-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Tag Archives: Agustín Fernández Paz
Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz
Corazón de pedra (ilustracións Federico Delicado)
Oxford, Á árbore da lectura, nº 15, Madrid, 2011, 87 páxinas, 7,90 €
Internarse polas páxinas dun libro de Agustín Fernández Paz resulta sempre unha regalía, sexa este, por criterios editoriais, especificamente dirixido a unha determinada franxa de idade ou non; no meu caso sempre me achego a eles prescindindo de todo preconcepto e non atopei aínda, no caso do autor de Non hai noite tan longa, ningún que me defraudase.
Particularmente gocei con este Corazón de pedra, profusa e magnificamente ilustrado por Federico Delicado que ofrece, ao meu ver, unha lectura plástica moi atinada da historia que Fernández Paz propón, harmonizando o fantástico, o onírico e o realista con grande efectividade. A narración sitúase a cabalo entre a novela curta e o relato de certa extensión e nela, o escritor vilalbés, segue a manter a súa característica
fluidez e a naturalidade no discurso narrativo para recrear con habilidade o contexto realista, espellando o interese polo mundo dos libros e, nesta ocasión, debruzarnos a unha imaxinativa e suxestiva historia protagonizada pola pequena Brenda, quen nos fai acreditar, outra vez, nos valores da suxestión, do coñecemento, da imaxinación e a fantasía a través da atención prestada ás lendas de carácter popular e en moitos casos de transmisión oral, reactivadas deste xeito con fortuna a través da recreación que se realiza dunha delas protagonizada por un dragón, que comparte espazo con outras lendas de interese non menor.
O autor, ademais, sabe dosificar cando cómpre certos enigmas que turran con forza do ánimo do lectora ou da lectora, entre os que se atopa a presenza dun tímido e misterioso escritor, seica inspirado por fin a través do que fai e simboliza a pequena Brenda e que, se cadra, algo terá que ver co resultado final que aquí se presenta. Celso Emilio xa dicía no seu célebre poema que «Os corazós dos homes / que ao lonxe espreitan, / feitos están
tamén / de pedra.» Este Corazón de pedra aquí recreado non é dun ser humano, pero resulta marabilloso todo o que del se pode aprender.
Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz
Fantasmas de luz
Xerais, Vigo, 2011, 192 páxinas, 15,50 €
Agustín Fernández Paz colleita, nos últimos tempos, éxitos e recoñecementos literarios que non teño dúbida en valorar como xustos e ben merecidos. O autor podería optar, e sería ben lícito facelo, por volver tripar camiños xa transitados mais, moi polo contrario, o escritor vilalbés prefire seguir na procura de novas olladas que permitan achegarse a outras perspectivas que permitan visualizar ángulos do noso tempo talvez mal iluminados.
Con todo non é, xustamente, esa a lectura novidosa que cumpriría facer dun elemento axial que percorre a novela como é a homenaxe que se rende ao universo cinematográfico e á súa influencia nas nosas vidas pois este é un asunto ben presente na nosa tradición literaria desde o Ilustrísima de Casares ata moitas das obras ou poemarios contemporáneos. Mais si o é o feito de que o cine e as referencias cinematográficas sexan o alento vital que explica a vida de Damián, profesionalmente vinculado ao traballo das antigas salas de proxección para quen a vida pasa polo filtro melancólico das películas visionadas mais que, dun día para outro, vai verse privado do seu traballo. Ese é o momento no que, parella a unha transformación operada nel e na súa esposa, nace se se quere outra novela, isto é, cédeselle espazo tanto para a reflexión sobre o devalar da relación sentimental coa súa esposa como para retratar as consecuencias da exclusión social derivada dos fortes tentáculos dun neoliberalismo que afoga o mercado do traballo e esnaquiza conquistas sociais dun sopro, adoptando literariamente unha solución extraordinariamente efectiva como é a de se abeirar ao xénero do fantástico, ganduxándose con eficacia nos ámbitos do cotián a través da ensamblaxe que nuclea dous clásicos de H.G. Wells levados á pantalla como foron “O home invisible” e “O home sen sombra”. E é nesta parte conclusiva onde se percibe certa airexa esperanzadora suxerindo que talvez sexa posible cambiar moitas cousas.
A novela, sen dúbida, encerra o poder de espertar a conciencia cívica á marxe de que estudadamente suxira distintos niveis de lectura pois a proxección das exclusións sociais vai alén das motivadas puramente pola precariedade laboral. Nela, finalmente, entendo como un acerto incluír, a xeito de “tomas extra”, un conxunto de relatos que ben achegan novos perfís respecto de personaxes que pasean pola novela ben afondan nalgún asunto só levemente aludido na novela, sen esquecer a presenza dunhas fichas comentadas polo autor que reparan en varias das películas amentadas polo protagonista. Mágoa dun making off que xa sería trazar un círculo perfecto nesta magnífica aliaxe entre cine, vida e literatura, pero iso ben nolo pode relatar o autor noutra ocasión.
Parabéns, abofé, por este novo galano que é Fantasmas de luz: unha nova mostra do indiscutible talento do seu autor que, nesta ocasión, vén de mans dadas coas ilustracións doutro grande como é Miguelanxo Prado.
Esta recensión publicouse o 21 de xaneiro de 2012 baixo o título de «Un ´timeline` do noso tempo» nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia.
Ler para transformar o mundo, discurso de Agustín Fernández Paz na FIL de Guadalajara
Coñezo, a través de Xerais e dun amigo a quen aprecio, a edición do texto que Agustín Fernández Paz leu no discurso previo á entrega do Premio Iberoamericano SM que se lle entregou na FIL de Guadalajara o 29 de novembro de 2011.
Recomendo a lectura desta peza que Manuel Bragado denominou con tino como «o discurso dos abrazos» pois, sen dúbida, hai moito disto nestas reflexións. Alén dos agradecementos que resultan de regra, o escritor vilalbés transmite limpamente as vivencias dun soño que o conduciron até ese intenso momento da entrega dun galardón que implica un xusto recoñecemento internacional á súa obra. Fernández Paz compón, co coidado dun ourive, inequívocas e valiosas reflexións sobre o oficio de escribir, na realidade unhas concisas e contundentes ideas-eixe sobre a necesidade da lectura e a escritura.
Son moitos os momentos, e mesmo as definicións ou sentenzas, memorables desta pequena alfaia. Cito só o relato da formación lectura dunha persoa que, en expresión afortunada, decidiu un día atravesar o outro lado do espello e contar as súas propias historias; refírome á definición de lectura como «pracer que se contaxia» ou de escribir como «tecer unha tea cos fíos da propia vida» e subliño, por último, a diáfana exposición do que son as claves da súa proposta literaria e a reivindicación tanto das medidas de promoción da lectura como da dignificación da literatura xuvenil e infantil na que Fernández Paz é un motivo de orgullo, como o é da literatura, en maiúsculas, de noso. Nestas páxinas hai máis cousas pero aquí só quería subliñar algunhas e convidar quer á lectura do mesmo (pódese baixar en pdf ao final desta ligazón) quer a escoitalo nesta gravación que recollo vía brétemas. De novo a miña gratitude a Agustín Fernández Paz por estas palabras, outra vez, luminosas.
Fernández Paz: esperanza
Outra vez cómpre recoñecer o que significa Agustín Fernández Paz para a literatura galega e mais para a literatura infantil e xuvenil especialmente. Que un galardón de proxección internacional como o Premio Iberoamericano SM de Literatura recaia nun autor da literatura de noso que tanto fixo por gañar lectores, por abrir con talento novos horizontes de ficción e por normalizar a lingua na que se expresa literariamente é, sen dúbida, un motivo de enorme satisfacción.
Animo a ler e a reler as súas obras. Comparto a ledicia dos que admiramos a súa traxectoria e dos que nos sentimos preto do autor como visitantes dun corpus literario solvente, que non parou de medrar e que adquire novas irisacións a cada entrega, como testemuña o seu recente Non hai noite tan longa. Porén tamén penso que, sen que Fernández Paz o sospeite, este galardón enche de esperanza aos que cremos nas posibilidades das nosas editoriais e dos nosos libros e autores: rebate, con feitos, ese suposto ensimesmamento das nosas letras. Grazas, Agustín!
Este artigo de opinión sae publicado, nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, o 13 de setembro de 2011.
Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz
Contos por palabras (ilustracións de Enjamio)
Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2011, 16ª ed., 128 páxs., 9,10 €
Afirmar algo novo, a estas alturas, dun clásico da nosa literatura infantil e xuvenil como Contos por palabras, Premio Lazarillo en 1990, incluído na Lista de Honra do IBBY en 1992, Premio lecturas Galix no 2003 e elixido como un dos dez títulos imprescindibles da LIX española do século XX, é labor ben complexo e só significaría reiterar o que a crítica e o favor dos lectores veñen testemuñando desde hai xa vinte anos. Por esta razón aplaudo esta nova e especial edición que, ademais, vén acompañada tanto dun epílogo do autor como do galano que representa un novo relato.
O epílogo, titulado «Vinte anos de anuncios», exposto en clave evocativa e literaria, resulta operativo para percorrer as principais razóns que levaron a Fernández Paz a idear este libro, a dinámica seguida no proceso de creación e mesmo algúns elementos de filiación biográfica que o autor confesa ver espellados nestas páxinas. Por outro lado, o novo relato que se rescata da mesma época en que os restantes contos se escribiron, xúntase con acerto aos anteriores. Neste «Un león en apuros» reaparece aquel Doutor Nogueira que protagonizara algún libro do autor e que nos achega, nun exercicio tecido con fina ironía e fluidez narrativa, a un universo en que a homenaxe ao mundo do circo resulta ben palmaria…., universo tan precisado por certo deste tipo de recoñecementos, aínda que só sexan por plasmar o que significaba aquel espectáculo para os que o viviamos con ilusión. Sen dubidalo deséxolle mil primaveras máis a estes Contos por palabras, ben as merecen.


