Tag Archives: Fran Alonso

Manuscrito: Fran Alonso (e II)

Hai por volta de un mes ocupaba esta sección un apuntamento en que se reproducía unha carta, enviada ad hoc por Fran Alonso, e na que se referenciaba algún material documental e loxicamente manuscrito que tiña a ben acrecentar a carón daquela misiva (unha páxina de Ninguén con correccións do autor e mais unha nota aclarativa de Cidades, a modo de epílogo) . Velaquí a súa reprodución tal e como prometía naquela altura.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Manuscrito | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Encontro sobre «Ninguén», de Fran Alonso, no Club de Lectura «Lendo no Galiñeiro»

Pasou Fran Alonso por un dos clubs de lectura «Lendo no Galiñeiro», concretamente o destinado ao profesorado, persoal non docente e pais e nais do alumnado do IES Valadares de Vigo.

      O motivo foi, loxicamente, a lectura realizada previamente de Ninguén, un libro que, como era de agardar, deu moito de si no faladoiro que seguiu á intervención do autor, centrada en situar este «artefacto» literario dificilmente encadrable en xénero ningún na súa propia produción, salientando algúns dos vectores que o conformaron, tanto en relación con esa «arañeira» que constitúe a totalidade do seu percorrido literario até hoxe coma no que ten que ver coa singularidade que o caracteriza: unha obra concibida para dialogar con algúns aspectos no noso presente, onde a incomunicación, a soidade ou as redes sociais, con algunhas das súas indesexadas ou imprevisibles consecuencias, cobran cada vez máis importancia no noso día a día. As máis sinceras grazas desde o club de lectura.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Club de Lectura, Divulgación | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Cidades, de Fran Alonso

Fran Alonso

Cidades

Xerais, Col. Sopa de Libros, Vigo, 2013, 72 páxinas, 9 €

 

Hoxe  lembrei a relectura que fixen hai poucos días deste poemario, fundamental para a poesía galega máis recente, como é Cidades de Fran Alonso. O texto do escritor vigués, e esta reedición é a mellor proba, aséntase como un dos textos referenciais da poesía contemporánea para a infancia mais non só por un, pois como lector adulto non deixa de gorentar, e advertir novos matices, cada vez que me achego a estes poemas.

      O corpus textual acompáñase nesta ocasión -e talvez sexa a edición esteticamente máis conseguida de todas as que se deron a coñecer- dun conxunto de atractivas ilustracións do propio autor que case adxectivaría como luminosas, inspiradas en fotografías tratadas informaticamente, o que lle outorga ao libro unha plasticidade e unha viveza que cómpre sentir e coñecer.

   O volume, agás algún poema reescrito e outros novos, testemuña esa postura que abrazou hai anos Fran Alonso ben explicitada en poemarios para abrir ou insinuar camiños distintos, próximos, heterodoxos operativos para quen comeza -ou pode comezar- a gozar da linguaxe poética, nese ronsel ao que cronoloxicamente logo se sumarían A araña e mais eu ou O meu gato é un poeta.

     Cidades, así pois, segue a ser un poemario tan fresco, irreverente, tenro e divertido como na súa primeira edición de mediados dos anos noventa. Amosa como a vertente lúdica e participativa na poesía -esencial para o lectorado ao que se dirixe- non ten porque estar enfrontada coa percepción e o tratamento de asuntos como a soidade, a incomunicación, a solidariedade e outros máis, entre o que salienta, loxicamente, ese fío común que é o tratamento outorgado ao espazo urbano (o particular do autor ou aquel que se queira imaxinar) que, en tantas ocasións resulta conmovedor.

   Parabéns por esta nova edición, tan fermosa, á que lle desexo a mellor das sortes posibles.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Manuscrito: Fran Alonso (I)

Non resultou doado achegar un manuscrito de Fran Alonso a esta sección; e  non o foi porque o escritor vigués é dos que xa non cultivou desde mozo, como explica abaixo, o exercicio da creación literaria a través da escrita a man. Por esa razón agradézolle o esforzo realizado para enriquecer este repositorio textual con varias propostas manuscritas, algunhas construídas á mantenta como esta primeira que chega en forma de carta e que incorporo a continuación coa súa correspondente transcrición abaixo. Nela confesa e pasa revista ás dinámicas creativas en canto a soportes empregados e ofrece unha explicación do material que me fixo chegar e que se compartirá nun vindeiro apuntamento, alén doutras reflexións nas que non falta o bo humor. A miña gratitude outra vez.

Transcrición:

15/1/2013

Prezado Moncho:

Acudo, por fin, á túa solicitude de manuscritos, aínda que co convencemento de que é imposible satisfacer a túa demanda. Por que? Sinxelamente porque eu non teño manuscritos de ningún orixinal. Desde que existe esa marabilla chamada ordenador, anterior á miña primeira novela, de 1991, son adicto sen remedio a eses aparellos, que por outra banda son a mellor bendición con que os escritores nos demos nos fuciños desde a invención da imprenta (ou mesmo antes). Previamente á miña primeira novela, tampouco existen orixinais, pois daquela eu facía uso dese invento primixenio e antigo denominado «máquina de escribir».

      Xa que logo, escribo, non sen facer un esforzo xigantesco, estas liñas a man para dar cumprimento ao teu pedido, así como para darche explicacións do outro material que che envío; a saber:

1. Unha páxina impresa e corrixida a man do meu libro Ninguén.

2. Un listado (manuscrito) das ilustracións que, naquel momento, estaban pendentes de facer para a nova edición do meu poemario Cidades.

3. A nota aclarativa que escribín, a modo de epílogo para este último libro. Non se trata de que renunciase ao ordenador senón de que aproveitei o tempo do meu café da mañá (onde carecía de ordenador) para redactar este texto. Dado que a falta de tempo é unha das miñas ruínas principais, o aproveitamento deses momentos mortos é moi significativo e importante para min. Ora, que non se me asocie, por favor, a esa imaxe romántica e tópica do escritor que escribe nas cafeterías. Eu non teño nada que ver con iso. So teño que ver coa falta de tempo.

      En fin, remato xa, facendo túas estas liñas polas que non sinto simpatía ningunha polo esforzo que me supoñen (físico, claro está) e polo temor que me infunde que alguén poida facer unha análise grafolóxica e descubrir escuros e agochados baúis da miña personalidade.

      Dito está.

     Unha aperta,

       [rubricado]

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Manuscrito | Coas etiquetas , , , | 2 Comentarios

Calendario do libro e da lectura 2013

A través dun retwit de Fran Alonso chego a este calendario do libro e da lectura 2013 que Rede Lectura deu a coñecer: unha magnífica idea e unha proposta moi a ter en conta para o vindeiro ano. Grazas!

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Lectura | Coas etiquetas , , | 3 Comentarios