-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Tag Archives: Edicións Xerais
O país como tarefa literaria
Alén dos traballos de corte máis puramente biográfico, que os houbo, extraordinariamente documentados e moi precisos para divulgar a traxectoria vital de Paz Andrade, apareceron outras publicacións guiadas pola vontade de rescatar e pór ao día algúns títulos ou obras do escritor pontevedrés.
Entre os máis salientables cómpre se referir á reedición facsímile de Galicia como tarea que levou a cabo Edicións Xerais de Galicia: un volume hoxe inatopable na súa versión orixinal e que se publicara inicialmente polas Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires e que, nesta ocasión, chega acompañado dun completo estudo introdutorio do que se responsabiliza Ramón Villares. Galicia como tarea resultou, e resulta, operativo para cifrar con fortuna o obxectivo perseguido polo seu autor ao longo da súa vida pero, ademais disto, é considerado como un libro auroral do estudos socio-económicos galegos, un libro vixente para ollar o futuro con intelixencia, con dinamismo e esperanza.
POESÍA COMPLETA
A mesma casa editorial acolleu tamén outro volume que reformula ou redimensiona de vez a faceta poética de Paz Andrade coñecida ata agora. Refírome ao volume Poesía completa que, da man do profesor Gregorio Ferreiro Fente, é quen de ofrecer non só os tres libros poéticos que figuran na súa bibliografía senón unha inxente e realmente sorprendente obra lírica inédita e dispersa, entre a que se integran varios poemarios completos aos que se lle deu forma no período da Guerra Civil española como os titulados A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937) ou Cantos da aguia e do lobo (1937), alén de recuperar outros posteriores.
DIVULGACIÓN
Para concluír coas reedicións, neste caso de pezas creativas máis ou menos breves, e desde unha perspectiva que contempla unha finalidade divulgativa, cómpre non esquecer tanto a Biografía. Antoloxía (Xerais) que subscribe Charo Portela e na que incluíu, na súa parte conclusiva, un variado repertorio de textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de especial utilidade para que o lectorado máis novo tome contacto coa obra do escritor de Lérez. Neste mesmo sentido é preciso acrecentar a Antoloxía (Galaxia) da que se responsabilizou o xornalista Xan Carballa na que, alén dun sintético percorrido biográfico previo, engade unha extensa escolma que vai rescatando textos de diversos xéneros e que recalan nos asuntos que ocuparon a atención de Paz Andrade con máis intensidade, incorporando ademais algúns textos practicamente descoñecidos e outros de difícil acceso hoxe en día, articulados orixinariamente como discursos e ou colaboracións xornalísticas.
MEMORIA DE CASTELAO
A comezos dos anos oitenta do pasado século, Valentín Paz Andrade repara que para coñecer a traxectoria vital de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao só se podía acceder a algúns achegamentos de carácter parcial. Decatábase da existencia dunha eiva, a dos ensaios de carácter biográfico, aínda ben evidente hoxe agás algunhas excepcións. Deste xeito, beneficiándose do trato que mantivo con Castelao, mais tamén recadando datos e información, documentos e testemuños aquí e acolá, nun período sorprendentemente limitado que revela a súa intensa capacidade de traballo sendo xa octoxenario, logra dar cabo e publicar, en 1982, Castelao na luz e na sombra naquela exemplar colección que Isaac Díaz Pardo dirixía baixo o título de “Documentos para a historia contemporánea de Galicia”. Aquel libro reedítao agora a editorial Galaxia estreando a colección “Grandes biografías” cun limiar de Miguel Anxo Seixas Seoane. Unha obra monumental, case inaugural no eido das biografías de grandes personaxes galegos, na que o seu autor exhibe, por outro lado, unha inequívoca vontade estilística que harmoniza coa pulsión do biógrafo, do historiador e a do erudito, conseguindo un resultado admirable. Unha lectura, ou relectura, absolutamente imprescindible.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 12 de maio de 2012, baixo o título de «O país como tarefa literaria».
Os fillos do mar, de Pedro Feijoo
Os fillos do mar
Edicións Xerais, Vigo, 2012, 432 páxinas, 21 €
Pedro Feijoo (Vigo, 1975), centrado até agora en diversas ocupacións profesionais vinculadas co ámbito musical, publicara un ensaio musical sobre as eivas que detectaba no panorama musical galego (Viva o Fu Remol!, 2005) e mais outro traballo de carácter máis literario arredor da presenza de Castelao no xornal Galicia que dirixira Valentín Paz Andrade. Na narrativa, alén dun relato publicado no volume que recollía os textos galardoados na XII convocatoria do Certame Literario Os Viadutos (Xerais, 2012) e que solventara felizmente cun destacable apoio de base histórica, Os fillos do mar supón a súa primeira e, sen dúbida, afortunada novela.
Feijoo manexa con tino un bo feixe de recursos que deberían conducir esta novela a converterse nun dos libros de máis amplo espectro entre o lectorado, sen que isto supoña dar as costas á calidade literaria que a calquera novela se lle debe esixir e aínda máis se a proposta se achega, talvez tanxencial pero significativamente, aos eidos do thriller. Alén dunha palpable habelencia na construción do discurso narrativo, en que cómpre destacar tanto a verosimilitude das situacións expostas –as casualidades existen na vida real, por que non na ficción?- como na doada complicidade que se ofrece, talvez motivada por esa postura enchoupada de ironía que exhibe o propio protagonista, formúlase unha historia
con enigmas na que mestura, en doses acaídas, elementos que proveñen de diversos sub-xéneros narrativos onde é palmaria a tonalidade das novelas de intriga e misterio mais onde o corpo central vai prendido na busca da propia identidade dunha parella de protagonistas: un arquitecto vigués e mais a herdeira dunha familia adiñeirada viguesa.
É a fortuna, ou o fado, quen os une e é aí onde, por volta deste eixe, se vai construíndo unha historia na que non resulta menor o interese por desvelar enigmas que nos conducen ao suposto tesouro dos galeóns de Rande, á presenza dos nazis en Vigo, ás pegadas dunha empresa viguesa con ramificacións no poder ditatorial da administración franquista ata os rescaldos da guerra do trinta e seis, sen esquecer algunha conexión co mundo do narcotráfico… Todos estes referentes poden semellar, a priori, algo explosivo nun cóctel literario, e de feito así é, mais no aspecto positivo pois aparecen ganduxados con inequívoca soltura. Non se descoidan tampouco nin as pasaxes cheas de intensidade –antolóxicas ao meu ver as referidas ao Buraco do Inferno de Ons, que tamén ocupa un papel relevante-, nin tampouco ese espazo físico chantado nunha cidade como Vigo que, ao meu ver, adquire categoría protagónica e que permite asomarse á cidade daquel grande arquitecto que foi Michel Pacewicz ata a mesma actualidade.
Os fillos do mar, e este reseñista non desvela máis elementos do seu argumento, é unha novela que se debe ler. Flúe con lixeireza, amenidade e, ademais, resulta solvente na súa arquitectura e na súa resolución. Deséxolle a mellor das sortes posibles e recomendo deixarse levar polos perfís de todos os personaxes, polas historias e os espazos que encerra: os que arrecenden a verdade e mais os de ficción. Non defraudará.
Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, 0 14 de abril de 2012.
Celso Emilio Ferreiro, unha obra en seis libros
O soño sulagado (1954)
Primeiro libro en lingua galega tras o clandestino Voz y voto. Nel repousan, con afán totalizador, as preocupacións ás que lle deu forma poética e polas que transitou dese momento en diante: a reivindicación e a intención belixerante, os poemas abeirados á dimensión máis íntima e sentimental e aqueloutros que, aínda timidamente, xa deixan asomar o aguillón sarcástico e mordaz que centrará en exclusiva outros poemarios como as Cantigas de escarnio e maldicer ou Cimenterio privado.
Longa noite de pedra (1962)
Cúmprense no 2012 cincuenta anos desde a súa aparición na colección Salnés, vinculada on Galaxia. O poemario non se reeditaría ata que ve a luz unha edición bilingüe, no selo catalán de El Bardo, en tradución de Basilio Losada. A consecuencia máis inmediata deste libro sería a súa proxección do autor como un dos poetas máis salientables do ámbito peninsular do momento. Poucos libros coma este no século XX: crónica poética dun tempo, pero operativa e chea de validez aínda hoxe.
Viaxe ao País dos Ananos (1968)
Recibido no seu día con certa polémica, CEF vén de experimentar en carne propia a persecución á que o somete unha nova directiva da Hermandad Gallega de Caracas, onde traballaba nunha sorte de autoexilio e da que foi expulsado. O poemario agroma destas vivencias e, alén de ser unha resposta a certa emigración logreira, nel encérranse grandes achados poéticos sobre a propia existencia e o intimismo.
Poesía galega completa (2004)
No ronsel de proxectos compilatorios semellantes como os que se efectuaron en Akal ou Sálvora, no ano 2004 reuniuse a práctica totalidade da súa obra poética en lingua galega. Nela, alén de poder atopar libros como Onde o mundo se chama Celanova (1975) incorpóranse poemarios de difícil acceso como o cartel de cego Paco Pixiñas (1970) e un feixe de composicións inéditas que completan o seu percorrido poético creativo.
Obra narrativa (2003)
Como creador percorreu tamén outros xéneros e no da prosa non se moveu con desacerto. Reúnense neste volume as dúas incursións que realizou baixo o título de A fronteira infinda (1972), unha colección de innovadores relatos, e mais A taberna do galo (1979), unha sorte de crónica ficcional de saibo celanovés, primeira parte dun proxecto máis ambicioso no que traballaba cando a morte o sorprendeu.
Crónicas, semblanzas e artigos (2005)
De non termos un coñecemento, malia que sexa parcial, do apreciable labor que desenvolveu desde mozo ata a véspera da súa morte en diversos soportes xornalísticos, tampouco se terá unha idea cabal das dimensións da súa achega intelectual e literaria. Neste volume recóllense, nunha pequena pero substantiva parte, crónicas, contos e diversos artigos. Un primeiro paso para un traballo aínda pendente.
Estas fichas, baixo a orientación de ofrecer unha concisa información sobre a obra accesible na actualidade de CEF, complementaron o artigo «Descubrir o iceberg Ferreiro» e publicáronse igualmente no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 31 de decembro de 2011.
Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán
María Xosé Queizán
Meu pai vaite matar
Xerais, Vigo, 104 páxinas, 16,15 euros
Un libro de María Xosé Queizán, calquera que este sexa, merece de seu ser saudado efusivamente pois poucas traxectorias tan celmosas, e ao tempo teimosas, a prol da creación literaria en galego, veña esta dos ámbitos da narrativa, a poesía, a tradución, o ensaio ou o xornalismo, podemos atopar en alguén que, desde aquela histórica A orella no buraco (1965), mantén rexa e lucidamente os esteos do seu pensamento e mais da súa singular e privativa ollada interpretativa cara ao noso mundo e os seus arredores; unha ollada considerada transgresora noutro tempo e que hoxe resulta inevitable e operativa para asomarnos e movernos por un mundo cambiante como o actual.
Esta recente novela, que ve a luz tras o ensaio igualmente publicado hai pouco tempo sobre Mary Wollstonecraft, disponse baixo o suxestivo título de Meu pai vaite matar e nela non deixa de lado, mesmo talvez impulsándoos substantivamente, elementos que se entrecruzan unha e outra vez na súa obra como son a defensa tanto do racionalismo como do antipatriarcalismo, adquirindo agora unha tonalidade talvez un tanto distinta que podería facilitar a súa chegada a un maior número de potenciais lectores. Explícome: Queizán artella unha historia que se alicerza sobre elementos tirados da novela policíaca ou de intriga, con algunhas pegadas do xénero aventureiro e mesmo tintes propios da crónica de viaxes máis canónica. Agroman así, agrupándose con solvencia, fíos que nos conducen por historias persoais marcadas por unha escura trama, coma todas que se alimentan de abusos e do uso da violencia machista nunha relación sentimental. Todo isto derivará ata confluír noutra relación que manteñen dúas protagonistas, en terras arxentinas, escenario no que se desvelarán as claves que poden explicar unha
incógnita familiar de complexa resolución.
De obviar, ao meu ver, certa tonalidade antirruralista e un discurso expresivo talvez pouco verosímil na relación sentimental feminina, é esta unha proposta, de estrutura moi áxil por certo, que vén dunha das nosas escritoras máis experimentadas e arriscadas. Só por iso xa cumpriría achegarse a este Meu pai vaite matar.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 24 de decembro de 2011 baixo o título de «A volta da narrativa de María Xosé Queizán».
Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras
Xerais, Vigo, 2011, 104 páxinas, 16,15 €
Hai relativamente poucos meses que os lectores de La Voz de Galicia tiveron a oportunidade de seguir, diariamente, unha narración artellada por Diego Ameixeiras e que dispuxo baixo o título de Historias de Oregón, coa que conseguiu a undécima edición do premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, sumándose ao meu ver con acerto e dignidade á xa longa nómina de propostas galardoadas neste concurso literario.
De botarmos unha ollada atrás ás novelas premiadas neste concurso non é difícil albiscar como Diego Ameixeiras, que vén de colleitar un éxito rotundo co seu Asasinato no Consello Nacional, sabe situarse nese ronsel que, desde as instancias dunha limitación espacial determinada, conduce a soster unha trama próxima ás fronteiras do xénero negro. Con todo e se cadra dun xeito máis evidente e consonte cos seus trazos coñecidos como narrador de inequívoca vontade realista, aproveita esta proposta para dirixir unha ollada crítica, por veces incisiva e sempre reflexiva, sobre unha parte da sociedade do noso tempo, exposta sempre cun trazo claro, rápido e limpo. Neste sentido non podo deixar de sinalar que se á Oria de O porco de pé risquiano, lle seguiu aquela feraz e translúcida Auria blanco-amoriana, para entender algunhas das claves motrices dos modos de relación contemporáneos e mesmo para desvelar os recursos aos que obriga a supervivencia en contextos adversos cómpre, sen dúbida, asomarse ás aristas desta Oregón, desta cidade cero, dese transparente trasunto de Ourense polo que Ameixeiras xa transitara noutras entregas e que, alén de espazo físico desde o que irradian sólidas historias, chega a cobrar a un tempo categoría protagónica.
Historias de Oregón bota a andar co suceso da desaparición dunha moza brasileira. De aquí en diante gandúxanse os fíos desde os que, a través de tramas paralelas expostas con vontade fragmentaria e que logo se irán compoñendo por si soas, un conxunto de personaxes construídos con solvencia irán entrelazándose e deseñando un devalar cotián heteroxéneo onde a presenza do malfado, das dificultades e da precariedade vehiculízanse a través de argumentos que recrean ou se espellan na vaga de incendios, na violencia machista, na cobiza polo poder político ou na inestabilidade laboral, constituíndo así focos de atención dunha novela que vai alén do simple divertimento e agocha moitas máis cousas.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 17 de decembro de 2011 baixo o título de «Fronteiras vitais na cidade cero».



