O neno can, de Fina Casaldarrey e Francisco Castro

Fina Casalderrey  / Francisco Castro

O neno can (ilustracións de Patricia Castelao)

Galaxia, Vigo, 64 páxinas, 11 €

 

Saúdo co agarimo e vehemencia precisas que merece un proxecto, que vai alén do literario,  como o que chegou estes días ao meu poder. Trátase d´O neno can, unha obra escrita a catro mans, que non son unhas mans calquera pois tanto Fina Casalderrey como Francisco Castro xa demostraron, amplamente, as súas virtudes como destacados creadores.

     Descoñezo o proceso de creación destes cinco relatos mais como lector intúo que a complicidade debeu ser intensa pois o resultado final, que é o que un valora, fai converxer nos textos  o mellor de cada narrador: sensibilidade, coidada estrutura, axilidade e sinxeleza expositiva, todo posto ao servizo, paréceme, dunha prioridade como é a de contaxiar un andazo saudables como debe ser o de promover os valores da igualdade e da xustiza, para o que idearon historias dominadas pola vontade de exhibir situacións, capítulos da vida cotiá, das diversas vidas cotiás, que afectan a nenos e nenas que ven conculcado o seu dereito a levar unha vida digna, quer polas súas discapacidades, polas insalvables dificultades no contexto social no que alentan ou polos abusos a que son sometidos.  É evidente que en cada un dos relatos repousa unha intención de querer ir sempre máis alá, isto é, de construír un artefacto literario que, ademais, resulte operativo para abrir os ollos, para reflexionar arredor do universo da nenez e confirmar que non todos os nenos e nenas participan de circunstancias que serían desexables dentro das contempladas na chamada Convención dos Dereitos da Infancia.

   O libro contribúe, con rotundidade e para todas as idades, a derrubar as barreiras que se conteñen nunhas citas iniciais que actúan como pórtico dos contos, por certo interpretados fantasticamente a través das ilustracións de Patricia Castelao. Por todo o dito deséxolle a mellor das sortes a este libro, que se lea e difunda,  pois literariamente parécenme relatos intachables. Participo da idea que non estaría demáis axudar a unha iniciativa solidaria que agroma da vontade creadora e igualmente solidaria de dous autores de noso e dunha editorial galega  que destinará parte dos seus beneficios a UNICEF. Parabéns por esta proposta e que colleite moitos éxitos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crítica literaria, Narrativa | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Antonio Fiz Fernández: memoria (viva) de Castelao

Ao titular onte «Memoria de Castelao» un breve comentario arredor da biografía do rianxeiro subscrita por Valentín Paz Andrade, e que Galaxia reedita estes días, lembrei unha das experiencias máis gratas que vivín hai algúns días en Buenos Aires. Tal foi, entre outras sobre as que prometo escribir en canto afrouxen os compromisos e traballos,  a descuberta e mais unha breve e intensa conversa   que puiden manter con Antonio Fiz Fernández, un reputado médico e especialista en antropoloxía cultural, que cos seus 96 anos remarcou o orgullo atesourado por pertencer, no seu día, á chamada Irmandade Galega de Bos Aires: unha institución asociativa e progresista que, ao longo dos anos corenta, constituíu unha sorte de garda pretoriana de Castelao, acompañándoo desde pouco despois da súa chegada á cidade porteña até o seu falecemento. Cadrou que coñecese  a Antonio Fiz Fernández e á súa esposa Olga  -ambos os dous na foto de embaixo grazas á profesora e xornalista Mariana Ruiz-  nunha visita ao Hospital do Centro Galego bonaerense, onde tiven ocasión de coñecer o espartano cuarto hospitalario onde morreu Castelao, a habitación 202 chamada tamén «Museo Castelao», conservada tal cal aquel día de xaneiro de 1950, cunha única intervención que consistiu na apertura posterior dunha ventá, orientada a un corredor interior, na que situaron en diversos andeis obxectos, fotos e cartas de Castelao (véxase a foto superior). Aquilo supuxo entrar nunha sorte de cápsula do tempo da que tardei en saír un tanto conmocionado.

    Tamén visitou ese cuarto Fiz Fernández e a súa esposa, Olga. Testemuñei como  en ambos os dous se agrandaba unha emoción sincera e  intensa ao saír daquel espazo que semellaba, máis ben, un verdadeiro santuario laico, para min totalmente descoñecido. Transmitían así,  silandeiros mais con elocuencia, o sentimento que a evocación de Castelao proxectaba en quen tiveron a sorte de tratalo, coidalo e coñecelo; tamén de recoñecelo en vida asumindo a verdadeira dimensión do papel histórico que desenvolveu.

     É ben posible que hoxe a figura de Fernández Fiz, aquén mar, estea inxustamente desdebuxada, cando non ignorada. Nesta ligazón, do Portal Galego da Língua, pódese atopar algunha información sobre a súa traxectoria. Un pracer coñecer a Antonio Fiz e Olga, beizón.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Opinión | Coas etiquetas , , | 4 Comentarios

O país como tarefa literaria

Alén dos traballos de corte máis puramente biográfico, que os houbo, extraordinariamente documentados e moi precisos para divulgar a traxectoria vital de Paz Andrade, apareceron outras publicacións guiadas pola vontade de rescatar e pór ao día algúns títulos ou obras do escritor pontevedrés.

 UN LIBRO AURORAL

Entre os máis salientables cómpre se referir á reedición facsímile de Galicia como tarea que levou a cabo Edicións Xerais de Galicia: un volume hoxe inatopable na súa versión orixinal e que se publicara inicialmente polas Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires e que, nesta ocasión, chega acompañado dun completo estudo introdutorio do que se responsabiliza Ramón Villares. Galicia como tarea resultou, e resulta, operativo para cifrar con fortuna  o obxectivo perseguido polo seu autor ao longo da súa vida pero, ademais disto, é considerado como un libro auroral do estudos socio-económicos galegos, un libro vixente para ollar o futuro con intelixencia, con dinamismo e esperanza.      

 

POESÍA COMPLETA

A mesma casa editorial acolleu tamén outro volume  que reformula ou redimensiona de vez a faceta poética de Paz Andrade coñecida ata agora. Refírome ao volume Poesía completa que, da man do profesor Gregorio Ferreiro Fente, é quen de ofrecer non só os tres libros poéticos que figuran na súa bibliografía senón unha inxente e realmente sorprendente obra lírica inédita e dispersa, entre a que se integran varios poemarios completos aos que se lle deu forma no período da Guerra Civil española como os titulados A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937) ou Cantos da aguia e do lobo (1937), alén de recuperar outros posteriores.

 

DIVULGACIÓN

         Para concluír coas reedicións, neste caso de pezas creativas máis ou menos breves, e desde unha perspectiva que contempla unha finalidade divulgativa, cómpre non esquecer tanto a Biografía. Antoloxía (Xerais) que subscribe Charo Portela e na que incluíu, na súa parte conclusiva, un variado repertorio de textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de especial utilidade para que o lectorado máis novo tome contacto coa obra do escritor de Lérez. Neste mesmo sentido é preciso acrecentar a Antoloxía (Galaxia) da que se responsabilizou o xornalista Xan Carballa na que, alén dun sintético percorrido biográfico  previo, engade unha extensa escolma que vai rescatando textos de diversos xéneros e que recalan nos asuntos que ocuparon a atención de Paz Andrade con máis intensidade, incorporando ademais algúns textos practicamente descoñecidos e outros de difícil acceso hoxe en día, articulados orixinariamente como discursos e ou colaboracións xornalísticas.

 

 MEMORIA DE CASTELAO

          A comezos dos anos oitenta do pasado século,  Valentín Paz Andrade repara que para coñecer a traxectoria vital de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao só se podía acceder a  algúns achegamentos de carácter parcial. Decatábase da existencia dunha eiva, a dos ensaios de carácter biográfico, aínda ben evidente hoxe agás algunhas excepcións. Deste xeito, beneficiándose do trato que mantivo con Castelao, mais tamén recadando datos e información, documentos e testemuños aquí e acolá, nun período sorprendentemente limitado que revela a súa intensa capacidade de traballo sendo xa octoxenario, logra dar cabo e publicar, en 1982, Castelao na luz e na sombra naquela exemplar colección que Isaac Díaz Pardo dirixía baixo o título de “Documentos para a historia contemporánea de Galicia”. Aquel libro reedítao agora a editorial Galaxia estreando a colección “Grandes biografías” cun limiar de Miguel Anxo Seixas Seoane. Unha obra monumental, case inaugural no eido das biografías de grandes personaxes galegos,  na que o seu autor exhibe, por outro lado, unha inequívoca vontade estilística que harmoniza coa pulsión do biógrafo, do historiador e a do erudito, conseguindo un resultado admirable. Unha lectura, ou relectura, absolutamente imprescindible.

 

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La  Voz de Galicia, o 12 de maio de 2012, baixo o título de «O país como tarefa literaria».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Día das Letras, Ensaio, Poesía, Valentín Paz Andrade | Coas etiquetas , , , , , , , | 1 Comentario

Todo Celso Emilio Ferreiro en imaxes (Novas CEF XLIV)

Magnífico este vídeo de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro realizado polo Equipo de Normalización Lingüística do CPI Celso Emilio Ferreiro de Vigo. En seis minutos ofrécese un percorrido, empregando imaxes e música, que recolle esplendidamente a súa biografía, o perfil literario e o seu lado máis humano.  Tal e como era de agardar, porque ademais levan o nome do poeta, o resultado é estupendo. Parabéns!

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Video | Coas etiquetas , , | Leave a comment

V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia

Tiven, outra vez máis, a fortuna de participar no xurado  Premio Literario Escolar Novacaixagalicia que se fallou onte e que deliberou arredor de case catrocentas propostas literarias provenientes dos últimos anos da primaria, ESO e Bacharelato. Como todos os anos resulta para min unha ocasión magnífica que constata, por unha banda, que hai moita mocidade que escribe e que o fai moi ben e,  pola outra banda, testemuña a existencia de novas xeracións que han vir, en ben pouco tempo, a sumarse con eficiencia e talento ao noso sistema literario. Oxalá sexa así. Galardóns coma este, ao meu ver, son moi necesarios e sería doloroso que desaparecesen.

Deixo aquí a información oficial sobre a convocatoria e premiados: parabéns a todos eles!

O xurado do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia reuniuse esta mañá en Vigo para acordar os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón. Finalmente, a lista de premiados foi a seguinte: na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de eso, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de eso, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal).

O xurado estivo composto polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero.

O prazo de presentación dos traballos para o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia, no que podían participar todos os alumnos e alumnas de Galicia que estivesen cursando terceiro ciclo de primaria, eso ou bacharelato, estivo vixente desde o mes de febreiro ata o día 13 de abril. Nestes dous meses e medio en que se abriu a recepción de escritos inéditos e orixinais, chegaron ás oficinas de Novacaixagalicia 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Premio | Coas etiquetas | 1 Comentario