-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Tag Archives: Editorial Galaxia
O neno can, de Fina Casaldarrey e Francisco Castro
Fina Casalderrey / Francisco Castro
O neno can (ilustracións de Patricia Castelao)
Galaxia, Vigo, 64 páxinas, 11 €
Saúdo co agarimo e vehemencia precisas que merece un proxecto, que vai alén do literario, como o que chegou estes días ao meu poder. Trátase d´O neno can, unha obra escrita a catro mans, que non son unhas mans calquera pois tanto Fina Casalderrey como Francisco Castro xa demostraron, amplamente, as súas virtudes como destacados creadores.
Descoñezo o proceso de creación destes cinco relatos mais como lector intúo que a complicidade debeu ser intensa pois o resultado final, que é o que un valora, fai converxer
nos textos o mellor de cada narrador: sensibilidade, coidada estrutura, axilidade e sinxeleza expositiva, todo posto ao servizo, paréceme, dunha prioridade como é a de contaxiar un andazo saudables como debe ser o de promover os valores da igualdade e da xustiza, para o que idearon historias dominadas pola vontade de exhibir situacións, capítulos da vida cotiá, das diversas vidas cotiás, que afectan a nenos e nenas que ven conculcado o seu dereito a levar unha vida digna, quer polas súas discapacidades, polas insalvables dificultades no contexto social no que alentan ou polos abusos a que son sometidos. É evidente que en cada un dos relatos repousa unha intención de querer ir sempre máis alá, isto é, de construír un artefacto literario que, ademais, resulte operativo para abrir os ollos, para reflexionar arredor do universo da nenez e confirmar que non todos os nenos e nenas participan de circunstancias que serían desexables dentro das contempladas na chamada Convención dos Dereitos da Infancia.
O libro contribúe, con rotundidade e para todas as idades, a derrubar as barreiras que se conteñen nunhas citas iniciais que actúan como pórtico dos contos, por certo interpretados fantasticamente a través das ilustracións de Patricia Castelao. Por todo o dito deséxolle a mellor das sortes a este libro, que se lea e difunda, pois literariamente parécenme relatos intachables. Participo da idea que non estaría demáis axudar a unha iniciativa solidaria que agroma da vontade creadora e igualmente solidaria de dous autores de noso e dunha editorial galega que destinará parte dos seus beneficios a UNICEF. Parabéns por esta proposta e que colleite moitos éxitos.
O país como tarefa literaria
Alén dos traballos de corte máis puramente biográfico, que os houbo, extraordinariamente documentados e moi precisos para divulgar a traxectoria vital de Paz Andrade, apareceron outras publicacións guiadas pola vontade de rescatar e pór ao día algúns títulos ou obras do escritor pontevedrés.
Entre os máis salientables cómpre se referir á reedición facsímile de Galicia como tarea que levou a cabo Edicións Xerais de Galicia: un volume hoxe inatopable na súa versión orixinal e que se publicara inicialmente polas Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires e que, nesta ocasión, chega acompañado dun completo estudo introdutorio do que se responsabiliza Ramón Villares. Galicia como tarea resultou, e resulta, operativo para cifrar con fortuna o obxectivo perseguido polo seu autor ao longo da súa vida pero, ademais disto, é considerado como un libro auroral do estudos socio-económicos galegos, un libro vixente para ollar o futuro con intelixencia, con dinamismo e esperanza.
POESÍA COMPLETA
A mesma casa editorial acolleu tamén outro volume que reformula ou redimensiona de vez a faceta poética de Paz Andrade coñecida ata agora. Refírome ao volume Poesía completa que, da man do profesor Gregorio Ferreiro Fente, é quen de ofrecer non só os tres libros poéticos que figuran na súa bibliografía senón unha inxente e realmente sorprendente obra lírica inédita e dispersa, entre a que se integran varios poemarios completos aos que se lle deu forma no período da Guerra Civil española como os titulados A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937) ou Cantos da aguia e do lobo (1937), alén de recuperar outros posteriores.
DIVULGACIÓN
Para concluír coas reedicións, neste caso de pezas creativas máis ou menos breves, e desde unha perspectiva que contempla unha finalidade divulgativa, cómpre non esquecer tanto a Biografía. Antoloxía (Xerais) que subscribe Charo Portela e na que incluíu, na súa parte conclusiva, un variado repertorio de textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de especial utilidade para que o lectorado máis novo tome contacto coa obra do escritor de Lérez. Neste mesmo sentido é preciso acrecentar a Antoloxía (Galaxia) da que se responsabilizou o xornalista Xan Carballa na que, alén dun sintético percorrido biográfico previo, engade unha extensa escolma que vai rescatando textos de diversos xéneros e que recalan nos asuntos que ocuparon a atención de Paz Andrade con máis intensidade, incorporando ademais algúns textos practicamente descoñecidos e outros de difícil acceso hoxe en día, articulados orixinariamente como discursos e ou colaboracións xornalísticas.
MEMORIA DE CASTELAO
A comezos dos anos oitenta do pasado século, Valentín Paz Andrade repara que para coñecer a traxectoria vital de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao só se podía acceder a algúns achegamentos de carácter parcial. Decatábase da existencia dunha eiva, a dos ensaios de carácter biográfico, aínda ben evidente hoxe agás algunhas excepcións. Deste xeito, beneficiándose do trato que mantivo con Castelao, mais tamén recadando datos e información, documentos e testemuños aquí e acolá, nun período sorprendentemente limitado que revela a súa intensa capacidade de traballo sendo xa octoxenario, logra dar cabo e publicar, en 1982, Castelao na luz e na sombra naquela exemplar colección que Isaac Díaz Pardo dirixía baixo o título de “Documentos para a historia contemporánea de Galicia”. Aquel libro reedítao agora a editorial Galaxia estreando a colección “Grandes biografías” cun limiar de Miguel Anxo Seixas Seoane. Unha obra monumental, case inaugural no eido das biografías de grandes personaxes galegos, na que o seu autor exhibe, por outro lado, unha inequívoca vontade estilística que harmoniza coa pulsión do biógrafo, do historiador e a do erudito, conseguindo un resultado admirable. Unha lectura, ou relectura, absolutamente imprescindible.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 12 de maio de 2012, baixo o título de «O país como tarefa literaria».
Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Morgana en Esmelle
Galaxia, Vigo, 2012, 220 páxinas, 16 €
Circe ou o pracer do azul supuxera, no seu día, unha magnífica carta de presentación de Begoña Caamaño (Vigo, 1964) como narradora
de longo alento e abeirada con particularidade ás posibilidades que proxecta para o presente a revisión dos mitos clásicos. Arestora ofrece, con Morgana en Esmelle, o que pode parecer unha chiscadela ao modelo narrativo cunqueiriano que se reapropia dos mitos e que os modifica, que o é, pero tamén moito máis. Velaquí, así pois, un Merlín retirado na fraga de Esmelle, na vizosa terra de Miranda e axudado –non podía ser doutro xeito- por Felipe de Amancia, que se converte tamén nun magnífico e garimoso narrador cando é preciso.
O Merlín que Caamaño perfila é un personaxe que quere pasar os seus derradeiros días afastado do mundo, das retesías e das leas que protagonizara, gozando dunha vida certamente plácida, termando de Xenebra, até que Morgana decide visitalo. É aí cando se reactiva a memoria e agroma o que entendo, na miña lectura particular, como o máis substantivo do volume: a tensión producida entre os distintos valores e as ideas e como estas se defenden.
E non quere isto dicir que a tonalidade escollida para que o coro de voces que se expresan na novela -Felipe de Amancia, unha voz omnisciente que relata a xeito de crónica o ocorrido en Ávalon, a propia conciencia de Merlín reflexionando en alta voz sobre a súa vida ou a propia Morgana que protagoniza en primeira persoa o derradeiro capítulo- non sexan as acaídas; sono, abofé, acadando desde a primeira páxina ese punto medio xusto que transmite e transparenta un rexistro expresivo doutro tempo que flúe mainamente, cultivado e traballado –non me cabe dúbida- para convencer e converter ao lector en cómplice do que se relata.
Os mitos humanízanse e, a través deles, chégase a unha encrucillada que se mergulla no que é a condición humana, isto é, os personaxes –Merlín, Morgana, Viviana, Xenebra, Artur…- nunca son planos nin homoxéneos, son diversos, modifícanse ao longo da novela, caracterízanse a través do que fan, das súas contradiccións, das dorsalxias que levan canda si, por veces ocultas, por veces manifestas, mais sempre aguilloantes e prementes.
Merlín resiste e quere esquecer amarguras ata que Morgana, detentando un fado escuro mais chea de luz, solicita razóns, demanda explicacións…., o sabio esculcará nos rescaldos da súa propia vida, no que atinxe á verdade dos seus sentimentos traizoados e ao que moldeou, ideou e proxectou para a súa Britania: obraba para o ben xeral dos seus ou para o seu proveito?, todo obedecía a unha estratexia guiada pola cobiza desmedida, a vaidade, o orgullo e a soberbia? Estas son só algunhas das reflexións que se derivan desta proposta narrativa, magnética e intensa, unha epifanía literaria que entra, amodo mais resolutivamente, neses ámbitos íntimos da dor dunha culpa desenterrada.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 21 de abril de 2012, baixo o título de «A dor dunha culpa desenterrada».
Biografía de Valentín Paz-Andrade e Antoloxía, por Xan Carballa
Biografía de Valentín Paz-Andrade
Galaxia, Vigo, 2012, 192 páxinas, 12 €
Valentín Paz-Andrade
Antoloxía (edición e limiar de Xan Carballa)
Galaxia, Vigo, 2012, 168 páxinas, 12 €
Devagar van chegando aos andeis das librarías os agardados e precisos libros que afondan nos diversos perfís biográficos e literarios que amosa unha personalidade como a de Valentín Paz-Andrade. Aos que, polo de agora, xa viron a luz da man de Tucho Calvo e mais Charo Portela, engádense arestora dous volumes editados por Galaxia, no seo da colección «Letras Galegas», dos que se responsabiliza o xornalista Xan Carballa.
O primeiro deles afonda na vertente biográfica de Paz-Andrade ofrecendo un resultado, ao meu ver, moi satisfactorio. Aplicando un criterio de carácter cronolóxico, o seu autor - que xa entrevistara no seu día ao propio Paz-Andrade- vai afondando con rigor nos momentos e actividades máis relevantes que constitúen a súa vida e que van desde as súas orixes e contorno familiar ata o protagonismo que gozou no desenvolvemento da política, da literatura ou do mundo empresarial e xornalístico do seu tempo, pois todos estes ámbitos magmatizarán o seu quefacer desde novo até os seus últimos días.
O traballo de Xan Carballa, exposto nun estilo fluído e sintético, non cae na haxiografía e sitúa sempre con efectividade o contexto en que Paz-Andrade se move. Ao meu ver, a solidez da entrega derívase do filtrado que realiza da gran cantidade de documentación coa que traballou e do axustado diálogo con outras achegas previas. Globalmente, talvez esta contribución se abeire, teño para min que á mantenta, a salientar o papel que o pontevedrés realizou nos ámbitos do xornalismo e da política, sen abandonar a relevancia do seu labor noutros ámbitos como o literario ou o empresarial. Penso que son especialmente atinadas as páxinas centradas en significar o labor que desenvolveu no xornal Galicia, como tamén resultan de elevado interese aquelas páxinas que recuperan cartas e artigos publicados por Paz-Andrade, en diversas épocas e de difícil acceso, pois transmiten de primeira man a opinión persoal deste sobre moitos asuntos, mesmo algúns espiñentos, como quen se achegue a estas páxinas poderá reparar. Algo semellante ocorre na análise da súa traxectoria política, incorporando moita información que provén de diversos epistolarios ou de conversas persoais de inestimable interese.
Finalmente, Xan Carballa responsabilízase doutro volume titulado Antoloxía, no que opera cun criterio máis sintético no que se refire ao achegamento biográfico contido nunhas páxinas preliminares nas que concentra o que entendo como o máis preciso para entrar no universo Paz-Andrade. A este estudo previo séguelle unha extensa escolma que recolle unha mostra daqueles asuntos máis significativos que foron ocupando a atención de Paz-Andrade e que van desde composicións poéticas dos seus tres libros publicados a poemas soltos e, no que á prosa se refire, incorpora textos publicados en diferentes soportes e circunstancias como son revistas, xornais ou mesmo discursos. Entre estes últimos permítome subliñar a intervención titulada «Os libros, columna vertebral dunha cultura», que se corresponde ao pregón lido por VPA na inauguración da Feira do Libro de Vigo, o 13 de xuño de 1983; del collo emprestadas catro liñas tan recomendables: «Falemos do que o libro representa como froito onde se combinan o pensamento, a sabedoría, a imaxinación, a información, a arte. Para min os libros considerados en conxunto, non son máis nin menos que a columna vertebral dunha cultura. Unha columna articulada e modelada pola lingua».
2044, de Eduardo Santiago
2044
Galaxia, Vigo, 2012, 312 páxinas, 14 €
Sorprendeume, e gratamente, este 2044 que supón a carta de presentación na narrativa en lingua galega de Eduardo Santiago. Gratamente digo pois incorpora á nosa tradición un estimable volume que se vén sumar con convicción á xinea das novelas de ficción científica e porque o fai, ao meu ver, cunha solidez que convence tanto a lectores novos para os que nun comezo pode parecer estar destinada –velaí a colección “Costa Oeste” que o acolle- como aos adultos, e concitar a atención duns e doutros non sempre resulta doado.
Nas súas páxinas, baixo a aparencia do relato do que acontece no aniversario de Lena, unha moza de catorce anos, adobiado con certo arrecendo ao que se podería considerar como unha novela de aventuras nun sentido clásico, constrúese un universo futurista no que o primordial é, por un lado, a relevancia que se lle outorga aos códigos numéricos – referíndose a un novo sistema para contar, isto é, á numeración anaclítica binaria-, e por outro a articulación do que se dá en chamar a teoría dos “tempos imaxinarios” xunto coa posibilidade virtual de viaxar no tempo cara atrás.
A presenza do enigma, ou enigmas, que se han resolver constitúe un elemento que indiscutiblemente turra da curiosidade de quen se achegue a este volume e o certo é que Eduardo Santiago recorre con habelencia aos recursos precisos para gañar axiña a necesaria complicidade e verosimilitude, conseguíndoo a través da dosificación tanto dunha trama imaxinativa, da man dun grupo de diferentes e ben individualizados personaxes, como dese universo que vai deseñando con vagar onde non é difícil advertir un conxunto de elementos prioritarios que saliferen todo a proposta como son a propia socialización dos personaxes máis novos –revelada como unha necesidade perentoria pois a aprendizaxe se realiza sempre desde a propia casa-, a organización das cidades, as tarefas que ocupan o desenvolvemente de diferentes profesións, a dinámica particular que adquiren as relacións no ámbito familiar, o innegable espírito de preocupación pola natureza e, talvez con maior teimosía, a relevancia do mundo vinculado cos códigos numéricos, esenciais para as ferramentas insustituíbles como son os ordenadores, para a propia formación académica e persoal e mesmo para a xeración de diferentes teorías científicas.
2044, alén de ser, por dereito propio, unha novela á que se lle imprime un ritmo fluído posibilita formularse unha chea de interrogantes entre os que subliñaría se esta sociedade que se perfila será a que nos agardará en apenas trinta anos. É inevitable, ao tempo, non pensar nisto con certo desacougo, sobre todo logo de saber que Orwell non andaba no seu día tan desencamiñado.
Este recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 31 de marzo de 2012, baixo o título d´»O futuro que peta na porta».



