Category Archives: Premio

V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia

Tiven, outra vez máis, a fortuna de participar no xurado  Premio Literario Escolar Novacaixagalicia que se fallou onte e que deliberou arredor de case catrocentas propostas literarias provenientes dos últimos anos da primaria, ESO e Bacharelato. Como todos os anos resulta para min unha ocasión magnífica que constata, por unha banda, que hai moita mocidade que escribe e que o fai moi ben e,  pola outra banda, testemuña a existencia de novas xeracións que han vir, en ben pouco tempo, a sumarse con eficiencia e talento ao noso sistema literario. Oxalá sexa así. Galardóns coma este, ao meu ver, son moi necesarios e sería doloroso que desaparecesen.

Deixo aquí a información oficial sobre a convocatoria e premiados: parabéns a todos eles!

O xurado do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia reuniuse esta mañá en Vigo para acordar os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón. Finalmente, a lista de premiados foi a seguinte: na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de eso, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de eso, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal).

O xurado estivo composto polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero.

O prazo de presentación dos traballos para o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia, no que podían participar todos os alumnos e alumnas de Galicia que estivesen cursando terceiro ciclo de primaria, eso ou bacharelato, estivo vixente desde o mes de febreiro ata o día 13 de abril. Nestes dous meses e medio en que se abriu a recepción de escritos inéditos e orixinais, chegaron ás oficinas de Novacaixagalicia 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Premio | Coas etiquetas | 1 Comentario

Fallo do XI Certame Literario de relatos de aventuras «Avilés de Taramancos»

O día 27 de abril fallouse o XI Certame Literario de relatos de aventuras «Avilés de Taramancos». Tiven a sorte de formar  parte dun xurado que constituíron o escritor Antonio Piñeiro, o poeta e artista plástico Baldo Ramos e mais quen isto escribe. Como xa é público acordamos outorgarllo ao orixinal titulado O sorriso de Hitler. Unha proposta que, aberta a plica, correspondeu á autoría de Xosé Alfredo Nan Fernández. Particularmente gustoume moito este texto, no que advirto unha gran pulsión narrativa e estou certo que pode servir de excelente carta de presentación para un autor que comeza. Parabéns.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Premio | Coas etiquetas , | Leave a comment

As crebas, de Miro Villar

Miro Villar

As crebas

Espiral Maior, Rutis-Culleredo, 2011, 52 pp.,  12 €

 

Avalado por ser merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral», publicouse xa hai algúns meses As crebas, do poeta ceense Miro Villar, dono xa dun longo percorrido bibliográfico no que se refire, basicamente, á poesía e á crítica literaria, probando fortuna tamén, duns anos para atrás, tanto nos eidos da literatura para primeiros lectores como no das bitácoras da rede cun interesante blogue que recomendo vivamente.

   As crebas, ao meu xuízo, constitúe un dos mellores libros de Villar, un dos máis puídos e intensos. Quen se achegue ás súas páxinas advertirá a construción dun ricaz diálogo de filiación poética con Cernuda e Gamoneda, con Manuel Antonio e Eliot, entre moitos outros, empregando o concepto de «crebas» como símbolo da procura teimuda de todo o que o mar volve, de todo aquilo que a vida volve. O poeta, que se transforma en crebeiro, camiña e camiña ao pé do mar, da vida, para artellar unha sorte de crónica, ou de diario se se quer, no que reivindica con convicción o papel da muller na historia, entre outros aspectos, e espella ao mesmo tempo o sentimento de perda, do que se foi ou está a piques de marchar e que resiste na memoria.

     E alguén como Miro Villar, tan convencido das posibilidades que algunha das formas clásicas pode ofrecer para a poesía de hoxe, ofrécenos un xogo como é o de «disfrazar» trinta e un sonetos brancos en alexandrinos cunha roupaxe narrativa moi acaída que moderniza e actualiza a fórmula con acerto.

      Gustoume esta nova achega de Miro Villar e deséxolle a mellor das singraduras a este poemario na certeza de que o crebeiro seguirá a camiñar.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía, Premio | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario

Premios Fervenzas Literarias

Pola parte que me toca a miña gratitude para Fervenzas Literarias pola organización do premio unha vez máis e a todas as lectoras e lectores pola fidelidade no seguimento do meu traballo, algo que sempre resulta gratificante e anima a continuar. Parabéns igualmente para o resto de premiados e  para os finalistas de todas as categorías.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Opinión, Premio | Coas etiquetas | 4 Comentarios

Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras

 

Diego Ameixeiras

Historias de Oregón

Xerais, Vigo, 2011, 104 páxinas, 16,15 €

 

Hai relativamente poucos meses que os lectores de La Voz de Galicia tiveron a oportunidade de seguir, diariamente, unha narración artellada por Diego Ameixeiras e que dispuxo baixo o título de Historias de Oregón, coa que conseguiu a undécima edición do premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, sumándose ao meu ver con acerto e dignidade á xa  longa nómina de propostas galardoadas neste concurso literario.

         De botarmos unha ollada atrás ás novelas premiadas neste concurso non é difícil albiscar como Diego Ameixeiras, que vén de colleitar un éxito rotundo co seu Asasinato no Consello Nacional, sabe situarse nese ronsel que, desde as instancias dunha limitación espacial determinada, conduce a soster unha trama próxima ás fronteiras do xénero negro. Con todo e se cadra dun xeito máis evidente e consonte cos seus trazos coñecidos como narrador de inequívoca vontade realista, aproveita esta proposta para dirixir unha ollada crítica, por veces incisiva e sempre reflexiva, sobre unha parte da sociedade do noso tempo, exposta sempre cun trazo claro, rápido e limpo. Neste sentido non podo deixar de sinalar que se á Oria de O porco de pé risquiano, lle seguiu aquela feraz e translúcida Auria blanco-amoriana, para entender algunhas das claves motrices dos modos de relación contemporáneos e mesmo para desvelar os recursos aos que obriga a supervivencia en contextos adversos cómpre, sen dúbida, asomarse ás aristas desta Oregón, desta cidade cero, dese transparente trasunto de Ourense polo que Ameixeiras xa transitara noutras entregas e que, alén de espazo físico desde o que irradian sólidas historias, chega a cobrar a un tempo categoría protagónica.

     Historias de Oregón bota a andar co suceso da desaparición dunha moza brasileira. De aquí en diante gandúxanse os fíos desde os que, a través de tramas paralelas expostas con vontade fragmentaria e que logo se irán compoñendo por si soas, un conxunto de personaxes  construídos con solvencia irán entrelazándose e deseñando un devalar cotián heteroxéneo onde  a presenza do malfado, das dificultades e da precariedade vehiculízanse a través de argumentos que recrean ou se espellan na vaga de incendios, na violencia machista, na cobiza polo poder político ou na inestabilidade laboral, constituíndo así focos de atención dunha novela que vai alén do simple divertimento e agocha moitas máis cousas.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 17 de decembro de 2011 baixo  o  título de «Fronteiras vitais na cidade cero».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa, Premio | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario