Category Archives: Teatro

#ACunqueiro, en Casahamlet. Revista de Teatro, nº 13

 

Ferreira, Isaac (director)

Cunqueiro. Casahamlet. Revista de teatro, nº 13

Casahamlet-Deputación A Coruña, A Coruña, 2011, 104 páxinas.

 

Sería unha mágoa que concluíse o Ano Cunqueiro sen que algunha publicación reparase na relevancia que a actividade teatral que levou a cabo o mindoniense desde os anos trinta do século XX. Deste xeito, a revista de teatro Casahamlet, e o seu director Isaac Ferreira, converte a súa última entrega nun monográfico, fermosamente editado cunhas espléndidas ilustracións, que reivindica con bo facer a faceta dramatúrxica de Álvaro Cunqueiro , a xuízo dos redactores da  revista, xunto con Ramón Otero Pedrayo, «a fonte máis caudal e poderosa da nosa literatura escénica».

A publicación  estrutúrase, así pois, a través de tres seccións complementarias. Na primeira, baixo o epígrafe de «teoría» un monllo de autores, especialistas nas manifestacións teatrais de Cunqueiro, lectores devotos de Cunqueiro ou estudosos da súa obra literaria en xeral, como son C. C. Morán Fraga, Alfonso Becerra, Ánxeles Cuña, Santiago Fernández, Araceli Gómez, Ramón Loureiro, Roberto Pascual, Cándido Pazó, Luz Pozo e Henrique Rabuñal, intérnanse nos ámbitos da revisión do labor teatral cunqueiriano desde as súas propias perspectivas, proxectando análises de carácter xeral ou descendendo ao estudo de facetas como son as súas pezas vangardistas, o surrealismo, a teatralidade na súa poesía, as interpretacións escénicas do seu teatro, as mulleres no seu teatro ou o relato de experiencias particulares no que ten que ver coa descuberta da dramaturxia de Cunqueiro.

A continuación non presenta menor interese un conxunto de achegas, dispostas baixo o título de «creación», na que se dan a man un ramallo de autores -algúns destacados dramaturgos actuais- que propoñen, case na súa totalidade, pequenas pezas dramáticas en homenaxe e recoñecemento do autor de Merlín e familia. Por último, Isaac Ferreira acrecenta un relatorio que recolle a atención dispensada a Cunqueiro en Casahamlet entre os anos 1998 e 2010.

Unha excelente entrega desta revista histórica, especialmente dirixida para quen se interese polo feito teatral en xeral e no teatro cunqueiriano en particular.

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio, Teatro | Coas etiquetas , , | Leave a comment

V Premio Diario Cultural de teatro radiofónico

 

VV.AA.

V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Edicións Xerais-Radio Galega,  Vigo, 2011, 80 páxinas, 15,55 euros

Sigo, case afirmaría que con devoción, as propostas que se van coñecendo nas sucesivas convocatorias do concurso de teatro radiofónico que organiza a Radio Galega anualmente e, xaora, as respectivas publicacións que recollen con puntualidade, da man de Edicións Xerais e desde hai cinco anos, a totalidade dos galardóns outorgados. Por iso é ben tempo que, malia que sexa brevemente, se dea conta desta iniciativa que, outra vez, inclúe un cedé coas gravacións dos textos teatrais e mais o libro que agrupa a proposta dos textos finalistas e daquela que foi galardoada nesta ocasión, concitando os favores tanto da audiencia coma do xurado profesional, composto por Ana Vallés –prologuista tamén do libro-, Vanesa M. Sotelo, Camilo Franco, Ana Rosales, Ana Romaní e Anxo Quintela.

         X.M. Pacho Blanco, coñecido ata agora pola suxestiva A choiva do mundo, anovadora proposta coa que gañara o premio Torrente Ballester en 2007, é quen subscribe o dobremente premiado Paraísos, onde formula unha alternativa tematicamente inusual entre nós, alicerzada desde un espírito subversivo que apunta ao cuestionamento da propia realidade. Nela fai uso dun rendible recurso como é o de ofrecer teatro dentro do teatro e impulsar deste xeito o protagonismo da propia radio na peza pois esta aparece articulada a través de cortes de carácter informativo arredor dun accidente sufrido polo rei de España, que se vai enlazando con entrevistas, como a que se ofrece con Roberto Bolaño, e outras historias particulares, ningunha delas exenta dun pouso crítico, mesmo provocador, e desde as que se cuestionan moitas cousas.

         Nese ronsel certamente reivindicativo, no que parece un factor común dos textos teatrais galardoados, foron Eva Freixeira Ferreira, Rebeca Montero Martínez e mais Manuel Román quen completan esta entrega erixindo uns textos que suscitan, respectivamente, reflexións sobre asuntos como a bulimia e a tolemia, a práctica dun xornalismo hipócrita e alleo a calquera comportamento ético e, finalmente, a reivindicación dos valores que encerra a liberdade abeirándose á fórmula do teatro do absurdo. Todos eles veñen sumarse con merecemento á nómina de propostas teatrais-radiofónicas ao servizo dos lectores, sexan estes afeccionados ou non a este formato  tan singular desde o que se ofrece un espazo aberto e creativo para a intervención e imaxinación de quen le, mais tamén de quen escoita. Non esquezo, finalmente, que esta iniciativa se trata, ao tempo, dun magnífico recurso para desenvolver algunhas prácticas docentes e fago os meus votos para que este galardón continúe, con tan boa saúde, moitas  convocatorias máis.

 

Esta reseña publicouse baixo o título de «Teatro nas ondas» nas páxinas do suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, o 17 de setembro de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Teatro | Coas etiquetas , , , , , , | 1 Comentario

Diálogos imposíbeis, de Lupe Gómez Arto

 

Lupe Gómez Arto

Diálogos imposíbeis

Laiovento, Santiago, 250 páxinas, 17 €

Este libro de Lupe Gómez non merecería pasar desapercibido entre o que se publicou nos últimos meses pois, alén de estrear unha orixinal colección da editorial Laiovento, está ideado cun espírito transgresor, suxestivamente irreverente e que entendo como un recurso orixinal, desprexuizado, rendible e mesmo lúdico como é o de facer converxer a un grupo de persoas que dificilmente cadrarían entre si, presentadas baixo outra aparencia, revestidos doutra biografía, aínda que doadamente recoñecibles polo lector.

Artéllase así un labirinto no que atopamos a Madonna, Pizarnik, Seoane, Xohana Torres, Novoneyra, Yolanda Castaño, John Berger, Rosalía de Castro, Anxos Sumai ou Lois Pereiro entre moitos outros.  Un universo de ficción, transxenérico e de filiación un tanto surrealista, no que os poemas e mais os diálogos que se manteñen en boa lóxica nunca foron ou serán, ou se cadra si? Lean o libro e xulguen.

 

Este texto publicouse, baixo o título de «Vontade transgresora»,  nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 30 de xullo de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía, Teatro | Coas etiquetas , , | Leave a comment

O triángulo escaleno, de Xosé Agrelo Hermo

 

Xosé Agrelo Hermo

O triángulo escaleno (limiar de Xerardo Agrafoxo e Euloxio R. Ruibal)

Toxosoutos, col. Esmorga (teatro), Noia, 2001,  62 páx., 10 €

 

Na entrega de premios anuais que a Asociación Galega de Editores celebrou hai uns meses na cidade de Lugo un dos editores que recibiron unha merecida homenaxe foi, precisamente, o autor desta peza teatral, inédita ata agora, e que Toxosoutos edita na súa colección A esmorga-Teatro; á que xunta, por certo, a publicación d´O espantallo, con ilustracións de Pepe Carreiro.

         Nesta liña de perseverar na lembranza de Agrelo O triángulo escaleno  prológase, ademais, por dúas voces que afondan nalgunhas dimensións destacables tanto do propio autor como da súa obra teatral en xeral e desta peza en particular.

         O primeiro limiar vén da man de Xerardo Agrafoxo, que subliña o papel que desempeñou Agrelo como iniciador dunha aventura teatral propia baixo o nome de “Grupo de Teatro Candea”, realizando asemade un seguimento das intencións do mesmo e das pezas estreadas, tendo en conta o contexto social e político desfavorable no que esta se xestou e desenvolveu, remarcando globalmente os trazos definitorios das pezas levadas a escena como foron a súa sinxeleza, a nada oculta mensaxe política e a firme defensa do idioma galego.

         Pola súa parte, Euloxio R. Ruibal, para quen Agrelo foi un “completo home de teatro” na súas facetas de director, intérprete, promotor e autor, analiza polo miúdo as pezas teatrais coñecidas ata hoxe como son Noite de lobos, Metá e metá, O mestre, aqueloutras que incardina no ámbito do teatro infantil e, loxicamente, os trazos caracterizadores da presente O triángulo escaleno.

         Unha lectura da peza edita desvela axiña as claves da peza como son o asunto temático inclinado cara ás vertentes das relacións amorosas e sentimentais, expostas de xeito desinhibido e sen tabús,  a intensa carga irónica nas situacións descritas, a superación de tópicos ou preconceptos e, ao tempo, os límites da liberdade individual e colectiva. Por outro lado, a verosimilitude das situacións expostas a carón da innegable fluidez dialogal que domina esta achega, teño para min, resultan algúns dos aspectos máis conseguidos da obra merecidamente rescatada e que pon a figura do seu autor, de novo, de actualidade.

 

              (Foto: Xosé Agrelo)

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Teatro | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Teatro en Baía Edicións

Inacio (ilustracións Óscar Villán)

Fábula galénica

Baía Edicións, A Coruña, 2011, 60 páxinas, 8,65 €

 

Xosé A. Neira Cruz

Pedra sobre pedra

Baía Edicións, A Coruña, 2011, 60 páxinas, 5,77 €

 

Nestes tempos en que os xéneros mal chamados menores teñen aínda unha maior dificultade para chegar a ver a luz cómpre reparar en dúas publicacións que veñen da man de Baía Edicións, en coedición co Agadic, e  que acollen dúas publicacións dramatúrxicas de interese galardoadas, por outra parte, co premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques tanto na modalidade de adultos como na infantil.

A proposta gañadora nesta última modalidade, Fábula galénica, que vén da man de Inacio Vilariño e que conta con ilustracións de Óscar Villán, expón no seu título a diáfana relación coas fábulas de carácter tradicional mais ao tempo opérase nel unha indubidable e  consciente actualización dos seus contidos. Por outro lado resulta un texto, ao meu ver, moi suxestivo no que se refire ás posibilidades de escenificación e, alén de conectar textualmente axiña co lector, está dotado dunha fluidez dialogal moi estimable.

Por outro lado, Pedra sobre pedra, de Xosé A. Neira Cruz, vencedor na categoría de teatro de monicreques para adultos, retoma o asunto da construción do Pórtico da Gloria protagonizado polo Mestre Mateo, afondando na idea do furto intelectual dunha obra artística ou das propias ideas, e asemade no concepto de calumnia. Igualmente suxestivo e aberto no que á posible escenificación se refire, salienta nel a súa atractiva armazón estrutural e expresiva -exemplar e acaído resulta o emprego de fragmentos no verbo dos arxinas ou fala dos canteiros na boca dalgúns personaxes-, alén das numerosas claves metaliterarias e simbólicas traídas con naturalidade e que, como Festina lente, a novela que hai alguns anos publicou Marcos Calveiro, testemuña o que, sen dúbida, aínda  pode dar de si  a temática histórica de noso ollada desde novas e convicentes perspectivas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Novidades editoriais, Premio, Teatro | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment