Tag Archives: Camilo Franco

Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, por Camilo Franco

Camilo Franco

Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño

Biblos, Cesuras, 2012, 144 páxinas, 16 €

Comeza o 2013 e case resulta de regra reparar na primeira das publicacións que xa se adianta á probable enxurrada de propostas ensaísticas ou divulgativas  protagonizadas por quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas deste ano, isto é, o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.

       A publicación vén da man de Biblos e de Camilo Franco: unha das persoas que, ao tempo, con máis garantías e pertinencia poderá iluminar tanto os aspectos biográficos coma os estritamente literarios de Vidal Bolaño, beneficiándose sen dúbida do trato directo que mantivo co dramaturgo e do propio traballo de esculca e interpretación da súa obra dramática, eido no que xa atesoura xa unha apreciable bagaxe.

      O presente Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, así pois, disecciona, informa e aproxímase con espírito crítico, divulgativo e en absoluto críptico, a un conxunto de obras dramáticas de Vidal Bolaño -desde Bailadela da morte ditosa até Animaliños- conxugando a visión analítica coa adopción dun ton que converte o exercicio da lectura nunha fonte de información mais tamén de reflexión arredor de factores que acompañaron as respectivas postas en escena, as influencias, a ideoloxía que repousa en cada unha das obras ou  significado das pezas, tanto no percorrido autorial de Vidal Bolaño como na proxección que con estas vai gañando no teatro galego contemporáneo, sen esquecer ir distribuíndo, aquí e acolá, diversos pinceladas  de carácter biográfico.

       O limiar que preludia esta achega, desde agora xa impresicindible para asomarse con rigor ao que supuxo a intervención dramática de Vidal Bolaño, titulada «Os anos revoltos» paréceme de lectura obrigatoria pois permite internarse, para quen sexa leigo na materia e para quen non, neste universo «Vidal Bolaño» que, por riba, como o propio Camilo Franco apuntou con acerto hai escasas datas, suxire «un retrato de país», contido nestes preto de trinta anos de espectáculos rexidos por dous vectores que el mesmo esencializa na «desesperanza por todas as cousas que puideron ser e non foron», por unha banda, e «o humor negro provocado por unha sociedade que non quere coñecer algúns dos seus absurdos», pola outra.

     Parabéns ao autor por esta achega, parabéns á editorial Biblos que a fai posible para manexarnos con solvencia no mundo literario deste dramaturgo ao que, non teño dúbidas, se volverá nesta bitácora.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Día das Letras, Ensaio, Teatro | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario

Manuscrito: Francisco X. Fernández Naval

No ano 2006 Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco e mais Alfonso Costa viaxaron a Níxer con Acción contra a Fame (ACF), organización da que formaban parte. O proxecto, daquela, consistía en desenvolver unha serie de accións de sensibilización para chamar a atención sobre a crise alimentaria que afectaba a varios centos de miles de persoas.

      Camilo Franco e mais Francisco X. Fernández Naval enviaron crónicas a diversos medios e apareceu un libro homónimo en Edicións Xerais no ano 2010. Costa, ademais, realizou unha carpeta de gravados que ofreceu como doazón a ACF e mais organizou unha exposición coas fotografías  daquela experiencia. Aqueles gravados centrábanse en corpos e rostros e estes últimos foron faísca de xerou este poema de Fernández Naval titulado »Esa luz»  e que abaixo, por cortesía do autor, se reproduce. Un texto que, segundo confesa quen o ideou: «mantívose no tempo tal e como resultou do seu primeiro impulso, cousa que case nunca sucede» e que incluiría, finalmente, no libro Suite Dublín e outros poemas (Follas Novas, 2011). [Fotografía do autor: ©maribel longueira]

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Manuscrito, Poesía | Coas etiquetas , , , , , | 1 Comentario

Entrevistas sobre «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

Por mor da presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro hoxe aparecen dúas entrevistas en dous medios escritos. Camilo Franco subscribe unha delas en La Voz de Galicia e a xornalista Ana Baena outra en Atlántico Diario. O meu agradecemento por estas dúas entrevistas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Entrevistas | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Onde o mundo se chama CEF (entrevista)

Camilo Franco realizoume, para as páxinas de «Lecer e Cultura» de La Voz de Galicia, a primeira entrevista arredor da biografía sobre Celso Emilio Ferreiro e que se publica hoxe. Pode lerse premendo aquí  e reprodúzoa abaixo (a fotografía é de Santi M. Amil).

Celso Emilio Ferreiro xa ten unha biografía que o escriba. Edicións Xerais publica nos vindeiros días Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, unha narración de Ramón Nicolás sobre o poeta. O suplemento Culturas ofrecerá mañá dous capítulos adiantados deste libro.

-¿Como cre que cambiou a perspectiva sobre o escritor neste ano?

-Malia que sería preciso gozar de maior perspectiva, cando menos estes oito meses transcorridos do centenario supuxeron unha inequívoca reactivación do Celso Emilio poeta, subliñando o feito de que a súa voz pertence a iso que se denominan «clásicos». Este ano permitiu redescubrir esoutros perfís que atesoura: un narrador de primeira liña, un extraordinario columnista, un político comprometido con Galicia e o seu futuro.

-¿Que puntos de vista pode cambiar a súa biografía?

-Sobresae o labor titánico de organización dentro das mocidades do nacionalismo galego na época da segunda república, o labor poético creativo que seguiu realizando na guerra civil -aínda pouco coñecido-, como nuclea o galeguismo cultural resistente na Pontevedra dos anos corenta, como foi a súa actividade política clandestina nos anos sesenta e setenta, cal é a evolución das valoracións que os seus contemporáneos fan da súa obra poética ou como se proxecta a súa poesía a través de diversos movementos musicais.

-¿Que lle sorprendeu máis na investigación da vida do poeta?

-No lado humano, o elemento no que coinciden as máis das persoas que entrevistei: o seu carácter en primeira instancia tímido, mais tamén afable, aberto, extraordinariamente vitalista, cheo de simpatía e de enxeño -que neste caso adxectivarei como celanovés ou ourensán-, se cadra por acreditar que o seu perfil persoal distaba de ser así.  Celso Emilio resulta, indubidablemente, herdeiro dese espírito dun galeguismo do grupo Nós.

-Estamos asistindo a unha recuperación da valoración de Ferreiro como poeta. ¿Axudan os malos tempos?

-É probable. O seu discurso literario é contemporáneo nas formas e nos contidos. Esa innegable vea reivindicativa que agroma aquí e acolá na súa obra resulta case unha profecía… Un dos poemas que estou moi contento de rescatar este ano titúlase O atraco, que comeza dicindo «Maus arriba e boa abaixo o pobo».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Entrevistas | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Humberto Eco á busca de lectores

Camilo Franco subscribe nas páxinas culturais de La Voz de hoxe unha reportaxe sobre a decisión de Humberto Eco de «refacer» o seu célebre O nome da rosa e editar unha versión light, segundo o autor, acorde aos novos tempos.

   Deixo aquí o enlace da reportaxe, no que o xornalista ourensán inquire a opinión de varias persoas entre as que me encontro, ademais de incluír dous  artigos de opinión.
O asunto creo que é de suma relevancia pois pode ser tanto a punta dun iceberg que se move devagariño e inflexiblemente cara a nós ou, simplemente, unha decisión, libérrima, tomada en aras doutros intereses.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Crónica, Novidades editoriais, Opinión | Coas etiquetas , , , | Leave a comment