Tag Archives: Concello de Ortigueira

Poesía 1933-1981 e Álvaro Cunqueiro en Ortigueira

 

Álvaro Cunqueiro

Poesía 1933-1981

Galaxia, Vigo, 2011, 308 páxinas, 19,90 €

 

Constituía realmente unha necesidade, e deixar pasar este ano sería unha oportunidade lamentablemente perdida, a de ofrecer aos lectores unha edición da obra lírica de Álvaro Cunqueiro que, dalgún xeito, puidese incorporar esoutras composicións poéticas que ata hoxe non se compilaran en forma de libro e que durmían no esquecemento das hemerotecas. Este foi o obxectivo dos profesores Xosé-Henrique Costas e mais Iago Castro que xuntan nun volume, alén do neotrobadoresco Dona do corpo delgado publicado en 1950 e desa peza única chamada Herba aquí e acolá, volvendo recoller aquí  só os poemas que se presentaban na edición de 1980,  a sección Outros poemas, talvez o capítulo de maior interese, sobre todo por se completar con medio cento de composicións, escritas maioritariamente entre 1933 e 1960, recollidas agora por vez primeira en forma de libro.

          Non menos celmosos resultan os denominados “poemas apócrifos”, con 13 composicións que, nese xogo paródico tan do gusto do mindoniense, deu a coñecer como supostas traducións de poetas estranxeiros que, na realidade, nunca foron nin existiron, ou máis ben foron e existiron unicamente na súa imaxinación. Velaquí, así pois, un grupo de  “alófonos fantásticos”, en feliz terminoloxía dos seus introdutores, talvez a parte máis substanciosa e suxestiva do que esta achega supón. Por último, a edición complétase co epígrafe “Paratextos” un feixe de apuntamentos, comentarios ou debuxos que do autor sobre os novos poemas ou sobre as falsas traducións. Mágoa, unicamente, que a publicación ignore a referencia, como debería ser de regra a meu entender, da fonte desde a cal estes poemas aparecen aquí felizmente rescatados.

         Con todo, esta Poesía 1933-1981 vólvenos ao pracer de asomarnos a esa sorte de manantío, textual e literario, seica inesgotable e sempre novo, que simboliza a poesía cunqueiriana para a nosa tradición literaria.

 

O CUNQUEIRO MENOS COÑECIDO

 Claudio Rodríguez Fer (editor)

Álvaro Cunqueiro en Ortigueira

Consello da Cultura Galega-Concello de Ortigueira

Ed. non venal, Santiago de Compostela, 2011, 56 páxinas.

       

Por outra banda, o Consello da Cultura Galega e mais o Concello de Ortigueira impulsaron unha publicación, de carácter  non venal e introducida documentadamente polo profesor Claudio Rodríguez Fer, na que se recollen, logo dunhas palabras limiares de Ramón Villares, unha serie de artigos que Cunqueiro publicou en Era Azul, un semanario editado en Santa Marta de Ortigueira, e outros tres textos que viron a luz en “La Voz de Ortigueira” nun tempo posterior a aquel outubro de 1936, cando o mindoniense se establece neste vila costeira para se dedicar á docencia nun colexio privado; un labor que compaxinará coa redacción de colaboracións inspiradas nos principios ideolóxicos do falanxismo, o que posteriormente lle abrirá as portas para seguir unha traxectoria profesional sempre relacionada coa práctica do xornalismo.

   Alén dos contidos que encerran nestas prosas exhumadas,  de carácter fortemente apoloxético respecto da causa falanxista e, nalgúns momentos, de tonalidade intensamente ultraconservadora, o certo sempre é que se amosan gobernadas por un peculiar e significativo caudal imaxinativo, de xinea culturalista e, sobre todo,  posibilitan un cabal e rigoroso coñecemento das actividades que Cunqueiro desenvolveu nun período moi concreto como foi o da propia guerra civil.

 

Esta recensión saíu publicada nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 1 de outubro de 2011 baixo o título de «Universo Cunqueiro».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Efeméride, Poesía, Xornalismo | Coas etiquetas , , , , , | 2 Comentarios