Tag Archives: Álvaro Cunqueiro

«No niño novo do vento» de Álvaro Cunqueiro, desde a India

Vía Carta xeométrica

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Video | Coas etiquetas , | Leave a comment

haberá Primavera, de Álvaro Cunqueiro e César Morán

 

Álvaro Cunqueiro e César Morán

Haberá primavera.  Catorce poemas. Catorce cancións

Editorial Galaxia, Vigo, 58 páxinas, 29 €

 

Se cadra ningún día mellor ca hoxe para gozar deste libro-cedé que tan requintadamente edita Galaxia para homenaxear a memoria de Cunqueiro. As magníficas imaxes de Seoane que ilustran o volume constitúen un engado situado ao mesmo nivel que o traballo de César Morán, quen interpreta con talento trece poemas do mindoniense e un de colleita propia.

   Os textos musicados e mais os comentarios que estes suscitaron a Morán desvelan con tino e acerto moitas das claves da poesía cunqueiriana. Completa a edición outro cd coa entrevista que Morán lle realizou a Cunqueiro, a derradeira que concedeu, en 1981: un dos diálogos de fondo literario máis brillantes dos coñecidos até agora. Un libro, por todo isto e máis razóns, preciso e insubstituíble.

Esta breve recensión publicouse nas páxinas de «Cultura» de La Voz de Galicia, baixo o título de «As claves da súa poesía» o 22 de decembro de 2011, día do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Divulgación, Efeméride | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Cunqueiro fronte ao espello

As páxinas culturais de La Voz de Galicia, entre outras colaboracións, acollen hoxe un artigo no que recollo, parcialmente, unha pequena mostra dalgunhas das declaracións que Álvaro Cunqueiro foi espallando en diversos medios sobre si mesmo. Compártoo  aquí:

 

Na faceta máis estritamente biográfica sobre Cunqueiro a achega de Armesto Faginas configúrase aínda hoxe como insustituíble. Con todo, ás opinións que estudosos do seu percorrido vital e ás voces testemuñais daqueles que o trataron, existe un capítulo, non exento de interese, que desvela certas claves da figura cunqueiriana. Tal é o constituído polas respostas que el mesmo ofreceu aos  xornalistas que indagaban arredor do seu perfil máis humano. A este “Cunqueiro por si mesmo”, con todo, cómpre achegarse con certa cautela, tendo ben presente a súa capacidade de fabulación, malia que neste caso teño para min que foi bastante sincero ao se referir ás esferas do máis privativo.

         Malia que, segundo avanzan os anos, o escepticismo respecto da vida vai aumentando, nos anos cincuenta, e recluído en Mondoñedo, Santiago Lamas consegue que se autodefina como “vago, fantástico, cordial”, con longas horas de descanso e con tendencia a deixalo todo para última hora, trazos aos que engadiría os de “carnal, humano e humilde” ao xornalista Pedro Rodríguez. Pouco despois, Segundo Mariño obtería as respostas de que se vía como “supersticioso, perezoso, buen lector y con algo de espíritu profético” e a Tico Medina confésalle que é un home “a quien le gusta la vida, que ve con cierta melancolía como se van los años… Humilde, comunicativo, dialogante… Pero al mismo tiempo solitario.” E, en  efecto, a soidade como elemento definitorio da súa personalidade é un risco apuntado xa nos anos trinta a Filgueira Valverde –“Góstame a soidade”-, entendendo tal apetencia como algo impropio dun  “home feliz”.

         Sobre os conceptos de fabulación e mentira nas relacións humanas faille saber a Mª Dolores Serrano, a finais dos sesenta desde as páxinas de La Gaceta Ilustrada: “Yo no tengo afición a mentir. Pero tengo necesidad de fabular, incluso en mi relación con los otros seres humanos. Me parece que doy mejor por el camino de lo inventado que por el de lo real. Por las mismas razones siento verdadera debilidad por los anacronismos. Tengo necesidad de mezclar”. Mais no ámbito da imaxinación xorde sempre o Cunqueiro máis faiscante ao confesarlle a Francisco Umbral  que “hubiera querido ser cocinera de un ministro. De un ministro gallego del siglo pasado”; ao responderlle a Tomás Santidrián sobre cal sería a pregunta máis odiosa e responder que “siempre puede haber una que lo sea más” ou, finalmente, ao sorprender ao amentado Tico Medina co seu desexo de querer reencarnarse nun cervo dos Ancares para: “poder bajar una de aquellas hermosas mañanas de abril, dónde tendría que ser, naturalmente, hasta las nieblas del río, mordisqueando alguna fresilla silvestre”. Cunqueiro por Cunqueiro: inimitable aínda hoxe, no día que faría cen anos.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Efeméride, Opinión | Coas etiquetas , | Leave a comment

#ACunqueiro, en Casahamlet. Revista de Teatro, nº 13

 

Ferreira, Isaac (director)

Cunqueiro. Casahamlet. Revista de teatro, nº 13

Casahamlet-Deputación A Coruña, A Coruña, 2011, 104 páxinas.

 

Sería unha mágoa que concluíse o Ano Cunqueiro sen que algunha publicación reparase na relevancia que a actividade teatral que levou a cabo o mindoniense desde os anos trinta do século XX. Deste xeito, a revista de teatro Casahamlet, e o seu director Isaac Ferreira, converte a súa última entrega nun monográfico, fermosamente editado cunhas espléndidas ilustracións, que reivindica con bo facer a faceta dramatúrxica de Álvaro Cunqueiro , a xuízo dos redactores da  revista, xunto con Ramón Otero Pedrayo, «a fonte máis caudal e poderosa da nosa literatura escénica».

A publicación  estrutúrase, así pois, a través de tres seccións complementarias. Na primeira, baixo o epígrafe de «teoría» un monllo de autores, especialistas nas manifestacións teatrais de Cunqueiro, lectores devotos de Cunqueiro ou estudosos da súa obra literaria en xeral, como son C. C. Morán Fraga, Alfonso Becerra, Ánxeles Cuña, Santiago Fernández, Araceli Gómez, Ramón Loureiro, Roberto Pascual, Cándido Pazó, Luz Pozo e Henrique Rabuñal, intérnanse nos ámbitos da revisión do labor teatral cunqueiriano desde as súas propias perspectivas, proxectando análises de carácter xeral ou descendendo ao estudo de facetas como son as súas pezas vangardistas, o surrealismo, a teatralidade na súa poesía, as interpretacións escénicas do seu teatro, as mulleres no seu teatro ou o relato de experiencias particulares no que ten que ver coa descuberta da dramaturxia de Cunqueiro.

A continuación non presenta menor interese un conxunto de achegas, dispostas baixo o título de «creación», na que se dan a man un ramallo de autores -algúns destacados dramaturgos actuais- que propoñen, case na súa totalidade, pequenas pezas dramáticas en homenaxe e recoñecemento do autor de Merlín e familia. Por último, Isaac Ferreira acrecenta un relatorio que recolle a atención dispensada a Cunqueiro en Casahamlet entre os anos 1998 e 2010.

Unha excelente entrega desta revista histórica, especialmente dirixida para quen se interese polo feito teatral en xeral e no teatro cunqueiriano en particular.

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio, Teatro | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Poesía 1933-1981 e Álvaro Cunqueiro en Ortigueira

 

Álvaro Cunqueiro

Poesía 1933-1981

Galaxia, Vigo, 2011, 308 páxinas, 19,90 €

 

Constituía realmente unha necesidade, e deixar pasar este ano sería unha oportunidade lamentablemente perdida, a de ofrecer aos lectores unha edición da obra lírica de Álvaro Cunqueiro que, dalgún xeito, puidese incorporar esoutras composicións poéticas que ata hoxe non se compilaran en forma de libro e que durmían no esquecemento das hemerotecas. Este foi o obxectivo dos profesores Xosé-Henrique Costas e mais Iago Castro que xuntan nun volume, alén do neotrobadoresco Dona do corpo delgado publicado en 1950 e desa peza única chamada Herba aquí e acolá, volvendo recoller aquí  só os poemas que se presentaban na edición de 1980,  a sección Outros poemas, talvez o capítulo de maior interese, sobre todo por se completar con medio cento de composicións, escritas maioritariamente entre 1933 e 1960, recollidas agora por vez primeira en forma de libro.

          Non menos celmosos resultan os denominados “poemas apócrifos”, con 13 composicións que, nese xogo paródico tan do gusto do mindoniense, deu a coñecer como supostas traducións de poetas estranxeiros que, na realidade, nunca foron nin existiron, ou máis ben foron e existiron unicamente na súa imaxinación. Velaquí, así pois, un grupo de  “alófonos fantásticos”, en feliz terminoloxía dos seus introdutores, talvez a parte máis substanciosa e suxestiva do que esta achega supón. Por último, a edición complétase co epígrafe “Paratextos” un feixe de apuntamentos, comentarios ou debuxos que do autor sobre os novos poemas ou sobre as falsas traducións. Mágoa, unicamente, que a publicación ignore a referencia, como debería ser de regra a meu entender, da fonte desde a cal estes poemas aparecen aquí felizmente rescatados.

         Con todo, esta Poesía 1933-1981 vólvenos ao pracer de asomarnos a esa sorte de manantío, textual e literario, seica inesgotable e sempre novo, que simboliza a poesía cunqueiriana para a nosa tradición literaria.

 

O CUNQUEIRO MENOS COÑECIDO

 Claudio Rodríguez Fer (editor)

Álvaro Cunqueiro en Ortigueira

Consello da Cultura Galega-Concello de Ortigueira

Ed. non venal, Santiago de Compostela, 2011, 56 páxinas.

       

Por outra banda, o Consello da Cultura Galega e mais o Concello de Ortigueira impulsaron unha publicación, de carácter  non venal e introducida documentadamente polo profesor Claudio Rodríguez Fer, na que se recollen, logo dunhas palabras limiares de Ramón Villares, unha serie de artigos que Cunqueiro publicou en Era Azul, un semanario editado en Santa Marta de Ortigueira, e outros tres textos que viron a luz en “La Voz de Ortigueira” nun tempo posterior a aquel outubro de 1936, cando o mindoniense se establece neste vila costeira para se dedicar á docencia nun colexio privado; un labor que compaxinará coa redacción de colaboracións inspiradas nos principios ideolóxicos do falanxismo, o que posteriormente lle abrirá as portas para seguir unha traxectoria profesional sempre relacionada coa práctica do xornalismo.

   Alén dos contidos que encerran nestas prosas exhumadas,  de carácter fortemente apoloxético respecto da causa falanxista e, nalgúns momentos, de tonalidade intensamente ultraconservadora, o certo sempre é que se amosan gobernadas por un peculiar e significativo caudal imaxinativo, de xinea culturalista e, sobre todo,  posibilitan un cabal e rigoroso coñecemento das actividades que Cunqueiro desenvolveu nun período moi concreto como foi o da propia guerra civil.

 

Esta recensión saíu publicada nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 1 de outubro de 2011 baixo o título de «Universo Cunqueiro».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Efeméride, Poesía, Xornalismo | Coas etiquetas , , , , , | 2 Comentarios