Tag Archives: Fran Alonso

Na presentación en Vigo de «Un rato díxolle á lúa», de Antonio García Teijeiro

Había un mundo de tempo que non asistía a unha presentación tan concorrida, fluída e emocionante como a que este pasado serán acolleu a Casa do Libro de Vigo. A razón era a presentación de Un rato díxolle á lúa: unha antoloxía poética que recolle parte do labor de  García Teijeiro no eido da poesía infantil, desenvolto ao longo de vinte e cinco anos: o espello dunha traxectoria poética inacabada, lóxica e afortunadamente, pero abonda como para amosar o relevante papel que o autor ocupa, por dereito propio, na poesía infantil  galega contemporánea.

     Alegreime moito de ver feliz ao autor, a quen me une ademais unha compartida devoción pola obra de Celso Emilio Ferreiro, pois non era para menos. Non só pola abondosa afluencia de persoas a esta presentación, senón tamén polo acertado das intervencións de Manuel Bragado, subliñando a traxectoria global do autor; de Fran Alonso, responsable da escolla dos poemas e da edición; de Román Raña Lama, a quen lle correspondeu trazar breve e acaidamente os valores xerais da obra de García Teijeiro ou de Xosé Cobas, quen realizou un percorrido fantástico pola lectura en imaxes que realizou da escolma poética. Non esquezo, evidentemente, a presenza de Paco Ibáñez, responsable tamén da musicación e interpretación dalgúns poemas do escritor vigués que se incorporan nesta edición e que onte cantou  e acompañou, á guitarra, o recitado dalgúns deles. Oír a Paco Ibáñez segue a ser unha experiencia fantástica e irrepetible; oílo cantando poemas en galego de García Teijeiro aínda máis. Unha gran presentación a de onte, quen o dubida, para min  unha extraordinaria invitación para entrar o antes posible no »agasallo» que supón a edición deste libro.

     

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Poesía, Presentación | Coas etiquetas , , , , , , , , | Leave a comment

Unha regalía: Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida

Accedín hoxe, non oculto que con emoción, a un exemplar dun libro moi devecido. Ao velo lembrei o que aseveraba nun chío a xornalista Carme Vidal, ao fío da noticia da aparición deste  Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, no que contaba unha fermosa historia: «Ese home é «escritor e comunista» dicía meu pai cada vez que Lueiro volvía a Fornelos. E eu, de nena, mirábao admirada». Probablemente, de eu ser neno, de vivir en Fornelos e ver aquel home, se alguén me dixese que Lueiro era escritor e comunista pois miraríao admirado, sen dúbida. Non tiven a sorte, nin sequera, de tratalo, nin de asistir a ningún acto no que el estivese presente, pero si tiven a fortuna de coordinar este libro que quere ser unha actualización tanto do que Lueiro debe significar aínda  hoxe como modelo de quen resiste en condicións adversas -velaí esa «liberdade ferida»- e defende con convicción os seus principios. Pero é que Lueiro, ademais, escribiu, e escribiu moito, e penso que non o fixo mal.

         O libro parte dunha idea de Paco Lores, presidente da Federación de Asociaciones Gallegas de Buenos Aires e así cómpre recoñecelo. Sen a colaboración, e o apoio, da familia Lueiro, en especial de Marieta Lueiro, de Edicións Xerais de Galicia e, sobre todo, da xenerosidade desa media centena de persoas que quixeron formar parte deste proxecto o libro nunca vería a luz. Quero, pois, deixar aquí constancia da miña gratitude a todas as voces que participan nel, especialmente a dúas que xa nos abandonaron, pois a xestión do libro foi vagarosa, como foron as de Herminio Barreiro e mais Isaac Díaz Pardo, e tamén á memoria de Maruxa Lores, que planea recorrentemente, como non podía ser doutra maneira, en todas as páxinas deste libro.

     Ao carón destes últimos hai palabras -ensaios literarios, perfís biográficos, poemas, narracións…- e deseños gráficos dun grupo de persoas ás que quero agradecerlles a súa xenerosidade, o seu traballo, a súa paciencia e comprensión. Velaquí os seus nomes na confianza de que a a memoria de Lueiro permitirá que cadremos e poidamos celebrar a vixencia do seu legado: Paco Lores, Manuel Bragado, Luís Cochón, Ramón Chao, Antonio Chaves, Gerardo González Martín, Modesto Hermida, Francisco López “Chesqui”, Basilio Losada, Manuel Lueiro Lores, Gustavo Luca de Tena, Xosé Luís Méndez Ferrín, Olegario Sotelo Blanco,  Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández Rei, Luís Mera Naveiras, Francisco X. Fernández Naval, Gogue, Manuel Quintáns, Siro, Anxo Angueira, Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Xosé C. Caneiro, Ramón Caride Ogando, Delfín Caseiro, Francisco Castro, Xoán C. Domínguez Alberte, Miguel Dubois, Xavier Franco, Xosé M. Eyré, Inma López Silva, Xavier López, Antón Lopo, Carlos Oroza, David Otero, Mariña Pérez Rei, Xesús Rábade Paredes, Baldo Ramos, Xurxo Sierra, Xosé Vázquez Pintor e Miro Villar. Beizóns.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Homenaxe, Literatura galega, Noticia literaria | Coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , | Leave a comment

Da presentación de Faneca Brava, de Manuel Portas á Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida

Chego á casa moi contento tras a presentación de Faneca Brava, a última novela de Manuel Portas, desenvolta no seo da Feira do Libro de Compostela. Malia as dificultades e molestias producidas polo boureo das festas da Ascensión foi un pracer acompañar a Fran Alonso e mais ao autor na presentación dun libro do que me ocuparei máis adiante con vagar pero que vexo con enormes posibilidades para se converter nunha das lecturas obrigadas para este vindeiro verán: unha novela que fala da vida, dotada dunha armazón moi meditada e con ingredientes ben acaídos para acadar ese horaciano «prodesse et delectare», ese «ensinar deleitando» que Portas defende a ultranza (abaixo unha foto que nos realizou a nosa amiga Gracia Santórum).

 

 

          Ao tempo, descubro na rede que xa é unha realidade o volume-homenaxe titulado Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida: un proxecto longamente acariñado que me honrei de coordinar, integrado por unha manchea de voces entre as que se atopan persoas que xa desapareceron como Isaac Díaz Pardo ou Herminio Barreiro e outras como as de  X.L. Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero ou Carlos Oroza por só citar algún nomes. Tempo haberá para falar del.

               Un día magnífico, sen dúbida.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Novidades editoriais, Presentación | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Presentación da novela Faneca Brava, de Manuel Portas, na Feira do Libro (Santiago)

Mañá venres, ás 19.00 e na Feira do Libro de Santiago, acompañarei a Fran Alonso e mais a Manuel Portas na presentación -unha estrea mundial, como gusta de dicir Portas- de Faneca Brava, unha novela da que será un pracer falar un pouco pois, malia carecer de dotes de adiviñación, e aínda co saibo das súas últimas páxinas acabadas de ler hai pouco,  creo que conta con todos os ingredientes para se converter nun dos grandes éxitos narrativos deste vindeiro verán. Debullarei algunhas das razón que me levan a esta conclusión na presentación do libro. Esperámosvos alí.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Narrativa, Presentación | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Na Feira do Libro de Ferrol con Celso Emilio Ferreiro

Participei onte na presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Feira do Libro de Ferrol, nun acto que serviu para poñer o peche desta edición que, ao que parece, resistiu meritoriamente as acometidas da crise. O libro presentouse xa en diversos lugares até o de agora e en cada un deles non deixa de sorprenderme e fascinarme a expectación e o desexo de coñecer máis arredor da figura de Celso Emilio Ferreiro, como onte se confirmou unha vez máis diante dun nutrido grupo de persoas.

     As xenerosas palabras tanto do editor Fran Alonso, en representación de Xerais, como as de Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, foron para min desas que reverberan na memoria durante moito tempo resultando, en ocasións, conmovedoras, como tamén o foi a presenza de persoas queridas como Medos Romero, Manuel López Foxo, Luís Mera e Henrique Dacosta, alén doutras admiradas por min e que alí coñecín como ese traballador incansable que é Antón Cortizas. A miña gratitude á organización da Feira do Libro, aos presentadores do acto e a todas aquelas persoas que asistiron polas complicidades ferreirianas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Crónica, Presentación | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment