Tag Archives: Antonio Piñeiro

Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade man a man (en Raigames, novas CEF XXXIX)

Hai algunhas semanas solicitáronme un artigo que operase como nexo, como un dos posibles puntos de encontro entre Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade. Desta proposta que me realizaron desde a revista ourensá Raigames saíu «Os encontros Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade», no que rastrexo e dou a coñecer algunhas das vinculacións que puiden documentar entre os dous personaxes que protagonizan este ano, literaria e culturalmente falando.

     A revista articúlase, desde xeito, como un monográfico centrado na difusión de diversos aspectos de senllos escritores a cargo das achegas de Luís Ferreiro, Francisco López-Barxas, Antonio Piñeiro, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e José Ángel García López no que atinxe a aspectos diversos do celanovés, mentres que as colaboracións que se vinculan co autor de Pranto matricial veñen da man de Tucho Calvo,  Xoán Carlos Domínguez Alberte, Luís Pérez Rodríguez, Charo Portela Yáñez, Emilio Rodríguez Portabales e Clodio González Pérez, ademais dunha cronobiografía da que se responsabiliza igualmente Afonso Vázquez-Monxardín Fernández. Esta entrega conta asemade  cun interesante texto de Xosé Neira Vilas, quen lembra as figuras dos seus dous amigos.
A revista conta coa posibilidade de descarga para a súa lectura premendo aquí e procurando a entrega número trinta e seis. Agradézolle aos responsables que contaran comigo pois, ademais, a súa difusión a través da rede posibilitará chegar a máis sitios e facilitará o seu acceso.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Día das Letras, Ensaio, Revista, Valentín Paz Andrade | Coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , | Leave a comment

As fiandeiras, de Antonio Piñeiro

 

Antonio Piñeiro

As fiandeiras

Ed. Galaxia, Vigo, 2011, 108 páxinas, 14,50 €

Antonio Piñeiro é un editor artesanal responsable do selo Bourel, no seo do que ten ofrecido auténticas alfaias que evidencian unha intensa e convencida profesión de fe  cara ao universo dos libros; profesor e mais tamén autor de diversos libros conseguiu hai algúns meses o premio de novela García Barros que agora se publica da man da editorial Galaxia. As fiandeiras, tal é o seu título,  é unha novela breve guiada por un criterio que  persegue condensar, nunhas poucas páxinas, as evocacións  suscitadas  na memoria dunha aprendiz de costureira, agora xa madura, que recorda as experiencias dun tempo e dun espazo que xa cambiaron de vez.

    Un dos elementos de interese desta proposta, non sei se o fulcral, non só descansa nunha trama que nos interna nunha vila galega como é A Estrada, nun contexto moi concreto  omo é o das Xuntas Revolucionarias e os primeiros anos da Revolución de 1868. Esta atmosfera, escasamente recreada na nosa tradición literaria, é a que acolle, desde unha perspectiva que non perde a inocencia, a enxurrada de acontecementos vividos nun campo de batalla que espella moi limpamente a loita de poderes -esta si, válida tanto antes coma agora-, nun tempo de guerra en que o debate estriba entre o progreso e o reaccionarismo, entre a liberdade e o absolutismo, con intereses económicos, ideolóxicos e mesmo relixiosos por detrás. É aí onde se reclama o dereito á educación, á igualdade e á unión no mundo do traballo para revivir asemade o mito de Aracné, esa tecedora rebelde, cando unhas  fiandeiras pretenden procurar unha solución máis xusta e menos escravista para o produto do seu traballo: un novo David contra un Goliath enorme e poderoso. Mais o realmente rechamante e orixinal resulta o tratamento que Piñeiro lle outorga á propia materia narrativa, isto é, esa intensidade que latexa nunha estudada xustaposición de situacións descritas, onde os personaxes aínda que solventes e ben caracterizados -o cura don Álvaro, a Tía Escobar ou A Chiva e o coro, por veces individualizado, das propias fiandeiras-, non son na realidade o importante, pois a meu entender funcionan como ferramentas operativas que nos levan ao ámbito da suxestión, ao obrigado exercicio de reconstruír o que só se perfila con poucas, exactas e xustas palabras ordenadas a través dunha estrutura fragmentaria que, cando se está nela, require un activo esforzo de participación que vaia cubrindo lagoas e indeterminacións, conformando así unha reconstrución das situacións e onde é de xustiza reparar tanto no extremo coidado depositado no rexistro lingüístico que exhibe coma no ritmo abertamente lírico que a envolve, trasladándonos, con limpeza e en poucos trazos, ás sensacións que podemos atopar nos espazos abertos e neses pequenos detalles a través de obxectos, cores, acenos, olladas cómplices ou non.. e, sobre todo, a través da relevancia outorgada ao ousado protagonismo feminino nos desexos de xustiza e igualdade na Galicia do século XIX.

     Un coñecido autor afirmaba nun poema que sentía preto a esperanza “fiando, fía que fía”. Non atopo mellor final, falando de fiandeiras, que un que mire cara á esperanza de que este autor continúe avanzando con propostas tan intensas, tan coidadas e de inspiración case artesanal como esta que hoxe me ocupou.

Este texto publicouse baixo o título de «Pulcra ourivería», nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 3 de marzo de 2012.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Os calderetas descobren a poesía en Celanova, VV.AA.

 

VV.AA.

Os calderetas descobren a poesía en Celanova

Fundación Curros Enríquez-Concello de Celanova, Vigo, 2011, 32 páxinas, 6 €

 

Un amigo faime chegar unha recente publicación da Fundación Curros Enríquez e mais do Concello de Celanova rexida, fundamentalmente, por dous criterios fundamentais como son achegar ao feito poético aos máis pequenos e mais divulgar as figuras literarias de Celanova.

   Deste xeito, un equipo conformado polo coñecido creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, xunto con Abraham Carreiro e mais J. Carlos Martínez, articulan, a través de tres personaxes chamados Torcuato, Cristal e Roque, un percorrido visual polos espazos de referencia da vila ourensá, pragada de resonancias literarias, a través dunha conversa sobre a poesía co pano de fondo da presenza de Castor Elices, Manuel Curros, Castor Méndez, Xosé L. Méndez Ferrín e mais Celso Emilio Ferreiro, respecto de quen estamos a piques de entrar no seu centenario.

    Teño para min que a iniciativa é positiva pois sempre é de agradecer calquera ferramenta, e moito máis se é un libro, concibida para divulgar a poesía, e a lírica de marca  celanovesa aínda máis, pois sempre é un recurso interesante e rendible, talvez non unicamente entre os escolares da vila de San Rosendo.

    Digo isto pois a quen isto escribe serviulle, asemade, para coñecer a orixe da denominación popular de «calderetas» aos orixinarios de Celanova. O conto relátao mellor Antonio Piñeiro, no limiar do libro, e aquí o reproduzo:  “Contaba un freire, pouco antes da exclaustración, que o paso das tropas de Napoleón por esta terra provocou nas parroquias de Amoroce, Mourillós e Cañón unha común indixencia que levou ó abade do convento a ordenar periodicamente unha serie de repartos comestibles co fin de paliar a fame na poboación. E fíxoo de tal xeito que as xentes acudían ó convento coas súas “calderetas” á procura do caldo, e de aí nos vén o nome de “Calderetas” a nós”.

   Parabéns, pois, pola iniciativa e que este sexa só un chanzo máis nese propósito de popularizar a poesía en xeral, e a celanovesa en particular, entre os máis novos.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Álbum ilustrado, Celso Emilio Ferreiro, Crítica, Divulgación | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment