Tag Archives: Buenos Aires

Co Terzo da Fala

Unha das experiencias máis inesperadas, perdurables  e satisfactorias que vivín en Buenos Aires nucleouse arredor do encontro ou faladoiro que mantiven, xunto con Xabier Castro e mais Luís G. Tosar,  cun colectivo integrado por persoas de distinta idade que se xuntan cada mércores pola mañá no Centro Lalín de Buenos Aires e que, desde hai algúns anos, adoptaron o nome de «Terzo da Fala» en honra ao chamado «Terzo de Galegos«, que contribuíron á construción do país austral.

     Particularmente descubrín in situ  a existencia deste activo grupo de persoas, que recuperaron o idioma, nos máis dos casos, a raíz da participación e seguimento dun curso de lingua galega que se ditou na cidade porteña; talvez o termo «recuperar» non sexa o máis axeitado, pois o idioma ía canda cadaquén e, paréceme, só houbo que sometelo a unha leve presión para que saíse de dentro para fóra, para que agromase tan felizmente. Desde aquela, como apuntei e nos fixeron sabedores, xúntanse  voluntariamente todos os mércores, intercambiando información sobre Galicia, a política galega, a lingua galega e as nosas letras, devecendo por poder asistir a algún outro curso de galego (únome aquí á xusta reclamación que formulaban para que se convoquen máis en Buenos Aires)  e por conseguiren libros galegos actuais (moitos dos expostos na Feira Internacional do Libro acabaron alí, algo que me satisfai pois o escaso fondo bibliográfico que manexan verase moi enriquecido); libros cos que seguirán, estou certo, o fío da nosa actualidade literaria pois ademais de amantes, utentes e defensores da lingua resultan excepcionais e informadísimos lectoras e lectoras.

      Naquela xuntanza falouse moito, e ben, no idioma propio con fermoso acento porteño; deron conta dos seus problemas, das súas iniciativas (vinculadas algunhas coa vontade de visibilizar tanto a literatura como a lingua galega na Arxentina),  relatáronse vivencias persoais que tiñan que ver coas dimensións máis íntimas que a lingua é quen de simbolizar; experiencias identitarias que se dilatan e perduran a través do tempo e que alentan en espazos moi distantes pois, é ben sabido, a lingua vai sempre canda un, canda unha.

    Malia todo foron dúas as confesións compartidas que máis me impactaron. Unha delas protagonizouna Marita Ramallo, filla de exiliado, quen amosou fotos de seu pai e relatou, cun nó na gorxa, as evocacións familiares e persoais dunha cidade como Vigo que tivo que abandonar nos anos corenta. Outra foi a compartiu  Manuela Barca Peña e que deixou escrita no blogue do Terzo, polo que a deixo á conclusión deste apuntamento, co seu permiso. Recomendo lela pois, na súa brevidade, é quen de transmitir moito máis do que se contén nas breves liñas, isto é, testemuña como a redescuberta do idioma foi quen de activar evocacións e sentimentos que semellaban perdidos nun pozo moi fondo e que semellaban imposibles de rescatar.

     A miña gratitude para a totalidade deste colectivo tan sensacional polo agarimo demostrado e extraordinario interese depositado na que seguen considerando, dunha ou outra maneira, a súa patria natal.  Entre outras persoas, talvez esqueza alguén que me saberá desculpar, beizóns para Fabián González Fraga (o noso amable introdutor no grupo), Celin Prado Romero Vocos,  Norberto Lema, Gisela Barbeito, Alicia Lago, Mirta Gosende, Guillermina Piñeiro, Rosa Rodríguez, Manuel Logroño, María Delia, Noemí Susana Garcia,  Manuela Buján e as dúas compañeiras citadas, alén doutros compoñentes ausentes aquel día.

Por último, velaquí a historia á que liñas arriba facía referencia:

     O  meu pai, cando era nena e tiña medo de algunha cousa, cantábame:  «Paxariños que andades voando // polas follas do loureiro // e subides polos ameneiros //a buscar o raiño do sol…»
     Non me lembro como segue a letra, pero sí que o medo pasaba cando imaxinaba os paxariños voando, os loureiros e os raiños do sol. El falábame da súa aldea, da carballeira de Santa Minia, do río, e eu medrei imaxinando Pedrouzos e seus paxariños.
     El morreu hai unha chea de anos. Pero sei que si soubese que estou falando e escribindo galego estaríase moi feliz. Hoxe eu podo falar e escribir porque meus compañeiros están doutro lado escoitándome. Sen eles e sen nosos profesores non estaría dicindo isto, porque cando fun á escola na miña casa deixouse de falar galego.
                                                                                                            Manuela Barca Fernández

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Faladoiro | Coas etiquetas , | 8 Comentarios

Buenos Aires (onte, 2)

Se houbo algún intenso este foi o de onte: dous impactos fundamentalmente. O primeiro foi a visita ao colexio Santiago Apóstol de Buenos Aires: un centro de ensino no que a lingua galega se contempla e potencia entre a comunidade de descendentes de galegos mais tamén entre a poboación máis nova do barrio de Once, conformada por comerciantes de orixe coreana, que substituíron nun tempo non moi recuado á comunidade xudea. Pola miña parte, máis que difundir algúns aspectos de Celso Emilio Ferreiro entre un alumnado atentísimo emociona o feito de que este se exprese con naturalidade  e cunha perfección deslumbrante na nosa lingua, que pregunte sobre cuestións literarias e culturais nun galego cun fermoso acento porteño. Beizón para Carlos Brandeiro e Xoán Xesús, os dous profesores de lingua do centro por ese inestimable labor que levan a cabo.

     O seguinte impacto, directo á memoria e a tantas cousas, foi a visita ao Centro Galicia onde descubro un cadro restaurado de gran tamaño de Castelao: «A derradeira leición do mestre», situado nun espazo a carón de orixinais dos célebres debuxos de negros e mais algúns obxectos persoais do rianxeiro: a súa máquina de escribir entre eles. O cadro produce unha sensación que conmociona tanto polo seu tamaño coma polo feito de poder advertir, de preto, a intensidade da súa mensaxe. Tardarei en esquecer ese momento.

   Tampouco quero obviar o magnífico concerto dedicado aos poetas galegos no Teatro do Centro Galicia a cargo de María do Ceo e os seus virtuosos músicos -Filipe e Xosé- nin tampouco o encontro na Feira do Libro coa escritora arxentina Claudia Piñeiro, filla de galegos e un dos valores máis en alza desta literatura irmá.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crónica | Coas etiquetas , , , | 5 Comentarios

Buenos Aires, onte

Onte foi día de emocións acumuladas. Celso Emilio Ferreiro empregaba o termo de “ecumene” para se referir ao capital galego que atopaba nas comunidades galegas americanas. E algo de ecumenismo laico foi o que se cristalizou onte por aquí. O certo é que esperta a miña admiración a actividade  levada a cabo por grupos extraordinarios como o chamado Terzo da Fala. Nun encontro con algúns dos seus membros oín historias persoais cargadas de sentimento que van desde as que asentan as súas raíces nos exiliados da guerra civil ata aqueloutras nas que redescobren a dimensión que atesoura a lingua como elemento que avolve o interior dos  persoas e permite recuperar o que se perdeu ou esqueceu. Beizóns para o Terzo e polo labor que, con tan poucos medios, realizan!

       Non  menos intenso foi o acto celebrado nos locais da Federación de Asociaciones Gallegas en la República Argentina, depositario –aínda hoxe- da fe nos valores republicanos e progresistas. Gustoume o acto que presidiu Paco Lores, a quen me une unha compartida devoción por Lueiro Rey, e acompañounos no acto  Anxo Lorenzo como representante institucional e María do Ceo e os seus músicos que lembraron a Celso Emilio nunha actuación memorable.

     Hoxe correspóndeme un encontro con alumnado do colexio Apóstol  Santiago de Buenos Aires, para redescubrir a Celso Emilio, xa nun pouco.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Crónica | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Buenos Aires, máis sobre a Feira

Abondosas iniciativas, e algunhas delas ao meu ver posiblemente moi proveitosas, son as que percorren estes días de feira internacional do libro en Buenos Aires. O acto máis rechamante de onte foi o comezo do VII Festival Internacional de Poesía que conta coa presenza, entre outros, de Fernández Retamar, quen ben coñecemos en Galicia mercé a Pepe Cáccamo.

Outra iniciativa curiosa é a do concurso que premia «a túa foto na feira», a sección destinada ás novas tendencias ou estoutra que se denomina «o premio do lector«. Por outro lado, tanto o blogue da feira como o web son sensacionais pola súa actualización case constante.

Malia o dito, o máis impresionante resultan os centos de persoas visitando os pavillóns diariamente e, non se esqueza, a visita non é gratuíta.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crónica | Coas etiquetas , | 4 Comentarios

Buenos Aires, os libros e outras percepcións

Non cheguei onte a tempo para asistir a unha lectura maratoniana que se desenvolveu en La Rural, onde se acolle a impresionante Feria Internacional del Libro, sobre diversos espazos do mundo reflectidos na literatura e que levaron a cargo diversos personaxes, máis ou menos célebres, en Arxentina. Tamén lamentei non asistir á inauguración da feira a cargo do meu admirado Eduardo Galeano, mais quedan aínda un mundo de actividades nun lugar absolutamente máxico para o libro en xeral, onde tamén o libro galego conta cun recanto moi digno, onde atopei tamén a presenza de Celso Emilio e de Paz Andrade, man a man neste 2012, a carón do espazo de Kalandraka, nun stand compartido con outros selos editoriais como El zorro rojo, Iamiqué, Del eclipse, e Pequeño Editor.

     O certo é que esta é unha cidade absolutamente deslumbrante onde en calquera recanto se activa algún territorio inesperado do  noso adn. A presenza de Galicia é palpábel a cada paso: o banco Galicia, os murais e frescos de Seoane ou Colmeiro a cada paso e nos lugares máis insospeitados coma o das galerías Pacífico da avenida Florida así o testemuñan. Esta é unha cidade «linda» que, como dicía un taxista porteño mais retranqueiro coma nós, sobre todo linda para quen teña «plata y mucho tiempo». É xa tamén un asunto recorrente nas conversas o asunto da nacionalización, que aquí se denomina en xeral, do petróleo e mais do gas; as mensaxes que se atopan na rúa, as máis delas desde as instancias do goberno -moi simples, case infantís como «respecto», «amor», a carón doutras como «pensamento nacional», «soberanía»- contribúen a que este sexa un tema que enchoupa toda a vida política do país arestora, a carón dun culto personalista que chama poderosamente a atención.

     Onte celebrei o Día do Libro con tres achados que atopei nos fondos do Centro Galego  que se venden na propia feira. Descoñecía a publicación que recolle os galardoados nos II Xogos Florais que se celebraron aquí no 1968 e no que CEF foi un dos escollidos; non lembraba así mesmo unha mostra da prosa de Manuel María -O xornaleiro e sete testimuñas máis-, nin unha biografía de Carré sobre Manuel Curros Enríquez, que nunca tivera ocasión de ler.  Sen dúbida un Día do Libro, para min, extraordinario.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crónica | Coas etiquetas , , | Leave a comment