que chega agora ás miñas mans: O sorriso de Hitler, do escritor vigués Xosé A. Naz Fernández, autor premiado nalgúns concursos literarios de relatos e que, con este, consegue ver publicado o seu primeiro libro en forma independente.

         A novela lembroume, desde as primeiras páxinas pois nela hai un exercicio de denuncia e de defensa da dignidade, unha fotografía tirada en 1935 que recolle o saúdo nazi tributado a Hitler por unha masa enfervorizada na cidade de Hamburgo; na imaxe, con todo, hai algo estraño: nela detéctase unha persoa cos brazos caídos, feito que probablemente determinou a súa desaparición por volta do ano 1944. Anos despois, cando unha filla daquel home ve a devandita fotografía descobre que se trataba de seu pai, August Landmesser, que xa se convertera nun símbolo da obxección de conciencia e da dignidade.

     O título da proposta alude  á semellanza física que hai entre un preso e o propio Hitler, o que lle ocasionará funestas consecuencias ao primeiro, pero isto é só unha parte dun relato concibido como un discurso sen interrupcións polo que nos conduce a memoria dun fotógrafo e intérprete chamado Smith, que dá conta das súas vivencias e do que testemuñou mercé á atalaia que lle proporcionaba o seu traballo como tradutor, incorporado dun xeito casual ás tropas que desembarcan en Normandía. Parte do seu labor consiste, loxicamente, en captar fragmentos da realidade para transmitilos a través das imaxes, mais nesta ocasión será a través da palabra como vai reconstruíndo un universo marcado polo odio visceral e a violencia que atopa a cada paso. Velaí como o espello da intolerancia, o desatino e mais a crueldade vai reflectíndose tanto en personaxes como un oficial das SS chamado Schultz, no comandante Wolff ou no doutor Hoffman, como en espazos chamados Daoulagad, Château Noir ou un campo de exterminio denominado Buchenlitz onde se cruzan os destinos, noutro plano paralelo, de dous rusos deportados  -Nikolay e Heskel- que acaban por verlle de preto a cara á morte no medio dunha arrepiante partida de xadrez humano.

         A novela non se recrea, como podería ser doado, no lado máis escuro e execrable destas experiencias –que o ten-  pois o autor opta polo camiño da suxestión co que consegue o efecto desexado, isto é, transmitir as arrepiantes consecuencias que a intolerancia encerra; sen esquecer os danos reais e colaterais que todo conflito bélico comporta, e máxime o que aquí se expón.

 

Esta recensión publicouse o 29 de xullo de 2012 nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, baixo o título de «Aquel andazo da intolerancia».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Novela, Premio | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

A punta de pistola, de Fran Alonso: premio de novela por entregas «La Voz de Galicia»

Participei onte no debate sobre o premio anual de novela por entregas de La Voz de Galicia, xunto con outros compoñentes. A deliberación foi intensa, e argumentada, e resolveu, como xa se sabe a esta altura, outorgarlle o galardón  á novela A punta de pistola, de Fran Alonso, autor que sigo con atención e interese desde os seus comezos literarios.

     Falouse xa nos medios xornalísticos e dixitais dos seus méritos. Eu só quero engadir que, en efecto, algúns dos seus valores constitúenos o seu ritmo e o seu dinamismo -é unha obra que se estrea cuns capítulos arrebatadores, cheos de forza-,  sen esquecer esa ollada a asuntos que poden parecen secundarios mais que na miña opinión a vertebran substancialmente: eis esa ollada particular, como é adoito na narrativa do autor vigués, a algunhas das realidades conflitivas contemporáneas como son  a marxinalidade social, a desestruturación familiar, a soidade ou iniciativas laborais pioneiras simbolizadas nunha camioneira blogueira ou nesa Celia Rivas, a nosa primeira muller camioneira. Devezo por relela, no xornal, e cando se publique en libro independente. Parabéns ao seu autor.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Novela, Premio | Coas etiquetas , , | 1 Comentario