Tag Archives: Claudio Rodríguez Fer

Amores e clamores, de Claudio Rodríguez Fer

 

Claudio Rodríguez Fer

De amores e clamores (poesía reunida)

Ediciós do Castro, Compostela, 2011, 326 páxinas.

Non hai moitas datas que recollía as impresións da lectura de Contos e descontos, un volume que recollía gran parte da obra narrativa de Claudio Rodríguez Fer. Agora, o mesmo autor, ofrece aos lector outra compilación, neste caso da súa obra poética, baixo o título de Amores e clamores, editado para a miña satisfacción e sorpresa no selo de Ediciós do Castro,  polo que sei unha das poucas empresas do antigo Grupo Sargadelos que aínda pertence a Isaac Díaz Pardo e desde o cal, aínda que dunha maneira simbólica, se mantén aceso o facho dunha das editoras históricas como demostra o recente Sementeira e Memoria. Represalia e desagravio dun médico lucense republicano, de José Luis Díaz ou os últimos números de Unión Libre.

Dito isto, o presente libro compila, así pois, os tres ciclos poéticos do autor lucense: «Vulva», que inclúe cinco libros de xuventude hoxe practicamente inatopables -Poemas de amor sen morte, Tigres de tenrura, Historia da lúa, A boca violenta e Cebra-, mais a denominada «Triloxía da memoria», que inclúe Lugo Blues, A loita continúa e Ámote vermella; e finalmente o chamado «Ciclo nómade», con composicións vividas e escritas, as máis delas, fóra de Galicia, e que inclúe os libros Extrema Europa, A unha muller descoñecida, Viaxes a ti e Unha tempada no paraíso.

Noutros lugares téñome referido ao que, ao meu entender,  significa a achega lírica de Claudio Rodríguez Fer e a singularidade que representa no panorama poético contemporáneo, polo que non é este o lugar de reiterar as miñas impresións. Tan só  gostaría de sinalar que esta é unha excelente oportunidade para abordar unha visión de conxunto da súa poesía, para coñecer algúns poemarios que hoxe serían de difícil acceso e deixarse levar, así pois, pola pulsión erótica e pola reivindicación dos espazos da memoria  nos que persevera o autor desde hai bastantes anos. Grazas por ofrecérnolo por xunto.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica, Poesía | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Poesía galega en La Voz en Espiral (Fernández Naval e C. Rodríguez Fer)

Os amigos de La Voz en Espiral, o programa semanal emitido desde Radio Fórum de Mérida, alén de entrevistar ao poeta e editor José María Cumbreño, volveron transitar outra vez polos eidos da poesía galega, cos ollos postos tanto en Bater de sombras de Francisco Xosé Fernández Naval, agora traducido en edición bilingüe co título de Golpear de sombras, como na edición da obra poética -case- completa de Claudio Rodríguez Fer que ve a luz baixo o título de Amores e clamores e da que máis adiante me ocuparei por escrito.

Deixo aquí o audio da gravación para quen lle interese seguir os contidos do programa. Beizón aos responsables do programa polo esforzo na divulgación da poesía, e da poesía galega en xeral.

josemcumbrenoramonnicolasientrega-vozespiral-ivoox849421

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Divulgación, Poesía, Programa radiofónico | Coas etiquetas , , , , | 2 Comentarios

Poesía 1933-1981 e Álvaro Cunqueiro en Ortigueira

 

Álvaro Cunqueiro

Poesía 1933-1981

Galaxia, Vigo, 2011, 308 páxinas, 19,90 €

 

Constituía realmente unha necesidade, e deixar pasar este ano sería unha oportunidade lamentablemente perdida, a de ofrecer aos lectores unha edición da obra lírica de Álvaro Cunqueiro que, dalgún xeito, puidese incorporar esoutras composicións poéticas que ata hoxe non se compilaran en forma de libro e que durmían no esquecemento das hemerotecas. Este foi o obxectivo dos profesores Xosé-Henrique Costas e mais Iago Castro que xuntan nun volume, alén do neotrobadoresco Dona do corpo delgado publicado en 1950 e desa peza única chamada Herba aquí e acolá, volvendo recoller aquí  só os poemas que se presentaban na edición de 1980,  a sección Outros poemas, talvez o capítulo de maior interese, sobre todo por se completar con medio cento de composicións, escritas maioritariamente entre 1933 e 1960, recollidas agora por vez primeira en forma de libro.

          Non menos celmosos resultan os denominados “poemas apócrifos”, con 13 composicións que, nese xogo paródico tan do gusto do mindoniense, deu a coñecer como supostas traducións de poetas estranxeiros que, na realidade, nunca foron nin existiron, ou máis ben foron e existiron unicamente na súa imaxinación. Velaquí, así pois, un grupo de  “alófonos fantásticos”, en feliz terminoloxía dos seus introdutores, talvez a parte máis substanciosa e suxestiva do que esta achega supón. Por último, a edición complétase co epígrafe “Paratextos” un feixe de apuntamentos, comentarios ou debuxos que do autor sobre os novos poemas ou sobre as falsas traducións. Mágoa, unicamente, que a publicación ignore a referencia, como debería ser de regra a meu entender, da fonte desde a cal estes poemas aparecen aquí felizmente rescatados.

         Con todo, esta Poesía 1933-1981 vólvenos ao pracer de asomarnos a esa sorte de manantío, textual e literario, seica inesgotable e sempre novo, que simboliza a poesía cunqueiriana para a nosa tradición literaria.

 

O CUNQUEIRO MENOS COÑECIDO

 Claudio Rodríguez Fer (editor)

Álvaro Cunqueiro en Ortigueira

Consello da Cultura Galega-Concello de Ortigueira

Ed. non venal, Santiago de Compostela, 2011, 56 páxinas.

       

Por outra banda, o Consello da Cultura Galega e mais o Concello de Ortigueira impulsaron unha publicación, de carácter  non venal e introducida documentadamente polo profesor Claudio Rodríguez Fer, na que se recollen, logo dunhas palabras limiares de Ramón Villares, unha serie de artigos que Cunqueiro publicou en Era Azul, un semanario editado en Santa Marta de Ortigueira, e outros tres textos que viron a luz en “La Voz de Ortigueira” nun tempo posterior a aquel outubro de 1936, cando o mindoniense se establece neste vila costeira para se dedicar á docencia nun colexio privado; un labor que compaxinará coa redacción de colaboracións inspiradas nos principios ideolóxicos do falanxismo, o que posteriormente lle abrirá as portas para seguir unha traxectoria profesional sempre relacionada coa práctica do xornalismo.

   Alén dos contidos que encerran nestas prosas exhumadas,  de carácter fortemente apoloxético respecto da causa falanxista e, nalgúns momentos, de tonalidade intensamente ultraconservadora, o certo sempre é que se amosan gobernadas por un peculiar e significativo caudal imaxinativo, de xinea culturalista e, sobre todo,  posibilitan un cabal e rigoroso coñecemento das actividades que Cunqueiro desenvolveu nun período moi concreto como foi o da propia guerra civil.

 

Esta recensión saíu publicada nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 1 de outubro de 2011 baixo o título de «Universo Cunqueiro».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Efeméride, Poesía, Xornalismo | Coas etiquetas , , , , , | 2 Comentarios

Contos e descontos, de Claudio Rodríguez Fer

 

Claudio Rodríguez Fer

Contos e descontos

Toxosoutos, Noia, 2011, 342 páxinas, 14 €

A rigorosidade, didactismo, claridade e fondura analítica que dominan a abondosa produción ensaística de Claudio Rodríguez Fer, xunto co seu prolongado e singular percorrido desenvolto no ámbito da expresión lírica, no que se moveu –acudindo a unha simplificación xeneralista de máis- nas estremas do erotismo, a memoria e mais o compromiso social e político, talvez foron situando nun inmerecido segundo plano as súas achegas narrativas. Este libro, presentado baixo o título de Contos e descontos e publicado por Toxosoutos, dalgún xeito pon ao día e reclama a atención dos lectores cara a un corpus, sen dúbida, exhibe unha continuidade evidente co resto da súa obra creativa.

   Xúntase aquí, así pois, obras xa publicadas con anterioridade como Meta-relatos, en que esencialmente se reflexiona sobre o propio proceso narrativo e ficcional, ou a máis recente Os paraísos eróticos, en que se reactivaba o asunto erótico fundíndoo con elementos de carácter heteroxéneo como a antropoloxía cultural galega, os ecos lendarios, o relato de medo ou aqueloutros de filiación metaliteraria, cruzados con abondosas referencias de carácter pictórico, filosófico, poético, narrativo, cinematográfico ou cultural en xeral.

   A carón destes textos ofrécense algunhas pezas inéditas que, malia procederen dun tempo recuado na biografía do autor, non desmerecen nin un chisco neste volume compilatorio como testemuñan os contidos en Prometeo adolescente, composto por prosas contidas en tres apartados. Este título conforma un suxestivo e sorprendente libro que conxuga microrrelatos con outras propostas nas que resulta rechamante a asunción de riscos temáticos, técnicos e estilísticos que van de Lovecraft a Cortázar, de Kafka a Joyce  ou de Borges a Chejov por só sinalar algúns, ademais de motivos que magmatizan outros xéneros transitados por Rodríguez Fer como son o universo mítico e lendario, os ecos libertarios ou o territorio da guerra civil e a posguerra en Galicia,  trazo tamén transparentado no conclusivo “O neno que non quería ir á guerra”, inédito ata agora e, seica, dotado de certo arrecendo autobiográfico.

   O autor lucense, proclive sempre á brevidade e o esencialismo, puntos de referencia que tan rendibles resultan para achar ese relampo preciso de forza e intensidade e asemade poder mantelo até o final, condensa nestas páxinas un percorrido narrativo rico, plural e semanticamente variado. Só é de esperar que esta “narrativa completa”, co paso dos anos, sexa felizmente incompleta porque o autor seguiu, coa súa singular autoesixencia, a traballar nestas leiras.

 

Esta recensión, baixo o título de «Rodríguez Fer ao completo» publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 3 de setembro de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa, Relatos | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

Os paraísos eróticos, de Claudio Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez Fer (texto ) – Sara Lamas (ilustracións)

Os paraísos eróticos

Meubook, Compostela, 2010, 124 páxinas,  17,47 €

 

Meubook, editorial que se especializa na comercialización e  edición de libros tanto en formato papel  baixo demanda como en formato electrónico, publicou hai uns meses Os paraísos eróticos, unha obra narrativa de Claudio Rodríguez Fer que conforma un todo conxunto e dificilmente separable da súa obra poética contida, por exemplo, en Vulva ou no seu máis recente Unha tempada no paraíso, e dalgún xeito impregnada da pulsión libertaria que sempre defende o autor. Por outra parte, e seguindo o ronsel que conceptúa a súa achega como un todo de carácter interartístico, o volume aparece ilustrado con inconfundibles debuxos e gravados debidos á man de Sara Lamas.

Neste libro edítanse por xunto a totalidade, até o de agora, dos relatos de xorne erótico escritos polo autor entre os anos 1983 e 2009, encadrados en tres grandes bloques como son os contos epigrafados  «Bestas e belas», onde as máis das ocasións atopamos protagonistas femininas de forma ou aparencia animal (mulleres lobas, raposas, osas, bolboretas ou panteras… sempre marcadas polo apetito, a demanda ou o encontro sexual); aqueloutros englobados baixo o título de «Entregas», caracterizado por conter relatos de intensidade máis concentrada que autor denomina, acaidamente, epifanías eróticas  e, finalmente, os suxestivos microrrelatos da serie denominada «Tres», así bautizados significativamente pois nada hai gratuíto ou que non sexa simbólico neste libro.

Rodríguez Fer, deste xeito, reactiva o relato de asunto erótico que, en xeral, non dá atopado, fóra de moi puntuais incursións, moito eco nin nas editoriais galegas nin, se cadra, en moitos lectores e lectoras. Porén, o autor ofrece mesmo algo máis pois é quen de ir engadindo a ese fío común que percorre o libro, móvendose con solvencia -todo hai que dicilo- entre as necesidades técnicas do relato curto e do microrrelato, elementos que proveñen doutros ámbitos como son o da antropoloxía cultural galega, os ecos lendarios, o relato de medo ou terror ou aqueloutro de carácter máis metaliterario, cruzados uns e outros, sobre todo os últimos, por abondosas referencias de carácter pictórico, filosófico, poético, narrativo, cinematográfico ou cultural en xeral.

Un libro ao que por forza cómpre dar a benvida porque nos achega ao mundo do erotismo na literatura galega contemporánea e porque vén da man de alguén que o sabe facer con mestría, á marxe de convencionalismos e sempre beireando o espírito insubmiso: creación libre de ataduras de todo tipo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario