-
Lista de ligazóns (blogroll)
- A canción do náufrago
- Alvarellos Editora
- As crebas
- As escollas selectivas
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- Biblos
- Blog Galaxia
- Blog Kalandraka
- Blog Toxosoutos
- Blog Trifolium
- Blog Xerais
- Bouvard e Pécuchet
- Brétemas
- Cabaret Voltaire
- Cabrafanada
- Carta Xeométrica
- Ferradura en tránsito
- Fervenzas literarias
- La Voz en Espiral
- Ler e ver
- O levantador de minas
- O porto dos escravos
- Pez de plata
- Trafegando ronseis
- Un ollo de vidro
- Web Celso Emilio Ferreiro
-
Álvaro Cunqueiro Agustín Fernández Paz Alvarellos Editora Antonio García Teijeiro Baldo Ramos Biblos Buenos Aires Cabalo de ouros Celso Emilio Ferreiro Claudio Rodríguez Fer Consello da Cultura Galega Despois da medianoite Diego Ameixeiras Edicións Xerais Edicións Xerais de Galicia Editorial Galaxia Espiral Maior Faktoría K de Libros Fran Alonso Francisco Castro Galaxia Iolanda Zúñiga Kalandraka Laiovento La Voz en Espiral Letras Galegas Lois Pereiro Longa noite de pedra Manuel Rivas María Reimóndez María Xosé Queizán Marcos Calveiro Miguel Anxo Fernán-Vello Miro Villar Periferia Qué leer Radio Fórum Rosalía de Castro Salma Toxosoutos Trifolium Víctor F. Freixanes Valentín Paz Andrade video Xerais Álbum ilustrado (27)
Arte (1)
Biografía (11)
Blogue (4)
Catálogo expositivo (4)
Celso Emilio Ferreiro (62)
Cine (2)
Convocatoria (17)
Crítica (11)
Crítica literaria (160)
Crónica (68)
Día das Letras (28)
Divulgación (37)
Docencia (1)
Efeméride (15)
Ensaio (68)
Entrevistas (21)
Exposición (2)
Faladoiro (1)
Fotografía (4)
Gastronomía (2)
guión (1)
Homenaxe (6)
Ilustración (1)
internet (3)
Libro lecer (2)
Literatura (9)
Literatura infantil (16)
Literatura xuvenil (9)
Música (4)
Narrativa (83)
Noticia (11)
Noticia literaria (9)
Novela (3)
Novela gráfica (3)
Novidades editoriais (12)
Opinión (38)
Poesía (86)
Premio (17)
Presentación (6)
Programa radiofónico (11)
Recursos didácticos (4)
Reedición (2)
Relatos (3)
Revista (13)
Romanceiro (1)
Sen clasificar (3)
Teatro (5)
Televisión (5)
Textos (3)
Tradución (31)
Valentín Paz Andrade (11)
Varios (19)
Video (41)
Video promocional (3)
Xornalismo (6)
WP Cumulus Flash tag cloud by Roy Tanck and Luke Morton requires Flash Player 9 or better.
Meta
Tag Archives: María Reimóndez
María Reimóndez: «Experimento co estilo»
(Foto de Achim Wagner)
María Reimóndez (Lugo, 1975), vive en Vigo e exerce como tradutora e intérprete. Recibiu numerosos galardóns literarios e realizou diversos traballos de investigación e divulgación sobre feminismo. Fundou en 1998 a ONG «Implicadas no Desenvolvemento», que preside na actualidade, e da que falamos nesta entrevista. Para adultos, entre outros títulos, publicou O club da calceta (traducido ao castelán en Algaida) e Pirata. A súa próxima novela -En vías de extinción- aparecerá en galego a primeiros de maio e en castelán a final de ano na editorial compostelá «KNS Ediciones».
Como tradutora a súa última achega reflíctese en Despois da medianoite, de Salma. Fáleme desta experiencia concreta.
Para min foi sobre todo unha gran responsabilidade. Para as persoas que entendemos a tradución como unha práctica ética na que o poder desempeña un gran papel, traballar coa voz de «a outra»por excelencia requiría unha serie de estratexias moi reflexionadas pola miña banda. Ademais foi un gran pracer dado que é unha novela magnífica, chea de matices e capas de lectura.
Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club… achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutís ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás lesbianas/bisexuais en particular.
E onde radicarían as diferenzas destas novelas?
As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.
Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta!
Coordina dende hai tempo a ONG Implicadas no Desenvolvemento, cales son os seus obxectivos?
Os obxectivos son promover unha conciencia crítica na nosa sociedade en xeral e en Galicia en particular sobre como nos relacionamos cos pobos do Sur dende un punto de vista de xénero. O noso traballo é político e crítico e nel a cultura como ferramenta de cambio e de alianzas coas activistas do Sur ten un papel fundamental. Nese marco entendo tamén a tradución de Salma, a quen primeiro traducín para un libro da organización, Vanakkam-Benvidas, de poetas galegas e támiles.
Esta entrevista publicouse no número 174 da revista Qué leer, na sección «Letras gallegas». Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.
Vanakkam. Benvidas, VV.AA.
Vanakkam. Benvidas
Implicadas no Desenvolvemento, Vigo, 2007, 92 páxinas, 10 € (inclúe cd coa gravación dos poemas).
Por veces, moitas veces, resulta complexo que non se escape da atención que merecería esta ou estoutra publicación. Isto é o que me ocorreu co presente libro, editado hai cinco anos e que descubrín grazas a María Reimóndez, responsable de subscribir nel un acaído e divulgativo limiar e quen semella, por outro lado, a alma mater deste volume. Sabedora do meu entusiasmo por ese magnífico libro que é Despois da medianoite, da autora támil Salma -unha novidade respecto da que, todo sexa dito, non advirto un proceso receptivo que sitúe con xustiza a relevancia que significa ter a sorte de poder dispor destas páxinas en lingua galega-, agasállame con este volume no que puxo, e pon, de actualidade o universo literario das escritoras támiles, desvela os seus focos de atención mais tamén o vincula coas voces doutras poetas galegas. Velaí como, alén das dúas escritoras arriba amentadas, conflúen aquí as expresións poéticas de Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Kutti Revathi, Yolanda Castaño, Sukirtharani, Yolanda López, Malatihi Maithri, María do Carme Kruckenberg e Chus Pato.
A lectura da totalidade dos poemas, que ademais se abren coa voz de Andal, poeta do século X, ofrecendo un texto no que o a similitude coa nosa literatura medieval resulta emocionante («Vide connosco, ímonos bañar / vide connosco, se desexar»), alén do goce estético que ofrecen, resulta operativa para tender pontes, para ampliar perspectivas, para vehiculizar en boa parte xustos compromisos de xénero que semellan proxectarse no presente e que aínda entre nós precisan dun inequívoco apoio e dunha intensa resonancia pública. Ao fío do título desta publicación, oxalá este se convirta no necesario saúdo, nun futuro inmediato, que académicos e académicas deberían asumir para recoñecer o papel clave que as escritoras desenvolven pois, ata resulta un tanto pueril afirmalo, sen cuxo concurso na vida literaria, sen a súa presenza no día a día, o noso tempo sería inconcibible, tan inconcibible como resultan as súas clamorosas ausencias na sede académica galega.
Salma: «Sen lectura e sen escrita non podería soportar a miña vida»
Salma (Thuvarankurichi, 1970) comezou escribindo e difundindo poesía a través dun pseudónimo literario que agochase a súa identidade real, aínda que hoxe segue a empregalo. Nesta conversa, que mantivemos mercé á ONG Implicadas no Desenvolvemento, que a trouxo a Galicia, a Edicións Xerais que publica o seu libro e a María Reimóndez, a súa tradutora e amable intérprete nesta entrevista, desvela algunhas claves da súa novela Despois da medianoite, que ata hoxe só viu unha versión en malaialam – lingua do estado de Kerala, na India- e outra en inglés. A súa palabra permite asomarse ao universo cotián dunha comunidade musulmá rural a través dun coro heteroxéneo de voces femininas coas que se percorren algúns dos grandes temas da literatura de todos os tempos.
-Seica a lectura, e despois a propia escrita, lograron que rompese vostede cadeas. Por que?
-A lectura foi para min unha maneira de coñecer o mundo que había fóra da miña casa pois nesa época tiña que estar forzosamente recluída nela. Así puiden abrir o meu coñecemento á filosofía e a escritos políticos, e tamén me serviu para reflexionar sobre o grande que era o mundo e o pequena que era a miña vida e poder facerme preguntas sobre o sentido da vida.
Despois deste proceso, a escrita foi igualmente fundamental para poder expresar o meu coñecemento do mundo. Sen lectura e sen escrita eu non podería soportar a miña vida pois vivía nunhas condicións de moita opresión: ler era vivir, transformar os meus pensamentos.
-A novela transparenta como desde o particular se chega ao universal…, foi este un proceso calculado?
-Para min tivo moita influencia a lectura de moitas obras traducidas á miña lingua doutras literaturas da India, mais tamén da literatura rusa, francesa, autores hispanoamericanos… A través desas lecturas vía como había moitos temas que estaban presentes en todas elas: sentimentos, cuestións relativas coa vida…, temas cos que eu conectaba e que tentei transmitir nestas páxinas, mais é o público quen terá que dicilo.
-A procura da liberdade, o devezo de xustiza, a crítica ao patriarcado, a presenza da muller sometida, os fundamentalismos reflectidos na novela…, son todos un?
-Para min o máis importante é o tema da liberdade e, concretamente, da supresión da liberdade, non só para as mulleres senón en xeral para o ser humano. É cando se vive nunha situación de supresión da liberdade cando agroman os grandes problemas. O poder político, relixioso, social e cultural tende sempre a controlar as persoas.
-Que expectativas deposita nesta edición do seu libro en lingua galega?
-Axiña aparecerá tamén en alemán. Eu teño moita curiosidade por coñecer a recepción da novela, e as opinións que suscita ao ser o primeiro libro en támil vertido ao galego, porque para min esta tradución foi un proceso inesperado e sorprendente. En Támil Nadu, o meu país, este libro non tivo ningunha recensión favorable por cuestións de tipo político e patriarcal; mais a partir da tradución inglesa a novela comezou a obter algún recoñecemento e realmente devezo por saber como se vai entender esta historia, quen van ser os lectores e lectoras do libro e que opinións vai suscitar. E non quero deixar de significar o meu agradecemento a María Reimóndez polo seu impagable labor.
Esta entrevista publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 11 de xuño de 2011, baixo o título de «Sen lectura e sen escrita non podería soportar a miña vida».
Despois da medianoite, de Salma
Despois da medianoite (tradución de María Reimóndez)
Xerais, Vigo, 2011, 656 páxs., 23 €
Quen guste de inmiscirse e coñecer, mesmo emotivamente, a cerna dos costumes e da idiosincrasia, as esperanzas e desesperanzas cotiás e vitais que alentan no espírito dunhas xentes, talvez de ficción, que poboan unha pequena vila india e musulmá, emprazada en Támil Nadu, ten á forza que se achegar esta proposta.
Nela constrúese un fresco vivísimo e cheo de plasticidade, tamén deseñado con crueza cando é preciso, de homes e mulleres que conviven cos altos muros que erguen os fundamentalismos de toda clase, mais faise axotando os posibles estereotipos pois tamén se acollen eses trazos que nos igualan a todos como seres humanos. E Salma deseña este universo cunha vontade hiperrealista, deténdose nos pequenos detalles da vida cotiá e debruzándose, con efectividade literaria, sobre asuntos que se consideran tabús na sociedade india: o propio corpo, a sexualidade ou a crítica á relixiosidade.
No fondo, Salma foi tecendo un tapiz no que ficase constancia dunha vontade reivindicativa á busca teimosa da liberdade nun contexto ofegante para trazar unha fermosa e dura metáfora sobre a opresión de todo tipo (patriarcal, política, económica, relixiosa, social…) que se exerce sen miramentos contra os máis febles. Unha sorte poder ler unha novela coma esta: vai directamente ao cerebro, mais tamén ao corazón.
Baixo o título de «Á busca da liberdade» esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 11 de xuño de 2011.


