Tag Archives: Carlos L. Bernárdez

Máis sobre Manuel Luís Acuña e o V Congreso

As páxinas de opinión de La Región acolleron, no día de onte, unha reflexión breve que se me solicitou ao fío da celebración do V Congreso Manuel Luís Acuña esta pasada fin de semana nas terras de Trives. Reprodúzoa a continuación.

Mantiña unha conversa estes días atrás co meu amigo e xornalista Ramón Luís Acuña na que afirmaba que a figura do seu pai, Manuel Luís Acuña, atesouraba esa rara, por infrecuente, capacidade de actuar como un resorte, isto é, coma se fose un aglutinante cultural. Ao meu ver, non lle falta razón nesa aseveración e, abofé, a proba máis contundente foi a celebración da quinta edición dun Congreso nas terras natais do poeta; algo igualmente infrecuente nese noso país e que se veu convertendo, por dereito propio e mercé á habilidade e esforzo dun coordinador de probada solvencia como é o profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte, nun referente para acrecentar novos datos á biografía de Acuña, ao seu percorrido literario ou docente, e mais un espazo costrutivo que insta a novos investigadores a reflexionaren sobre aspectos que se derivan do tempo en que viviu Acuña e que proxectan a súa actualidade ós nosos días. 

       Isto foi o que aconteceu, a grandes trazos, nestes pasados días 1 e 2 de marzo en Trives, onde baixo o patrocinio do Concello que acolleu con xenerosidade os integrantes do Congreso e dúas institucións educativas relevantes como son a Universidade de Vigo e mais Nova Escola Galega, vertebraron e posibilitaron a celebración dun encontro intelectual, no que ademais de discursos intensos e moi documentados houbo música e houbo poesía, centrando a súa atención arredor de dous vieiros fundamentais polos que Acuña transitou como foron a práctica -xenerosa, comprometida, progresista e valente- do maxisterio e mais a defensa firme e irrenunciable duns ideais democráticos dos que nunca abdicou. Estes conceptos escintilaron con luz propia en Trives e teño para min que é bo que se saiba e difunda: o legado literario e docente de Acuña é, e será por moitos anos, un manantío inesgotable.

          Particularmente tiven a ocasión de presentar un relatorio, para o que contei coa colaboración de Ramón Luís Acuña, dotado dunha orientación xornalística e, nalgunha medida, sociolóxica, na que dez persoas responderon un breve inquérito arredor das facetas biográficas, literarias, culturais e docentes de Manuel Luís Acuña. A estas preguntas responderon xenerosamente editores, profesores, sociólogos, xornalistas e poetas. Escolmo a continuación algunha das respostas máis significativas entre as recibidas, ás que habería que engadir as dos profesores Domínguez Alberte, Carlos L. Bernárdez e Anxo Tarrío: “O exemplo da súa actitude (aínda dende a terrible desfeita colectiva), a honestidade humana, a fidelidade a uns principios que dan sentido a unha vida son irrenunciables (Arcadio López-Casanova); “a súa achega literaria  foi excelente, inesquecíbel” (Fermín Bouza); “pasei tardes na casa de Amparo Sánchez, viúva do poeta, falando do mestre e poeta, comprobando que tiña un lugar ben gañado nesa historia da renovación pedagóxica, así como na historia da literatura vanguardista dos anos trinta” (Xosé M. Cid); “aínda tardei un pouco en coñecer ao poeta, naqueles tempos que, se se me permite, chamaría de cartón-pedra. Amais don Manuel Luís, no seu admirábel estoicismo, calaba. Porén axiña aprendín moito del” (Arturo Lezcano); “sospeito que a fenda da sublevación fascista e da guerra lle secou as fontes da creación literaria. O tedio, o noxo, a escuridade dos días franquistas acabaron co poeta” (Méndez Ferrín); “parafraseando a Castelao: foi a súa máis excelente lección daqueles mestres e mestras que deron o mellor do seu valer o do seu valor aos demais” (Salvador García-Bodaño); “Acuña morreu en 1975, o mesmo ano que o ditador. Quedou a súa semente e o seu modelo moral” (Manuel Bragado).

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Artigo, Divulgación | Coas etiquetas , , , , , , , , , , , , | Leave a comment

Manuscrito: Manuel Luís Acuña


Por volta dos primeiros noventa fascinoume, e fascíname aínda, a obra poética de Manuel Luís Acuña, a quen comecei a asediar, criticamente, xunto co meu amigo Carlos L. Bernárdez.

         Anunciada xa a celebración na terra natal do poeta un novo congreso dedicado á súa memoria a finais deste mes de outubro, do que informarei tamén aquí, volvo aos ollos ao poeta de Trives para reproducir un poema do autor que corrixiu da súa propia man. O texto saíra publicado nos anos vinte na revista viguesa Vida gallega, que dirixía daquela Jaime Solá,  e sobre unha copia da mesma efectúa as correccións que xulga pertinentes. É unha mostra máis do coidado que o autor de Fírgoas depositaba, sempre, na súa obra literaria. Mágoa, sempre o afirmei, que decidira practicamente non volver  publicar desde aquel 1933 ata a súa morte ocorrida no ano 1975; porén este feito conduciuno a entrar nese selecto colectivo de grandes autores que publicaron un único poemario en vida.

 

 

 

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Manuscrito, Poesía | Coas etiquetas , , , , , | 2 Comentarios

Romances populares gallegos, de Alfonso Hervella Courel

 

Alfonso Hervella Courel

Romances populares gallegos (edición de X.R. Mariño Ferro e Carlos L. Bernárdez) 

Nigratrea, 192 páxinas, 25 €

A figura de Alfonso Hervella non é moi coñecida  fóra dos circuítos máis abeirados á investigación sobre os romances e coido que é esta unha espléndida ocasión para divulgar o traballo de quen nacera en 1886 en Viana do Bolo. Hervella cursaría en Deusto, aprobaría unhas oposicións a notarías no ano 1912 e obtería varios destinos -Padrón, Monforte de Lemos e Medina del Campo- ata  ocupar unha praza en Palencia, onde falecería en 1949.

    Alfonso Hervella publicou textos de filiación histórica e mais tamén literaria e será en xullo de 1909 cando presente á Exposición Regional Gallega unha colección de romances composta por máis dun centenar de textos pertencentes ao romanceiro tradicional que, segundo os especialistas afirman, encerran versións que resultan copias executadas con fidelidade ás narracións orais.

    A presente edición, que vén da man dos profesores X.R. Mariño Ferro e mais Carlos L. Bernárdez, xorde da consulta do manuscrito orixinal que conserva o Museo de Pontevedra que se considera o exemplar orixinal que Hervella presentou e foi premiado na Exposición Regional Gallega de 1909 que resulta, ao meu ver aplicando un criterio científico rigoroso, o que se emprega para a presente edición, non se esqueza que ideada cunha intención divulgativa e alicerzada, por outra parte, nunha bibliografía acaída e xusta para este tipo de edicións que alude, entre outras, ás voces autorizadas de Ana Valenciano  ou Diego Catalán, quen emitiron opinións contrastadas sobre o valor da obra de Hervella e sobre a fiabilidade do seu labor.

    Teño para min que esta publicación cumpre á perfección o labor para o que foi encomendada, isto é, achegar ao gran público un traballo relevante e moi pouco divulgado dentro do romanceiro popular galego. Parabéns aos responsables que posibilitaron que este proxecto vexa a luz.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Romanceiro | Coas etiquetas , , , , | 1 Comentario