Tag Archives: Espiral Maior

Acuática alma, de Marta Dacosta

Marta Dacosta

Acuática alma

Espiral Maior, Rutis-Culleredo, 92 páxinas, 14 €

 

Lembro, coma se fose onte, a lectura dun manifesto poético nun local vigués, alá polo ano 1987, titulado «A cidade espida»,  que é posible que conserve. O texto asinábano un grupo de estudantes e eran os <<novísimos>> poetas daquela -sempre esa palabra, claro-, entre os que se atopaban Fran Alonso, Marta Dacosta, Xurxo Rodríguez e alguén máis que non recordo e a quen lle pido desculpas. Desde aquela até hoxe moitas cousas mudaron pero cando menos dúas daquelas voces -Alonso e Dacosta-  ocupan un espazo relevante, coas súas lóxicas singularidades, no panorama da poesía galega contemporánea.

    Marta Dacosta, é ben sabido, non posúe unha elevada intensidade no ritmo de publicacións. O presente Acuática alma ve a luz oito anos despois de seu As amantes de Hamlet, co que este poemario mantén unha inequívoca relación. Sospeito que o  vagar na xestación do libro e mais na súa disposición para editalo supón outra proba de que a concepción do seu traballo poético responde a un coidadoso proceso de creación e constante puimento, algo que é evidente na lectura das súas composicións.

     E este é, ao meu ver, un dos poemarios máis compactos da autora,  mesmo considerando a pluralidade de focos de interese que recrea. Quen a estas páxinas se asome advertirá que Dacosta segue a beber das fontes da mitoloxía clásica -Medusa, Ismene, Antígona, Ofelia…-, figuras que resultan operativas, aínda que non só, para afortalar unha das liñas de sentido que poboan o poemario como é a rexa reivindicación da loita, por veces »invisible e teimuda», que protagoniza a muller en moi diversos ámbitos, convidando a adoptar, por extensión, unha postura que vai máis aló da simple belixerancia. E xa que de ecos clásicos se fala cómpre non esquecer que este é tamén un libro que se achega, aquí e acolá, aos grandes temas da poesía de sempre como son a reflexión sobre o rol da poeta, arredor do paso do tempo ou a asunción da morte como algo ao que se lle ve o rostro, que se singulariza para facela máis real, exhibindo unha recorrente e rendible, mais non exclusiva, simboloxía <<acuática>> ou mariña, tal e como consta no seu título.

    Por outro lado, paréceme que esta Acuática alma alicérzase desde a constatación, dolorosa, de ausencias que provocan cicatrices case tanxibles e dispostas coma se dunha sorte de bitácora ou diario se tratase. Elabórase así un discurso intenso, revelador da intimidade, transparente e con arrecendo a verdade, razón que explica a súa fondura abisal e mesmo esa tonalidade estremecida  que percorre algunhas das súas páxinas construídas, como non, a través das palabras: esas palabras tantas veces rebeldes que a voz lírica procura porfiadamente, remoendo nelas unha e outra vez, para rescatalas dese pequeno tesouro que vén sendo unha <<maleta pequena>> que agora se abre para construír un chanzo máis nesa <<memoria violeta>>, tal e como se recolle nun poema, reconstruída e exposta limpamente con brillantez e sobriedade. Parabéns.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , | Leave a comment

As crebas, de Miro Villar

Miro Villar

As crebas

Espiral Maior, Rutis-Culleredo, 2011, 52 pp.,  12 €

 

Avalado por ser merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral», publicouse xa hai algúns meses As crebas, do poeta ceense Miro Villar, dono xa dun longo percorrido bibliográfico no que se refire, basicamente, á poesía e á crítica literaria, probando fortuna tamén, duns anos para atrás, tanto nos eidos da literatura para primeiros lectores como no das bitácoras da rede cun interesante blogue que recomendo vivamente.

   As crebas, ao meu xuízo, constitúe un dos mellores libros de Villar, un dos máis puídos e intensos. Quen se achegue ás súas páxinas advertirá a construción dun ricaz diálogo de filiación poética con Cernuda e Gamoneda, con Manuel Antonio e Eliot, entre moitos outros, empregando o concepto de «crebas» como símbolo da procura teimuda de todo o que o mar volve, de todo aquilo que a vida volve. O poeta, que se transforma en crebeiro, camiña e camiña ao pé do mar, da vida, para artellar unha sorte de crónica, ou de diario se se quer, no que reivindica con convicción o papel da muller na historia, entre outros aspectos, e espella ao mesmo tempo o sentimento de perda, do que se foi ou está a piques de marchar e que resiste na memoria.

     E alguén como Miro Villar, tan convencido das posibilidades que algunha das formas clásicas pode ofrecer para a poesía de hoxe, ofrécenos un xogo como é o de «disfrazar» trinta e un sonetos brancos en alexandrinos cunha roupaxe narrativa moi acaída que moderniza e actualiza a fórmula con acerto.

      Gustoume esta nova achega de Miro Villar e deséxolle a mellor das singraduras a este poemario na certeza de que o crebeiro seguirá a camiñar.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía, Premio | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario

Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor

Xosé Vázquez Pintor

Seara. Obra poética (1971-2011)

Espiral Maior, Culleredo, 2011, 332 páxinas, 23 €

Poboar un universo de soños convertidos en versos non é unha cousa que estea á man de calquera; aínda menos o é o feito de levar corenta anos publicando poesía e acometer o proxecto de dar a coñecer todo aquilo que se escribiu, conxecturo que abrigando neste novo libro semellantes ilusións que as depositdas no primeiro. Sei que é así porque Vázquez Pintor é un autor polifacético, sempre inasequible ao desalento, permeable á incorporación de novos discursos, cheo de folgos mesmo cando hai razóns que fan pensar na desesperanza e mesmo diría, sen temor a errar, que é un verdadeiro mestre da palabra nosa, na arte de moldeala e tensionala, aínda que na súa modestia nunca o recoñecería.

    Particularmente confésome un afervoado defensor e relector da súa narrativa, que considero un luxo pola capacidade imaxinativa que atesoura, cicelada cun esixente e vizoso rexistro literario  e encerrada, entre outros, nos seus  Mar de bronce, A memoria do boi, Para dicir abril ou Máis vidas.  Non resultan exentos de interese tampouco os seus ensaios  -Os vellos oficios, A tribo sabe ou Tal era vivir- que deberían ser lectura obrigada para recoñecerse nun universo próximo, malia que ás veces pareza un mundo paralelo, que aos poucos se esfarela pero que con achegas coma as súas contribuíu a reconsiderar e valorar na súa xusta medida. Por último, coñecía, só en parte, algúns dos títulos poéticos que, desde 1971 Vázquez Pintor viña publicando cun ritmo un tanto desigual pero nunca interrompido, ao que aquí se engaden dous poemarios novos: Anuncian aves -un exercicio de reinterpretación e diálogo interartístico entre pintura e poesía-  e Os versos do zapateiro: composicións de carácter máis circunstancial, dedicadas a diversas persoas ou situacións.

    Este Seara, termo que anoa os dous espazos vivenciais básicos do autor, esa terramar que vai de Cangas a Agolada, redescobre un percorrido poético singular, construído cunha rara aliaxe que mestura en doses acaídas talento e intuición poética a través de once poemarios que viaxan desde o tempo e que translocen, abertamente, todas as modulacións que a súa voz foi adquirindo desde os primeiros pasos nos que, como é lóxico, aínda andaba á procura da súa propia voz.

    Vai logo o poeta afondando nas rodeiras dese camiño con versos que son espadas clamando pola resistencia, ás veces recuperando a memoria dos primeiros anos ou da  vida toda; reparando no que o amor ou o erotismo suxire ou viaxando ás veces cara a un universo habitado por autoexilios e soidades do íntimo, sen esquecer tampouco chamar a atención polo que se podería chamar a deserción do comunal ou o descoido e desprezo do noso propio patrimonio.

    Un volume que bebe nas fontes da vida e que por iso está vernizado cun insólito e infrecuente pouso vital, por veces telúrico como unha carballeira na que se mirar. Como di o  autor «velaí é», para quen queira gozar coa súa palabra.

Este texto publicouse baixo o título de «Unha tulla de versos» nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 7 de xaneiro de 2012.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Infinito presente, de Ludwig Zeller

 

 

Ludwig Zeller (selección e tradución de Francisco X. Fernández Naval)

Infinito presente (selección de poemas)

Espiral Maior, Culleredo, 2010, 152 páxinas, 16 €

 

Quedo moi satisfeito polo feito de que a providencia (laica) rescatase este libro entre a montaña de novidades que me rodea, con serias intencións de agredirme, e que polo tanto permitise non esquecer este poemario, de acaído e suxestivo título, que supón o primeiro libro publicado no estado español do importante poeta chileno Ludwig Zeller e, nesta ocasión, nunha edición bilingüe galego-castelá. Alén de permitirme coñecer a existencia deste artista plástico de primeira liña, a súa poesía, traída para o galego con habelencia mercé a Francisco X. Fernández Naval,   que prologa o volume xunto con Gabriela León, desprégase diante de quen o lea como un suxestivo tapiz cheo de matices e escentileos que se asoman a todo o que ten que ver coas aristas do ser humano, coas súas contradiccións e covardías, cos heroísmos e afoutezas, co mundo cotián e coa solidariedade humanizadora. Un total de cincuenta poemas, que percorren ao tempo toda unha biografía sucada polas estadías do poeta en Chile, México e Toronto…

No primeiro poema que abre o volume, dedicado por certo a Eugenio Granell cando este se xubilaba como profesor no Brooklyn College de Nova York, afirma brillantemente:  »¡Onde están os nosos soños, alí estará a vida!», engado que talvez hoxe máis ca nunca. Saúde e poesía!

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Poesía, Tradución | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Flores da galvana, de Iria Fernández Crespo

 

Iria Fernández Crespo

Flores da galvana (limiar de Ramón Chao)

Espiral Maior, Culleredo, 2010, 68 páxs., 13 €

Sorprendeume, e moi gratamente, este Flores da galvana dunha autora, Iria Fernández Crespo, que se estrea así no noso sistema literario. Entre outras razóns porque no poemario non é difícil rastrexar, ademais dunha auténtica fervenza de lecturas que sabe magmatizar, un mesta rede de influencias ou diálogo recíproco coa tradición e a modernidade que, ademais, non chega a ocultar unha estética persoal e privativa, presente ao meu ver desde as instancias do propio título, que verniza con ironía pois aquí poucas flores ou cantos líricos agroman, moi ao contrario repousan dardos subversivos, cargados de intensidade e directos á intelixencia…; e moito menos resultan froito da galvana, pois pouca doca ou preguiza aquí se acha, máis ben diría  que é ben difícil  non valorar moito puimento e refacción, moita tensión que nace sempre do esforzo e do debate intelectual.

   Fernández Crespo, así pois, descansa boa parte da súa proposta nunha visión irónica, ou talvez mellor dito, distanciada, respecto dunha realidade coñecida ou experimentada  que se quere asediar; e vehiculízao maioritariamente a través dunha fórmula case narrativa onde cobra protagonismo o xogo, sexa este estrutural, lingüístico ou puramente textual, pragando os versos con premeditada ambigüidade, enchéndoos de recursos inesperados, de imaxes visionarias, de sucesións de asociacións libres de conceptos ou ideas, pero sempre significativas.

Este Flores da galvana é un volume no que hai ficción, claro é, mais talvez tamén (auto)biografía,  reflexión e doutrina, memoria e rebeldía, ideoloxía e  identidade, por momentos case profecía. Nel reinvéntanse ecos xa coñecidos ou familiares aos que se lles outorga unha nova dimensión, afondando nas liñas da literatura, mais tamén do pensamento, da antropoloxía, da política, da historia… Unha poesía, paréceme, plural,  ideada tamén para ser lida en voz alta pois así cobra unha dimensión máis significativa a súa ricaz expresión, de xinea oral, que tantas veces deslumbra.

Esta estrea merecería saír desa semiescura clandestinidade que simboliza o primeiro libro: méritos tenos, e abondos.  Son poemas que trascenden fronteiras ou estremas e que, como di a autora van «máis aló da vida e da morte que, como ben sabes, non son e son».

 

      (Fonte da foto «A voz de Vilalba». Acto da presentación do poemario: de dereita a esquerda Ramón Chao, Iria Fernández Crespo e Miguel Anxo Fernán-Vello)

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , , , | 1 Comentario