Tag Archives: Biblos

«Breviario», en Biblos, nº 55

Chega aos quioscos e a moitos domicilios, un novo número de Biblos para o que escribín, na sección «Breviario», este pequeno texto que reproduzo abaixo.

1. Entendo como  interesante e vivificadora a iniciativa que leva da man dúas celebracións como son a do Día das Letras e o recoñecemento institucional, por diversos motivos, tributado á obra dun autor ou autora, correspondéndolle este ano a Celso Emilio Ferreiro por mor do centenario do seu nacemento. Son da opinión que os dous focos de atención literaria poden convivir acaida e vizosamente.

 2. No momento en que isto escribo a atención bibliográfica dedicada a Valentín Paz-Andrade ofreceu, como froitos salientables, alén da posta en marcha dun web, tanto a reedición actualizada do libro de conversas que Tucho Calvo mantivo co polígrafo pontevedrés como unha achega orientada ao mundo do ensino que subscribe Charo Portela; ambos os dous libros, ao meu ver, referenciais desde agora. Sei que serán máis os traballos que irán chegando -da autoría de Xan Carballa ou Carlos Callón, entre outros- que de certo se engadirán co preciso rigor ao proceso de revisión e popularización que Paz Andrade demandaba desde había algún tempo.

3. No  que se refire ao celanovés, ata o de agora, esta celebración xa  ofreceu algúns froitos como un necesario web, alén da reedición  dun monográfico editado pola Asociación  Arraianos e mais unha edición bilingüe galego-castelá de Longa  noite de pedra.  Son diferentes e variados os asedios que se realizarán respecto da  súa faceta biográfica e, sobre todo, literaria; alén da  recuperación doutros textos xornalísticos, da celebración de  congresos ou da gravación dalgúns audiovisuais moi prometedores,  entre outras  actividades, iniciarase a proxección de parte da súa  poesía cara ao exterior como testemuñará a tradución ao inglés  de Longa  noite de pedra,  a cargo de Jonathan Dunne e mais a probable edición en francés do  mesmo título.

4. Ábrese arestora o período  de tempo no que comeza a se facer balance do publicado o ano 2011 de cara a salientar, a través dos galardóns que organizan diversas  asociacións -AGE, AELG, Premios da Crítica Galicia, Premios da Crítica Española… e outros-. Son da opinión de que non vai ser  doado elixir, fundamentalmente no que a narrativa e poesía se
refire…, hai onde escoller con garantías, nunha manifesta e ricaz  pluralidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crónica | Coas etiquetas , | Leave a comment

Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco e Amantes, de María Lado

 

Carmen Blanco

Un mundo de mulleres

Biblos, Cesuras-A Coruña, 96 páxinas, 14 €

 

 

 

 

María Lado

Amantes

Caldeirón, Malpica, 48 páxinas, 10 €

 

Coñecía composicións poéticas dispersas de Carmen Blanco, quen até o de agora realizara salientables  incursións no ámbito do ensaio e mais da narrativa, por iso Un mundo de mulleres constituíu para min unha sorpresa relativa pois, fronteiras xenéricas á parte, este volume non se afasta dos motivos presentes nas súas preocupacións intelectuais e creativas.

         Cun obxectivo depositado tanto na derruba dos sexismos e do odio como de erixir unha homenaxe ao amor, á liberdade e á fraternidade, este volume constitúe un achegamento global, coa forma supeditada ao contido,  á cerna da presenza feminina ao longo da historia até o presente. Neste propósito salienta a visión persoal dunha muller –“estranxeira sabia libre e leal”- que dialoga e se estende desde as instancias da experiencia e a imaxinación para someter o universo da muller a un proceso de literaturización co que consegue recrear a vida, o exemplo e a pegada de mulleres que xorden de moi diversos ámbitos. É así como o lector pode asomarse a un catálogo literario composto polo retrato de mulleres anónimas, daquelas que viviron só na literatura ou as que alimentaron o mundo mitolóxico; tamén hai espazo para aqueloutras que perviven no imaxinario universal, en ocasións relixioso noutras lendario, ou para as que deron un paso adiante na historia simbolizando a insubmisión. Todas elas constrúen unha espiral inesgotable, sólida e simbólica,  aínda en proceso de construcción, protagonizada por renovadas Morganas, Rosalías, Isoldas, Xenebras, Liliths, Celtias, Penélopes e Ariadnas entre moitas outras.

 

AMANTES

        Resiste o premio de poesía erótica “Illas Sisargas”, convocado anualmente polo concello de Malpica e a asociación Caldeirón, o que de seu xa é unha boa noticia. Aínda o é máis atopar editado Amantes, da ceense María Lado, co que gañou a quinta convocatoria do galardón. A autora de casa atlántica, casa cabaret (2002), entre outros poemarios, realiza arestora a súa primeira incursión neste tipo de poesía mais segue a proxectar nela trazos caracterizadores da súa estética como son o de priorizar a comunicación e reparar nas posibilidades literarias e simbólicas que ofrece o mundo do cotián, sen esquecer o uso de distintas voces que dialogan nin a presenza da dimensión sentimental e os pequenos detalles que se proxectan, nesta ocasión, nunha ducia de poemas de forte compoñente narrativo e que resultan ben operativos para desenvolver, illadamente, historias de encontros amorosos ocorridos en diferentes escenarios.

         A proposta de María Lado súmase con dignidade e acerto á xa apreciable nómina de textos gañadores nun orixinal e asentado galardón. Que siga moitos anos máis.

 

Esta recensión conxunta publicouse baixo o título de «De mulleres e amantes» nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 3 de decembro de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , , , , , , | 1 Comentario

Breviario, en Biblos. Clube de lectores, nº 53 (novembro-decembro 2011)

 

1. No anterior breviario subliñaba que un dos focos de atención do vindeiro 2012 simbolizaríao Valentín Paz Andrade e, nesa liña, xa está na rúa a agardada edición do libro de conversas que Tucho Calvo mantivo co polígrafo, galeguista e empresario pontevedrés. Hai apenas uns días no Parlamento de Galicia aprobouse un acordo mediante o que insta á Xunta de Galicia para 2012 sexa “Ano Celso Emilio Ferreiro” por mor do centenario do seu nacemento, como este que conclúe o foi de Álvaro Cunqueiro. Teño para min que as dúas celebracións non se solaparán nin serán excluíntes. Os camiños de ambos os dous escritores, por certo, cruzáronse en diversas ocasións e sempre mantiveron unha cordialidade afectiva, á marxe de matices ideolóxicos; ambos os dous sempre defenderon ese lema de “Galicia como tarefa”, parafraseando o coñecido título do escritor pontevedrés. 

2. Falando de Celso Emilio Ferreiro sorpréndeme certa hostilidade, e mesmo virulencia, que suscita non tanto a súa obra literaria, que se defende por si mesma, senón a lembranza da súa figura, trinta anos despois do seu falecemento. Comentarios sementados aquí e acolá como quen non quere a cousa, os máis deles infundados e expostos publicamente sen base documental ningunha difundindo inexactitudes a respecto do seu perfil político, contribúen inequivocamente a intoxicar e desvirtuar o que debería ser, e será, outra posta ao día do seu legado literario e un impulso definitivo á difusión do seu labor creativo, a carón dun coñecemento máis asisado da súa biografía. Numerosas iniciativas xa van dirixíndose nese sentido.

3. O “Breviario” tamén quere falar da oferta literaria para este nadal. Mentres a poesía, o teatro e o ensaio semellan esmorecer cualitativamente aínda que non é difícil achegar propostas substantivas, chegan, porén,  libros de Manuel Rivas, Luís Rei Núñez, Xavier Queipo, Antonio Piñeiro, Bieito Iglesias, Antón Riveiro Coello e Diego Ameixeiras, entre outros. Puiden ler, cando isto redacto, algunha destas achegas e teño para min non será doado escoller entre todas elas.

4. Os anos van pasando e a revisión do que supuxo o pulo musical e cultural do Vigo dos anos oitenta, que moitos alentamos na mocidade, se converte xa en eixo temático para senllos libros que  tamén se ofrecen este vindeiro Nadal: Vigo a 80 revolucións por minuto de Emilio Alonso e mais a crónica fotográfica de Víctor de las Heras: Vigo a explosión dos 80. Saudades.

5. Non quería tampouco deixar de subliñar as fantásticas novidades que ofrece a nosa literatura infantil e xuvenil, como ese xénero en indiscutible auxe entre nós como é a denominada novela gráfica. Títulos tan precisos hoxe -ou se cadra aínda máis- para avivecer os devezos imaxinativos e o sentido crítico dos nosos pequenos, da nosa mocidade e de nós mesmos. 

6. Conclúo lembrando a vindeira cita para o Culturgal que se celebrará en Pontevedra durante os días 2, 3 e 4 de decembro: unha excelente oportunidade para poñernos ao día respecto do que a nosa industria cultural nos ofrece, que é moito e variado.

Este texto foi publicado na sección «Breviario» de Biblos. Clube de Lecturas, nº 53, novembro-decembro de 2011.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Crítica literaria, Crónica, Divulgación | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

 

Tucho Calvo

Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX

Biblos, Cesuras-A Coruña, 472 páxinas, 21,95 €

 

No ano 1988, poucos meses despois de que falecera Valentín Paz-Andrade, Tucho Calvo publicou un groso volume resultado de longas sesións de conversa que mantivera co intelectual e político pontevedrés. Era daquela, coma hoxe, un libro necesario pois permitía acceder a unha auténtica autobiografía, neste caso ordenada coas asisadas preguntas que formulaba o xornalista. Daquela, coma hoxe, eramos moitos os que descoñeciamos o papel fulcral que desempeñara en tantos eidos Paz-Andrade. Para quen isto subscribe, como para tantos outros lectores, foi este libro o que permitiu trazar con garantías as liñas esenciais do seu pensamento, as dimensións do seu labor literario, político e empresarial e os principais socalcos biográficos, algúns deles verdadeiros episodios novelescos que el mesmo protagonizou como son o ingreso no cárcere na ditadura de Primo de Rivera, o “pucheirazo” que o deixou sen acta de deputado en 1931, pero que lle salvou a vida, ou como sobreviviu a un atentado en Vigo un ano despois, entre outros moitos capítulos que van conformando a súa personalidade.

         Pasados os anos é unha sorte contar agora cunha reedición daquel volume, especialmente escrupulosa e  co particular saibo que o galego empregado por Paz-Andrade exhibía na primeira edición e que aquí, expurgado de grallas, aparece de novo transmitindo o sabor e as particularidades do seu propio idiolecto. Ademais, como edición corrixida, elimínanse algunhas grallas e datos erróneos ou imprecisións que apareceran daquela, a carón dun novo e interesante corpus fotográfico.

         A redacción deste libro, no seu día, interrompérase na súa parte final debido ao falecemento de Paz-Andrade. Con todo, recupéranse agora, nunhas páxinas finais que constitúen o seu epílogo, unhas significativas declaracións que atinxen á valoración que fai o entrevistado do ocorrido no primeiros anos da democracia, extraordinariamente críticas coa situación daquel momento e con quen permitiron a desaparición do Partido Galeguista. Estas e outras declaracións amosan o camiño da independencia de pensamento polo que transitou e o inequívoco afastamento, cando non claro rexeitamento, doutros proxectos políticos do post-franquismo.

         A enerxía que transmite a fotografía da portada, que plasma visualmente a súa intervención no histórico xantar da Barxa, en xullo de 1930, cun Paz-Andrade en apaixonada actitude oratoria, é tamén fiel reflexo do pulo que depositou en todas e cada unha das tarefas que se propuxo. Este libro ben as transmite e por iso cómpre agradecer a súa renovada presenza: segue a ser insustituíble.

 

Esta recensión publicouse no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, baixo o título de «Memoria e conversa», o 26 de novembro de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Biografía, Crítica literaria | Coas etiquetas , , , | 3 Comentarios

Fraquezas, de Xosé Díaz Díaz

 

Xosé Díaz Díaz

Fraquezas

Biblos, Cesuras-A Coruña, 2011, 120 páxinas, 15 €

Xosé Díaz (Lugo, 1980), malia estrearse moi novo no territorio da literatura galega coa novela O dómine indómito (2004) e mais con A morriña das balas (2006), finalista no seu día do premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, achégase por vez primeira ao xénero do relato curto con Fraquezas, ofrecendo un libro compilatorio que inclúe algúns relatos premiados en diversos galardóns como son o Modesto R. Figueiredo, o “Ourense” de contos ou Os Viadutos do Concello de Redondela

         Nunha primeira lectura dos seis relatos presentados, e ollados globalmente, resulta rechamante a pluralidade de temáticas, estruturas e recursos técnicos empregados e talvez aí repouse un dos seus riscos definitorios, isto é, o libro alicérzase na indiscutible policromía da ollada narrativa do autor, como ben se advirte nas diversas vivencias dun protagonista agonizante que xa non distingue entre o que é real do que non o é; no deseño tanto das curiosas relacións de “inamor” dunha parella como das existencias cotiás que se encerran nun edificio, co pano de fondo dese cansazo que imprime a vida cotiá, sen esquecer aqueloutras vivencias dun loitador xaponés ou as dun mártir palestino retratado poucos momentos antes da súa fin…

         Fraquezas é un título que admite, por suposto, unha chea de interpretacións, mais a que aquí semella prevalecer é a que atinxe a aquilo que pode caracterizar á galería de personaxes humanos que nestas páxinas se deseñan, isto é, protagonistas ficcionais que ven como as razóns que terman dos seus mundos particulares comezan a esboroarse e afundirse, malia que sempre se albisque unha pequena luz, pero luz á fin e ao cabo, que seguir nas súas vidas.

         Díaz, por outro lado, imprímelle aos seus relatos a característica de poder reconstruír, completar ou cubrir lagoas deseñadas á mantenta, caracterizando así un lector que é preciso que participe activamente naquilo que se conta, por veces cun sorriso irónico e sacudindo sempre a sombra da galbana, que algunhas veces pode asomar, ao bater co inesperado, coa loita entre contrarios  asomados a un precipicio no que non é difícil seguir o fío das traxedias persoais e, nalgunha medida, colectivas que por aquí habitan. E todo isto sen descoidar a introdución dun rexistro lingüístico de saibo intensamente popular, cando este é preciso.

         Compráceme a reentrada de Xosé Díaz no río da narrativa de noso. Neste Fraquezas conflúen ecos de autores universais con outros da nosa tradiciónn particular, adozados ambos os dous cun saibo moi persoal e imaxinativo, o que sempre resulta reconfortante.

 

Esta recensión, baixo o título de «Existencias plurais, traxedias comúns», publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 10 de setembro de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa, Relatos | Coas etiquetas , , | Leave a comment