-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Tag Archives: Laiovento
Territorio da desaparición, de Fernán Vello e Preludios para M.A. Fernán Vello
Territorio de la desaparición (edición bilingüe) (tradución de Xulio Valcárcel e Luciano Rodríguez)
Huerga y Fierro, 154 páxinas, 15 €
No ano 2004 publicábase, na editorial Galaxia, o que entendo como un libro fundamental no percorrido poético de Fernán Vello como foi Territorio da desaparición, que acadou senllos galardóns ao ano seguinte da súa posta en distribución como foron o da Crítica Española e mais o da Irmandade do Libro. É agora, nunha edición bilingüe galego-castelá, traducida con solvencia e acerto polo poeta Xulio L. Valcárcel e mais polo profesor Luciano Rodríguez, cando o selo Huerga y Fierro acomete unha nova e elegante edición no que para min é unha feliz iniciativa que debería facilitar o acceso e a aproximación a un dos poemarios mais relevantes da literatura galega da década anterior a lectores interesados doutras latitudes.
Ao meu ver, este Territorio da desaparición non perdeu, co paso do tempo, o seu fulgor inicial, tal e como ocorre coas propostas verdadeiramente perdurables, antes ben se cadra gañou aínda en fondura e actualidade. O poeta, desde as instancias da tensión creadora, convértese nun ser que transita por espazos marcados a ferro polo abatemento, por seren terra erma, na procura de volver ao principio de todo, ao propio corpo, á casa, tamén á memoria salvífica que vén sendo luz nas tebras. Hai neste libro unha inequívoca lectura que revela unha vontade comprometida coa sorte do ser humano, sobre todo coa sorte que é máis esquiva e fuxidía, construíndo para iso un discurso sólido e reflexivo, moi traballado simbólica e metaforicamente, que tamén se inquire tamén polo rol do poeta nos tempos presentes e que fai pensar en que talvez sexa este un dos seus libros máis próximos en intención a unha parte substancial da estética de Celso Emilio Ferreiro, tan de actualidade sempre pero máis neste ano. Unha visión, sen dúbida, que nos fai vivir na palabra “que eleva a lucidez do ser”.
PRELUDIOS PARA MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Luciano Rodríguez (coordinador)
Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello
Laiovento, Santiago, 129 páxinas, 14 €
Por outra parte, coincidindo co vixésimo aniversario da editorial Espiral Maior que dirixe o propio Fernán Vello, un grupo de amigos, maioritariamente ensaístas e poetas, ofrecen agora unha colectánea composta por once textos críticos, iniciados por unha interesante e completa visión de corte xeneralista a cargo de Xavier Rodríguez Baixeras, que logo se debruzan sobre diversos poemarios individuais do autor lucense. O libro, coordinado polo profesor da Universidade da Coruña Luciano Rodríguez, que tamén participa cunha análise xustamente do Territorio da desaparición, inclúe unha serie de estudos a cargo de Xulio L. Valcárcel, Teresa Seara, Eva Veiga, Arcadio López-Casanova ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros, que se converte, por dereito propio, nunha achega ineludible para coñecer con propiedade e rigor a ricaz dimensión da totalidade da obra literaria do editor e poeta. Parabéns pola iniciativa.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 11 de febreiro de 2012 baixo o título de «Espazos poéticos e críticos».
15-M. O pobo indignado, de Alfredo Iglesias (coord.)
15-M.O pobo indignado
Laiovento, Santiago, 224 páxinas, 17 euros
Foron numerosos, neste ano que conclúe, os ensaios que afondaron no que supuxo o movemento 15-M. Os máis deles, entre nós, chegaron a través de traducións como o Indignádevos de Stéphan Héssel. Con todo, botábase en falta unha achega como esta que pon en circulación un feixe de estudos analíticos, opinións e valoracións sobre o movemento. Un volume parello a esoutra colectánea que veu da man de Marcos P. Pena baixo o título de A praza é nosa, publicado hai pouco 2.0 Editora.
O pobo indignado, así pois, estrutura os seus contidos baixo unha ordenación tripartita. No primeiro bloque, con textos subscritos por Xosé M. Beiras, Francisco Sampedro, Xavier Vence, Teresa Moure, Fermín Bouza e David Rodríguez entre outros, ofrécese unha ollada analítica, exhibindo diversas perspectivas sobre o movemento, non sempre marcadas pola tonalidade aquiescente pois tamén emerxen voces críticas ao movemento ou á súa evolución posterior. Nun segundo apartado condénsanse discursos ou reflexións desde as instancias do activismo a cargo doutros analistas entre os que se atopan Carlos Taibo, Lídia Senra ou Dionísio Pereira. Finalmente, engádense aproximacións literarias, olladas de carácter artístico, que proveñen de X. Mª Álvarez Cáccamo, M. Ledo, Diana Varela e Gustavo Pernas. Un libro preciso para poder debater e xulgar.
Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, 0 24 de decembro de 2011 baixo o título de «Indignados galegos».
De Vidal Bolaño a Rosalía
A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño
Laiovento-Xunta de Galicia, Santiago, 590 páxinas, 26 euros
Xesús Alonso Montero (director)
Revista de estudos rosalianos, nº 4
Fundación Rosalía de Castro, Padrón, 328 páxinas
VIDAL BOLAÑO: UNHA REVISIÓN NECESARIA
Cómpre entender como unha magnífica noticia a publicación dunha síntese da tese de doutoramento que Xosé M. Fernández Castro defendeu no seu día e que agora ve a luz baixo o título de A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. Unha proposta que cómpre valorar na súa xusta medida nun tempo en que a edición de textos ensaísticos conleva un inequívoco risco comercial que fai complexa a súa posta en circulación. Con todo, o dramaturgo Vidal Bolaño merecía por méritos propios unha monografía como a presente na que se afonda na carreira profesional do home de teatro en dúas liñas principais; unha delas amosa as claves principais da súa personalidade pública, internando aos lectores nos elementos máis substanciais da súa vida, obra e pensamento para, a continuación, abordar unha análise globalizadora, e exhaustiva, arredor de Agasallo de sombras nun exercicio que fai agromar de seu as liñas esenciais do traballo teatral de Vidal Bolaño na perspectica dramatolóxica, subliñando asemade moitas das polémicas que rodearon “o elenco e a estrutura do Centro Dramático Galego”, como sinala o propio autor.
A miña valoración deste ensaio ten que ser, á forza, positiva e satisfactoria. Reclama xustamente a atención dos lectores sobre o traballo e a personalidade dunha das persoas claves no desenvolvemento da nosa dramaturxia máis recente, fai pensar na necesidade de realizar unha edición moderna das súas pezas dramáticas e, por último, revela a rigorosidade que o autor do ensaio aplicou neste traballo pois alén do esforzo que supón dialogar coa bibliografía previa é doado constatar o intenso mergullo na tarefa de recadar material todo tipo para a redacción: entrevistas, cartas, consulta de fontes hemerográficas… Todo isto faime pensar que non estou errado se considero esta monografía como unha das achegas ensaísticas máis salientables e relevantes entre as publicadas no que vai de ano, ademais teño para min que a súa publicación non debería nin merecería pasar desapercibida.
ROSALÍA DE CASTRO: NOVOS ASEDIOS
Un amigo agasállame co que entendo outra feliz iniciativa, tras un ano de obrigado silencio por cuestións orzamentarias, como é a publicación da cuarta entrega da Revista de estudos rosalianos, que edita a Fundación Rosalía de Castro e mais o Centro de Estudos Rosalianos. A publicación, dirixida por Xesús Alonso Montero, recupera o seu pulso e volve converterse nunha cita ineludible para os rosaliólogos, mais tamén tamén para quen lle interese estar ao día no ámbito das novas investigacións que se realizan arredor da autora de Follas Novas.
Non hai espazo para dar conta aquí nin sequera da abondosa nómina dos colaboradores deste número. Con todo, gustaríame subliñar a inclusión de sempre rigorosos e perfilados capítulos verbo de cuestións biográficas de Rosalía, como o que vén da man dunha das mellores especialistas na materia, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda arredor, nesta ocasión, de José Martínez, pai de Rosalía. Non esquezo outras propostas como as que revisan a súa obra á luz de novas visións críticas, xunto con lecturas de libros rosalianos, comentarios textuais, exhumacións poéticas ou unha entrevista con Takekazu Asaka, que revela interesantes informacións verbo da recepción da obra de Rosalía no Xapón.
Non quixera concluír sen insistir na pertinencia de novas seccións como a que incorpora visións plásticas sobre Rosalía da man de Antón Pulido ou Isaac D. Pardo; a que dá corpo ao epígrafe titulado “o meu encontro con Rosalía”, neste caso da man de Manuel Sánchez Salorio ou, finalmente, a sección que convida a escribir ficción cun fondo ou asunto rosaliano, respondendo ao pedimento no presente número Mª. X. Queizán e mais M. Zabal, con dous suxestivos textos. Unha entrega que mata a sede de saber sobre Rosalía, esperando que sexa de aquí a un ano.
Esta recensión publicouse co título que dá encabeza este post nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 5 de novembro de 2011.
Proceso a unha biblioteca. A persecución de Castelao a través da incautación da súa biblioteca, de Francisco Xavier Redondo Abal
Proceso a unha biblioteca. A persecución de Castelao a través da incautación da súa biblioteca (limiar de Avelino Pousa Antelo)
Laiovento, Cadernos nº 7, Ames, 2010, 100 páxinas, 10 €
Hai por volta de dous anos saudaba un estupendo ensaio de F. X. Redondo Abal titulado O fulgor e as tebras no que se aproximaba tanto á situación das bibliotecas en Galicia no período da II República como á súa posterior destrución e espolio acontecidos xa nos primeiros días da guerra civil.
Daquela, subliñaba algúns trazos presentes naquel traballo e que agora se reiteran con fortuna como son o rescate de numeroso documental e lexislativo da época, a exposición do contexto histórico e da normativa represiva sobre o libro e as bibliotecas que daba forma legal ao saqueo e rapina deses fondos, públicos e privados. A concepción inquisitorial das novas autoridades atopaba, así, o seu fiel espello ao abrazar expresións como emprender a loita contra ideas »nocivas», a destrución de exemplares “inmorais” ou “perniciosos” ou a súa incautación. Nesta última liña afonda o presente ensaio sacudindo a conciencia de calquera lector ao expoñer un capítulo moi concreto desta ignominia como a que envolve á biblioteca de Castelao, incautada aos poucos do comezo da guerra civil e converténdose nun claro expoñente da intención inquisitorial e destrutora de calquera vestixio de quen era, tamén, un símbolo da Galicia republicana.
O autor ofrece, así pois, un seguimento polo miúdo do ocorrido cos fondos bibliográficos de Castelao desde a súa incautación no fogar do rianxeiro que tiña na rúa da Oliva pontevedresa. Coñecíanse, iso si, os fondos, ou parte deles a través dalgún catálogo mais todo o proceso que rodeou o saqueo sae agora á luz a través dun traballo que permite, nas propias e rotundas palabras de Redondo Abal: «esculcar na miseria moral, na sede de vinganza e na falta de piedade dos que (…) non se conformaron coa eliminación física do adversario e, como lobos ao axexo, incautaron os seus bens e propiedades».
O volume, que recolle ademais o catálogo íntegro da biblioteca de Castelao nun anexo final, non obvia citar, con nomes e apelidos, aos que tiveron algunha responsabilidade en todo este proceso. Convido aos lectores e lectoras a que se asomen a este volume para coñecelos, mentres tanto parabéns ao seu autor porque fai da súa investigación unha lectura obrigada.
Dicionario Lois Pereiro e Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mª X. Nogueira e M. Queixas: dous completos ensaios divulgativos
Dicionario Lois Pereiro (limiar de X.L. Méndez Ferrín)
tresCtres, Santa Comba, 145 páxinas, 11 €
Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo
Laiovento, Ames, 87 páxinas, 12 €
Ao ronsel das publicacións que, no seo da colección «Letras dous mil…», tres3tres vén dedicando, desde hai anos, á figura homenaxeada no Día das Letras, uniuse hai poucas datas un solvente traballo da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira baixo o título de Dicionario Lois Pereiro. No mesmo, a través das «voces» bautizadas como autor, creación, imaxes, obras, recolleita, recursos didácticos e sinopse, articúlase unha revisión de carácter global e divulgativa, erixida sobre un intenso traballo de documentación, arredor dunha manchea de aspectos que suscita a figura do autor de Poesía última de amor e enfermidade. Sen secundarizar o esforzo de síntese presente na primeira sección e a utilidade doutras que integran este volume salienta, ao meu ver, a completa e avisada interpretación volcada no epígrafe creación, ámbito no que a autora se beneficia do traballo de esculca e crítica realizado, desde tempos atrás, no eido da poesía galega contemporánea de xeito que desde aquí se posibilita, de maneira destacada, a derrubar certos pre-conceptos ou lugares comúns que perviven no que é a valoración da súa obra poética e tamén narrativa. Apartados analíticos como os asuntos máis presentes na súa obra, a intertextualidade, as influencias, os ecos doutras artes ou a recepción da súa obra constitúen, en fin, elementos máis que satisfactorios para calquera lector ou lectora.
Se iluminador resulta o anterior ensaio non é o menos o que subscribe a profesora e investigadora Mercedes Queixas baixo o título de Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo. De feito son moi próximas as actitudes e visións analíticas entre unha e outra proposta, dominadas ambas as dúas pola intención divulgativa, como se dixo, mais tamén pola rigorosidade e por enfocar a redacción dun texto ensaístico de maneira atractiva e fluída. O volume de Mercedes Queixas, guiado pola precisión analítica e que se completa cunha ampla mostra textual e interxenérica de Lois Pereiro, adopta unha estrutura a través da cal se vai recalando nos distintos espazos físicos polos que aquel transitou, adoptando un criterio cronolóxico e dialogando con achegas previas suturadas con interpretacións persoais. Neses treitos -O Incio, Monforte, Madrid, A Coruña…- vaise incorporando a oportuna información arredor dos elementos máis salientables da súa biografía, mais tamén do seu traballo literario conseguindo, deste xeito, configurar unha afortunada «cartografía» que revela o que cómpre saber sobre Lois Pereiro.
Parabéns ás dúas autoras polo rigor e utilidade destes traballos que cómpre ter ben en conta para estes días que se aveciñan.







