Category Archives: Relatos

O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga

Beatriz Fraga

O Rei Portador e outras historias

Euseino?, colección Rúa do Lagarto, Vigo, 2012, 74 páxinas,  7 €

 

Nestes tempos menesterosos para unha gran maioría e que fulminan tantos avances conseguidos ao longo do tempo, tamén no que ten que ver co mundo editorial galego cada día máis desasistido dunha política de promoción  e da discriminación positiva que a propia administración debería impulsar, que saia á luz un proxecto como Euseino? é, sen dúbida, unha excelente noticia, polo que ten de afouto e de arriscado. Aínda que fose só por esta razón entendo como unha obriga apoiar iniciativas deste tipo.

        Éo, para min, aínda máis porque a estrea deste selo editorial vén da man de Beatriz Fraga con O Rei Portador e outras historias, autora de  quen coñecía afortunadas entregas nos eidos da tradución e da literatura infantil e que agora ofrece unha proposta que me atrevería a cualificar como infrecuente -malia certas semellanzas, ao meu ver, coa narrativa de longo alento de Begoña Caamaño- no panorama da prosa galega contemporánea pois opta por tripar camiños como son a recreación de motivos que beben da fonte do imaxinario literario mitolóxico ou lendario que, en boa medida, supuxo o comezo de tanta literatura.

         Beatriz Fraga, con todo, non se limita a ofrecer un exercicio ecoico do xa coñecido, escollendo algúns elementos da mitoloxía clásica, fundamentalmente grega e romana, senón que recrea historias con fluidez e coidado estilo nas cales, case de xeito imperceptible, o vector didáctico non se sitúa alleo, malia que a presenza da (re)construción dos motivos clásicos se inspire na idea de proxectalos, en todas as súas dimensións, no presente.

       Velaí como quen se achegue a este texto poderá internarse por historias que latexan talvez nun recuncho poeirento da memoria, pero ás que se lle outorgan unha nova vida chea de forza e intensidade: a do rei mauritano Atlas e a súa maciñeira máxica, a dunha marabillosa torre que explica a existencia de homes e mulleres que cobren o seu rostro con turbantes de cor azul, as lendas do Cabalo de Troia e do Coloso de Roda ou a do fermoso e intenso relato titulado «Berenice», centrado na raíña libia de cabelos dourados.

    Parabéns, sen dúbida, por este primeiro paso da editorial Euseino?, tamén á autora e á súa proposta narrativa: que veñan moitas máis.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Relatos | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Premios Pedrón de Ouro 2010-2011

VV.AA.

Premios Pedrón de Ouro (edición de X.R. Fandiño e David G. Couso)

Toxosoutos, Noia, 250 páxinas, 20 € 

 

É un luxo volver a ollada á colección narrativa na que, durante moitos anos, Ediciós do Castro veu dando a coñecer os relatos galardoados dun certame como é o “Modesto R. Figueirido”, concurso que gañou a pulso un lugar preferente nas convocatorias anuais de premios literarios. Atesóuranse aí ineludibles e extraordinarias voces que foron asentándose, malia que algunhas delas talvez fosen quedando no camiño, no panorama da nosa creación en prosa ao longo de case os últimos corenta anos. É moi longa a nómina de textos galardoados, abofé, pero non quixera deixar de subliñar que desde este chanzo prestixioso transitaron xentes do mundo literario que hoxe en día seguen a vivificar e representar parte do mellor das nosas letras.

       A desaparición de Ediciós do Castro como tal e o pasamento de Isaac Díaz Pardo engadiron o efecto colateral da interrupción da publicación destas compilacións de relatos curtos. Entendo como unha aposta para non deixar morrer o proxecto, así pois, que Toxosoutos decidise adoptar a iniciativa de sumar ao seu catálogo as narracións premiadas en 2010 e 2011, abrindo deste xeito unha nova e esperanzadora etapa de colaboración entre a Fundación Pedrón e Ouro e a editoral noiesa, algo polo que cómpre felicitarse.

     Ademais, esta edición goza dun atractivo especial ao contemplar un estudo previo a cargo de Xosé Ramón Fandiño Veiga no que, entre outros extremos arredor da historia do premio, inclúe unha útil relación de premios, xurados e concellos patrocinadores das trinta e sete ininterrompidas convocatorias, ficando constancia aí das máis de cen voces galardoadas ata o de agora. Sen dúbida, unha valoración cumprida do que se premiou e quen o premiou deitaría algunhas conclusións moi interesantes, mesmo de corte sociolóxico, que non é momento de abordar aquí.

     Mais cómpre falar dos relatos galardoados, malia que sexa brevemente. A edición de 2010 acadouna Xosé A. Naz Fernández, cunha proposta que afonda, con axilidade e excelente documentación, na temática histórica; do mesmo autor incorpórase outro texto co que acadou un accésit onde o máis relevante me parece o suxestivo xogo de perspectivas narrativas que exhibe; Clara do Roxo ofrece, pola súa parte, unha historia sustentada nunha borrascosa relación entre unha nai e mais a súa filla, que serve para revelar claves dun pasado doloroso. Completan esta primeira entrega dignos e interesantes relatos de Francisco Castiñeira, Alberte Momán e F.R. Lavandeira

     Por último, a edición de 2011 comeza coa proposta de Amancio Liñares Giraut, a meu entender unha verdadeira novela curta como as tres premiadas nesta ocasión, quen con ironía, aguillón crítico e unha estrutura acaída, relata vivencias a cabalo entre os EUA e Galicia desde o pensamento dunha curiosa protagonista. Pola súa parte, Ledicia Costas déixanos unha intensa historia de fondo calado social e de moitos soños rotos personificados nunha muller sometida a vexacións e, por último,  é Xaime Domínguez Toxo quen se achega aos eidos dunha distopía construída desde os alicerces que ofrecen os conceptos de destrución, soidade e incomunicación.

       Os meus desexos de boa andaina para estes galardóns e oxalá continúe este proxecto en anos sucesivos.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 10 de novembro de 2012, baixo o título de «Novas voces, máis camiños».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Narrativa, Premio, Relatos | Coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , | Leave a comment

Tinta, de Inma López Silva

Inma López Silva

Tinta

Galaxia, Vigo, 92 páxinas, 12 €

 

Non engana a autora cando sinala, nunha nota previa e prologal do libro, que nestas páxinas os lectores “non atoparán máis unidade que a das teimas, obsesións, as paixóns e a tinta que me correu polas veas ao longo dos dez últimos anos”. Abofé que así resulta e talvez isto abonde pois a meu entender esa unidade outorgada polas devanditas argumentacións xustifica a presenza deste volume compilatorio: teimas, obsesións e paixóns convertidas en palabras ás que a tinta dá vida.

         Tanto para quen coñeza as propostas narrativas anteriores de López Silva –lémbrense algunhas das súas novelas: Concubinas (2002), Neve en abril (2005), Non quero ser Doris Day (2006) ou Memorias de cidades sen luz (2008)-, como para quen se poida achegar por vez primeira a súa narrativa, atopará aquí unha esencia orientativa, e en cápsulas pequenas, das preocupacións e lugares comúns polos que a autora compostelá transita desde que comezou a publicar hai xa ben de anos, isto é, unha mostraxe que resulta operativa para exhibir, en boa parte, as claves da súa estética.

       Quen se entregue a estas páxinas de Tinta, así pois, advertirá ben doadamente como a
acaída descrición de atmosferas, situadas en moi diversas épocas históricas, vai  configurándose como un elemento clave no seo das cales van xerándose argumentos, ás veces etopeas, onde a voz narradora e mais os protagonistas, case sempre unidos a outros personaxes por consanguinidade ou outros fíos, se revelan feitos de contradiccións, por veces guiados polo amor, noutras ocasións polo odio.

      Velaquí, xa que logo, historias que protagoniza un curioso self-made-man na Galicia tardo-franquista, xunto con outras afincadas nunha triste vivencia sentimental e política desenvolta entre EUA, Buenos Aires, París e Galicia –unha póla ou gromo da última novela da autora-;  relatos gobernados pola evocación das vivencias da guerra civil a través dunha voz feminina que trae á memoria o drama do bou Eva, talvez o mellor dos relatos xunto co titulado “Buscar as ninfas”: unha magnífica recreación arredor das dificultades –eses espectros- que un personaxe ten que arrostrar para reclamar, como un acto de xustiza ou vinganza, o título de licenciada que, pola súa condición feminina, lle foi negado no seu día. Para concluír, as particularidades da curiosa biografía persoal dun cura católico inglés xunto cunha sorte de memorandum do que se podería denominar política-ficción sobre o xeneral Franco poñen o ramo, en efecto, a un volume que recrea asuntos heteroxéneos mais sempre desde unha vizosa diversidade técnica e onde cumpre unha función nada desprezable esa ollada irónica ou retranqueira, que sabe distender as situacións, a carón dunha diáfana visualidade nas descricións, algo que me parece de inequívoca filiación teatral como tamén o son esas referencias explícitas a Shakespeare e á súa obra que, en diversas ocasións, agroman nos relatos.

Esta recensión publicouse o 4 de agosto de 2012 nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, baixo o título de «Dez anos en forma de tinta».

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Relatos | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

Hotel Cidade Sur, de Xerardo Quintiá

Xerardo Quintiá

Hotel Cidade Sur

Galaxia, Vigo, 2012, 159 páxinas, 14 €

 

         Apareceu no mercado esta última achega do escritor lucense Xerardo Quintiá  (Friol, 1970) hai  escasos  meses e
non quixera  deixar pasar máis tempo sen apuntar algúns dos valores que, a meu  entender, este  conxunto  de  relatos encerran e subliñar a súa achega como unha das máis salientables do xénero nesta tempada literaria.

    O recurso literario inspirado na práctica da evocación e da lembranza significa, dalgún xeito, un intento de volver apreixar a esencia do que xa foi, resucitar o pasado para  procurar unha posible explicación… Esta aseméllame unha das máximas sobre a que se alicerza este Hotel Cidade Sur: historias en que os protagonistas, sexan da idade que for, porfían na busca dun elemento que os axude a que entenderse a si mesmos, malia que en moitas ocasións non cheguen a ser quen de verse ao outro lado do espello. Quintiá fai uso, para este obxectivo, dun xogo de perspectivas que alternan acaidamente desde o tempo presente, marcado ás máis das veces por esa pretensión amentada de atoparlle certo sentido á propia vida, ata un pasado, non moi remoto, que avivece os seus rescaldos a un ritmo progresivo. Nesa dualidade, os protagonistas das historias, perfilados as máis das ocasións como  pusilánimes, traizoados a si mesmos pola vida ou as circunstancias e marcados polo sentimento da soidade e a orfandade, séntense distintos pois neles vai medrando un sentimento de estrañeza na contorna máis cotiá da súa vida, perseguindo arreo un cambio máis ou menos radical, no intento de responder uns interrogantes que, as máis das veces, só atopan silencio como resposta.

        O espazo que simboliza ese “Hotel Cidade Sur” nuclea, ben sexa a súa contorna física ou os seus interiores, coma se fose o verdadeiro e inmutable protagonista, a totalidade dos relatos pois, dalgún xeito, vén sendo a silandeira testemuña dos encontros entre os personaxes. O Hotel, esa metáfora da cidade de Lugo innomeada, posibilita que o lector repare na relevancia do medio no que aqueles viven e nas maneiras de se relacionar para que, traspasados a outras atmosferas, se expliquen as razóns que deseñan un pouso  diferente neles, característica por outro lado moi común na narrativa e na poesía deste autor lucense. Deste xeito, quen se introduza nestes relatos axiña asistirá a un devalar no que os soños van podrecendo consonte avanza o tempo, revelándose a asfixia que certas monotonías, ou a propia covardía, vai provocando nos protagonistas, aínda que haxa tamén lugar para reparar nos valores da inocencia e doutros sentimentos.

      Especialmente vizosos, parécenme, os relatos nos se transmite limpamente a atmosfera vital na que alentaban uns mozos ou adolescentes nos anos  oitenta, loitando decote contra a incomprensión  e cheos de nostalxias que os engolen unha e outra vez. Mención especial merece o que pecha o volume titulado “A derradeira propina”: texto metaliterario no que se ficcionaliza arredor do escritor Raymond Carver nun momento moi concreto da súa vida cando, xa consciente da súa doenza terminal, concibe un poema xustamente polas rúas lucenses no que evoca situacións e momentos do seu pasado, para pór un punto e final así a unha obra esquecida; preto dese Hotel Cidade Sur, Carver sente “sopridos de recordos que se pousaban dentro, que asentaban nun lugar concreto da súa alma”, o mesmo que aos protagonistas dos outros sete relatos deste volume, para min, ben recomendable.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 7 de xullo de 2012, baixo o título de «Nas almas, sopridos de recordos».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Relatos | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Fraquezas, de Xosé Díaz Díaz

 

Xosé Díaz Díaz

Fraquezas

Biblos, Cesuras-A Coruña, 2011, 120 páxinas, 15 €

Xosé Díaz (Lugo, 1980), malia estrearse moi novo no territorio da literatura galega coa novela O dómine indómito (2004) e mais con A morriña das balas (2006), finalista no seu día do premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, achégase por vez primeira ao xénero do relato curto con Fraquezas, ofrecendo un libro compilatorio que inclúe algúns relatos premiados en diversos galardóns como son o Modesto R. Figueiredo, o “Ourense” de contos ou Os Viadutos do Concello de Redondela

         Nunha primeira lectura dos seis relatos presentados, e ollados globalmente, resulta rechamante a pluralidade de temáticas, estruturas e recursos técnicos empregados e talvez aí repouse un dos seus riscos definitorios, isto é, o libro alicérzase na indiscutible policromía da ollada narrativa do autor, como ben se advirte nas diversas vivencias dun protagonista agonizante que xa non distingue entre o que é real do que non o é; no deseño tanto das curiosas relacións de “inamor” dunha parella como das existencias cotiás que se encerran nun edificio, co pano de fondo dese cansazo que imprime a vida cotiá, sen esquecer aqueloutras vivencias dun loitador xaponés ou as dun mártir palestino retratado poucos momentos antes da súa fin…

         Fraquezas é un título que admite, por suposto, unha chea de interpretacións, mais a que aquí semella prevalecer é a que atinxe a aquilo que pode caracterizar á galería de personaxes humanos que nestas páxinas se deseñan, isto é, protagonistas ficcionais que ven como as razóns que terman dos seus mundos particulares comezan a esboroarse e afundirse, malia que sempre se albisque unha pequena luz, pero luz á fin e ao cabo, que seguir nas súas vidas.

         Díaz, por outro lado, imprímelle aos seus relatos a característica de poder reconstruír, completar ou cubrir lagoas deseñadas á mantenta, caracterizando así un lector que é preciso que participe activamente naquilo que se conta, por veces cun sorriso irónico e sacudindo sempre a sombra da galbana, que algunhas veces pode asomar, ao bater co inesperado, coa loita entre contrarios  asomados a un precipicio no que non é difícil seguir o fío das traxedias persoais e, nalgunha medida, colectivas que por aquí habitan. E todo isto sen descoidar a introdución dun rexistro lingüístico de saibo intensamente popular, cando este é preciso.

         Compráceme a reentrada de Xosé Díaz no río da narrativa de noso. Neste Fraquezas conflúen ecos de autores universais con outros da nosa tradiciónn particular, adozados ambos os dous cun saibo moi persoal e imaxinativo, o que sempre resulta reconfortante.

 

Esta recensión, baixo o título de «Existencias plurais, traxedias comúns», publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 10 de setembro de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa, Relatos | Coas etiquetas , , | Leave a comment