Category Archives: Poesía

Manuscrito: Helena Villar Janeiro

Supón una regalía para min traer a esta sección a unha escritora que admiro desde hai anos e que mantén unha presenza continuada e sempre interesante nas redes sociais como é Helena Villar Janeiro. A súa deferencia con este blog permite que se reproduza abaixo un poema que pode considerarse inédito, aínda non preparado para a súa edición definitiva e escollido entres os que adoita realizar nos últimos tempos  para imaxes.  No que respecta á dinámica da escrita afirma que compón «sobre a marcha -só excepcionalmente tomo algún apunte, sobre todo se son haikus- e traballo directamente no ordenador desde hai moito tempo, que vén ser como a prolongación do meu brazo e da miña mente». Beizóns, Helena.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Manuscrito, Poesía | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Taboleiro do libro galego (IX) (do 29 de abril ao 10 de maio)

Nesta última quincena advírtense algúns, pero talvez significativos, cambios. No que se refire á narrativa entra con forza a novela de Manuel Portas, Faneca Brava, e establécese un empate no segundo posto, entre a novela Infiltrados, de A. Eyré e mais a recuperación de prosas cunqueirianas contida en Ese mundo que teño de meu. Reactívanse Os fillos do mar de Pedro Feijoo e mais multipremiada Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, manténdose aínda na listaxe En vías de extinción, de María Reimóndez.

     En poesía retornan X. Daniel Costas Currás e mais Miro Villar aos primeiros postos, xunto co Cantares rosaliano en edición de A. Angueira. Nas demais seccións, alén de se manter o foco de interese en Tastarabás, de Cortizas, e mais no universo vinculado a Roberto Vidal Bolaño, remito ao resultados que se incorporan abaixo.

                                                               NARRATIVA

-. Faneca Brava, de Manuel Portas. Edicións Xerais.

-. Infiltrados, de Alfonso Eyré, Biblos e  Ese mundo que teño de meu, de Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia.

3º-. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.

-. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.

-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais.

POESÍA

1º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, Pen Club.

2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.

3º-. Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).

ENSAIO-TEATRO

-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.

-. Tastarabás, de Antón Cortizas, Edicións Xerais.

3º-. Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena e Gonzalo Enríquez, Galaxia.

4º-. Do estigma á estima, de Valentina Formoso, Edicións Xerais.

5º-. Cantares gallegos hoxe, de Pilar García Negro, Alvarellos Editora.

INFANTIL-XUVENIL

 1º-. Xogos musicais, de Luís Prego, Edicións do Cumio.

2º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Editorial Galaxia.

 ÁLBUM ILUSTRADO

-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

-. A galiña roxa, Pilar Martínez e Marco Somà , Kalandraka.

3º-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.

 

BANDA DESEÑADA

-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

-. Palestina, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.

- Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Banda deseñada, Divulgación, Ensaio, Literatura galega, Literatura infantil, Literatura xuvenil, Narrativa, Novidades editoriais, Poesía | Coas etiquetas , | Leave a comment

Manuscrito: Berta Dávila

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora dos libros de poemas Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Dentro (Premio Avelina Valladares, 2008), da novela Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008) e do libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010) que foi traducido ao castelán e ao xaponés por Pulp books.

        Con Raíz da fenda obtivo, no 2012, o Premio Johán Carballeira de Poesía e vai ser en datas próximas publicado por Edicións Xerais. Xustamente é deste último libro do que a autora nos fai o galano de ofrecer uns manuscritos que van derivar nunha versión definitiva espellada  no poema transcrito ao final deste apuntamento.

      Para Berta Dávila, o proceso de escrita é diferente segundo o xénero ao que se asome e, ademais, «mudou moito nos últimos dous anos. Cada vez corrixo máis. Sempre traballo en varios proxectos a un tempo e non son consciente de ter ningunha teima especial».

      A autora compostelá emprega sempre o ordenador cando escribe narrativa; porén, para a poesía si que fai uso de  cadernos: «se pode ser de pauta e de formato apaisado, porque se axustan ben ao verso. Non hai outra razón que a comodidade. Corrixo bastante sobre o escrito, en diferentes momentos, ata que se fai difícil entender as correccións, e entón fago unha nova versión manuscrita. Mestúranse no caderno distintas versións dos poemas que teñen máis tempo con poemas novos en diferentes estadios». Posteriormente, cando estes están xa  están avanzados pasan ao ordenador e adoita «facer novas correccións xa no procesador de textos». O que resulta, ao meu ver, orixinal é o proceso que adopta para organizar os poemas que se integran nun mesmo libro pois  para este obxectivo, «e para dar forma á estrutura do poemario, imprímoos e pendúroos nas paredes do corredor da casa» (véxase foto inferior).

     É nese momento cando Berta Dávila realiza correccións «tanto dos textos como da estrutura do poemario, exclúo poemas, colócoos en distinta orde ou percibo carencias e desequilibrios. No corredor pasan un tempo longo (meses) e atravésoos a diario. Hai días que paso moito tempo traballando diante deles, outros nos que actúo coma se non estivesen, e outros nos que ocasionalmente retiro un texto do seu sitio ou fago unha corrección puntual».

     Velaquí as imaxes do proceso de confección do poema devandito e o resultado final na parte inferior. Grazas á autora pola súa colaboración e o desexo da mellor das sortes con Raíz da fenda (foto superior da autora: Paula Gómez del Valle).

Primeiro

chegou o espertar das sílabas

como o ferver espeso dun volcán,

e a terra derretida atravesándose

igual que un corazón.

 

Despois

abrimos una fenda que era limiar hipnótico,

unha ruptura como un parto.

 

E así foi a palabra

antes da cousa

á que chamaba.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Manuscrito, Poesía | Coas etiquetas , , , , | 1 Comentario

Manuscrito: Alfonso Láuzara

Compartín centro de traballo con Alfonso Láuzara ao longo de moitos anos. Sabía do seu interese pola literatura de noso pero non sospeitaba que era parte integrante, e moi activa, do colectivo A porta verde do sétimo andar. Por iso, no plano persoal, é unha satisfacción traer unha mostra do seu traballo a esta sección. 

    Láuzara, segundo confesa, escribía hai algún tempo moito máis de puño e letra, mais  non prescinde desa escrita de primeira man «que é quizais a que máis nos achega ao oficio enxebre e xenuíno do escritor». No que se refire á dinámica creativa apunta que «case sempre abordo o labor de escribir co bolígrafo preferentemente azul na man, sobre todo cando son as ideas e palabras as que me sorprenden sen ter sido convocadas, de súpeto, ás veces mesmo nos intres máis inoportunos e así certo caudal pérdese porque en diferido xa non é o mesmo! Logo aínda soe haber unha segunda fase con ese predominio da escrita a boli onde os textos xa van tomando algo de forma e corpo; nuns casos saen con certa fluidez en pouco tempo, mais na meirande parte dos casos a verdade é que lle dou moitas voltas e traballo moito sobre eles, o que non quere dicir que o resultado sexa óptimo; nestas dúas fases produzo unha chea de notas algo caóticas en formatos peculiares, o máis frecuente é a típica cuartilla ou folio pregado á metade,  ás veces tamén algún anaco de papel panfletario, ‘servilletas’… e un detalle curioso é que escribo con letra pequena en todas direccións: do dereito, do revés, horizontal, vertical, nas marxes, en todos os espazos e ocos que atopo!  Normalmente esa terceira fase na que os textos xa se van puíndo é a que fago no ordenador».

      Reprodúcense abaixo, unhas notas que se sitúan nunha primeira fase do proceso creativo e logo dous poemas manuscritos: «Palabras»  composición inédita que se incluirá nun poemario erótico moi avanzado que se titulará  Noite-día) e  »Toma de terra» (inspirado nunha foto do fotógrafo portugués Carlos Silva para colaborar no seu traballo Munditações).

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Manuscrito, Poesía | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario

Cando fóramos nevar, de Vicente Araguas

Vicente Araguas

Cando fóramos nevar

Sociedade de Cultura Valle Inclán, colección Soláster, Ferrol, 2013, 72 páxinas.

 

Escrito está nun dos primeiros versos deste novo libro de Vicente Araguas: «escribo lento». Sen que a afirmación, non se esqueza que de filiación poética, anule ou desmereza outras estratexias creativas, que tamén as hai, eu quero ver aquí unha das claves da excelencia deste libro do escritor de Neda: cando hai traballo e pulimento difícil é que o resultado non revele atractivo e interese, e tal é o caso ao meu ver.

         Poesía é, abofé, este Cando fóramos nevar, título que provoca estrañamento nunha primeira instancia pero que ao pouco de afondar nel cobra cabal sentido. Esta entrega de Araguas transita, non sei calibrar ben as medidas exactas, entre o diario poético, a crónica, o testamento vital ou o intento xa non sei se de apreixar o tempo na palabra pero cando menos consegue testemuñar con convicción o «tempo» vivido, pousando os ollos e o intelecto nel: «Para saber quen son / detéñome no tempo».

       O poemario, no que rezuman como en todos os libros do autor nedense,moitas doses de  música e tamén de erotismo, estrutúrase en catro partes e, como toda crítica é subxectiva, non faría ben se non afirmase que a máis atractiva me resultou foi a primeira, aquela que precisamente lle outorga título ao volume. Nela, abeirado ao esencialismo, á palabra máis núa e optando por prescindir do accesorio, asómase a un pasado no que non todo son precipicios e cavorcos pois nesa lenta e laboriosa esculca se rastrexan experiencias gratas e pracenteiras: é aí onde Araguas abraza todo o que se poida abrazar, ou lembrar, e proxéctao cara a un presente desde o que todo escintila ou esmorece de diferente maneira ao que o facía antes.

      Adquire outra intensidade máis narrativa o verso nas dúas seguintes partes do libro -»O berro primal de Yoko Ono» e «Ondequeira que esteades»- e neles segue afondando na evocación dese «tempo que fura», atento sempre ás cousas miúdas, as evocacións que pode espertar un obxecto, unha fotografía, un nome, un aceno lembrado,  unha ollada, un espazo concreto….. Brindase a oportunidade aquí de trazar perfís persoais que resultan igualmente operativos para rescatar e revivir esa rede de afectos que sempre van canda un e que convén non esquecer. Conclúe o libro unha sección onde incorpora tres breves textos narrativos que complementan, diría que con emoción, este libro dun náufrago con palmeira que moitos, nesta parte do planeta, moito apreciamos, literaria e persoalmente.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , , | 2 Comentarios