-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- A noite branca
- A sega
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Centenario Francisco Fernández del Riego
- Blog Costa do Solpor
- Blog de Agustín Fernández Paz
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
"Culturas" Agustín Fernández Paz Baldo Ramos Begoña Caamaño Biblos Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Entrevista Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Galaxia IES Valadares Kalandraka Laiovento La Voz de Galicia La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Luís Ferreiro Manuel Bragado Manuel Rivas Manuscrito manuscritos Marcos Calveiro María Reimóndez Miro Villar Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro Poesía Qué leer Rinoceronte Roberto Vidal Bolaño Rosalía de Castro Toxosoutos Trifolium TVG Valentín Paz Andrade video Xerais Xoán Carlos Domínguez Alberte Álvaro Cunqueiro Adianto editorial (2)
Adianto reseña (1)
Álbum ilustrado (49)
Antoloxía (1)
Apuntamento (1)
Arte (3)
Artigo (7)
Banda deseñada (5)
Biografía (16)
Blogue (9)
Booktrailer (1)
Catálogo expositivo (5)
Celso Emilio Ferreiro (164)
Cine (6)
Club de Lectura (5)
Convocatoria (31)
Crítica (23)
Crítica literaria (297)
Crónica (80)
crowdfunding (1)
Curso (3)
Día das Letras (40)
Divulgación (197)
Docencia (2)
Documental (4)
Edición (1)
Editorial (6)
Efeméride (23)
Ensaio (103)
Entrevistas (54)
Exposición (3)
Faladoiro (4)
Fotografía (7)
Gastronomía (2)
guión (1)
Historia (2)
Homenaxe (14)
Ilustración (2)
Inédito (1)
internet (4)
Lectura (5)
Libro ilustrado (6)
Libro lecer (3)
Lingua galega (1)
Literatura (21)
Literatura galega (35)
Literatura infantil (30)
Literatura xuvenil (17)
Manuscrito (113)
Música (15)
Narrativa (130)
Necrolóxica (1)
Noticia (24)
Noticia literaria (13)
Novela (15)
Novela gráfica (5)
Novidades editoriais (18)
Obituario (1)
Opinión (70)
Poesía (151)
Premio (48)
Presentación (26)
Programa radiofónico (13)
Promoción da lectura (4)
Recomendacións (1)
Recursos didácticos (8)
Reedición (2)
Relatos (7)
Reportaxe (1)
Revista (18)
Roberto Vidal Bolaño (2)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (6)
Teatro (12)
Televisión (6)
Textos (3)
Tradución (44)
Unidade didáctica dixital (1)
Valentín Paz Andrade (12)
Varios (31)
Vendas (2)
Video (75)
Video promocional (3)
Xornalismo (10)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Tag Archives: Gonzalo López Abente
A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente
A narrativa mariña (edición de Suso Sambade Soneira)
Edicións Xerais, Vigo, 248 páxinas, 18 €
Permitiranme que nesta ocasión nuclee este comentario arredor dun volume no que quen escribe tivo unha mínima implicación de carácter técnico no que se refire á súa publicación, mais fágoo ao entender que esta publicación supón un rescate de certa relevancia e singularmente operativo para proxectar como merece a figura e parte da obra, narrativa neste caso, de Gonzalo López Abente. Refírome ao título A narrativa mariña, que xa circula entre nós logo tras unha multitudinaria e garimosa presentación que se realizou na fermosa biblioteca municipal de Muxía hai xusto unha semana, e que ve a luz mercé á colaboración de Edicións Xerais coa Fundación Gonzalo López Abente, institución que por certo vén realizando, ao meu entender, un meritorio e intenso traballo baixo o obxectivo de publicitar a figura de quen lle lle dá nome, organizando xa unha serie de actos para conmemorar o cincuenta aniversario, no 2013, do falecemento do autor e alentando, asemade, proxectos entre os que non gozan dunha importancia menor o rescate e publicación de textos literarios, inéditos ou éditos, do escritor muxián.
E uns textos éditos, en efecto, pero hoxe en día case inaccesibles mesmo para especialistas, son os que se compilan, baixo o traballo rigoroso e apaixonado do profesor muxián Suso Sambade Soneira, responsable tanto dunha documentada introdución que preludia o volume como da edición dos textos incluídos na presente edición. No devandito estudo previo, alén dunha completa e exhaustiva revisión biográfica, exponse polo miúdo a intensa vinculación de López Abente con institucións políticas e culturais de corte galeguista como foron as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista ou Seminario de Estudos Galegos e ofrécense as principais claves interpretativas das cinco novelas curtas rescatadas: O diputado por Veiramar (1918), O escándalo (1920), O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926).
Teño para min que a lectura destas pezas narrativas, ou a súa relectura, revela nunha primeira instancia a intensidade do compromiso dun autor coa posta en marcha dun proxecto moi concreto e singular como foi o de construír un corpus narrativo en lingua galega, que amosase unha temática popular mais tamén universal e recreada literariamente con acerto e dignidade. Velaquí, así pois, un conxunto de novelas breves ideadas desde o criterio da sinxeleza e a efectividade, para que a súa recepción fose o máis fecunda e ampla posible. Non xoga un papel menor, neste sentido, esa recreación de atmosferas, de espazos e de xentes pertencentes ao ambiente mariño ou costeiro, situando deste xeito a Muxía e os seus arredores como un pano de fondo característico da súa produción.
Este A narrativa mariña supón un operativo avance nese ronsel iniciado co rescate que supuxo a publicación hai poucas datas do poemario inédito Bretemada. Un e outro facilitan o acceso á obra literaria de López Abente e serven para afondar, con ferramentas de análise contemporáneas, na produción dun autor que cómpre, talvez, ir resituándoo no papel que desenvolveu na literatura galega do século XX.
Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia baixo o título de «Rescate de López Abente», o 2 de xuño de 2012.
Presentación d´A narrativa mariña de López Abente, en Muxía
Nesa liña de rescates bibliográficos que se impuxo a Fundación Gonzalo López Abente, e na que contamos coa excelente edición de Bretemada, realizada con rigor e acerto polo meu benquerido Miro Villar, séguelle agora a edición dun novo volume -A narrativa mariña- que compila as prosas vinculadas con asunto ou ambientación costeira e mariñeira que López Abente editou, de forma independente ao longo da súa vida. O libro ofrece, se couber, a posibilidade de acceder a unhas pezas inatopables hoxe en día como son O diputado por Veiramar (1918), O escándalo (1920), O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926) e faino en edición e precisa introdución do profesor Suso Sambade. Teño para min que este libro ofrece outra imaxe, complementaria e fecunda, da produción literaria de Gonzalo López Abente e
da súa vinculación apaixonada e comprometida cos proxectos que pairaban nas actuacións culturais e ideolóxicas das Irmandades da Fala. Ademais, particularmente, supón a continuidade dunha histórica colección como é a BLG, que entendo como unha feliz noticia.
Así pois, mañá estarei en Muxía, xunto con Manuel Bragado, o editor do volume Xesús Sambade Soneira e mais Felix Porto, alcalde de Muxía e Presidente da Fundación López Abente para presentar este libro. De certo que algún que outro amigo, como Rivadulla Corcón, andará por alí.
Gonzalo López Abente: un perfil hoxe
No estudo bio-bliográfico que preludia a recuperación de Bretemada, de López Abente, o profesor Miro Villar subliña a existencia de certa descualificación crítica respecto da obra do escritor muxián que provén dalgúns dos seus coetáneos galegos mais, significativamente, non así de voces críticas do exterior. Se cadra estes xuízos primeiros, e talvez mediatizados pola sombra do gran Pondal, alicerzados en opinións subxectivas que resultan doadamente rebatibles, afectan xa non só á súa obra poética senón tamén ao que se refire a outros xéneros nos que López Abente se moveu con recorrencia. Este lastre pesou, sen dúbida, na proxección e presenza que a figura de López Abente goza no canon actual, ao que non axudou a celebración dun Día das Letras no afastado 1971, de carácter máis simbólico e resistente que outra cousa. Participo da idea que a súa obra demanda, por estas razóns, unha revisión a fondo e sen prexuízos que recupere unha voz que aboia ata o de agora nunha inxusta terra de ninguén.
A obra poética de Gonzalo López Abente cífrase en seis libros publicados en vida, mais o rescate dunha peza poética realizada no ano 1971, alén dunha antoloxía da que precisamente se responsabilizou Miro Villar no ano 1995 e que constitúe, xunto á amentada recuperación de Bretemada, a única posibilidade accesible para saber do seu quefacer poético. Máis escuro e desasistido é o panorama que atinxe á súa obra narrativa pois esta apunta á existencia doutras seis pezas absolutamente inatopables desde hai bastantes anos. Consólame saber que non ha tardar, en Edicións Xerais, unha vindeira edición das súas catro novelas curtas –O diputado por Beiramar, O novo xuez, Buserana e Fuxidos, alén do texto “O escándalo”- nunha rigorosa edición a cargo do profesor Suso Sambade, que tiven a oportunidade de coñecer. Este traballo volverá proxectar con rigor a López Abente no primeiro plano de actualidade e permitirá abordar esoutra faceta creativa non menor que foi a da prosa. O autor muxián ben merece que se manteña acesa a memoria do seu legado literario.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 10 de decembro de 2011, baixo o título de «Unha obra que demanda unha revisión a fondo».
Arredor de Bretemada, de Gonzalo López Abente
Bretemada (edición de Miro Villar)
Alvarellos, Compostela, 2011, 227 páxinas, 20 €
No ano 1925, as páxinas da revista Céltiga editada en Buenos Aires, acollían unha significativa prosa de Vicente Risco titulada “A velliña vella”. Este texto alegórico, moi reiterado e estudado anos despois, vehiculiza a través dun personaxe o que viría sendo unha metonimia de Galicia pois nel simbólizase tanto o pensamento político de Risco, por extensión do Grupo Nós naquel momento, como o sentimento de perda da identidade galega e a orfandade dun pobo que esqueceu as súas orixes. Algúns anos antes de ver a luz este texto, Gonzalo López Abente, compañeiro de tarefas e angueiras de Risco, mais tamén de Otero, Castelao, Cuevillas e tantos outros no seo das Irmandades da Fala, deu cun substantivo, como foi “bretemada”, baixo o que quixo artellar, neste caso poeticamente, unha metonimia de Galicia.
Sería cousa de ficción científico-literaria calibrar qué modificaría tanto a valoración de López Abente na literatura do seu tempo como o seu posto no canon da poesía galega do século XX se o libro que agora se rescata non permanecese inédito nos fondos da Real Academia Galega ata hoxe e vise a luz pouco despois da súa redacción. Con todo, se Xosé Luís Méndez Ferrín, responsable dunhas notas limiares desta edición, apunta que esta publicación constitúe “un acontecemento de altísima importancia” coido que non se debe entender como unha afirmación gratuíta.
Suscribo esta anterior aseveración, pois non é difícil valorar a relevancia deste libro que nos chega mercé ao labor da Fundación Gonzalo López Abente, da compostelá Alvarellos Editora e, sobre todo, do bo facer como editor literario do profesor e filólogo Miro Villar, que deposita o preciso rigor neste traballo informando do percorrido biográfico do autor muxián, alén de engadir as pertinentes reflexións arredor da xeración literaria á que pertenceu, explorando as claves da súa obra poética publicada e reparando na recepción desta última, ademais de ofrecer atinadas valoracións arredor da obra rescatada.
Bretemada, así pois, acolle un cento de poemas nos que agroman as principais doutrinas identitarias do nacionalismo galego incipiente daquela xeira que López Abente abrazaba, materializadas poeticamente en asuntos como o devezo pola liberdade e a férrea e rotunda defensa da lingua e da tradición, sen esquecer tampouco a exaltación da singularidade e beleza da nosa paisaxe.
Non merecería ficar esta publicación dispersa e esquecida entre as últimas novidades editoriais. A exhumación destes textos ilumina un traxecto descoñecido do percorrido literario de Gonzalo López Abente e, por extensión, da historia literaria e cultural de noso. Bretemada pon de relevo o traballo inspirado dun poeta que entendo como un valioso material literario, por fin á disposición de quen desexe achegarse a el.
Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 10 de decembro de 2011, baixo o título de «Rescate dunha voz precisa».
Bretemada, de Gonzalo López Abente
Bretemada (edición de Miro Villar)
Alvarellos, Compostela, 2011, 227 páxinas, 20 €
Deulle calor e agarimo a este proxecto para despexar a escuridade e depositou intelixencia e bo saber Miro Villar no momento de ordenar e editar un libro que se atopaba nos fondos da Real Academia Galega ata agora, e que ve a luz con primor editorial como adoita facer a editorial Alvarellos na súa meritoria colección «Rescate», xunto coa colaboración da Fundación Gonzalo López Abente. Deste xeito vólvese poñer no primeiro plano de actualidade a López Abente -un sólido escritor por quen ás veces se pasa sen reparar na súa relevancia- e, ademais, faise xustamente pois este libro rescatado supón, sen dúbida, unha das principais achegas que se realizaron ultimamente para exhumar o que ao meu xuízo é un valioso material literario que á forza cómpre entendelo no contexto no que se crea e toma forma como é a época das Irmandades da Fala pois velaí como a través dun cento de poemas agroman as preocupacións e as doutrinas identitarias do nacionalismo daquela xeira: o devezo pola liberdade, a singularidade e beleza da nosa paisaxe ou a férrea defensa da lingua e da tradición.


