Category Archives: Textos

Proxección exterior da narrativa galega (e II) [Textos]

       No segundo dos apartados anteditos, isto é, aquel que afecta ás iniciativas que facilitan ou promoven a presenza da nosa literatura, a través da tradución, noutros sistemas lingüísticos, cómpre dicir que, particulamente, advirto dous posibles modelos, ambos os dous vinculados, claro é, coa iniciativa empresarial privada que, ás máis das veces ou ben asume os custos das traducións –contando con limitadas axudas económicas para isto- ou ben facilita a venda ou intercambio dos dereitos da tradución do orixinal galego a outras linguas. Un dos modelos, por citar un caso concreto, é a que se produce ao abeiro dun xénero en auxe como é o do “álbum ilustrado” para os primeiros lectores, da man da editorial pontevedresa Kalandraka, desenvolta cunha perspectiva basicamente empresarial e que se converte nun modelo da proxección “posible e real” para propostas creativas galegas propias e cara a fóra. Tras máis de dez anos desde a súa fundación Kalandraka optou por ampliar e internacionalizar a oferta dos seus produtos. Algúns dos seus orixinais en galego, nomeadamente os que veñen avalados pola súa calidade incontestable no que se refire ao talento creativo, irmandando a potencialidade visual coa proposta discursiva, estenderon o éxito alén das nosas fronteiras traducíndose así a numerosos idiomas, en parte debido ao espallamento das sedes pois alén das emprazadas en diversos territorios do estado para editar nas linguas propias como Cataluña ou Euskadi, crearon outras fóra do estado en Italia e Portugal e subscribiron convenios de actuación conxunta con editoras brasileiras ou mexicanas. Esta internacionalización da empresa é a que posibilita que, poñamos só un caso, Avós, un famoso álbum ilustrado de Chema de las Heras e Rosa Osuna, non só fose publicado en galego, catalán, inglés, italiano, portugués, éuscaro, italiano, senón tamén en chinés, coreano e xaponés, sendo arestora un dos libros actuais deste xénero que está traducido a un maior número de idiomas.
O outro modelo sería o que podería fornecer unha editorial de corte máis xeneralista como é Edicións Xerais de Galicia. Editora que facilita, obviamente, a tradución de obras do seu catálogo a outros idiomas, quer a través da negociación dos dereitos da tradución quer a través da opción do intercambio polos dereitos de publicación doutros orixinais. Deixando esta faceta á parte, isto é, a que se refire ao papel que cumpre o autor ou autora na negociación dos seus dereitos de tradución, por veces determinante, por veces ningún, coido que é interesante reparar nos seguintes datos numéricos en que se sinalan cales son os autores traducidos dun catálogo vivo contemporáneo, un signo relevante para promocionar e exportar a nosa tradición e a nosa realidade literaria de arestora.
Estes datos, no meu poder grazas a Celia Torres, responsable de prensa da editora viguesa e a quen lle agradezo a información, malia seren parciais porque habería que lles engadir os resultados de autores e autoras noutras empresas editoras, contribúe, cando menos, a decatarnos de que, neste concreto catálogo, por esmagadora maioría, son os autores da denominada LIX os que posúen un maior número de libros traducidos, seguidos de figuras de alto fuste como Ferrín, Rivas, Suso de Toro e a maior distancia, Marilar Aleixandre.
        Respecto de autores da LIX ocupa o primeiro lugar Agustín Fernández Paz, cun total de 59 títulos traducidos, maioritariamente ao castelán -21 títulos-, catalán (18) e éuscaro (11). Pola súa parte, Fina Casalderrey, como autora independente, computa un total de 26 títulos traducidos: 10 ao castelán, 7 ao catalán e o resto entre o valenciano, inglés e éuscaro; finalmente, Xabier Puente DoCampo conta con 12 títulos (5 en castelán e catalán, 2 en éuscaro e 1 en portugués).
No resto dos autores, tendo en conta que algúns deles, como Caride Ogando, Marilar Aleixandre ou Fran Alonso obteñen tamén uns resultados nos que cómpre ter en conta que inclúen algún libro da denominada LIX, os resultados, de máis propostas traducidas a menos, distribúense do seguinte xeito: Manuel Rivas presenta 31 títulos traducidos, con algunhas particularidades, como son o se tratar do autor que accede a unha maior pluralidade de linguas pois alén das peninsulares, incluído o bable, a súa obra verteuse ao inglés dos EUA e de Gran Bretaña, ao francés, turco, croata, alemán, xaponés, grego, finés, ruso e italiano. Pola súa parte Suso de Toro presenta 20 títulos traducidos, case con exclusividade en catalán e castelán, agás 1 título en bable; finalmente, Xosé L. Méndez Ferrín, presenta 20 títulos traducidos tamén, sendo 9 ao castelán, 3 ao éuscaro, 2 ao portugués e ao bable e 1 ao inglés, francés, esloveno e valenciano. Por último, é Marilar Aleixandre quen presenta un total de 17 títulos traducidos: 7 ao castelán, 4 ao éuscaro, 3 ao catalán, 2 ao portugués e 1 ao inglés.
Finalmente, outras voces deste catálogo vivo traducidas, simplemente a título informativo, serían –e case sempre ao castelán, catalán, portugués e bable- son: Carlos G. Reigosa, con 8 títulos; Ramón Caride Ogando e Marina Mayoral, con 5; Fran Alonso e Teresa Moure con 4 (esta última cun título en holandés, cousa ben pouco común) e, neste catálogo, con 2 obras traducidas –ignoro os que presentan só 1 obra traducida- serían Alfredo Conde, Neira Cruz, Luís Rei, Vázquez Freire, Perozo, Miranda, María Reimóndez e Queipo.

Conclusión
Con estas reflexións e cos datos que se manexan gustaríame finalizar con algunhas conclusións. Insisto, ao meu ver, nese enorme capital que foi, é e será a nosa produción literaria, nomeadamente a narrativa, que aquí me ocupou, pero qué dicir da poética, ensaística ou dramática –lamentablemente case que descoñecidas fóra de Galicia-. Partindo desta realidade a proxección exterior das propostas creativas nadas na nosa república das letras debería camiñar cara a multiplicarse exponencialmente, xa non só cara ao castelán, catalán e éuscaro, onde como se viu nun catálogo vivo son estes os sistemas literarios de recepción máis salientables dos autores galegos contemporáneos, cunha especial incidencia nos nosos mellores autores da literatura infantil e xuvenil, senón e tamén cara ao francés, inglés, alemán, italiano e, por que non, chinés; o que, sen dúbida, evitaría extremos desagradables como o que o caso Steiner nos fixo ver, pero se se analiza con vagar non tanto porque, convén non esquecelo, cantos lectores viven no noso país de costas á nosa creación e ignoran os textos dos nosos creadores até que estes non se referencian en suplementos literarios españois?
Por outro lado, a nosa situación estratéxica para tender pontes coa lusofonía e coa América Latina por ese enorme ronsel que aínda se palpa nas colectividades emigradas, ou nos seus descendentes, debería contribuír a potenciar estratexias de promoción e presenza dos nosos libros, das nosas autoras e autores, de existiren políticas de auténtica axuda á tradución como medio fundamental para estar fóra, de visibilizarnos, ben sexan estas outorgadas a editoras que aplican políticas empresariais arriscadas ben directamente ao laborioso exercicio da tradución, nunca ben ponderado e do que nós, desde as prosas medievais galego-portuguesas, algo sabemos.
A narrativa galega, por último, pasa ao meu ver por un excelente momento. Non todo o que se publica, loxicamente, adquire unha categoría de excelsitude, mais teño para min que, alén dos grandes autores, que os hai e moi bos, hai un exército de escritoras e escritores de enorme valía e talento que tamén son parte do sistema, que cómpre visibilizar e que afortalarían un sistema, coido, cada vez menos periférico, máis sólido, orgullosamente centrífugo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Ensaio, Literatura, Textos | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Proxección exterior da narrativa galega (I) [Textos]

En novembro do ano 2008 convidóuseme a participar no denominado VI Encontro de Escritores Galegos en Mariñán que contou como tema central Literatura e proxección exterior. Alí expuxen un relatorio que levaba por título «Proxección exterior da narrativa galega» e que agora, catro anos despois, ve a luz na cuarta entrega dos denominados Cadernos de Mariñán, nunha edición ao coidado dos profesores Xosé Manuel Fernández Castro e mais Luciano Rodríguez. Miro Villar, na súa excelente bitácora As crebas publicou unha recensión completa da publicación que se pode consultar aquí. Pola miña banda reproduzo en dúas entregas a miña colaboración que, malia pasaren xa catro anos desde a súa exposición e redacción, e con datos que cumpriría reformular, deixo aquí para quen lle interese.

PROXECCIÓN EXTERIOR DA NARRATIVA GALEGA (I)

Que a nosa creación literaria, nomeadamente a narrativa, posúe indiscutibles méritos para se proxectarse no exterior é, ao meu ver, unha verdade incontestable. Ao pouco de botar unha ollada comparativa entre as novidades de sistemas literarios próximos, léase portugués, castelán, catalán ou, por medio das traducións, o que se dá noutros sistemas como o éuscaro, chégase á conclusión de que, e non quixera que esta se entendese como unha frase chauvinista, que a nosa produción literaria posúe, alén dun ritmo e unha dinámica propias e singulares, moitas das esixencias que unha gran literatura require, polo talento dos seus actores, pola calidade, excelencia e heteroxeneidade das súas propostas, para proxectarse alén das nosas fronteiras.
Mais, particularmente, de que falamos cando falamos da proxección exterior da narrativa galega? Gustaríame lembrar que existe unha publicación na rede que recolle en máis de 700 páxinas un catálogo de obras literarias galegas traducidas a outros idiomas; esta publicación, que non tivo continuidade malia se presentar como unha primeira achega no ano 2003, explicita que, evidentemente, non partimos de cero, aínda que é preciso, nestes tempos, potenciar esta proxección ao exterior.
Entendo, así pois, que aquí cómpre cando menos falarmos de dous niveis de actuación esenciais: a influencia ou “o-que-se-pode-facer” desde as institucións propias, por unha banda, e a influencia ou “o-que-se-pode-facer” desde as empresas privadas, nomeadamente, as editoras galegas, abríndose aquí un espazo fundamental como é o do mercado e, concretamente, o do mercado exterior. Ambos os dous niveis, nalgunha medida conectados, están tamén condicionados, ao meu ver, por unha realidade inexcusable como é o exercicio da tradución, da tradución de textos galegos cara a outras linguas.
No primeiro dos apartados, isto é, a proxección que a nosa narrativa ten no exterior promovida polas institucións autonómicas, que tamén deberían ser estatais, poderíase falar, no vector académico, do labor de difusión da nosa literatura desenvolto no seo dos denominados “Centros de Estudos Galegos” dos “lectorados de galego” nas universidades que, segundo os datos que puidemos conseguir, esténdense nun total de corenta e un centros en todo o mundo e que actúan como focos de información e espallamento da literatura galega, aínda que non só, e que poderían abranguer unha media de dúas mil persoas informadas anualmente de que existimos e de quen somos; centros que as máis das veces están integrados como cátedras de lingua e cultura galegas as máis das ocasións sustentadas polas achegas económicas da Xunta de Galicia. Sen dúbida trátase dunha presenza que podería verse como anecdótica, mais eu coido que é moi importante e da que os seus froitos poderán verse nun futuro próximo.
Outra iniciativa, de corte institucional, e que coido que pode deitar resultados rendibles a curto ou medio prazo, é a presenza das editoras galegas, ao abeiro os máis dos casos de stands institucionais, nas principais feiras de libro do mundo. A presenza de Galicia como país convidado na Feira do Libro da Habana en 2008 resulta, ao meu ver, paradigmática –polémicas fóra e dío alguén que non foi convidado malia participar en parte na redacción dun volume antolóxico de poesía galega- pois por vez primeira o noso país entra sen tutelas nestes ámbitos que son un mostrario internacional de primeira magnitude, e iso é sempre positivo. Ao fío desta iniciativa, que segundo parece gozará de continuidade, o feito da creación do web Galicianbooks.com, coa sección especial de dereitos en venda, coido que abre un camiño interesante e positivo para promover internacionalmente o libro galego. Con todo, malia existiren subvencións institucionais –as da Xunta de Galicia sobre todo  e destinadas a empresas editorias para publicar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en lingua galega- coido que aínda son claramente insuficientes, estando destinados na convocatoria do ano 2007 un total de noventa e cinco mil euros, e con cargo aos orzamentos de 2008 un total de cento catro mil trescentos euros. A este respecto, malia recoñecer os avances realizados nestas propostas, gustaríame citar o exemplo finlandés que pode ser perfectamente aplicable ao noso caso. En Finlandia existe desde hai anos o denominado FILI (véxase http://www.finlit.fi/fili/en/) Finnish Literature Exchange, algo así como unha institución para o intercambio para a literatura finlandesa, concedendo cada ano 510.000 € en concepto de traducións e axudas á impresión a máis de 300 proxectos, prestándolle especial atención á tradución de obras da literatura finlandesa noutros idiomas . Alén disto o FILI dispón tamén de bolsas para viaxes, organiza seminarios e prácticas para tradutores principiantes e outros xa especializados, editan revistas e publicacións sobre a literatura finlandesa e manteñen unha base de datos sobre as obras traducidas, alén de participar en feiras e demais eventos literarios e organizar diferentes acontecementos para promover a prensenza da literatura finlandesa no mundo. Ao meu xuízo velaquí unha estratexia a imitar pola promoción da proxección internacional dunha literatura moi semellante, aínda tan distante, á nosa.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Ensaio, Literatura, Textos | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Textos: «Problemas da crítica literaria»

Estrea o caderno da crítica unha subsección titulada «textos», que achegará referencias de variada índole vinculadas co exercicio ou a práctica da crítica literaria, e cuestións máis ou menos próximas. A desculpa para comezar ofrécema o web da Fundación Casares que, hai uns días, recuperou un texto do autor de Vento ferido publicado orixinalmente na sección «A ledicia de ler» que mantivo en La Voz de Galicia durante algúns anos. O artigo, titulado «Problemas da crítica literaria», viu a luz o 12 de febreiro de 1978, isto é, hai case trinta e catro anos e  resulta, ao meu ver, moi útil tanto para trazar a historia da crítica literaria galega como para realizar un exercicio comparativo do camiño andado desde aquela até hoxe. É un tanto impensable para hoxe o comezo, que Casares emprega como pretexto, no que se dá conta dun comunicado subscrito por cinco asociacións no que se pon en dúbida a honestidade e independencia da crítica literaria ao non se ocupar dun determinado autor ou libro; asemade o artigo é, sen dúbida, fillo do seu tempo, pois a vinculación que se establece entre o exercicio da crítica e a súa filiación con agrupacións e partidos políticos resulta, hoxe en día, igualmente sorprendente, como o son  as propostas que fai da «eliminación do analfabetismo literario»  e mais a demanda «dun tratamento libre da realidade».

     Un texto, reitero, moi interesante que se pode ler  integramente premendo aquí e que  axuda, como dixen arriba, a avaliar os avances nestas angueiras, se os houbo, de onte a hoxe. Grazas á Fundación Carlos Casares por esta achega.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica, Crítica literaria, Textos | Coas etiquetas , , | 1 Comentario