-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Tag Archives: Galaxia
Propostas para un Día Internacional do Libro Infantil
Hoxe é o Día Internacional do Libro Infantil. Unha data que este ano fica un tanto deslucida por cadrar en período semi-vacacional e que cumpriría promocionar canto se puidese. Nesta liña velaquí o texto que a sección mexicana do Ibby solicitou ao escritor Francisco Hinojosa para festexar a data e que atopo traducido ao galego en trafegando ronseis; o cartel anunciador nesta ocasión vén da man do ilustrador Juan Gedovius.
Son moi numerosas as invitacións de lectura que poderían realizar, afortunadamente, dentro deste xénero de tan celmosa tradición entre nós. Escollo, un tanto aleatoriamente, entre as novidades coas que conto á man agora, algúns destes títulos chegados ás librarías hai pouco tempo.
Ramón Caride Ogando ofreceu, case simultaneamente, dous títulos como son Catro amigos pillabáns, con ilustracións de Manuel Uhía e mais A pomba dona Paz, nesta
ocasión acompañándose das propostas visuais subscritas por Pepe Carreiro, ambos os dous títulos, por certo, en Edicións Xerais de Galicia. Neles parte da común asunción dunha serie de valores que son propios da produción de Caride, entre os que resultan salientables aquí os da tolerancia e o respecto á liberdade; ben que no primeiro articula un relato de xorne aventureiro e imaxinativo, adoptando un esquema de fábula cunha estrutura de carácter itinerante, mentres que no segundo fai fincapé en cuestións máis estreitamente vinculadas coa ecoloxía, as desigualdades sociais ou a propia convivencia nas aulas, nun texto orientado esencialmente para quen van comezando aínda a achegarse á lectura autónoma.
De Kalandraka, que precisamente hoxe está de aniversario, salientaría unha achega titulada O artista que pintou un cabalo azul, de Eric Carle. Trátase dun libro, en formato álbum, que chega en tradución de Chema Heras e que incorpora unhas ilustracións a gran formato creadas coa técnica de colaxe con papel de seda pintado. Na súa orixe articúlase como unha homenaxe visual e narrativa a Franz Marc: un ilustrador alemán absolutamente innovador e pouco recoñecido no seu tempo. Neste sentido Carle, inspirado no devandito traballo de Marc, ofrece unha atractiva e singular achega onde o xogo coa pluralidade cromática, en tantas ocasións inesperada, resulta un dos seus eixes principais e traslada o discurso narrativo ao ámbito do visual. É difícil aquí non sentirse sorprendido por esa aposta que subverte, imaxinativamente, os esquemas pictóricos realistas e que se afasta, así, das visións máis tradicionais que os «artistas», xustamente ao contrario do que protagoniza o libro, levan dentro.
Por último, chamo a atención cara a outro volume constituído por este tándem que responde a Pinto &
Chinto e que tan excelentes froitos veu deixando aquí e acolá desde hai algún tempo. Trátase do título Os xogos olímpicos de Ningures, editado en Galaxia xunto con outros tres títulos máis na colección «Árbore», e que permite achegarse ao mundo do deporte desde as instancias do humor e mais o enxeño, facendo uso de moitas doses de perspicacia, imaxinación e habilidade narrativa, sen esquecer a pegada do absurdo ou do nonsense, entreverado sempre coa aplicación dunha visión sempre respectuosa e case raiana coa tenrura. Un libro que obriga a ler cun sorriso, sexa a idade que for.
Alusión, de Arturo Casas
Alusión
Galaxia, Vigo, 2011, 160 páxinas, 19 €
Talvez non sexa moi correcto sinalalo nun texto como o presente mais non quero ocultar que gardo un grande aprecio pola persoa de Arturo Casas e non é menor a miña admiración polo traballo teórico-crítico que vén desenvolvendo desde hai anos, sobre todo a través das múltiples publicacións e ensaios que constitúen, hoxe por hoxe, unha das achegas máis rigorosas feitas, desde a perspectiva ensaística, á intepretación das liñas de forza do noso sistema literario, con especial atención á análise semiótica e cultural.
Por todo o dito saúdo con moito agrado a publicación dunha escolma significativa dos seus numerosos apuntamentos e comentarios vertidos no blogue Lándoas, que estivo activo ao longo dos anos 2008 e 2009 e que moitos e moitas seguimos con interese no seu día. A semántica plural presente no título de Alusión explícase en diversas claves: por suposto que unha delas é a que «alude» ao sistema de posibles referencias cruzadas no seo da blogosfera mais tamén ao fondo do seu sentido: «a angostura do espazo democrático no tempo noso e as alusións correlativas que iso ocasiona na esfera pública», como sinala lucidamente a súa prologuista, de nome Felicia Soutelo, quen alén de exhibir un rexistro narrativo envexable, un chisco irónico e extraordinariamente documentado, non sei se entender como heterónimo, ou case.
Se o prólogo resulta de lectura obrigada outro tanto se pode dicir deste exercicio de reapropiación lectora, que algúns sentimos saudosa pero non periclitada. Velaquí estas «lándoas», agora en forma de papel, que convidan a ler, a reler, a gorentar propostas textuais nadas nas marxes que agora xa non son marxinais nin periféricas; moi ao contrario preséntanse reforzadas como centrais e substanciais ao falaren sobre as identidades, sobre as manipulacións e os medios de comunicación, sobre os disfraces do poder…, reflexións tan necesarias, sempre, adobiadas por veces cunha sutil ironía. Un libro ben preciso sempre e moito máis nesta na época que estamos a vivir.
Letras galegas en Qué leer, nº 167. Entrevista con Francisco Castro
Baixo o título de «Francisco Castro: editor de futuro, autor con rabia» publicouse esta entrevista nas sección «Letras Gallegas» da revista Qué leer, nº 167. Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.
Francisco Castro (Vigo, 1966) traballa como editor en Galaxia, pero dedícase a moitas máis cousas e sobre todo exerce como escritor, a súa auténtica paixón.
Cales son os teus retos para esta nova etapa de Gálix?
Celebrando todo o feito por directivas anteriores o obxectivo é, mantendo todo o iniciado, lograr unha maior presenza social. Xa conseguimos que a sociedade galega coñeza non só a asociación se non todo o que pode facer pola promoción da literatura infantil e xuvenil de maneira que gozamos dunha importante presenza na feira de Bolonia, con material audiovisual e un magnífico catálogo.
Por outro lado estamos satisfeitos de instituír a figura de «socio de honra» que pretende homenaxear anualmente unha figura da literatura infantil-xuvenil do mundo, non soamente galego, e xa comezamos con Xosé Neira Vilas, editando un libro escrito por sete importantes persoas da vida civil que falan sobre Memorias dun neno labrego; ademais estamos en proceso de renovación da web e iniciamos outras actividades.
Dende a túa atalaia como editor en Galaxia, como enfrontas os desafíos destes tempos?
O futuro é dixital, e témolo moi claro. Galaxia non é unha empresa, é un proxecto, é unha idea de país e sempre quixo que a literatura galega estivese na modernidade. Hoxe estamos encantados de recibir galardóns, algúns recoñecendo o noso traballo nas novas tecnoloxías. A isto engadimos a nosa presenza nas redes sociais, na blogosfera… Ou a lingua galega está aí ou cómennos.
Noutra orde de cousas, que cambiou en ti despois do multipremiado e reeditado Chamádeme Simbad, hai pouco traducido o castelán e catalán?
En min hai algo antes e despois deste libro. Non a nivel estilístico porque ese narrador que eu utilizo está sempre, pero si cambiou a nivel de percepción social da miña obra: as alegrías que me deu este libro son moitas, aínda que nacese dunha ferida. Decátome de que con el cheguei a obter recoñecemento da crítica e de lectores; ao tempo permitiume valorar a importancia da literatura. Noto a sensibilidade dos lectores máis novos sobre o tema que trato na novela que é o Alzhéimer.
Consideras necesaria a proxección cara a fóra da nosa literatura?
Absolutamente. Eu sempre digo que escribo non só para que me lean en Galicia se non para que me lean en todo o mundo, e escribo dende a miña lingua. A miña novela Xeración perdida está tamén a punto de saír en castelán no selo Pulp Books: é unha das miñas novelas máis queridas, se pode chegar a outras latitudes, pois será unha grande alegría.
Acaba de aparecer a túa última novela, In vino veritas. Que podes dicirnos sobre ela?
Creo que esta proposta debería levar un subtítulo que sería algo así como «unha novela furiosa», porque está escrita dende a furia, dende a rabia e pretende lanzar unha mirada moi crítica, atroz de feito, sobre unha sociedade disparatada como a nosa. Está protagonizada por unha estrela da televisión, da tele rosa que, baixo a aparencia dunha novela policial, me serve para, introducindo o tema das estrañas relacións sadomasoquistas de persoas aparentemente correntes, construír unha crítica moi dura aos medios de comunicación, a esa «parvoeira» xeral que nos queren introducir. É unha novela furiosa, unha novela para se cagar en todo.
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas Zas
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg
Galaxia, Vigo, 2011, 268 páxinas, 19 €
Abro este libro ao chou e atópome cunha marabillosa síntese da figura de Mª do Carme Kruckenberg que sen dúbida debería, como a min me ocorreu, facer moito por internarse polas súas páxinas: “sosegadamente meditativa, orgullosa do vivido, lectora voraz, conversadora locuaz, declamadora solemne e activa sempre, para a vida e a para a literatura”.
Tras o lido, medran as expectativas e debrúzome neste traballo de Mercedes Queixas aínda con maior interese, tanto pola seriedade e rigor que a súa autora veu deixando en numerosos traballos anteriores como pola curiosidade que me suscita a figura da Kruckenberg, prolífica e orixinal escritora, sempre próxima a quen se achegar a ela, de actitude discreta e elegante, mais posuidora de rotundas conviccións que configuran unha personalidade moi independente. E abofé que non saio decepcionado da lectura deste Vivir, unha aventura irrepetíbel, máis ben todo o contrario. Queixas sabe tirar intelixente partido de todo o que vive na lúcida memoria da escritora viguesa –sustento primordial desta biografía na que só boto de menos un índice onomástico que lle outorgaría maior utilidade- pois, desde as instancias do exquisito respecto ás evocacións confesadas, estrutura e distribúe acaidamente todo o material obtido, aplicando un criterio cronolóxico, contextualizando con acerto afirmacións e datos que precisan algunha aclaración e rescatando fragmentos epistolares, xornalísticos ou composicións poéticas, nalgún caso inéditas, que iluminan necesariamente aspectos que así o demandan.
Mais, alén de recoñecer o acerto da biógrafa, este volume serve para rescatar merecidamente e pór ao día o percorrido vital, cultural e literario dunha das voces pioneiras e máis singulares do nosa lírica última. Quen se achegue ao volume descubrirá ou redescubrirá unha traxectoria persoal que avanza de mans dadas coa literatura, entrelazándose ou harmonizándose ambas dimensións con naturalidade para coñecer a sombra protectora do pai liberal e culto, a liñaxe familiar, a experiencia vital da guerra, o amor e a maternidade, as viaxes e o devezo por coñecer, a participación en tertulias, as viaxes e lecturas e ese amplísimo abano de amizades, nalgúns casos encontros ocasionais ou máis duradeiros, cunha parte substantiva de escritores e artistas significados aquén e alén do océano…, entre os que me permito salientar as de Alberti, Seoane ou Lorenzo Varela, alén do relato dos dous emotivos encontros con Castelao.
Capítulo á parte merece o protagonismo que adquiren as súas achegas literarias, tanto en castelán como en galego, e que se analizan desde o seu proceso de xestación, pasando pola intención cos que foron ideadas ata recepción das mesmas, co que dalgún xeito se reivindica colectivamente a presenza e importancia dos autores e autoras da denominada xeración dos 50.
En definitiva, unha operativa e acaída reconstrución biográfica en clave literaria que se erixe como unha achega moi necesaria para coñecer e recoñecer alguén que realmente o merece.
(Foto: presentación do libro na cidade da Coruña; de esquerda a dereita: Francisco Castro, Mª do Carme Kruckenberg e Mercedes Queixas)
Este texto publicouse baixo o título de «Merecida e valiosa biografía» nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 28 de maio de 2011.
Cartografía de Xohana Torres na revista Grial (nº 188)
Grial 188
Víctor F. Freixanes / Henrique Monteagudo (dirs.)
Galaxia, Vigo, 140 páxs., 12 €
Todo un acerto, ao meu ver, nuclear esta última entrega da histórica Grial na figura e, sobre todo, na obra de Xohana Torres. Talvez poucas escritoras foron e son tan referenciadas no mapa poético galego contemporáneo coma ela e, se cadra, a proxección da súa obra non sexa a que en xustiza lle correspondería.
Así pois, coa intención de fomentar a necesaria revisión e valoración das súas achegas literarias, Grial acolle un monográfico coordinado pola profesora Dolores Vilavedra que dá a coñecer diversos asedios críticos sobre moi diversas facetas creativas da autora de Estacións ao mar, subscritos por Helena González, Olga Novo, Iolanda Ogando e Montse Pena, todos eles de lectura obrigada.
Fóra destas páxinas non falta a imprescindible evocación de quen tanto tivo que ver coa propia revista como foi Francisco Fernández del Riego ou unha interesante entrevista co lingüista brasileiro Dante Lucchesi. Por último, alén das seccións habituais, saliento un pequeno ensaio titulado «Por un proxecto de futuro para o idioma galego» subscrito por Henrique Monteagudo -a disposición en pdf na web de Galaxia- e as interesantes colaboracións de xorne máis literario que veñen da man, nesta ocasión, de Román Raña e Iván García Campos.



