Tag Archives: María Xesús Nogueira

Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011, de Mª Xesús Nogueira e Anxo Tarrío (eds.)

 

Mª Xesús Nogueira e Anxo Tarrío (editores)

Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011 (ilustracións de Xurxo Martiño)

Universidade de Santiago de Compostela, Santiago, 2001, 168 páxinas,  15 €

No ronsel da serie de publicacións coas que a Universidade de Santiago de Compostela rende tributo científico, ano a ano, ao autor ou autora que a Real Academia Galega designa para a celebración do Día das Letras Galegas, chégame -a través das mans xenerosas dunha amiga- este volume coordinado por María Xesús Nogueira e Anxo Tarrío que se suma, con moita dignidade, á xa longa nómina de publicacións que tiveron como eixe central a eséxese da obra de Lois Pereiro.

   Non é este o espazo para dar conta polo miúdo dos contidos deste monográfico, atractivamente ilustrado por Xurxo Martiño. Moi sucintamente somente sinalo que revisa os desemellantes focos de atención que suscita a súa obra poética e os espazos nos que se verteu a súa achega literaria, engade reflexións ao fío dos seus textos ensaísticos, analiza as súas manifestacións en medios escritos -nunha proposta moi saudosa para min-, esculca sobre a construción da imaxe iconográfica do poeta ou analiza a diversidade de códigos lingüísticos que empregou, alén dunha útil bibliografía pereiriana, de e sobre, que abrangue o período de 1996 a 2010.

   Por último, é de xustiza tamén deixar constancia da nómina de colaboradores desta  monografía: María Xesús Nogueira, Antía Marante, Iria Sobrino, Anxo Tarrío, Carme Silvia e o grupo conformado por Blanca-Ana Roig, Mar Fernández, Carmen Ferreira e Esther de León.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Día das Letras, Ensaio | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Dicionario Lois Pereiro e Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mª X. Nogueira e M. Queixas: dous completos ensaios divulgativos

María Xesús Nogueira

Dicionario Lois Pereiro (limiar de X.L. Méndez Ferrín)

tresCtres, Santa Comba, 145 páxinas, 11 €

 

 

Mercedes Queixas Zas

Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo

Laiovento, Ames, 87 páxinas, 12 €

Ao ronsel das publicacións que, no seo da colección «Letras dous mil…», tres3tres vén dedicando, desde hai anos, á figura homenaxeada no Día das Letras, uniuse hai poucas datas un solvente traballo da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira baixo o título de Dicionario Lois Pereiro. No mesmo, a través das «voces» bautizadas como autor, creación, imaxes, obras, recolleita, recursos didácticos e sinopse, articúlase unha revisión de carácter global e divulgativa, erixida sobre un intenso traballo de documentación, arredor dunha manchea de aspectos que suscita a figura do autor de Poesía última de amor e enfermidade. Sen secundarizar o esforzo de síntese presente na primeira sección e a utilidade doutras que integran este volume salienta, ao meu ver, a completa e avisada interpretación volcada no epígrafe creación, ámbito no que a autora se beneficia do traballo de esculca e crítica realizado, desde tempos atrás, no eido da poesía galega contemporánea de xeito que desde aquí se posibilita, de maneira destacada, a derrubar certos pre-conceptos ou lugares comúns  que perviven no que é a valoración da súa obra poética e tamén narrativa. Apartados analíticos como os asuntos máis presentes na súa obra, a intertextualidade, as influencias, os ecos doutras artes ou a recepción da súa obra constitúen, en fin, elementos máis que satisfactorios para calquera lector ou lectora.

   Se iluminador resulta o anterior ensaio non é o menos o que subscribe a profesora e investigadora Mercedes Queixas baixo o título de Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo. De feito son moi próximas as actitudes e visións analíticas entre unha e outra proposta, dominadas ambas as dúas pola intención divulgativa, como se dixo, mais tamén pola rigorosidade e por enfocar a redacción  dun texto ensaístico de maneira atractiva e fluída.  O volume de Mercedes Queixas, guiado pola precisión analítica e que se completa cunha ampla mostra textual e interxenérica de Lois Pereiro, adopta unha estrutura a través da cal se vai recalando nos distintos espazos físicos polos que aquel transitou, adoptando un criterio cronolóxico e dialogando con achegas previas suturadas con interpretacións persoais. Neses treitos -O Incio, Monforte, Madrid, A Coruña…- vaise incorporando a oportuna información arredor dos elementos máis salientables da súa biografía, mais tamén do seu traballo literario conseguindo, deste xeito, configurar unha afortunada «cartografía» que revela o que cómpre saber sobre Lois Pereiro.

Parabéns ás dúas autoras polo rigor e utilidade destes traballos que cómpre ter ben en conta para estes días que se aveciñan.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Biografía, Crítica literaria, Día das Letras, Ensaio | Coas etiquetas , , , , , , | Leave a comment

Cunqueiro e Lugo, Lugo e Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro

Viaje a Lugo

Alvarellos Editora, Compostela, 2011, 200 páxs., 18 € (Edición de María Xesús Nogueira)

 

Cando aínda non se dispón dunha edición sistematizada da abondosa obra literaria de Álvaro Cunqueiro, aínda menos da súa produción xornalística dispersa pendente dunha urxente catalogación, ben está poder achegarnos a aqueles volumes que a compilan parcialmente. Un traballo, especialmente feliz, é este que dá a coñecer Alvarellos Editora orbitando arredor da presenza, ou da evocación, que a cidade de Lugo suscitou en diversas ocasións no mindoniense.

A edición, que recolle na lingua orixinal as propostas cunqueirianas, vén esplendidamente introducida e anotada por unha das mellores especialistas no autor de Merlín e familia como é a profesora María Xesús Nogueira, articulando un discurso introdutorio rigoroso e medido que se converte, ademais, nunha magnífica invitación para ler ese conxunto de vinte e catro prosas rescatadas -algunhas coñecidas para o especialista, outras non tanto como, por exemplo, o discurso de apertura do Bimilenario que Cunqueiro pronunciara no ano 1975- entre as que circulan Fole, Esquío, Luís Pimentel ou o mapa de Fontán, entre moitas outras.

Por este percorrido lucense, primeira das achegas neste ano do centenario do nacemento de Cunqueiro, só cómpre deixarse levar polo seu modélico ritmo e extraordinario engado, o que non é pouco.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Narrativa, Xornalismo | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment