Tag Archives: Kalandraka

Celso Emilio Ferreiro na Campaña de animación á lectura do concello de Santiago (Novas CEF XXXIV)

Outra iniciativa que conmemora o centenario de Celso Emilio Ferreiro é o espazo que, dentro da campaña de animación á lectura promovida polo concello de Santiago e organizada por Kalandraka, se lle dedica ao autor celanovés, incorporando algunhas das magníficas ilustracións que Baldo Ramos realizara para unha Escolma poética que publicara a editorial pontevedresa.  Deixo aquí dúas mostras do que se pode atopar na exposición, na Galería Sargadelos de Compostela até o 31 de maio.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Exposición | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Propostas para un Día Internacional do Libro Infantil

Hoxe é o Día Internacional do Libro Infantil. Unha data que este ano fica un tanto deslucida por cadrar en período semi-vacacional e que cumpriría promocionar canto se puidese. Nesta liña velaquí o texto que a sección mexicana do Ibby solicitou ao escritor Francisco Hinojosa para festexar a data e que atopo traducido ao galego en trafegando ronseis; o cartel anunciador nesta ocasión vén da man do ilustrador Juan Gedovius.

    Son moi numerosas as invitacións de lectura que poderían realizar, afortunadamente, dentro deste xénero de tan celmosa tradición entre nós.  Escollo, un tanto aleatoriamente, entre as novidades coas que conto á man agora, algúns destes títulos chegados ás librarías hai pouco tempo.

     Ramón Caride Ogando ofreceu, case simultaneamente, dous títulos como son Catro amigos pillabáns, con ilustracións de Manuel Uhía e mais A pomba dona Paz, nesta ocasión acompañándose das propostas visuais subscritas por Pepe Carreiro, ambos os dous títulos, por certo,  en Edicións Xerais de Galicia. Neles parte da común asunción dunha serie de valores que son propios da produción de Caride, entre os que resultan salientables aquí os da tolerancia e o respecto á liberdade; ben que no primeiro articula un relato de xorne aventureiro e imaxinativo, adoptando un esquema de fábula cunha estrutura de carácter itinerante, mentres que no segundo fai fincapé en cuestións máis estreitamente  vinculadas coa ecoloxía, as desigualdades sociais ou a propia convivencia nas aulas, nun texto orientado esencialmente para quen van comezando aínda a achegarse á lectura autónoma.

     De Kalandraka, que precisamente hoxe está de aniversario, salientaría unha achega titulada O artista que pintou un cabalo azul, de Eric Carle. Trátase dun libro, en formato álbum, que chega en tradución de Chema Heras e que incorpora unhas ilustracións a gran formato creadas coa técnica de colaxe con papel de seda pintado. Na súa orixe articúlase como unha homenaxe visual e narrativa a Franz Marc: un ilustrador alemán absolutamente innovador e pouco recoñecido no seu tempo. Neste sentido Carle, inspirado no devandito traballo de Marc, ofrece unha atractiva e singular achega  onde o xogo coa pluralidade cromática, en tantas ocasións inesperada, resulta un dos seus eixes principais e traslada o discurso narrativo ao ámbito do visual. É difícil aquí non sentirse  sorprendido por esa aposta que subverte, imaxinativamente,  os esquemas pictóricos realistas e que se afasta, así, das visións máis tradicionais que os «artistas», xustamente ao contrario do que protagoniza o libro, levan dentro.

       Por último, chamo a atención cara a outro volume constituído por este tándem que responde a  Pinto & Chinto e que tan excelentes froitos veu deixando aquí e acolá desde hai algún tempo. Trátase do título Os xogos olímpicos de Ningures, editado en Galaxia xunto con outros tres títulos máis na colección «Árbore», e que permite achegarse ao mundo do deporte desde as instancias do humor e mais o enxeño, facendo uso de moitas doses de perspicacia, imaxinación e habilidade narrativa, sen esquecer a pegada do absurdo ou do nonsense, entreverado sempre coa aplicación dunha visión sempre respectuosa e case raiana coa tenrura. Un libro que obriga a ler cun sorriso, sexa a idade que for.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura infantil | Coas etiquetas , , , , , , , , , , | Leave a comment

Proxección exterior da narrativa galega (e II) [Textos]

       No segundo dos apartados anteditos, isto é, aquel que afecta ás iniciativas que facilitan ou promoven a presenza da nosa literatura, a través da tradución, noutros sistemas lingüísticos, cómpre dicir que, particulamente, advirto dous posibles modelos, ambos os dous vinculados, claro é, coa iniciativa empresarial privada que, ás máis das veces ou ben asume os custos das traducións –contando con limitadas axudas económicas para isto- ou ben facilita a venda ou intercambio dos dereitos da tradución do orixinal galego a outras linguas. Un dos modelos, por citar un caso concreto, é a que se produce ao abeiro dun xénero en auxe como é o do “álbum ilustrado” para os primeiros lectores, da man da editorial pontevedresa Kalandraka, desenvolta cunha perspectiva basicamente empresarial e que se converte nun modelo da proxección “posible e real” para propostas creativas galegas propias e cara a fóra. Tras máis de dez anos desde a súa fundación Kalandraka optou por ampliar e internacionalizar a oferta dos seus produtos. Algúns dos seus orixinais en galego, nomeadamente os que veñen avalados pola súa calidade incontestable no que se refire ao talento creativo, irmandando a potencialidade visual coa proposta discursiva, estenderon o éxito alén das nosas fronteiras traducíndose así a numerosos idiomas, en parte debido ao espallamento das sedes pois alén das emprazadas en diversos territorios do estado para editar nas linguas propias como Cataluña ou Euskadi, crearon outras fóra do estado en Italia e Portugal e subscribiron convenios de actuación conxunta con editoras brasileiras ou mexicanas. Esta internacionalización da empresa é a que posibilita que, poñamos só un caso, Avós, un famoso álbum ilustrado de Chema de las Heras e Rosa Osuna, non só fose publicado en galego, catalán, inglés, italiano, portugués, éuscaro, italiano, senón tamén en chinés, coreano e xaponés, sendo arestora un dos libros actuais deste xénero que está traducido a un maior número de idiomas.
O outro modelo sería o que podería fornecer unha editorial de corte máis xeneralista como é Edicións Xerais de Galicia. Editora que facilita, obviamente, a tradución de obras do seu catálogo a outros idiomas, quer a través da negociación dos dereitos da tradución quer a través da opción do intercambio polos dereitos de publicación doutros orixinais. Deixando esta faceta á parte, isto é, a que se refire ao papel que cumpre o autor ou autora na negociación dos seus dereitos de tradución, por veces determinante, por veces ningún, coido que é interesante reparar nos seguintes datos numéricos en que se sinalan cales son os autores traducidos dun catálogo vivo contemporáneo, un signo relevante para promocionar e exportar a nosa tradición e a nosa realidade literaria de arestora.
Estes datos, no meu poder grazas a Celia Torres, responsable de prensa da editora viguesa e a quen lle agradezo a información, malia seren parciais porque habería que lles engadir os resultados de autores e autoras noutras empresas editoras, contribúe, cando menos, a decatarnos de que, neste concreto catálogo, por esmagadora maioría, son os autores da denominada LIX os que posúen un maior número de libros traducidos, seguidos de figuras de alto fuste como Ferrín, Rivas, Suso de Toro e a maior distancia, Marilar Aleixandre.
        Respecto de autores da LIX ocupa o primeiro lugar Agustín Fernández Paz, cun total de 59 títulos traducidos, maioritariamente ao castelán -21 títulos-, catalán (18) e éuscaro (11). Pola súa parte, Fina Casalderrey, como autora independente, computa un total de 26 títulos traducidos: 10 ao castelán, 7 ao catalán e o resto entre o valenciano, inglés e éuscaro; finalmente, Xabier Puente DoCampo conta con 12 títulos (5 en castelán e catalán, 2 en éuscaro e 1 en portugués).
No resto dos autores, tendo en conta que algúns deles, como Caride Ogando, Marilar Aleixandre ou Fran Alonso obteñen tamén uns resultados nos que cómpre ter en conta que inclúen algún libro da denominada LIX, os resultados, de máis propostas traducidas a menos, distribúense do seguinte xeito: Manuel Rivas presenta 31 títulos traducidos, con algunhas particularidades, como son o se tratar do autor que accede a unha maior pluralidade de linguas pois alén das peninsulares, incluído o bable, a súa obra verteuse ao inglés dos EUA e de Gran Bretaña, ao francés, turco, croata, alemán, xaponés, grego, finés, ruso e italiano. Pola súa parte Suso de Toro presenta 20 títulos traducidos, case con exclusividade en catalán e castelán, agás 1 título en bable; finalmente, Xosé L. Méndez Ferrín, presenta 20 títulos traducidos tamén, sendo 9 ao castelán, 3 ao éuscaro, 2 ao portugués e ao bable e 1 ao inglés, francés, esloveno e valenciano. Por último, é Marilar Aleixandre quen presenta un total de 17 títulos traducidos: 7 ao castelán, 4 ao éuscaro, 3 ao catalán, 2 ao portugués e 1 ao inglés.
Finalmente, outras voces deste catálogo vivo traducidas, simplemente a título informativo, serían –e case sempre ao castelán, catalán, portugués e bable- son: Carlos G. Reigosa, con 8 títulos; Ramón Caride Ogando e Marina Mayoral, con 5; Fran Alonso e Teresa Moure con 4 (esta última cun título en holandés, cousa ben pouco común) e, neste catálogo, con 2 obras traducidas –ignoro os que presentan só 1 obra traducida- serían Alfredo Conde, Neira Cruz, Luís Rei, Vázquez Freire, Perozo, Miranda, María Reimóndez e Queipo.

Conclusión
Con estas reflexións e cos datos que se manexan gustaríame finalizar con algunhas conclusións. Insisto, ao meu ver, nese enorme capital que foi, é e será a nosa produción literaria, nomeadamente a narrativa, que aquí me ocupou, pero qué dicir da poética, ensaística ou dramática –lamentablemente case que descoñecidas fóra de Galicia-. Partindo desta realidade a proxección exterior das propostas creativas nadas na nosa república das letras debería camiñar cara a multiplicarse exponencialmente, xa non só cara ao castelán, catalán e éuscaro, onde como se viu nun catálogo vivo son estes os sistemas literarios de recepción máis salientables dos autores galegos contemporáneos, cunha especial incidencia nos nosos mellores autores da literatura infantil e xuvenil, senón e tamén cara ao francés, inglés, alemán, italiano e, por que non, chinés; o que, sen dúbida, evitaría extremos desagradables como o que o caso Steiner nos fixo ver, pero se se analiza con vagar non tanto porque, convén non esquecelo, cantos lectores viven no noso país de costas á nosa creación e ignoran os textos dos nosos creadores até que estes non se referencian en suplementos literarios españois?
Por outro lado, a nosa situación estratéxica para tender pontes coa lusofonía e coa América Latina por ese enorme ronsel que aínda se palpa nas colectividades emigradas, ou nos seus descendentes, debería contribuír a potenciar estratexias de promoción e presenza dos nosos libros, das nosas autoras e autores, de existiren políticas de auténtica axuda á tradución como medio fundamental para estar fóra, de visibilizarnos, ben sexan estas outorgadas a editoras que aplican políticas empresariais arriscadas ben directamente ao laborioso exercicio da tradución, nunca ben ponderado e do que nós, desde as prosas medievais galego-portuguesas, algo sabemos.
A narrativa galega, por último, pasa ao meu ver por un excelente momento. Non todo o que se publica, loxicamente, adquire unha categoría de excelsitude, mais teño para min que, alén dos grandes autores, que os hai e moi bos, hai un exército de escritoras e escritores de enorme valía e talento que tamén son parte do sistema, que cómpre visibilizar e que afortalarían un sistema, coido, cada vez menos periférico, máis sólido, orgullosamente centrífugo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Ensaio, Literatura, Textos | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Contos por teléfono, de Gianni Rodari

 

Gianni Rodari

Contos por teléfono (tradución de Carlos Acevedo / ilustracións de Pablo Otero)

Kalandraka, Pontevedra,  160 páxinas, 18 €

 

Hai xa por volta case de vinte anos publicábase unha tradución deste libro, ao galego, da man de Valentín e   Xela Arias,  baixo o título de Contos ó teléfono. A edición, que había que entender como un intento de internarse no mercado galego pola editorial Juventud, ofrecendo un título con garantías, circulou con certas dificultades de distribución mais no meu caso particular serviu para achegarme a unha desas voces engaiolantes e singulares como a de Gianni Rodari, da que era ben difícil non saír indemne nin deixarse levar polo feitizo da súa palabra, pola intensidade da súa fantasía, tamén pola sinxeleza e hetoroxeneidade das súas propostas.

      Pasado ben de tempo desde aqueloutra edición chégame arestora esta de Contos por teléfono, publicada en Kalandraka, cunha nova tradución realizada por Carlos Acevedo que, ademais, xa foi galardoada, teño para min que merecidamente, polos lectores de Fervenzas literarias. Por outro lado, non resulta menos relevante o salientable papel que ocupa nesta entrega o feliz exercicio plástico realizado a cargo de Pablo Otero,  que converte esta edición nun auténtico galano.

     Reler agora a Rodari, nesta coidada proposta que fai pensar inevitablemente nos pasos andados no mundo da edición en Galicia, tráeme o arrecendo dunha lectura xa case esquecida pero que agora revive adquirindo, se couber, novas tonalidades e matices,  tanto ou máis satisfactorias que as de hai vinte anos. A día de hoxe non sería difícil que Rodari idease uns contos xa non para seren contados por teléfono,  talvez por correo electrónico, twitter ou facebook, medios tamén operativos para servir como transmisores de  historias, que  é o substantivo, e facelo coma un verdadeiro mestre pois Rodari era dos que bebía dos clásicos e dos modelos populares para proxectarse con exemplaridade no seu propio tempo.

Parabéns por idear este proxecto que fai revivir a Rodari e, asemade, por reparar na necesidade que supuña poder acceder a unha edición actualizada e, por riba,  tan fermosa coma esta pois estes Contos por teléfono deberían ser de lectura, e relectura, obrigada.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa, Tradución | Coas etiquetas , , , , , , | Leave a comment

A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto

 

Martín León Barreto

A viaxe de Olaf  (tradución de Manuela Rodríguez)

Kalandraka.-Concello de Santiago, Pontevedra, 2011, 48 páxinas, 13 €

 

Sigo con crecente interese os fallos anuais dos Premio Internacional Compostela de álbums ilustrados pois penso que este xénero é un elemento clave na divulgación da lectura e dos hábitos lectores entre os lectores e as lectoras do mañá, que formula na súa concepción enormes posibilidades creativas e que, neste caso concreto, sempre resulta unha garantía dado o perfil dos compoñentes escollidos para o xurado. Alén diso o galardón foi gañando en resonancia e, nesta quinta convocatoria, é xa un ben moi cobizado como demostra o aumento case exponencial de orixinais presentados ao certame.

         Nesta ocasión optouse, ao meu ver, por unha proposta moi efectiva en canto ao discurso literario, se cadra menos arriscada ou vangardista que en anteriores resolucións, mais non por iso menos atractiva e novidosa no que se refire ao tratamento visual que a acompaña. A viaxe de  Olaf, de Martín León Barreto, discorre polas fronteiras do relato de inspiración acumulativa e circular no que o protagonista iniciará un percorrido á busca de novos horizontes, acompañándose deste xeito e para este obxectivo de animais que conlevan un evidente peso simbólico, permitindo así outras lecturas e pór en marcha un imaxinativo exercicio complementario ao que de seu nos amosa: cabalos alados, tigres arco da vella, elefantes, paxaros que saben falar e mesmo lucecús…  Á sinxeleza expositiva, que non simplicidade, e mais ao meritorio exercicio de esencialización que dominan o relato, cheo de ritmo e de musicalidade na edición galega e debedor en parte do espírito do contos tradicionais, xúntaselles unhas fantásticas e expresivas ilustracións de filiación xeométrica, moi rechamantes pola súa diversidade cromática, convincentes e tan reais que semellan saír do papel.  Parabéns, pois,  a Martín León polo premio, ao xurado por esta escolla e á editorial que o converte nun fermoso galano, posibilitando así que cada lector, cada lectora, adulto ou non, se transforme nun novo Olaf disposto a viaxar.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Álbum ilustrado, Crítica literaria | Coas etiquetas , , , | Leave a comment