-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Tag Archives: Edicións Xerais de Galicia
De xente nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde, de Xosé Fernández Ferreiro
De xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde
Xerais, Vigo, 2012, 176 páxinas, 16,15 €
Lin con atención e interese esta entrega de Xosé Fernández Ferreiro, situada a cabalo entre a crónica e o exercicio xénero memorialístico; un libro inspirado, como se confesa no limiar do mesmo, nunha intervención que Fernández Ferreiro ditou no seo dunha homenaxe tributada no antigo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil hai algún tempo e organizada polo Pen Clube de Galicia.
O certo é que este volume enriquece notablemente o xénero entre nós pois é abondosa e intensa a cantidade de información e documentación, de estimable valor histórico e sociolóxico, que o autor de Nogueira de Ramuín deita nestas páxinas. Algo especialmente operativo para coñecer, de primeira man, capítulos da nosa historia literaria -tamén cultural e política- máis recente, sendo algúns protagonizados por quen nolos relata e noutros actuando como testemuño fiel do acontecido. É este, así pois, un libro de intención propedéutica, agás se cadra nalgúns brevísimos capítulos, que transitan por anécdotas pouco substanciais mais que entendo como recurso para distender a lectura. É máis relevante, ao meu ver, esa evocación do camiño percorrido desde a agrupación denominada «Xente Nova» até os anos de «Brais Pinto«, grupo este último que cada vez máis demanda unha rigorosa e clarificadora análise pois sen dúbida o seu labor vai cobrando outra dimensión do que ata agora se recolle nas investigacións ou interpretacións máis ao uso, sobre todo pola vontade renovadora, ou se se quer pioneira, que desenvolveu en moitos ámbitos.
Esta achega supón un certeiro avance na recuperación dos fíos soltos e do que significou Brais Pinto baixo o punto de vista dun dos seus integrantes, desempoando capítulos talvez esquecidos polo paso do tempo ou, nalgúns casos, ocultados ou minimizados. Cómpre agradecer o esforzo que Fernández Ferreiro depositou en fiar todas as lembranzas e ofrecérnolas mercé un rexistro rápido, fluído e altamente informativo. Para quen isto subscribe, que gusta moito destes libros, supuxo unha lectura ben proveitosa.
Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez
Cita en Fisterra
Xerais, Vigo, 2011, 208 páxinas, 17 €
Se do libro do fundamental libro de Manuel Antonio, De catro a catro, adoita dicirse que nel se percorren os vieiros dunha dupla viaxe: a que singularmente permite transitar exteriormente polo que as singraduras marítimas suscitan e a que é resultado dunha procura máis persoal e íntima, penso que non é desatinado apuntar que este Cita en Fisterra posúe certos ecos desta estrutura, salvando as diferenzas que, loxicamente, son moitas.
Talvez quen se achegue á proposta precisará dun compás, ou se cadra non, que o oriente respecto da natureza desta entrega: un libro de viaxes arredor do que ao escritor lle suxire un espazo xeográfico moi concreto, isto é, Muros, Xallas, Fisterra, Soneira e mais Bergantiños…, esa chamada Costa da Morte (do Sol)?, unha reportaxe xornalística a xeito de crónica?, unha colectánea de artigos de opinión?, ficción composta de relatos que, suturados, arremedan unha novela?, un exercicio de memorialismo?, unha sorte de xeografía sentimental…? Pois, na realidade, esta achega de Luís Rei asume conscientemente trazos de todos os modelos anteriores e o resultado, con franqueza, non resulta en absoluto carente de interese.
A previsible pexa da heteroxeneidade que se podería aducir, ao meu ver, esvaécese xustamente pola solidez da estratexia desde a que estas prosas se conciben: a mestura de xéneros ou de filiacións narrativas retroalimentan pluralmente esta proposta singular, asentada, cómpre dicilo, tanto nunha prosa extraordinariamente coidada e dotada de moita plasticidade como na exhibición dun pouso irónico que, cando menos a quen isto subscribe, lle parece unha decisión moi acaída e, ao tempo, necesariamente distanciadora.
A carón, así pois, de acontecementos dos que a voz narrativa, doadamente coincidente coa autorial, vai revelando e que pertencen a esa esfera do máis íntimo e persoal (lecturas, pensamentos, reflexións…) Cita en Fisterra vén sendo unha bitácora que espella a viaxe realizada ao longo de sete xornadas por ese territorio amentado e que, polo mesmo, tamén se pode entender como unha continuación doutra entrega narrativa que o autor subscribira hai vinte anos baixo o título de Imán Fisterra, compartindo as dúas o devezo por reflectir “a beleza afouta da paisaxe” e “a contumacia con que esa beleza recibe toda caste de agresións dun moi pernicioso urbanismo de barra libre”. A esta vontade explícita, e mais a outros obxectivos nos que salienta unha ollada curiosa e sempre aleuta, contribúe un coro de voces que aparecen aquí e acolá, composto por emigrantes, músicos, escritores, fotógrafos, xentes do común, pintores…, que posibilitan coñecer un monllo de historias, sucedidos e biografías que, nunha lectura máis ampla, fan que esta Fisterra recreada ben poida ser Galicia enteira ou, se cadra, como sinala o propio Rei, “un estado de ánimo”.
Sexa como for, recomendo este libro pois as viaxes contadas sempre atesouraron moitos saberes en ferrados de palabras.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 25 de febreiro de 2012, baixo o título de «Fisterra, metonimia de Galicia».
Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela Yáñez
Charo Portela Yáñez
Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía (ilustracións de Jaime Asensi)
Xerais, col. Merlín, Vigo, 2012, 104 páxinas, 9 €
Chegoume onte este ensaio e non puiden evitar a tentación de priorizar a súa lectura tanto polas expectativas depositadas neste traballo que sabía ía realizar Charo Portela como pola revisión biográfica de Paz Andrade, en clave sintética e divulgativa, que agardaba. E o certo é que non me defraudou en absoluto, tal e como sospeitaba dunha investigadora e ensaísta como Portela, que xa posuía unha traxectoria fecunda e solvente no ámbito das investigacións e exhumacións textuais vinculadas coa figura de VPA.
Tendo sempre presente que o este traballo concreto -agárdase outro estudo da súa autoría de maiores dimensións na mesma casa editora- está orientado cara a un lectorado fundamentalmente novo mais tamén cara a aquel que pouco ou nada coñece arredor da figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, coido que a autora chega a un acaído punto medio que redimensiona con xeito os diferentes focos de interese que unha biografía como a de VPA pode ofrecer, porque este libro é, sobre todo, un exercicio biográfico moi documentado e construído cun discurso expresivo efectivo e fluído que permite, ademais, asomarse a algunhas facetas do escritor pontevedrés que até o de agora resultaban pouco difundidas ou coñecidas.
O fío cronolóxico, así pois, que se emprega como criterio desta biografía é o que posibilita viaxar no tempo desde os primeiros anos de VPA ata o seu labor na chamada transición; desde a súa valoración e perspectivas respecto da lingua galega ata o seu traballo político; das vivencias experimentadas na guerra á súa relación con Castelao ou desde o seu traballo a prol da modernización da pesca galega a iniciativas proxectadas en traballos de corte literario ou creativo, avanzando sempre con soltura e apoiándose, cando é preciso, tanto na reprodución dun apreciable corpus fotográfico e documental, incluíndo neste último grupo fragmentos epistolares, poéticos, ensaísticos, xornalísticos ou doutra índole que serven para iluminar socalcos vitais e profesionais que revelan a intensidade dunha vida.
O libro de Charo Portela, acompañado das atractivas ilustracións de Jaime Asensi, deixa ás claras ese perfil integrador de VPA, que desenvolveu tarefas como avogado, político, empresario e literato dominado por un incuestionable compromiso co país como sinala a biógrafa. Ademais, é Portela quen se responsabiliza dunha equilibrada e representativa escolma textual do propio VPA recollendo textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de moita utilidade tanto no ámbito docente como noutros territorios que estean dominados pola curiosidade e o coñecemento.
Vaia tropa!, de Antón Cortizas
Vaia tropa! (ilustracións de Mª Reyes Guijarro)
Edicións Xerais, Vigo, 120 páxinas, 12,90 €
Había xa certo tempo que quería deixar aquí as miñas impresións sobre Vaia tropa! de Antón Cortizas, un libro que hai que inserir, por dereito propio, nese camiño que pretende vivificar o discurso poético dirixido a primeiros lectores e que o fai optando por un camiño que non é doado, isto é, abeirándose a unha estética raiana cos denominados «nonsenses» e con aquilo considerado rotundamente absurdo.
A súa proposta, desprexuizada e heterodoxa, paréceme traballada desde a intelixencia e o enxeño. Promove ademais, desde un ricaz espírito lúdico, o achegamento á linguaxe poética con suxestións e achados en ocasións moi sorprendentes e efectivos, instalándose tamén nas proximidades dos chamados limericks, deitando un resultado global máis que satisfactorio sobre todo, ao meu xuízo, porque o autor nada ademais entre as augas do humor e a ironía, sen deixar entrever outras preocupacións temáticas que o lector deberá ir descubrindo segundo as súas propias capacidades.
Vaia tropa!, por outro lado e talvez aí resida un dos seus encantos, permite pero desaconsella, unha lectura plana e acougada; moi ao contrario é este un libro que cómpre xiralo, erguelo ao nivel dos ollos ou baixalo para atopar a perspectiva axeitada e poder ler algunhas composicións…, cómpre ler de dereita a esquerda e de esquerda a dereita, cómpre axudarse dun espello que o libro inclúe para ler cabalmente algúns poemas e posibilita, en fin, que cadaquén entenda como queira as metáforas ou descubra o que é un caligrama… Non é pouca cousa, abofé, o que esa proposta vitalista e divertida encerra.
Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz
Fantasmas de luz
Xerais, Vigo, 2011, 192 páxinas, 15,50 €
Agustín Fernández Paz colleita, nos últimos tempos, éxitos e recoñecementos literarios que non teño dúbida en valorar como xustos e ben merecidos. O autor podería optar, e sería ben lícito facelo, por volver tripar camiños xa transitados mais, moi polo contrario, o escritor vilalbés prefire seguir na procura de novas olladas que permitan achegarse a outras perspectivas que permitan visualizar ángulos do noso tempo talvez mal iluminados.
Con todo non é, xustamente, esa a lectura novidosa que cumpriría facer dun elemento axial que percorre a novela como é a homenaxe que se rende ao universo cinematográfico e á súa influencia nas nosas vidas pois este é un asunto ben presente na nosa tradición literaria desde o Ilustrísima de Casares ata moitas das obras ou poemarios contemporáneos. Mais si o é o feito de que o cine e as referencias cinematográficas sexan o alento vital que explica a vida de Damián, profesionalmente vinculado ao traballo das antigas salas de proxección para quen a vida pasa polo filtro melancólico das películas visionadas mais que, dun día para outro, vai verse privado do seu traballo. Ese é o momento no que, parella a unha transformación operada nel e na súa esposa, nace se se quere outra novela, isto é, cédeselle espazo tanto para a reflexión sobre o devalar da relación sentimental coa súa esposa como para retratar as consecuencias da exclusión social derivada dos fortes tentáculos dun neoliberalismo que afoga o mercado do traballo e esnaquiza conquistas sociais dun sopro, adoptando literariamente unha solución extraordinariamente efectiva como é a de se abeirar ao xénero do fantástico, ganduxándose con eficacia nos ámbitos do cotián a través da ensamblaxe que nuclea dous clásicos de H.G. Wells levados á pantalla como foron “O home invisible” e “O home sen sombra”. E é nesta parte conclusiva onde se percibe certa airexa esperanzadora suxerindo que talvez sexa posible cambiar moitas cousas.
A novela, sen dúbida, encerra o poder de espertar a conciencia cívica á marxe de que estudadamente suxira distintos niveis de lectura pois a proxección das exclusións sociais vai alén das motivadas puramente pola precariedade laboral. Nela, finalmente, entendo como un acerto incluír, a xeito de “tomas extra”, un conxunto de relatos que ben achegan novos perfís respecto de personaxes que pasean pola novela ben afondan nalgún asunto só levemente aludido na novela, sen esquecer a presenza dunhas fichas comentadas polo autor que reparan en varias das películas amentadas polo protagonista. Mágoa dun making off que xa sería trazar un círculo perfecto nesta magnífica aliaxe entre cine, vida e literatura, pero iso ben nolo pode relatar o autor noutra ocasión.
Parabéns, abofé, por este novo galano que é Fantasmas de luz: unha nova mostra do indiscutible talento do seu autor que, nesta ocasión, vén de mans dadas coas ilustracións doutro grande como é Miguelanxo Prado.
Esta recensión publicouse o 21 de xaneiro de 2012 baixo o título de «Un ´timeline` do noso tempo» nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia.




